ID
stringlengths 5
12
| summary
stringlengths 0
1.73k
| text
stringlengths 0
68.7k
|
---|---|---|
NOS_28903 | O portavoz de En Marea no Congreso denunciou nas redes sociais a discriminación do galego nos estabelecementos comerciais de Inditex. Miguel Anxo Fernán Vello lamentou en twitter que o emporio de Amancio Ortega use o catalán e o eusquera nas tendas de Catalunya e Euskadi e non o galego nas de Galiza. | Fernán Vello, que acaba de asumir a portavocía do grupo da confluencia no Parlamento español, pregúntase se se trata de odio ao idioma galego. "Ou falta de respecto aos/ás consumidores galegos/as?", engade, e conclúe: "Lamentábel. Hai que denuncialo". O deputado de En Marea reaccionaba así ao informe da Mesa pola Normalización Lingüística sobre o seu servizo a Liña do Galego, presentado este sábado en Compostela. O documento sinalaba que máis da metade das queixas recibidas sobre vulneración de dereitos dos usuarios e usuarias do galego facían referencia ás administracións públicas. A Mesa tamén puxo o foco sobre algunhas compañías privadas, entre elas Inditex, Google ou Abanca, que, segundo os datos recabados na Liña do Galego, non respectan os dereitos das galegofalantes. |
NOS_32483 | Un total de sete clubes veranse beneficiados | O deputado de Deportes de Lugo, Efrén Castro, e o presidente da Federación Galega de Piraguismo (Fegapi), Alfredo Bea García, asinaron un convenio de colaboración para a promoción deste deporte a través de iniciativas que implican todos os clubes de Lugo. O acordo ten como obxectivo o desenvolvemento dun programa con diferentes liñas de traballo: actividades de promoción do piraguismo nos centros educativos, asesoramento técnico a clubes e deportistas a través de visitas e concentracións, e a organización de xornadas e cursos de formación para o persoal técnico dos propios clubes. As actividades desenvolveranse ao longo do ano coa implicación dos sete clubes da provincia: Clube Fluvial de Lugo, Clube Piraguismo Cidade de Lugo, Clube Kayak de Foz, Clube Piraguismo de Viveiro, Clube Deportivo San Ciprián, Clube Piraguismo Altrúan (Ribadeo) e Clube de Montaña Quixós (Monforte). O total achegado por parte da área de Deportes da Vicepresidencia da Deputación de Lugo para o desenvolvemento destas actividades é de 96.000 euros, o que representa un incremento en 11.000 euros da cantidade investidas nas últimas anualidades. Efrén Castro explicou que "o convenio dá soporte económico ao labor que os clubes da nosa área veñen desenvolvendo nos últimos anos na promoción do piragüismo, que a día de hoxe conta con máis de 500 padexeiros e padexeiras federadas nas distintas comarcas". O deputado nacionalista incidiu na necesidade de "coordinar esforzos económicos e de xestión para facilitar que o piragüismo siga medrando coa incorporación de novos padexeiros e padexeiras, ofrecéndolles así novas oportunidades de mellora". A través deste convenio, a área de Deportes tamén pon a disposición dos clubes as instalacións da Escola Provincial de Piraguismo, na contorna dos Robles, en Lugo. Aberto o prazo para solicitar as bolsas da RFEP A Fegapi informou de que a Real Federación Española de Piragüismo (RFEP) abriu, até o 26 de xaneiro, o prazo de solicitude das súas bolsas, que estarán baseadas nos resultados obtidos nas escasas probas internacionais disputadas en 2020. |
NOS_28327 | A votación para a X edición dos Iberian Festival Awards, cuxa gala decorrerá en Lisboa a finais do mes de marzo, fica aberta. Os eventos do país compiten en categorías tan diferentes como mellor festival, maior achega á sostibilidade ou mellor localización. Tamén teñen o seu espazo dúas citas vencelladas á poesía e ao cinema. | Galiza é potencia. Potencia en moitas cousas e a festa e o gusto pola cultura, malia a pandemia, é unha delas. Quizais isa foi a chave que levou a perto de 12 festivais do país a situarse entre os finalistas aos Iberian Festival Awards, cuxa resolución transcenderá en marzo nunha gran gala en Lisboa. O certame ten dez anos de historia e xa elixiu algunha cita galega neste tempo pero a entrada de nomeamentos de cara ao fallo que se dará a coñecer no primeiro trimestre do ano próximo non ten comparación pois o sector aposta quer nos festivais que levan máis tempo na escena galega quer naqueles que xa naceron cunha adaptación aos tempos da Covid-19 (ou case). Así, son 11 os eventos que xogan os premios con outras iniciativas do Estado español e de Portugal, se ben moitos repiten en varias categorías. Unha das sorpresas pola gran acollida que está a ter nestes premios -agora está aberta a fase de votación para o público- foi O son dos arrieiros, que forma parte da axenda cultural da Estrada. Esta proposta está nomeada nas categorías de mellor festival, mellor novo festival, mellor festival en interiores, mellor programación cultural, e maior contribución á sostibilidade do medio. No apartado de mellor festival a competencia será dura, non só porque hai iniciativas de primeiro nivel da península ibérica, senón porque o galardón tamén está ao alcance doutros sete proxectos do país: o Son Rías Baixas; Nachiños Fest (de creación bastante nova en Ferrol); Son do Camiño Perseidas; Sons da Canteira (de referencia no Porriño, mesmo para municipios lindeiros de Portugal); Son Estrella Galiza Festival, Sonorama Galiza e Wos Festival. Este último, decorrido en Compostela, tamén está seleccionado tanto polo seu éxito como certame de interior como pola súa programación. Na mellor comunicación destacan o Son Rías Baixas e os Sons da Canteira, que sobresaen xunto co Perseidas na categoría de mellor lugar escollido para a celebración. A canteira do Porriño onde teñen lugar os concertos non se pode obviar, como amosan os Iberian Festival Awards. Propostas alternativas á música Tamén hai candidaturas galegas a mellor recepción, mellor uso da tecnoloxía (para o Portamérica); mellor concerto e até mellor seguridade para o público fronte ao coronavirus. Mais non só a música ten o seu espazo nestes premios, pois como festivais doutro tipo gañaron o seu espazo o Festival poético dos Eidos do Courel e o Festival Internacional de Curtas de Comedia, o Rir, de Allariz. |
PRAZA_20755 | O presidente da Xunta e os alcaldes da Coruña, Santiago e Vigo confirmaron a súa asistencia á manifestación convocada polo Concello de Barcelona e a Generalitat de Catalunya OPINIÓN | Manifestémonos, sen medo e con memoria, por Víctor Sampedro | OPINIÓN | Manifestémonos, sen medo e con memoria, por Víctor Sampedro No tinc por. "Non teño medo". É o lema baixo o que se agarda que milleiros de persoas percorran este sábado o Passeig de Gràcia de Barcelona para rematar cun acto masivo na Plaça de Catalunya como remate á manifestación convocada conxuntamente polo Concello barcelonés e mais a Generalitat de Catalunya como repulsa aos atentados terroristas da pasada semana e en solidariedade coas vítimas, 15 delas mortais. Á comitiva encabezada por representantes dos servizos de seguridade e emerxencias e mais por comerciantes da contorna máis directamente afectada polos ataques unirase unha representación galega que, segundo xa foi confirmado, estará encabezada polo presidente da Xunta e mais polos alcaldes da Coruña, Santiago e Vigo. O Goberno galego ratificou a asistencia de Alberto Núñez Feijóo, que se unirá a outros representantes de Executivos autonómicos e máis á xa anunciada presenza de Mariano Rajoy e outros membros do Goberno de España. Na concentración celebrada ás portas da sede central do Goberno galego a pasada semana Feijóo asegurara que "todos os corazóns e todas as mans de Galicia están cos corazóns e coas mans das vítimas e as súas familias", ademais de se dirixir ás "autoridades catalás" para sinalar que "é o momento de estar unidos" porque "xuntos seguiremos máis fortes" e hai que centrarse e reflexionar sobre o verdadeiramente importante, que os españois esteamos unidos para defender a nosa sociedade democrática e os nosos valores occidentais". O presidente da Xunta e os alcaldes da Coruña, Santiago e Vigo confirmaron a súa asistencia á manifestación convocada polo Concello de Barcelona e a Generalitat de Catalunya Dende o Concello coruñés o seu alcalde, Xulio Ferreiro, ratificaba este venres a súa asistencia na comitiva na que acompañará a alcaldesa da capital catalá, Ada Colau. "O que este acto pretende é deixar claro que, fronte a calquera acto de barbarie, en calquera parte do mundo, a solución non está no medo, senón na unidade; a mesma que está amosar a cidadanía", sinalou Ferreiro. "É necesario que todos e todas mostremos a nosa aposta pola normalidade e a convivencia", agregaba este venres o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, quen sinala que acudirá en solidariedade coa "cidade irmá de Barcelona" para "expresar todo o noso apoio". Representantes de En Marea e BNG sumaranse tamén á manifestación Caballero, pola súa banda, acudirá á manifestación en Barcelona na súa dupla condición de alcalde vigués e presidente da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) para "transmitir a nosa solidariedade aos veciños e ao pobo de Barcelona e de Cambrils" e "a este e a todos os terrorismos". Prevese tamén que asistan á convocatoria diversos membros da Xunta Directiva desta entidade municipalista. Pola banda galega acudirá tamén representantes de En Marea e BNG. Así, por parte de En Marea acudirá a súa voceira no Congreso, Yolanda Díaz, e mais a súa vicevoceira parlamentaria e secretaria xeral de Podemos Galicia, Carmen Santos. A Executiva nacional do Bloque anunciou este venres tamén que asistirán representantes da formación. "Todas e todos temos que estar con Catalunya, onde como sociedade e como Goberno están a dar un exemplo de como se debe xestionar unha crise destas características; parécenos moi importante enviar unha mensaxe contra o terrorismo e a necesidade de reforzar a convivencia, loita contra o racismo e construír unha sociedade de pobos en paz", sinala nun comunicado. As autoridades quedarán na segunda ringleira na marcha contra o terrorismo en Barcelona, en Catalunya Plural |
NOS_47862 | En 2006 creábase o proxecto Escoitar.org, un mapa sonoro colaborativo onde calquera podía deixar de forma xeolocalizada os sons que gravaba. | Tratábase de rexistrar o noso patrimonio sonoro. O son dos barcos da Illa da Arousa ao saír do peirao, as badaladas da Berenguela, a cola de Cineuropa, o tráfico nunha rúa da Coruña... "Sempre tratamos de evitar a mera acumulación abríndoo, ofrecendo a posibilidade de valorar de forma colaborativa a relevancia da paisaxe sonora en diálogo con quen o escoita e producen. Un arquivo colectivo e aberto", din na súa mensaxe de despedida. Un adeus que explican así: "despois de múltiples intentos de solicitar apoios que fixesen sustentable o mantemento desta ferramenta, e non querendo resignarrnos a que vague inerte e estéril como un cadáver dixital, decidimos devolver os seus sons á vida, á súa esencia transitoria. Cremos que igual que a súa elaboración, a súa desaparición debe ser froito dun acto colectivo e compartido". E así está a ser a morte de Escoitar.org, lenta, pero poética e performativa. Cada vez que se escoita unha das máis de 1.200 gravacións que abeiraba, esta desaparece. "Desaparecerá como son que é, será de novo algo máis que un arquivo, será un acontecemento". |
NOS_4383 | Dori Martínez foi traballadora no Comité anti Sida de Santiago até a súa desaparición. Fálanos do VIH dende a experiencia, nunha entrevista que é un dos contidos do A Fondo desta semana. | -Foi a do Comité Anti Sida de Santiago unha morte por inanición? -Non foi exactamente iso. Sufrimos, como todas as ONG, a crise. Foron recortes moi significativos: do 40% un ano e do 60% o segundo ano, malia a termos moita moita máis carga de traballo. A Xunta mesmo pretendía facer probas de detección rápida dándonos material pero sen pagarnos. Iso si, eramos libres de facelas ou non. Déronse tamén outras circunstancias: cuestións de relevo xeracional e o feito de que Santiago era unha cidade xa con bastante rede social. Historicamente os comités cidadáns naceron para morrer, cando se chegara a un nivel de normalización. Non quixemos suplir a falta de fondos con axudas dos laboratorios farmacolóxicos porque non entraba dentro da nosa ética. -Como valoras as redución das axudas aos comités antisida? -As axudas eran totalmente insuficientes. Nós, e refírome a todos os comités antisida de Galiza, faciamos un labor bastante amplo de atención global. A nivel de prevención, tiñamos a gran responsabilidade de traballar con distintos colectivos: mozos e mozas, mulleres, persoas maiores, homes que practican sexo con outros homes, profesionais do sexo, persoas presas... Intentamos chegar tamén a contextos educativos. Doutra parte, faciamos atención e apoio ás persoas infectadas e ás súas familias e parellas. Tiñamos un grupo de axuda mutua, faciamos accións de carácter asistencial con usuarios de drogas, con colectivos que non ían a consultas. Tiñamos intercambio de xiringas. -E para todo iso, canto diñeiro recibiades? - 30.000 euros coido que foi o que cobramos na última subvención. Era insuficiente polo valor do traballo que facías. A Xunta lanza campañas o Día Mundial da Sida, paga en preservativos e en chutas, e para xa, e igual pasa no Estado. Hai un repunte da sida en colectivos históricos. -Cales son as causas dese repunte? -A causa fundamental é a falta da información. Vivimos na era da información pero, como se transmite esa información, a quen chega e de que maneira? Nos 80 e nos 90 houbo campañas bastantes potentes e controvertidas sobre o uso do condón, como o "Póntelo, pónselo". A medida que foron avanzando os tratamentos farmacolóxicos con certa eficacia de control do virus, houbo un relaxamento. "A Xunta lanza campañas o Día Mundial da Sida, paga en preservativos e en chutas, e para xa, e igual pasa no Estado. Hai un repunte da sida en colectivos históricos" -Como se manifesta ese relaxamento? -Hai unha sensación de normalidade, de que temos o control, pero non é certo. E o gran exemplo é o colectivo dos homes que practican sexo con outros homes. Historicamente, xunto cos usuarios de drogas, foron os que máis padeceron a enfermidade, os que máis promoveron a defensas dos dereitos das persoas que teñen VIH. De repente, nas novas xeracións predominan máis as condutas de calquera mozo e moza carentes de información válida para protexerse, e o pouco que nos chega é que non pasa nada, que tomas tres pastillas e xa non morres. -Este repunte ten que ver con deficiencias na educación sexual afectiva? -Claro, e con que non hai tantas campañas. Cando recordas a última significativa? Segue a ser necesario retomar as campañas de prevención efectivas, non politicamente correctas -Cal é o sentido actual da existencia dos Comités AntiSida? - Cheguei ao ámbito da sida nunha época boa, cando as persoas afectadas empezaban a sobrevivir e despois a vivir. A función dos comités seguía ser asistencial pero con poboacións xa de por si rexeitadas pola sociedade, como os usuarios de drogas, a prostitución, etc.. As persoas que non estaban neses grupos e se infectaban por VIH empezaban a ter unha visión diferente da enfermidade. As parellas quedábanse ao carón da persoa enferma, con información e con coidados. O seu grupo de iguais, tamén. As persoas que chegaban de novo viñan asustadas, pero cando comezaban a sentirse mellor, que podían vivir co VIH, desaparecían. -Por que? -Porque seguían a ter medo a ser identificados como comité antisida. Deixei de percibir a solidariedade que existía como comunidade. Así como noutros padecementos, como no cancro, hai un sentido de pertenza a un colectivo identificado e visible, aquí hai un sentido de pertenza ao grupo pero non visíbel E deste modo nunca imos estar ante unha normalización completa. "Se calquera de nós ten medo a quedar sen traballo se enfermamos, mais aínda acontece no caso das persoas con VIH. A persoa que ten cancro produce un efecto de solidariedade e sobreprotección, mais esta non é a situación no caso das persoas con VIH." -Mantense a discriminación? -Si, aínda que é máis sutil. Nalgunhas plantas dos hospitais aínda seguen marcando as súas historias clínicas con adhesivos verdes ou vermellos. Hai tamén discriminación laboral, por iso non dis que tes o virus. Di ti nun restaurante da zona vella de Santiago que tes VIH a ver quen te contrata! -Afecta a reforma laboral máis ás persoas con VIH? - Fomenta máis a invisibilidade. Se calquera de nós ten medo a quedar sen traballo se enfermamos, mais aínda acontece no caso das persoas con VIH. A persoa que ten cancro produce un efecto de solidariedade e sobreprotección, mais esta non é a situación no caso das persoas con VIH. -Hai conciencia da necesidade de facerse a proba rápida? -Non, e aí hai unha diferenza de xénero. As mulleres seguen a preocuparse polo embarazo ou outras enfermidades de transmisión sexual, e non polo VIH, porque teñen asociado que iso lles afecta a uns cantos. As campañas da pílula do dia despois pouco favor fixeron a este respecto. Esta entrevista fai parte do número 90 do A Fondo "VIH: o espellismo da normalidade". Podes atopalo nos quiosques do país, como caderno do número 126 de Sermos Galiza, e tamén tes a opción de compralo por separado na nosa loxa. |
NOS_19137 | O ex-secretario xeral do PSOE consegue o respaldo da metade dos votantes no conclave socialista e recupera o liderado do partido, vencendo en todas as federacións agás nos feudos dos seus rivais. Sete de cada dez militantes galegos apoiaron a súa candidatura. | Pedro Sánchez impúxose con claridade nas primarias que o PSOE celebrou este domingo fronte a candidatura do aparato representada por Susana Díaz. Co escrutinio case finalizado, Sánchez sumaba máis do 50% dos votos, máis de 67.000, cunha folgada vantaxe sobre a actual presidenta de Andalucía, que recibiu o 40% dos avais, e moi por riba de Patxi López, cun 10% do total. Unha vitoria que permite o ex-secretario xeral recuperar o liderado do partido desde as bases despois de ser forzado a dimitir pola xestora. Sánchez tivo o apoio da maioría de federacións, incluídas a dos baróns da formación, entres elas a galega, con sete de cada dez militantes socialistas a favor do seu regreso. Díaz só foi a máis votada na comunidade que goberna, a federación con máis poder, onde o ex-deputado conseguiu porén o respaldo do 30% dos participantes nas primarias. Pola súa banda, López conseguiu gañar a consulta en Euskadi. "A quen máis teme máis Rajoy é un PSOE unido", afirmou Sánchez na súa primeira comparecencia. O madrileño toma de novo o control dun PSOE dividido, despois de oitos meses apartado da dirección desde a súa saída provocada pola derrota no Comité Federal onde pedía un congreso para dirimir o futuro do partido. Sánchez anunciara a súa intención de recuperar o liderado socialista o mesmo día que renunciou o seu escano no Congreso, contrario á abstención para favorecer a investidura de Mariano Rajoy. Agora volve co apoio maioritario da militancia, nunhas votación que superou o 80% de participación, conseguindo a súa segunda vitoria en tres anos nunhas primarias socialistas. Sánchez foi recibido ao berro de 'Si es si' na súa primeira comparecencia, cun chamamento á unidade da formación. "A quen máis teme máis Rajoy é un PSOE unido", afirmou. "Comprométome a ser o secretario xeral de cada un dos afiliados e afiliadas e cumprir co mandato das urnas, facer do PSOE a principal organización de esquerdas". As reaccións non tardaron en chegar coa dimisión do portavoz do PSOE no Congreso, Antonio Hernando, cargo que segundo avisara Sánchez deixaría de ocupar no caso de resultar elixido. "Imos estar á disposición do que o PSOE dispoña de nós e así llo dixen o secretario xeral electo", dixo Susana Díaz na súa primeira mensaxe, onde evitou referirse a Sánchez. "Agora espéranos a sociedade española para volver a ser a alternativa", transmitiu pola súa conta López. |
NOS_51237 | Xa se atopan en aberto máis de 1.400 números da etapa contemporánea da cabeceira | A cabeceira A Nosa Terra deixou conta da realidade social de varias etapas da historia da Galiza. "Xornalismo desde 1907", líase na capa das edicións máis recentes da publicación. O número cero aparece dixitalizado na hemeroteca co prezo de 15 pesetas riscado, escrito por riba "exemplar gratuíto". Aquel primeiro semanal do 2 de decembro abría co conflito entre o uso de diferentes artes de pesca, facendo unha lectura de clase e reclamando a necesidade dunha reforma. Grazas ao seu incipiente nacemento, observábase esta realidade atendendo a unha perspectiva galega. Así o manifestaba a propia portada, deixando unha declaración de intencións do proxecto: "Móvenos o convencemento de que informar, hoxe, desde posicións abertamente galegas é enfrontar unha necesidade". "Móvenos o convencemento de que informar, hoxe, desde posicións abertamente galegas é enfrontar unha necesidade", lese no primeiro número de 'A nosa terra' Este, como todos os números publicados na etapa contemporánea, que transcorre desde a refundación en 1977 até a despedida do papel o 29 de xullo de 2010, están xa accesíbeis na rede, en virtude do proxecto de dixitalización que a Fundación A Nosa Terra vén de completar. Son 1.417 os números que se atopan en aberto, para a libre consulta a través da rede no enderezo anosaterra.com. A idea de ofrecer toda esta colección "era xa un dos obxectivos detrás mesmo da creación da plataforma virtual", explica a Nós Diario o vicepresidente da fundación, o xornalista Xan Carballa. Este labor levouse a cabo grazas á colaboración do Consello da Cultura Galega, que se encargou da parte técnica e dos gastos derivados dela. Desde A Nosa Terra non descartan expandir a dixitalización a outros documentos, como as preto de 150 publicacións especiais que se desenvolveron arredor do xornal. Un proxecto de base Cando se refundou, Carballa tiña 16 anos, mais coñece a importancia do accionariado popular, deses apoios da base social como única vía para que un proxecto desta sorte, con esa óptica, saíse adiante. Un "esforzo xigantesco que hai que recoñecer", reivindica. O fito transcendental d'A Nosa Terra foi "facer propia a construción de información, o discurso dos media", explica Margarita Ledo. A actual catedrática de Comunicación Audiovisual e Publicidade da Universidade Santiago de Compostela foi unha das principais promotoras do proxecto de 1977, así como a súa primeira directora nesa etapa do periódico que durou até 1980. A partir de aí, sucederíaa no cargo Xosefina López Corral e Afonso Eiré. O fito transcendental de 'A Nosa Terra' foi "facer propia a construción de información, o discurso dos media", explica Margarita Ledo "Por unha banda, recupérase o dereito a facer información en lingua galega e en relación coa sociedade de pertenza", explica Ledo. Pola outra, ese vínculo "ponse ao día e actualízase de acordo coas coordenadas da situación e a falta de tratamento de determinados temas na prensa ordinaria". En terceiro lugar, "entran toda unha serie de persoas, grupos e posicións que non estaban divulgadas a nivel de prensa ordinaria, aínda que aparecesen en medios máis especializados", conclúe Ledo. "Entran toda unha serie de persoas, grupos e posicións que non estaban divulgadas a nivel de prensa ordinaria", comenta Ledo De tal xeito, un dos trazos fundamentais do xornal foi dar espazo a outras fontes, fóra das oficiais, que se consideraban representativas da sociedade, traballando co que hoxe chamariamos "información de proximidade". Así, clases traballadoras, movementos sociais e culturais, e os feitos eran a materia coa que se elaboraba a información desde esa perspectiva propia. A ollada nacionalista "Desde o primeiro momento defínese unha liña editorial nacionalista", conta Ledo, da que as persoas lectoras eran perfectamente conscientes. Nesta nova etapa, o semanario incluía seccións como "O dereito e a razón", no que se procuraba a diferenza entre a norma e como se lexisla. Ademais, atópanse tribunas de aspectos pouco tratados sobre diferentes eidos do coñecemento, cunha ampla base de colaboradoras. Recuperábanse ao tempo seccións d'A Nosa Terra histórica, como "Poleiro alleo" ou "A terra asoballada". "O importante dos medios é o que queda", declara Carballa Todo iso ademais da información máis puramente xornalística nos seus diferentes xéneros: crónicas, reportaxes, entrevistas... "O importante dos medios é o que queda", declara Carballa. O legado d'A Nosa Terra é, pois, esa hemeroteca que agora se ofrece en aberto ao conxunto da sociedade, na que se pode observar a realidade galega desas tres décadas. "O balance son os seus propios números", entende o xornalista. Propostas de relectura O acceso á colección completa d'A Nosa Terra ten unha utilidade especialmente destacada desde o punto de vista da investigación, mais pode resultar interesante para toda a cidadanía. De facto, indica Carballa que nos últimos días están a "rescatar entrevistas e informacións publicadas para ligalas coa actualidade". Cando partillaron a nova da fin do proceso de dixitalización "todo era alegría", comenta Xan Carballa, pois o logro é, en certo modo, espello de toda esa xente sen a cal A Nosa Terra non sería posíbel. Continuidade do proxecto A Nosa Terra presenta para Carballa "continuidade dentro das discontinuidades" que, desde 1907 até máis de 100 anos despois, atravesou, pasando por "distintos avatares". Nacía da man de Solidaridad Gallega en 1907, para ser recuperado polas Irmandades da Fala en 1916 e pasar, no ano 1932, a divulgar o ideario do Partido Galeguista. A parada dramática cun número no prelo en 1936 ten seguimento no exilio, como voceiro da Irmandade Galega da Arxentina entre 1942 e 1972. Na súa etapa contemporánea, o xornal funcionou principalmente como semanario, aínda que en diversos períodos se viu obrigado a saír quincenalmente. En decembro de 2007 comeza a publicarse unha edición electrónica. Os problemas económicos levarían ao feche do papel en 2010. A partir dese momento, continuou actualizándose o dixital, que fechou temporalmente en 2012 para reanudar en 2018. O proxecto xornalístico deixa "un legado que se mantén en 'Sermos Galiza' e 'Nós Diario'", considera Carballa Con todo, Carballa observa que o proxecto xornalístico deixa "un legado que se mantén en Sermos Galiza e Nós Diario". Neste senso, considera fundamental termos hoxe "información fresca e actualizada, que mete o dedo onde o hai que meter". Porque se ben a información é poder, tamén pode ser liberadora. |
NOS_32997 | Este curto ensaio titulado cun concepto como o de Transhumanismo, escasamente abordado e posibelmente mesmo descoñecido en certos eidos, aborda a posibilidade da evolución do ser humano a un estadio diferente, capaz de transcender a súa propia natureza. | Unha das voces máis relevantes do ensaio filosófico actual, Brais Arribas acostuma tamén traernos temas que destacan pola súa orixinalidade e, en ocasións, tamén polo escaso tratamento que teñen no contexto cultural galego. Unha boa proba pode ser este curto ensaio titulado cun concepto como o de Transhumanismo, escasamente abordado e posibelmente mesmo descoñecido en certos eidos. A evolución do ser humano a un estadio diferente, capaz de transcender a súa propia natureza e efectuar un salto evolutivo sen precedentes deixou de ser hai tempo un tema propio da ciencia ficción para converterse nun futuro probábel e, en certo sentido, inminente. O desenvolvemento vertixinoso da tecnoloxía, a súa exploración de novos ámbitos e a posibilidade de interconectar moitas das súas achegas recentes colócannos ao borde dunha mudanza profunda que, porén, segue sen concretar moitos dos seus aspectos e abre unha serie de debates éticos de importancia. Transhumanismo. Tecnociencias e antropociencias / Brais Arribas / Euseino? / 2021 /126 páxinas / 12 euros Podemos dicir que é esta dimensión filosófica a que caracteriza principalmente un libro que, sen pasar por alto a natureza concreta de moitos destes avances científico-técnicos, fai unha panorámica deles moi xeral para mergullarse na problemática que traen consigo. Desta forma, e aínda que é moi meritorio o estilo accesíbel e case divulgativo que Arribas desenvolve sobre un tema tan profundamente complexo, tamén é certo que algunhas destas visións xerais o levan ocasionalmente a sinalar contradicións superficiais. Pode ser o caso da oposición entre ecoloxismo e ciencia, un debate que obvia a existencia dunha posición pro-tecnolóxica que defende unha optimización das formas de producir enerxía e unha vía para deter, e mesmo chegar a corrixir, o cambio climático. Ao mesmo tempo, non pode esixirse exhaustividade, nunha obra tan breve, á análise que o autor fai das propostas transhumanistas fronte á tradición filosófica occidental, un factor que non impide que botemos en falta algunha dimensión máis, como a das ramas pro-tecnolóxicas dun marxismo que nunca se resumiu no legado da Escola de Frankfort. Aceptamos, porén, que os obxectivos da obra, que ten na brevidade e claridade dous dos seus principais méritos, poden suplir algunhas destas eivas puntuais. Brais Arribas ten a valentía de formular preguntas en alto esquivando a dicotomía simplista entre tradicionalismo e evolución e preparándonos para os debates dun futuro que deixará obsoleto tamén o noso concepto de ciencia ficción. |
PRAZA_19666 | As únicas que temos motivos para desterrar ese símbolo das rúas das nosas cidades e máis aínda das escolas e lugares de traballo, somos as feministas. Supón un perigo, unha volta atrás. | Vemos no xornal unha musulmá, co seu pano, fachendosa e desafiante, afirmando que traballa co seu "distintivo" no hospital. Mustafá Alendi, presidente da Comunidade Islámica Galega, opina que en Galicia, e en España, hai máis tolerancia ca noutros países, como Francia. Unha razón: Francia é laica; España é católica. Aos bispos españois non lles debe preocupar que as mulleres españolas fósemos obrigadas a irmos cubertas. Non hai moito que era preceptivo pór veo para entrar nas igrexas. Son moitos os musulmáns que hai en Galicia e todos pensan que se a unha muller lle quitan o veo, deixa de ser musulmá. Que lle dirían a Alá se lles preguntase como permite que as súas mulleres vaian cos cabelos ao ar? Opinan que obrigarlles a quitar o veo no traballo significa a intromisión nos seus dereito e impedir a liberdade das mulleres. Desde cando as súas mulleres son libres, ou teñen dereitos? O veo é un exemplo de suxeición e obediencia. Indica a honestidade feminina tapando o que pode excitar a luxuria, o desexo masculino. Porque máis alá dun tema relixioso, trátase dunha mostra de submisión, de misoxinia, que as musulmás aceptan e mesmo reivindican. O asunto está na rúa. Contratarían unha muller con veo?, indagan no xornal. Á pregunta tivo diferentes respostas entre o empresariado. Hai quen opina que cada empresa debe decidir. A maioría pensa que o respecto á persoa é fundamental e que negarllo é unha discriminación absoluta. Están ao día en tolerancia, no respecto ás diferentes ideas, relixións, crenzas. Un comportamento positivo que pode derivar a en oportunismo, indiferenza ou pasotismo. As únicas que temos motivos para desterrar ese símbolo das rúas das nosas cidades e máis aínda das escolas e lugares de traballo, somos as feministas. Supón un perigo, unha volta atrás. No pasado tamén as mulleres galegas usaban pano, maiormente negro porque desde moi novas estaban de loito e enlazaban un con outro, debido á grande mortalidade. As rapazas levaban pano branco. Coñecemos as loitas e os sacrificios que custaron acadar a igualdade que temos, que, mesmo se non é moita e precisamos seguir pugnando para mellorar, estamos moito máis avanzadas que as mulleres de certos países e outras relixións e costumes. Non é cousa de retroceder. Esta inmigración non é como a tradicional. Os galegos non chegaban impoñendo cando ían traballar fóra. Pola contra, aprendían das culturas superiores. Agora as cousas son diferentes porque as circunstancias políticas tamén o son. Nun extremo hai un mundo árabe moi poderoso, con cidades espectaculares, pero que leva con orgullo o seu islamismo. Noutro un E.I. moi perigoso. O yihadismo ameaza co seu terrorismo e todo o Occidente somos vítimas propiciatorias. Consecuencia das guerras son as poboacións islámicas desprazadas, e todas esas mulleres e criaturiñas pasando un calvario. E aquí entran as mulleres concienciadas, piadosas e tolerantes. Que ben está. Non digo que non haxa que acoller e protexer a esa humanidade. Pero as vítimas non son boas por vítimas. Polo pan baila o can dicimos nós, pero elas non quitan o veo nin por moi ben que as tratemos, nin deixan de considerarnos infieis, cousa grave na súa crenza. |
NOS_41862 | Documentos difundidos pola web de Assange demostran que Tel Aviv planifica operacións para que a poboación da Faixa "funcione en precario, só un pouco por riba da crise humanitaria". | "Autoridades israelitas confirmaron en diversas ocasións aos funcionarios da Embaixada (dos Estados Unidos) que a intención do goberno de Israel é manter a economía de Gaza a funcionar num nivel precario, só un pouco por enriba dunha crise humanitaria". Este é o primeiro parágrafo dun telegrama enviado pola Embaixada dos EUA en Tel Aviv para Washington a 3 de novembro de 2008, divulgado polo web Wikileaks o pasado 4 de agosto. Documentos da embaixada americana falan de uso de palestinos como escudos humanos ou do bombardeo de hospitais O telegrama forma parte dunha serie de documentos divulgados polo medio dirixido polo australiano Julian Assange sobre o conflito entre Israel e Palestina. Entre os asuntos abordados na correspondencia da Embaixada en Tel Aviv estivo a creación de Hamas, o uso de palestinos como escudos humanos polo exército de Israel, o ataque deliberado a civís em Gaza, o bombardeo de hospitais e o corte de fornecemento de medicamentos aos habitantes de Gaza. Alén da forza militar, o bloqueo israelita a Gaza limita o accceso de moitos xéneros alimenticios, combustíbeis e medicamentos ao territorio palestino. Con isto, a infraestrutura local funciona no límite, informa um telegrama enviado a 18 de setembro de 2009. A falta de medicamentos compromete a saúde en Gaza e a estrutura eléctrica e de saneamento, un afogamento que Israel aplica de forma propagada sobre a Franxa, onde nas últimas semanas foron asasinadas case 2.000 persoas. |
NOS_8986 | Para a Federación Rural Galega os empréstitos anunciados pola Xunta para facer fronte aos danos causados polos fenómenos climáticos "non serven" | Os empréstitos a xuro cero anunciados pola Xunta para as explotacións agrarias afectadas polas xeadas e as sarabiadas "non son unha axuda e non serven para paliar as perdas", segundo a Federación Rural Galega, Fruga. A organización lamenta que a medida anunciada por Feijóo de facilitar prestamos, a xuro cero, para o financiamento de circulante ou o refinanciamento de pasivo adopte este tipo de accións "de costas ao sector". En opinión de Xurxo Álvarez, presidente da Fruga e viticultor de Cenlle, na comarca do Ribeiro, "esta medida non é unha axuda; en todo caso é unha medida que favorece ás entidades bancarias, non a nós". "As axudas mediante prestamos a xuros reducidos ou nulos, é adecuada para facilitar e fomentar a concorrencia promovendo o incremento da produtividade, tal como están pensados, por exemplo. para os planos de mellora. En todo caso os prestamos sempre hai que devolvelos, partindo de que quen se beneficia deles vai poder afrontar a súa devolución porque se prevé que vai ver acrecentados os seus ingresos, e este non é o caso das persoas afectadas polas incidencias climáticas padecidas no que vai de ano". Fruga lembra á Xunta que as medidas demandadas polo sector pasan por axudas directas como as concedidas, no seu momento, na Ribeira Sacra, a condonación das cotas da Seguranza Social por un período non inferior a seis meses, así como unha liña de crédito para facer fronte as necesidades de liquidez e circulante, pensando sobre todo nas adegas, e por último demandabamos a constitución dunha mesa de negociación. |
NOS_48945 | O BNG votará contra a investidura de Alberto Núñez Feixoo. | O nacionalismo votará 'non' no Parlamento galego á elección de Alberto Núñez Feixoo como presidente da Xunta no pleno de investidura que comeza hoxe e que finalizará pasado mañá. Non obstante, a viceportavoz parlamentar do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Olalla Rodil, garantiu a "man tendida" para chegar a acordos que favorezan os intereses da Galiza. Algo para o que, subliñou, será "imprescindíbel" que o Partido Popular (PP) mude as súas políticas e non recorra ás súas "receitas de sempre". "A pregunta que hai que facer é: acordos si pero, para que, con que obxectivos e con que dirección?", apuntou a deputada, ao tempo que rexeitou continuar "coas mesmas políticas" da última década de Núñez Feixoo e reivindicou a necesidade de adoptar "novas ideas" e decisións que sitúen "a vida, a protección da saúde e o coidado das persoas no centro". A pandemia, coas súas consecuencias desde o punto de vista económico e social, "ten que ser un punto de inflexión para o cambio de rumbo neste país", afirmou nese sentido Rodil. As pezas angulares da XI lexislatura pasan para a nacionalista pola necesidade de impulsar un novo modelo económico, máis autogoberno e "blindar os servizos públicos". Eis as tres chaves "do cambio" para o BNG, que pon o foco na sanidade, nos servizos sociais e na educación. De feito, dentro da defensa polos servizos públicos, Rodil trasladou o apoio do BNG ás centrais sindicais que anunciaron dúas xornadas de folga no ensino para o 10 e o 16 de setembro. "A Xunta debe "asumir as súas responsabilidades e deixar de botar balóns fóra", sinalou a deputada. "Tivo seis meses para preparar a volta ás aulas e é unha irresponsabilidade que aínda non haxa un protocolo claro nin recursos suficientes para un curso que será excepcional", aseverou. Mesa por Galiza Preguntada pola proposta de comisión para selar un pacto sobre reconstrución que formalizou o PSdeG, Rodil lembrou que o BNG reivindica desde hai semanas precisamente unha mesa pola reconstrución económica e social da Galiza. "Ese é o camiño polo que cremos que hai que ir", sentenciou, para engadir que nesa mesa, ademais de representantes políticos, tamén deberían estar axentes sociais e persoa experto, por exemplo, de universidades e da ciencia. |
NOS_56415 | O ex portavoz nacional abandona a formación frentista. Comunicoullo ao BNG esta segunda feira a meio dunha carta, segundo confirmou a Sermos. | Xavier Vence, catedrático de Economía Aplicada da USC, declinou facer declaracións a Sermos, mais si confirmou a súa decisión de abandonar a militancia do Bloque Nacionalista Galego, organización da que foi portavoz nacional entre 2013 e 2016. Vence discrepaba abertamente da opción tomada polo BNG cando a organización frentista optou -na XV Asemblea Nacional, febreiro de 2016- por afirmar a existencia dun espazo eleitoral propio e autónomo do nacionalismo galego. A aposta de Vence -a confluencia co que logo acabaría sendo En Marea- tivo moi exiguo respaldo nas bases do Bloque. Vence -que segue os pasos de Xosé Manuel Beiras e Anxo Quintana, ex portavoces nacionais que no seu día abandonaron o BNG- fai este movimento a escasos días da realización da XVI Asemblea Nacional do Bloque, axendada para a fin de semana do 25 e 26 de marzo. Posición do BNG Esta mesma tarde, un portavoz oficial do BNG, a perguntas de Sermos, declinou realizar calquera avaliación sobre o abandono de Vence e mostrou o "máximo respeito" ante "calquera decisión de tipo persoal" que un militante poda adoptar nun momento dado. O BNG non ten previsto emitir ningún tipo de comunicado oficial sobre este asunto. NOTICIA ACTUALIZADA ás 17.30 horas. |
NOS_16716 | Máis de 200 empresas e directivos galegos fan parte da lista galega de grandes morosos con Facenda, aquelas persoas que adebedan máis de un millón de euros. En conxunto teñen obrigas pendentes por case 600 millóns de euros, cifra que é 24% máis que os 480 millóns que este 'club' de morosos debía un ano antes. Eis un extracto da reportaxe publicada ao respecto no número 333 de Sermos Galiza. | O ano comezaba coa publicación no BOE do acordo de extinción de Petro Nova Oil. A xustiza certificaba así a defunción da empresa galega que máis debía a Facenda: 82 millóns de euros. Por riba, estaba implicada nunha macrofraude relacionada co gasóleo. A noticia volveu situar ante os focos a existencia de importantes empresas e tamén persoas físicas con obrigas pendentes con Facenda por cantidades considerábeis. Por volta de 200 compañías fan parte do que se podería chamar a lista galega de grandes morosos, aquelas persoas que adebedan máis de un millón de euros. Entre todas e todos suman case 600 millóns de euros en débeda co fisco, unha cifra que é superior (24% máis) aos 480 millóns que a listaxe de principais morosos de Galiza debía no ano anterior. O top 3 lidérao Martinsa Fadesa, que embora reducir a débeda en 23% nun ano continúa con obrigas pendentes por 50 millóns de euros. Séguelle outra empresa da rama de promotoras ligadas á construción, Mavieira (antes Mahía) e os seus 28 millóns de euros. A Compañía Gallega de Licores, con sede en San Cibrao das Viñas, ocupa o terceiro posto en morosidade coas arcas públicas, con 22 millóns de euros. Na listaxe atopamos desde empresas en liquidación ou suspensión de pagamentos até compañías resgatadas con cartos públicos. Hai canteiras, construtoras, conserveiras, negocios do téxtil e do sector do metal, distribuidoras... E persoas físicas, sendo o caso máis relevante o de Mario Conde, que na última listaxe adebedaba el soíño 15 millóns de euros. Con todo, o que adebedan os grandes morosos galegos é menos de 4% dese total de 15.300 millóns de euros que adebedan en conxunto as 4.318 empresas e persoas físicas de todo o Estado que figuran na listaxe da Axencia Tributaria. Desde Gestha, sindicato de técnicos de Facenda, lembran que aproximadamente 40% da cantidade adebedada non se vai poder cobrar. Isto significa que uns 240 millóns de euros deses case 600 millóns que adebedan os grandes morosos galegos non van poder recuperarse. Entre esas cantidades, por exemplo, os 1,6 millóns de euros da conserveira Alfageme, empresa extinta. Poucos sectores de actividade hai que non conte con algunha firma que figura nesta listaxe de morosos en Galiza. No conserveiro figuran nomes como Galiciamar (3 millóns de euros) ou Conserveira Celta (1,2 millóns). No das canteiras figuran Áridos Reboredo (2,5 millóns) ou Áridos Lamas San Sadurniño (1,3 millóns). No téxtil hai nomes como o de Caramelo, que adebeda máis de dous millóns; ou Dayaday, con máis de 1,3 millóns. [Podes ler a información íntegra no número 333 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques] |
NOS_40976 | Nun comunicado de imprensa o director de cinema español di que se expresou "torpemente". | Pedro Almodóvar saíu esta terza feira ao paso das críticas após o seu comentario a respeito d@s preferentistas galeg@s e dixo "lamentar profundamente" se na entrevista concedida a Cadena Ser "puiden ofender alguén". O director de cinema español emitiu un comunicado de imprensa logo de que o seu comentario fora duramente criticado nas redes sociais. Almodóvar asegurou que se el for "un home analfabeto galego" tería cortado a gorxa a Blesa ou a Rato, en relación ao calote das preferentes. "Lamento profundamente se puiden ofender alguén" "Quero aclarar a intención real das miñas palabras en relación aos preferentistas galegas", afirma. O manchego sinalou que quería "amosar a miña solidariedade coas persoas que foron enganadas polas entidades bancarias" e "manifestar" a súa "indignación cos directivos" das mesmas. Neste senso, explicou que o seu comentario se refería a aquelas persoas cuxas participacións preferentes e subordinadas foron asinadas "cun xis" ou coa "pegada dixital" o que di, evidencia "a súa absoluta falta de coñecemento do que asinaban". "Sinto admiración pola cultura, a paisaxe, a gastronomía e o pobo galego", conclúe o director após asegurar terse expresado "torpemente". |
NOS_45944 | Entregaranse o 28 de xuño. | O grupo musical A Roda, a asociación de Amigos do Camiño de Santiago, a deportista Ana peleteiro e os xornalistas Xosé M Piñeiro, 'Super Piñeiro', e Pilar Cernuda, son as Medallas Castelao 2020. O presidente Núñez Feixoo vén de anunciar os nomes ao finalizar o Consello da Xunta. Os galardóns entregaranse o vindeiro 28 de xuño. A Roda é un dos nomes míticos da música tradicional galega, con case 5 décadas de historia ao lombo. naceron a mediados dos 70 en Vigo, cun grupo de amigos que cantaban polas tabernas. Eles popularizaron cancións tradicionais como 'O gato', ou 'Pousa, pousa'. Pilar García-Cernuda, nada en Santiago de Compostela o 29 de xullo de 1948, é unha xornalista que fixo a súa carreira profesional en Madrid, nomeadamente na crbertura de información política e da casa real española. Xosé Manuel Piñeiro Borrajo, máis coñecido como Piñeiro ou Superpiñeiro, nado en Allariz en 1957, é un presentador de televisión galega. El foi rostro e alma de programas míticos da TVG como 'Supermartes'. Ana Peleteiro, nada en Ribeira o 2 de decembro de 1995, é unha atleta, especialista en triplo salto. (En ampliación) |
NOS_19718 | O 12 de outubro é día de reivindicación na Galiza, un día para render homenaxe ás seis vítimas mortais masacradas en Nebra (Porto do Son) pola Garda Civil cando se manifestaban contra un gravame inxusto e abusivo. | Era 12 de outubro de 1916 cando un grupo de veciños e veciñas de Nebra (Porto do Son) erguían a súa voz nun protesto na ponte de Cans para botaren abaixo un imposto que lastraba a súa actividade agraria e que fora ordenado polo alcalde para saldar o déficit nas contas de 1915. Ese día, uns 300 veciños e veciñas mobilizábanse pacificamente contra o embargo dunha vaca a un veciño polo impago do tributo especial, mais o protesto rematou en masacre. A Garda Civil, de xeito indiscriminado, disparou contra a masa. Resultaron feridas de bala 32 persoas e faleceron Francisca Carou, Ramona Suárez Pouso, Generosa Cadórniga, Rosa Cadórniga Maneira e Antonio Sobrado Luaces. Quen se manifestaba na ponte de Cans facíao sen armas nin trebellos que permitisen unha agresión. Así o demostra o feito de que tan só dous gardas civís presentasen contusións leves. O protesto na ponte de Cans non era a primeira mostra de rexeitamento do tributo por parte da veciñanza. De feito, a Liga Agraria de Nebra convocara reunións e concentracións en abril de 1916, unhas mobilizacións que tiveron continuidade até o fatídico 12 de outubro. Ao longo deses meses, todas as peticións dos veciños e veciñas foran desatendidas polo Goberno local. Actos de homenaxe Para lembrar a revolta agraria exemplar da veciñanza de Nebra, o BNG, xunto con descendentes das vítimas, organiza un acto de reivindicacación "fronte á celebración do chamado Día da Hispanidade, que a formación nacionalista non recoñece". O Bloque apela á recuperación para a memoria da Galiza dun "episodio de loita e resistencia fronte ao centralismo español". O acto do BNG terá lugar ás 18.30h na ponte de Cans, que acollerá unha ofrenda floral ao pé do monólito de lembranza ás vítimas. Aliás, veciños e veciñas da parroquia organizaron ás 17h no local veciñal de Nebra a presentación do libro Os tráxicos sucesos en Cans (Nebra) 1916. Cen anos de lembranza. |
NOS_16896 | A décimo segunda homenaxe nacional ás vítimas do fascismo, que se desenvolveu este domingo na emblemática illa de San Simón -campo de concentración franquista-, concluíu nunha reivindicación: as escolas deben explicar ao alumnado o 36, a Guerra Civil, a brutal represión fascista e a posterior ditadura. | Convocadas pola Iniciativa Galega pola Memoria, centos de persoas asistiron esta mañá ás honras e actos aos asasinados e represaliados a consecuencia do golpe de Estado de Franco. "O paso polas aulas ten que servir aos alumnos e alumnas galegas para coñecer a historia do país nas primeiras décadas do século XX, para coñecer con rigor o sucedido durante a II República e a devastación humana, social e política causada polo golpe militar", di a federación de entidades da memoria, "e as consecuencias institucionais, sociolóxicas e ideolóxicas que a ditadura tivo e aínda ten na actual sociedad galega". Ademais dos integrantes das 35 asociacións e colectivos que conforman a Iniciativa, tamén participaron na xornada de homenaxe un grupo de profesores e estudantes do colexio O Toural de Vilaboa. Están a realizar un proxecto pedagóxico sobre a recollida de memoria oral nas propias familias. A Iniciativa Galega pola Memoria quere que a incorporación de contidos escolares relativos ao levantamento fascista e as súas derivadas se faga conforme aos "tratados internacionais asinados polo Estado español en materia de dereitos fundamentais e ás esixencias das nacións unidas". Ademais, tamén reclama o estudo "desde unha óptica galega, da pervivencia do franquismo na transición e no período posterior da monarquía constitucional". "O ensino debe deixar de ocultar a verdade da historia dos feitos que sucederon no Estado español, promover os valores de respecto aos dereitos humanos e fomentar os valores democráticos, para o que resulta indispensábel educar na asunción do pluralismo político", conclúe. |
NOS_48885 | Unha exposición que constitúe unha atractiva achega á historia do labor dos gremios da prata e do acibeche, fundamentais na historia cultural da capital de Galiza desde a Idade Media | A partir do rigoroso traballo curatorial dun especialista como Fernando Martínez Vilanova O esplendor do Camiño. Oito séculos de prataría e acibeches en Compostela mostra no Pazo de Fonseca ao redor de cen pezas dun abano cronolóxico que vai dos séculos XIII ou XX. Trátase, en todos os casos, de obras traballadas en prata ou acibeche que nos permiten un achegamento á historia e ás tipoloxías destas dúas artes. O Esplendor do Camiño. Oito séculos de Prataría e Acibeches en Compostela / Fernando Martínez Vilanova / Pazo de Fonseca, Santiago de Compostela / Até o 24 de setembro A exposición, promovida por Ourives de Compostela e a Universidade de Santiago de Compostela e confomada por pezas cedidas por institucións e artesáns privados, posibilita unha atractiva achega á historia do labor dos gremios da prata e do acibeche, fundamentais na historia cultural da capital de Galiza desde a Idade Media; non por acaso as dúas portas do cruceiro da catedral levan os nomes de Pratarías e Acibecharía, en referencia aos labores artesanais que ocupaban -e parcialmente seguen a ocupar- as respectivas prazas que dan acceso á catedral desde tempos da fábrica románica. Alén diso, o desenvolvemento doutras prácticas artísticas, como o gravado compostelán, non pode ser entendido desligado, por exemplo, do traballo dos prateiros, o que reforza a importancia histórica desta arte. A escolma das pezas responde a criterios de modelos formais e utilitarios, representatividade, autoría e cronoloxía. Neste sentido, cómpre lembramos que pratería e acibeches, salvando a funcionalidade dos seus materiais, comparten, con poucas diferenzas, xéneros e tipoloxías, chegando nas últimas a converxeren e complementárense. Desta forma, a exposición propón unha estrutura que separara os traballos de carácter relixioso e os de carácter civil e, dentro de cada un deles, clasifica as pezas en función dos seus usos. Así, entre as pezas relixiosas, poden encontrase, entre outras, relicarios, rosarios, cálices, copóns, cruces parroquiais ou imaxes devocionais; a respecto da categoría civil esta abrangue xoias, cuncas, pratos, candeeiros ou mesmo amuletos de sobranceiros artífices como Jorge Cerdeira O Mozo, Fernando Mayer, Manuel Lado, Enrique Mayer, Bernardino Otero, Manuel Bacariza, Marcelino, Ricardo Rivas Mejuto, Ricardo Martínez Manuel Dávila ou José Noboa. Toda unha tenza da historia da nosa plástica que non debe ficar reducida á tópica denominación de "artes menores". |
NOS_42812 | Comezan as mobilizacións do persoal de Ferrolterra coa demanda de reunirse coa Xunta e a empresa. | Traballadoras e traballadores de Ferroatlántica Cee-Dumbría-Centrais Hidroeléctricas iniciaron esta segunda feira 17 de febreiro as mobilizacións "contra os recortes de produción e para exixir un plan de viabilidade", segundo informan. A primeira concentración foi na fábrica de Brens, en Cee, e as protestas repetiranse as segundas feiras alternas. Alfonso Mouzo, presidente do comité de empresa, explica a Nós Diario que con estas mobilizacións reivindican que volva funcionar o forno 13 e contraten ao persoal eventual que foi despedido con motivo da súa parada. "Ademais aquí en Brens hai paradas de 14 horas e en Dumbría de 10 horas", sinala, "coas consecuencias negativas que esta acción ten para o seu funcionamento". A parada do forno 13 sería unha das razóns de que baixase a produción da empresa durante 2020. Calendario de accións As asembleas do cadro de persoal de Ferroatlántica que tiveron lugar a pasada segunda feira nas fábricas aprobaron por unanimidade o calendario de mobilizacións proposto polo comité. Ademais da posta en funcionamento do forno 13 buscan instar á Xunta a que convoque unha reunión a tres bandas (empresa, comité e administración) "na que demandar un plan de viabilidade e que se clarifiquen os termos do contrato de venda", explican. As concentracións realizaranse diante das instalacións de Brens, a partir das 17.15 horas. A seguinte será o vindeiro 2 de marzo coa intención de repetir a concentración cada quince días. Ademais, o comité tamén remitiu un escrito a Augas de Galiza para que informe "de todos os procesos administrativos que abrira a raíz da operación de venda que Ferroatlántica acordou con TPG-Ithaka, tal e como se lle solicitou en reiteradas ocasiones", recalcan. |
NOS_24548 | O presidente do Real Club Celta de Vigo, Carlos Mouriño, estaría disposto a pagar até 12 millóns de euros. | Non é un segredo, nin sequera é un segredo a voces, o Celta precisa un dianteiro, e precísao con urxencia. A maxia de Iago Aspas leva iluminado o equipo celeste durante moito tempo e, sen dúbida, á estrela moañesa non lle viría nada mal unha pouca axuda na dianteira. É por iso que Carlos Mouriño, presidente do Celta, ten a súa mirada posta en, segundo os rumores, até catro dianteiros para a actual temporada. Entre esa lista de nomes encóntrase a do xogador natural do Brasil, Willian José que actualmente milita nas filas do Real Betis Balompié. Análise: "Todo cambia para seguir igual na estrea do Celta en Liga" Se esta fichaxe saíse adiante, podería ser beneficioso para ambos os equipos sendo que, segundo certas fontes, o Real Club Celta de Vigo estaría disposto a ofrecer, polo menos 12 millóns de euros polo dianteiro, unha cantidade que actualmente poden asumir. O Betis estaría tamén disposto a aceptar a saída de Willian José xa que así, poderían dar entrada a varios outros xogadores que solicitaron para esta temporada e que aínda non puideron inscribir dado que, na actualidade, o club de Sevilla supera o límite salarial estabelecido. Willian José estaría na lista dos posíbeis candidatos a deixar o club verde e branco, algo de que o Celta podería aproveitarse. Dianteiro con garantías Cos seus 30 anos de idade, Willian José é un dianteiro xa curtido na liga española e cunha calidade máis que contrastada. Leva xogados un total de 221 partidos na primeira división, 55 na segunda e ten experiencia até na Premier League británica, tendo disputados un total de 19 partidos. Os seus 70 goles na máxima competición do fútbol estatal avalan a súa carreira e serían unha adición moi atractiva para a escuadra celeste que, como se vén demostrando nas últimas temporadas, está bastante falta de gol. O Celta preparase para o Cádiz No medio destas negociacións, o club olívico prepárase para recibir o Cádiz nun partido en que os celestes deberían conseguir a vitoria. Após tres partidos disputados na máxima competición estatal, o Cádiz aínda non coñece a vitoria, mentres que os vigueses suman un total de catro puntos tras vencer o Girona, perder contra o Madrid e empatar contra o Espanyol. |
PRAZA_12734 | Xoán Montero Domínguez, presidente da Associação de Docentes de Português na Galiza, salienta que no último ano as matriculacións nas Escolas Oficiais de Idiomas para estudar esta lingua aumentaron notablemente. Varias ducias de alumnos de Monforte inician unha campaña para poder aprender portugués no centro da súa vila e non ter que desprazarse a Ourense ou Lugo. | Un grupo de corenta persoas, as máis delas alumnos de portugués nas Escolas Oficiais de Idiomas (EOI) de Ourense e Lugo, realizaron a preinscrición dispoñibilizada pola escola de Monforte para avaliar o grao de interese de cara a que no vindeiro curso se poida estudar esta lingua na vila das Terras de Lemos. Na actualidade pódese estudar portugués nas EOI das sete cidades galegas, así coma en Vilagarcía e Tui. Porén, nos centros de vilas como Monforte, Ribadeo ou Viveiro aínda non é posible, e tampouco nas seccións locais de diversas EOIs, como Negreira, Ribeira, Ordes, Noia, Cedeira, O Barco, O Carballiño, Verín, Cangas, Nigrán, Lalín, A Estrada, Ponteareas e Coia (Vigo). Na actualidade pódese estudar portugués nas EOI das sete cidades galegas, así coma en Vilagarcía e Tui. Porén, nos centros de vilas como Monforte, Ribadeo ou Viveiro aínda non é posible A asociación Docentes de Portugués na Galiza apoia a reivindicación dos alumnos monfortinos e chama a atención sobre o feito de que en toda a provincia de Lugo só hai un centro (na cidade) e salienta o paradoxo de que non se poida estudar portugués en Verín, a uns pouco quilómetros de Chaves. Anima a realizar a preinscrición de portugués na EOI de Monforte e a emprender iniciativas similares nas outras áreas xeográficas referidas. "Alegrounos moito que esta iniciativa partise do alumnado, que mesmo descoñecía a existencia da nosa asociación", din. "Durante o último ano rexistráronse notables aumentos de matriculación nas EOI de Galicia: 48% (Pontevedra), 32% (Ferrol), 25% (Lugo) ou 23% (Vigo). En total, 1104 alumnos oficiais estudan portugués actualmente nas EOIs galegas" Durante o último ano rexistráronse notables aumentos de matriculación nas EOI de Galicia: 48% (Pontevedra), 32% (Ferrol), 25% (Lugo) ou 23% (Vigo). En total, 1104 alumnos oficiais estudan portugués actualmente nas EOIs galegas, ao que teriamos de acrecentar os diversos cursos impartidos a docentes e outros colectivos. En opinión de Xoán Montero, presidente da entidade, este incremento débese a varios factores e en boa medida ten que ver co ensino secundario: "Estase impartindo portugués nuns trinta institutos, grazas a que algúns profesores con praza de lingua e literatura galegas, de forma altruísta, solicitáronlles aos centros impartir portugués e os centros solicitáronllo á consellaría, que normalmente acepta as peticións. Cando o alumnado pasa por un ou dous cursos de portugués no ensino secundario coñece esa realidade, que descoñecía, e despois quere afondar nesa lingua". "Segue habendo moito alumnado que quere aprender portugués para mellorar o galego ou por afinidade cultural. Pero o interese está aumentando por moitas persoas que ven o portugués como unha lingua que hai que coñecer" Montero sinala que tamén hai un incremento do interese na universidade, "por exemplo entre o alumnado de tradución e interpretación", explica, "que maioritariamente escollía inglés e francés como linguas e que ao rematar a carreira se decata de que o portugués lle ofrece moitas saídas laborais, polo que se apunta nas escolas de idiomas. Segue habendo moito alumnado que quere aprender portugués para mellorar o galego ou por afinidade cultural. Pero o interese está aumentando por moitas persoas que ven o portugués como unha lingua que hai que coñecer". Montero conclúe que "o incremento do interese polo portugués ten moito que ver coas saídas profesionais que ofrece. Unha de cada dúas empresas de Vigo ten relación con Portugal". "Unha de cada dúas empresas de Vigo ten relación con Portugal" Segundo a asociación de docentes, para conseguir que o portugués se imparta en máis centros, a mellor opción é iniciar o proceso cunha recollida de sinaturas "e que a dirección do centro lle traslade a petición á Xunta". Montero explica que "en Monforte a dirección do centro é proclive á introdución do portugués, pero pode pasar que noutros centro non o sexa, polo que nese caso a mellor vía sería a través da nosa asociación". |
NOS_49806 | Apalpador, Reis, Pai Natal... e non hai mulleres que agasallen nestas festas? Befana, Snegurochka ou Babushka son algúns dos seus nomes. | O patriarcado non se portou ben coas vellas deusas, arríncalles poder e convérteas en figuras servizais e transmisoras da obediencia, case sempre están aí para reprimir. Non é de esquecer á vella que vive dentro do pozo e que nos leva para dentro co seu gancho se nos achegamos. Esta vella galega, aínda que nunca continúa a súa historia da gancha do pozo, xa que o importante é evitar que a rapazada se arrime de máis, evoca á protagonista do conto "Frau Holle" recollido polos irmáns Grimm, unha anciá que habita no mundo do pozo ao que chega a boa doncela para procurar o fuso que lle caeu e que verá premiada a súa obediencia, fronte á súa media irmá preguiceira que vai ser castigada. Merece que se lle dedique máis tempo e espazo esta figura fascinante e con múltiples significados e variantes dentro da mitoloxía xermánica, hoxe cando sacode o seu xergón provoca coas súas plumas a neve e cando lava as súas roupas a chuvia, nalgunhas lendas viaxa co vento e observa os actos das persoas e pode premialas con galanos que leva o 24 de decembro. Desde aquí podemos viaxar a Rusia para encontrar a figura de Snegurochka, que pola súa popularidade acompaña no reparto dos galanos ao seu avó, Ded Moroz , o home frío, o substituto pagán de San Nicolás. Mais esta princesa das neves, é na súa orixe unha personaxe das lendas populares rusas, con diferentes versións, é a criatura de neve que cobra vida e polo que pola vía culta entra na danza e é inspiración para a ópera de Nikolai Rimski-Korsakov A doncela da neve, levada tamén ao cine. Befana, a bruxa que reparte Fronte a este Nadal pagán, popularizado despois da revolución rusa, cobra vitalidade a partir da perestroika o Nadal relixioso ortodoxo ruso que se celebra o 7 de xaneiro xa que a igrexa segue o calendario xuliano e que ten como figura principal para traer os agasallos aos nenos e nenas á vella Babushka, que terá moito que ver coa anciá Befana que desenvolve o mesmo labor en Italia. A tradución une ás dúas: os Reis Magos (nalgunhas versións diferentes pastores) que seguen a estrela que os leva até Belén detéñense na casa de Babushka ou Befana, unha anciá cun fogar moi limpo que os agasalla con doces e tortas. Agradecidos pola hospitalidade propóñenlle que os acompañe e que ofreza o segredo da súa cociña ao neno. Nunha versión dise que ela lles mostra os xoguetes, aínda gardados, para o seu neno que lle morreu. A finalidade da historia é que ela non os acompaña e arrepentida despois ou condenada (por non atopar o neno Xesús) percorre as casas deixando presentes para nenos e nenas que foron bos. Babushka leva unha vasoira atributo que representa a súa limpeza e unha cesta con doces e xoguetes. Befana entra pola cheminea e voa na súa vasoira o que a converte nunha bruxa boa, deixa os regalos dentro dos escarpíns que están pendurados. O nome de Befana ten relación coa palabra Epifanía e ela chega ás casas na noite de Reis. Evidentemente detrás de todas estas tradicións hai unha superposicións de culturas en que a oralidade se leva a escrita, en que o paganismo chega a acordos co cristianismo e en que as figuras femininas, sendo poucas veces relevantes á hora de dar obsequios, desenvolven un papel que non cuestiona o poder. Desde que a figura de Santa Claus se popularizou non se tardou moito en crear unha Señora Claus, que vive con el tamén no Polo Norte. Tamén desde que o Olentzero traballa máis ca nunca en Euskadi levando os regalos, este aparece ás veces acompañado de Mari Domingi, personaxe dunha canción éuscara, que se vai converter na súa noiva, unha novidade para outorgar á figura feminina o papel auxiliar e secundario de sempre. |
NOS_19297 | Hoxe inaugurouse na sede compostelá de Afundación Galicia 100. Obxectos para contar unha cultura, unha expo organizada polo Consello da Cultura que constrúe un relato da cultura galega a través da selección e da relación de cen obxectos. | A mostra foi presentada esta mañá na sede de Afundación (rúa do Vilar, 19) en Santiago de Compostela por Ramón Villares, presidente da institución, e Miguel Ángel Escotet, presidente de Afundación. Canda eles, o comisario Manuel Gago detallou o discurso expositivo dunha mostra que conta con catálogo, aplicación para dispositivos móbiles e un sitio web que aposta pola interactividade na dixitalización do patrimonio. "Galicia 100 permite construír un relato novo sobre Galiza e a súa cultura nun formato que xa está moi explorado pero que adaptamos para a nosa realidade" apuntou Ramón Villares na presentación. Canda el, o presidente da institución, Miguel Ángel Escotet, situou a mostra dentro dos eixes de traballo da entidade e incidiu na importancia da colaboración institucional ao destacar que "a cooperación é o resultado da identificación de expectativas comúns, de obxectivos compartidos e do desexo conxunto de mellora". Segundo Manuel Gago, comisario da exposición, "a mostra ofrece unha lectura da identidade e da cultura galega a través de pezas significativas, escollidas pola súa capacidade de representar tempos, épocas, xentes e mentalidades". Trátase de ofrecer ao visitante "unha experiencia na que os obxectos cobran protagonismo como punto de partida para contar como somos e como chegamos a ser o que somos". A exposición amosa unha selección de cen obxectos, entre os que hai pezas de ámbito cotiá, como pode ser un morteiro de améndoas de mediados do século XVII, un bidón de leite que representa a evolución do sector agrogandeiro ou un pote de queimada, xunto con outros máis emblemáticos como poden ser a bandeira do Consello de Galiza ou a Mariscala, cadea coa que se sospeita que foi encarcerado o mariscal Pardo de Cela. Un relato da evolución da cultura galega en función da capacidade dos obxectos de explicar aspectos da identidade, o territorio, a sociedade e a cultura galegas e os seus cambios. A mostra estará até o 18 de setembro en Santiago, desde onde iniciará unha itinerancia que a levará até A Coruña e Vigo. Lecturas cronolóxica e conceptual O proxecto expositivo ten dúas direccións. Por unha banda, está o catálogo, no que o lector se atopará unha lectura cronolóxica dos obxectos e no que estes están comentados, en textos moi divulgativos, por máis de sesenta expertos de numerosos ámbitos de investigación (historia, ciencias, comunicación, etnografía, industria), entre os que figura Francisco Díaz-Fierros, Chus Martínez Domínguez, Emilio Pérez Touriño, Xurxo Ayán ou David Barro. Este catálogo, ademais de impreso, dispón de web e unha app gratuíta para móbiles e tablets na que, ademais dos contidos textuais e gráficos, o usuario pode acceder a contidos interactivos, multimedia e participativos. A exposición reúne fisicamente case setenta obxectos da selección nunha estrutura dividida en sete grandes módulos (Poder, Territorio, Comunidade, Códigos, Transicións, Redes e Trasmundo). Na mostra, as pezas agrúpanse entre si rompendo o tradicional esquema cronolóxico e buscando o diálogo e as relacións a través de épocas, das pezas entre si e delas co visitante. A proposta anima o visitante a explorar as relacións e os sentidos entre obxectos, combinando pezas de gran valor e significado histórico con obxectos cotiás e humildes do noso pasado. Coa finalidade de difundir a exposición, está programado que nas vindeiras semanas comece un programa de visitas didácticas pensadas para un público escolar, colectivos especializados e público en xeral. |
NOS_27152 | A edición número 18 do histórico festival que se celebra en Iparralde chega cunha novidade: un concurso internacional para grupos que representen nacións sen estado para o que só é preciso encher o formulario de inscrición na súa páxina web. | Desde 1996, distintas localidades de Iparralde, o País Basco francés, erixíronse durante tres días de xuño en berce dunha cultura oprimida, a euskaldun, que se proxecta canda a lingua e a propia identidade vasca. En 1996 realizouse por vez primeira o EHZ Festibala [Euskal Herria Zuzenean ou, na súa tradución ao galego, Euskal Herria en directo], onde a arte se entende coma un medio para relatar experiencias, para denunciar e para permitir os diferentes pobos expresárense nunha linguaxe común: a da música. A 18ª edición do EHZ trae da man un concurso internacional de bandas que representen nacións sen estado Este ano, o EHZ cumpre a maioría de idade --27, 28 e 29 de xuño-- e, para o celebrar, chega cunha novidade: un concurso internacional de grupos de música que representen outros pobos sen estado, outras culturas "soterradas por outra cultura dominante que acapara toda a lexitimidade". O certame vai xa pola sexta edición, mais até o de agora estivo centrado en bandas locais de Euskal Herria, que se deron a coñecer a través do festival. Cal é o obxectivo deste ano? Permitir que as loitas dos pobos se atopen e se coñezan, ao tempo que concienciar a mocidade para que tome parte delas. E cal é o premio? No caso que nos ocupa, representar Galiza riba do cenario dun evento que xunta por volta de 20.000 persoas. Cal é o premio? Representar Galiza diante de 20.000 persoas Quen desexe participar só deberá encher o formulario de inscrición que aparece na páxina web do Festibala e que se pode consultar na nosa lingua. Os dados que se peden son o nome do grupo, o estilo de música que fai, unha maneira de estabelecer contacto, a lingua e a cultura que representa e tres temas libres de dereitos que o xurado escoitará para escoller a banda gañadora. Alguén se anota? |
NOS_26866 | O 24 de marzo de 1999 comezaron os bombardeos da OTAN contra a ex Iugoslavia, daquela reducida a Serbia e Montenegro, e que se alargaron até o 11 de xuño dese ano. Vinte anos após, Manuel Mera analiza para Sermos Galiza un conflito cuxas consecuencias continúan na actualidade. Eis un extracto da peza, publicada no número 341 do semanario. | A escusa dos bombardeos da OTAN contra a ex Iugoslavia -daquela reducida a Serbia e Montenegro- sería a presunta represión do exército contra os civís en Kosovo. Aínda que a decisión estaba alentada pola ruptura das negociacións en Rambouillet (Francia). Esta negociación realizouse nos meses de xaneiro e febreiro de 1999. O fracaso foi consecuencia dun texto imposíbel de asumir por Belgrado, xa que mentres aceptaba que Kosovo era unha provincia Serbia, convertíase de facto nunha terceira república constitutiva de Iugoslavia, porén cunha maior autonomía que Serbia e Montenegro con respecto ás relacións co Goberno Federal. E é que os deputados de Kosovo terían voto no Parlamento de Serbia mentres que esta non tería xurisdición na provincia. A intervención da OTAN fíxose á marxe da ONU e de calquera organismo internacional. Pódese dicir que se machucou a ONU, malia os intentos de Koffi Anam para evitar a descualificación. Os bombardeos contra Serbia mataron 462 soldados, 114 policías, e uns 5.700 civís. Tamén atinxiron a embaixada da China matando tres xornalistas, seica por "un erro" segundo Bill Clinton, presidente dos Estados Unidos. Das forzas atacantes só morreron dous soldados nun accidente de helicóptero. Foi un masacre, dado a desigualdade de forzas. A OTAN utilizou mil avións que realizaron 38.000 accións de combate. E malia que se dicía que a finalidade era evitar os ataques militares a civís albaneses, os bombardeos tiveron como obxectivos tanto as instalacións militares, como fábricas, medios de comunicación e servizos básicos, como as centrais eléctricas. Atacouse tamén a concentracións de civís, que querían evitar a destrución de pontes e sedes de partidos de esquerda. Os intereses Naquel intre Kosovo era unha provincia autónoma de Serbia dende 1974, cun representante no Consello Federal Iugoslavo e capacidade de veto. O que lle daba un status semellante ao das repúblicas que constituían a República Federal Socialista de Iugoslavia (Serbia, Croacia, Eslovenia, Bosnia-Hercegovina, Macedonia e Montenegro). Respecto do inicio da guerra, sen dúbida incidiron os intereses de Alemaña e o resto da Unión Europea, e por suposto dos Estados Unidos, para debilitar un Estado non controlado, polo que apostaron por desmembralo. Polo tanto, valeron de moi pouco os ensaios de desenvolvemento económico de Belgrado en Kosovo para restar forza ás reivindicacións de independencia e aos grupos que apostaban por unha solución militar, como UÇK (Exército de Liberación de Kosovo), e de forzas políticas albanesas que pretendían a integración de Kosovo nunha Grande Albania, que ademais incluiría parte de Macedonia. [Podes ler a peza íntegra no número 341 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques] |
NOS_24956 | A área sanitaria de Pontevedra-O Salnés vén de anunciar que abrirá tres novos puntos en Marín, Caldas de Reis e Sanxenxo. Porén fechan na estación de tren da cidade e reordenan o do aparcamento do hospital. | O Servizo Galego de Saúde anunciou esta cuarta feira, 5 de xaneiro, que o próximo día 10 incorporará tres novos puntos para facer test de antíxenos da Covid-19 á poboación á rede activa actualmente. Esta decisión contrasta co documento aprobado para a fase de "mitigación" da pandemia, pois esa folla de ruta suprime a práctica de PCR ou test a contactos estreitos de persoas contaxiadas en boa parte dos supostos. A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés vai estabelecer novas localizacións en Marín, Caldas de Reis e Sanxenxo, se ben destaca que se poderá acceder ás mesmas con autocita. Segundo vén de especificar, en Sanxenxo os equipos sanitarios atenderán na Sala Nauta; en Caldas no edificio da Tafona e en Marín, no acceso ao Concello. Ademais, a partir da próxima segunda feira os test faranse desde a segunda feira ao domingo. As quendas son de 8.30 horas a 13.40 horas e, pola tarde, de 15.30 a 20.30 horas. Cambios locais e globais O obxectivo é sumar estes recintos a outros xa operativos en distintos lugares como o recinto feiral de Pontevedra ou o auditorio municipal de Vilagarcía. Parará a actividade o servizo da estación de tren e no aparcamento extero só haberá "PCR de contactos que se soliciten desde a central de seguimento ou Atención Primaria". En calquera caso, esta decisión das autoridades sanitarias parece ser contraria á norma xeral pautada pola Consellaría de Sanidade no seu último documento marco para o control do coronavirus. Nese texto indica a supresión da realización das probas, quer PCR quer antíxenos, a persoas que sexan contacto estreito doutras que deran positivo polo virus. Haberá excepcións, pero o certo é que non se farán exaes de saúde ás persoas achegadas que non teñan síntomas ou que xa teñan a pauta de vacinación ao completo. |
PRAZA_19249 | Industria activa o "procedemento habitual" para avaliar se as compañías responderon correctamente ás interrupcións do subministro e os grupos da esquerda demandan que o Goberno actúe "como lle esixía" o PP ao bipartito Cando os cortes de luz polo temporal eran culpa da Xunta | A primeiras horas deste luns case 2.000 fogares seguían sen luz en Galicia polo impacto dos temporais de vento e chuvia na rede eléctrica. A maioría das incidencias correspóndense coa rede de Gas Natural Fenosa, a principal subministradora de enerxía eléctrica no país, mentres que nunha menor medida atinxiron á clientela de Begasa, a que segue sendo compañía eléctrica de referencia en boa parte da provincia de Lugo, dependente da cántabra Viesgo, que na mañá deste luns aseguraba que xa "restablecera" os subministros interrompidos. Neste contexto é no que a Consellería de Industria vén de anunciar a apertura dun expediente informativo ás eléctricas, para as que a oposición parlamentaria reclama sancións. O propio conselleiro Francisco Conde admite que o iniciado polo seu departamento é o "procedemento habitual" en circunstancias coma esta. "É necesario -di- garantir que as actuacións que se realizaron por parte das compañías eléctricas foron as correctas". En calquera caso, avanza, cómpre "agradecer especialmente o esforzo dos equipos que traballaron estes días" e que o fixeron "sen incidencias, a pesasr das duras condicións meteorolóxicas", para "restituír o servizo en fogares e empresas galegas". Mentres a Consellería inicia este expediente e anima as persoas afectadas a dirixírense ao Instituto Galego de Consumo no caso de quereren formular reclamacións dende a oposición parlamentaria ínstase o Goberno a actuar con contundencia fronte a Fenosa. E, adicionalmente, os grupos da esquerda no Pazo do Hórreo instan o Executivo a artellar liñas de axudas a colectivos afectados, ademais de contrapoñer a actitude do actual Goberno coas esixencias que o PP formulaba á Xunta dende a oposición ante os danos provocados polos temporais. "Respondan como demandaron ao bipartito que respondese" "Respondan como lle demandaron ao bipartito que respondese, senón veremos a súa verdadeira cara", retou o vicevoceiro de En Marea, Antón Sánchez, no transcurso do debate en pleno sobre os Orzamentos para 2017. Daquela, lembra, "esixían a comparecencia do señor Touriño" e atribuían os cortes de luz "á ineptitude" do presidente. Neste contexto, sinala, cabe preguntarse se ante os danos dos últimos días Feijóo "virá explicar a desfeita ao Parlamento" ou "serán incapaces e pasivos" ante as compañías e, nomeadamente, ante Fenosa, "que cobra entre 800 e 1.000 millóns de euros para o mantemento" da rede eléctrica e a creación de novas liñas. "É lóxico que se produzan cortes, pero é un abuso que duren 48 ou 72 horas" Tamén o socialista Xoaquín Fernández Leiceaga aproveitou a súa quenda para, como xa fixera o deputado Juan Díaz Villoslada o pasado domingo, instar a Xunta a habilitar xa unha liña de axudas específica. "Moitos" dos danos, sinala, están "cubertos polo seguro" en vivendas e negocios, así como polas propias compañías eléctricas, pero "unha axuda pública para o que non está cuberto" sería "benvida" pola cidadanía afectada. Pola banda do BNG a súa voceira, Ana Pontón, esixe tamén ao Goberno que non sexa "pasivo" ante os "abusos" de Fenosa. "É lóxico -admite a nacionalista- que durante un temporal se dean situacións de cortes de luz", pero "o que nos parece un abuso é que duren 48 ou 72 horas", o que ao seu xuízo amosa "que Fenosa descoida o mantemento" e non ten previsto un dispositivo especial que permita "que as avarías se solucionen en pouco tempo". "A Xunta -di o Bloque- debería habilitar unha liña de axudas inmediatas" e sancionar a compañía por "non manter as liñas en bo estado". |
PRAZA_4719 | O relator das Nacións Unidas que acaba de visitar Galicia pide máis recursos para os represaliados e declárase "sorprendido" pola inacción do Executivo e as negativas da Fiscalía a extraditar os torturadores reclamados por Arxentina. | A ONU tíralle das orellas a España. Unha vez máis. O relator especial das Nacións Unidas para a promoción da verdade, a xustiza, a reparación e as garantías de non repetición non puido ser máis claro á hora de presentar as observacións preliminares da súa visita oficial ao Estado, e que rematou a pasada semana na súa xuntanza coa Xunta e cos represaliados e asociacións da memoria histórica en Galicia. De Greiff pide máis recursos para as vítimas e lémbralle ao Goberno que as súas demandas "non son desmedidas" Pablo de Greiff reclamoulle ao Goberno central que incremente os recursos destinados ás vítimas da guerra civil e da ditadura franquista, das que destacou a súa "paciencia" ante a inacción do Executivo, así como a que deixe sen efecto a lei de Amnistía de 1977 que impide que sexan xulgados os crimes do fascismo en España. O relator da ONU recordoulle ás administracións españolas que a memoria histórica "non é un asunto de política partidista", lembrou que as peticións dos represaliados e das súas familias "non son desmedidas" e avogou por que se estableza unha "política de Estado" que non dependa "dos resultados electorais". O enviado da Nacións Unidas declarouse "especialmente sorprendido" ao observar que "non se fixo máis en favor dos dereitos das vítimas" e recomendou que se poña a situación no centro do debate "por riba de consideracións políticas". "Non son asuntos de política partidista, de redimir programas políticos particulares, senón de principios e dereitos xerais que implican a todos", destacou quen se mostrou "preocupado" por que os tribunais españois non investiguen as desaparicións provocadas pola ditadura. Tamén amosou a súa preocupación pola lei presentada polo PP no Congreso e que recortaría o principio de Xustiza Universal, xa que de saír adiante iría contra as recomendacións do Comité contra a Tortura e ao Grupo de Traballo sobre as Desaparicións Forzadas da ONU. A ONU di estar "preocupada e sorprendida" pola inacción do Estado á hora de investigar as desaparicións Por iso, de Greiff censurou a negativa da Fiscalía da Audiencia Nacional a extraditar os torturadores requiridos por Arxentina, como Billy el Niño, e declarouse de novo "sorprendido" por que a Fiscalía do Tribunal Constitucional evitase fixar unha doutrina sobre as desaparicións da guerra civil e do franquismo. Ademais, o relator da ONU tamén instou o Goberno a "reconsiderar" o Valle de los Caídos, unha homenaxe á ditadura fascista e unha ofensa máis ás vítimas, tal e como as miles de rúas e símbolos do franquismo que aínda se manteñen en España e que tamén foron censurados polas Nacións Unidas. |
NOS_38327 | Quedan pouco máis de dúas semanas para coñecer a composición definitiva do Goberno galego porén todos dan por feito que estará orientado pola continuidade. Mentres a Xunta de Portavoces pon data ao pleno de elección de Núñez Feixoo, a maioría dos conselleiros agardan repetir nas súas responsabilidades. | Tempos aqueles cando o Goberno galego era resultado de duras negociacións entre o candidato á presidencia e os poderes reais do partido. Que lonxe aqueles Executivos de Manuel Fraga xurdidos da dura discusión entre este e os seus baróns provinciais, onde cada conselleiro ou conselleira era situado na Xunta atendendo a difíciles equilibrios territoriais e cada un deles respondía aos intereses políticos do seu padriño. Existía así a cota do presidente lugués, Francisco Cacharro, pola que chegaba a San Caetano Manuel Gómez Besteiro ou Xosé Manuel Barreiro, a do señor da Coruña, Romay Becaría sempre disposta a copar a area agraria do Executivo ou a do xefe pontevedrés, Xosé Cuíña. A dereita galega da época de Fraga non pasaba de ser unha federación de partidos provinciais, onde o autentico poder se forxaba no dominio das circunscricións mediante o control das deputacións. Así, asistíamos ás pelexas entre os baróns celosos do seu territorio e un presidente da Xunta que non era quen de impor o seu criterio fóra das paredes do edificio de San Caetano, até o punto que debía presentarse como un cuneiro de prestado de Romay Becaría pola Coruña, diante da negativa de Francisco Cacharro a facerlle un oco na lista de Lugo. Núñez Feixoo é persoa de costumes polo que no seu círculo próximo dan por feito un Executivo de continuidade O Partido Popular de Feixoo non ten nada haber co de Fraga. A progresiva perda de poder territorial que o desaloxou do Goberno da practica totalidade das cidades e das deputacións, agás en Ourense, converte as estruturas provinciais en meras extensións do aparato galego da formación e a Núñez Feixoo no líder único do partido, onde mesmo o peso de José Manuel Baltar é cada día máis residual. Tanto é así que o último barón do PP na Galiza non é capaz de impor o seu criterio para elaborar unha candidatura ás eleccións galegas, conformar ao seu gusto á lista das municipais na cidade ou tentar influír na conformación do Executivo galego. As primeiras pistas sobre o novo Goberno veñen a confirmar as informacións adiantadas no seu día por Nós Diario. Malia as informacións achegadas con insistencia desde as direccións provinciais do PP na Coruña e Lugo, os seus respectivos presidentes, Diego Calvo e Elena Candia fican fora do Gabinete, debéndose conformar o primeiro cun posto na Mesa do Parlamento e a segunda cunha viceportavocía do grupo parlamentario do Partido Popular. Así as cousas, un e outro teñen que agardar para dar o salto ao Executivo galego, algo que no caso de Calvo resulta chave para continuar coas súas aspiracións de suceder a Feixoo á fronte da Xunta da Galiza. Unha das novidades do futuro Goberno galego pode ser a creación dunha nova vicepresidencia Alberte Núñez Feixoo é persoa de costumes polo que no seu círculo próximo dan por feito un Executivo de continuidade. A favor desta tese xoga que o líder dos populares galegos non vai introducir nunca mudanzas no seu Goberno ao comezo da lexislatura agás en 2012, cando releva ao fronte da Consellaría de Industria a Javier Guerra por Francisco Conde. Neste liña, o propio Feixoo xa afirmou que "non se debe descartar" a continuidade dos actuais conselleiros e conselleiras, destacou a "experiencia" e "programa" do seu Gabinete, puxo en valor o seu traballo e indicou que "a concreción exacta saberémola nos últimos días de agosto e nos primeiros días de setembro". Unha das novidades do futuro Goberno galego pode ser a creación dunha nova vicepresidencia.O debate non é novo, até o punto que esta proposta foi formulada polo grupo de confianza de Feixoo vai para catro anos, desistindo finalmente polos problemas que causaba co vicepresidente Alfonso Rueda. A distancia entre Feixoo e Rueda non deixou de medrar ao longo dos últimos anos, ao tempo que a posición deste último se debilitou polos repetidos fracasos electorais na circunscrición de Pontevedra, onde preside o partido. Francisco Conde é a persoa chamada a ocupar esa nova vicepresidencia da Xunta. A favor desta formulación xoga o interese por parte do núcleo de confianza de Feixoo de restar peso a Rueda no Goberno e pode ser defendida en base a situación de emerxencia económica que vive Galiza. Ao tempo, o actual conselleiro de Economía e de Industria, Francisco Conde fixo parte do circulo persoal do mandatario galego desde os seus anos madrileños, demostrouse como unha das persoas máis fieis ao longo destes anos e goza de favor do gabinete político e de comunicación do presidente da Xunta. A maiores, o seu ascenso non levantaría suspicacias noutros aspirantes a sucesión de Feixoo, xa que a priori o seu perfil inhabilítao para encabezar unha candidatura á presidencia da Xunta. O herdeiro O s dirixentes populares dan por feito que o sucesor de Feixoo xurdirá dun proceso de primarias. Aínda así, entenden que debe saír do Gabinete de Feixoo por iso consideran importante aos cambios que este introduza no Goberno a mediados da lexislatura. Diego Calvo e Alfonso Rueda xa se apuntaron á carreira. |
NOS_27924 | É o segundo foco de contaxio detectado en menos dunha semana neste centro hospitalario declarado polo Sergas 'libre de Covid'. | Tres días despois de se declarar un foco de coronavirus na unidade de Xeriatría do hospital Meixoeiro de Vigo, o Servizo Galego de Saúde xestiona un segundo surto no mesmo centro e que afectaría 16 persoas. Os novos casos entre pacientes correspóndense con enfermos que estaban ingresados noutra á da planta terceira, no servizo de Xeriatría e Rehabilitación. Os pacientes con Covid foron trasladados ao hospital Álvaro Cunqueiro, onde se centraliza a atención desta patoloxía. Por esta situación e de modo preventivo, hoxe volveuse a ampliar o número de camas COVID no Álvaro Cunqueiro (nas últimas horas anunciouse o aumento de 44 camas, ante o incremento nos ingresos por coronavirus). Nesta xornada habilitáronse 16 camas adicionais na vela 1 C, de modo que, en todo o hospital, son xa 174 as camas destinadas a pacientes con esta infección (134 para casos confirmados e 40 para sospeitosos). Ademais da dotación de camas, a área sanitaria viguesa reprogramou cirurxías non urxentes, para evitar a ocupación das unidades destinadas a coidados críticos por parte deses pacientes intervidos. O Meixoeiro é, segundo Sanidade, un centro 'libre de Covid' que a pasada fin de semana obrigou ao traslado dos doentes afectados polo coronavirus ás áreas especializas habilitadas no Hospital Álvaro Cunqueiro. Ademais do foco detectado na área de Xeriatría, que afectou 12 persoas, o Sergas xa informara doutro surto "controlado" entre o persoal sanitario da área de Endocrinoloxía. Segundo os datos divulgados hoxe pola Consellaría de Sanidade, a área sanitaria de Vigo suma 2.596 casos activos e 111 persoas hospitalizadas, 21 delas en unidades de Coidados Intensivos. |
NOS_2227 | AECT Río Minho destaca que a forza e presión da agrupación europea e dos concellos "fixo ver a Madrid e a Lisboa a realidade transfronteiriza e adoptar solucións" e critica a "inacción" de Feixoo. | A AECT (Agrupación Europea de Cooperación Territorial) Rio Minho considera "unha grande vitoria do territorio" a decisión dos Gobernos españois e portugués de abrir tres novos pasos para traballadores e traballadoras transfronteirizos en Tomiño, Salvaterra e Arbo. O director da agrupación europea, Uxío Benítez, a decisión responde á presión "pública e social" impulsada pola AECT e os concellos miñotos dun e doutro lado da fronteira. "Conseguimos facer visíbel en Madrid e Lisboa a realidade transfronteiriza, que dous gobernos de dous estados acordaran unha solución para os traballadores transfronteirizos", destacou. Destacou tamén a "unidade" de todos os alcaldes e alcaldesas de ambas beiras independentemente das súas siglas para denunciar unha situación "ilóxica e inxusta". Lembrou que dende o inicio do peche de fronteiras demandouse unha maior mobilidade, pero que a petición de apertura de máis pasos foi un "clamor" dende finais de abril, cando alcaldes e alcaldesas asinaron un manifesto pedindo máis puntos de paso autorizados e trasladaron un informe da Universidade de Vigo a todos os niveis da administración estatal e da Xunta . Neste sentido, Uxío Benítez foi especialmente duro co papel xogado polo presidente Núñez Feixoo, "totalmente ausente" ante as reclamacións de concellos e das persoas afectadas. "Houbo unha inacción absoluta". "O presidente desentendeuse totalmente da situación deixando nas mans dos concellos toda a reivindicación, a pesares de que debería ter activado a súa figura dentro da Comunidade de Traballo Galiza-Norte de Portugal, poñéndose á fronte. Abandonou á súa sorte esta parte do país nun momento de crise moi grave. Nin visitou a zona nin atendeu á nosa demanda de reunión. Iso di moito da importancia que para el teñen as relacións con Portugal", subliñou. |
NOS_36585 | A presión sobre o Goberno de Maduro incrementouse desde a chegada de Trump á Casa Branca en 2016. Duque, na presidencia de Colombia desde 2018, e Bolsonaro, na do Brasil desde 2019, son os seus principais aliados nesta estratexia. Tamén, a crecente influencia chinesa na rexión preocupa cada vez máis en Washington. | Mike Pompeo, secretario de Estado dos EUA, o cargo de maior rango no Goberno do país norteamericano despois do presidente, finalizou onte unha visita oficial de cinco días a Sudamérica para, segundo palabras de The Wall Street Journal, "mostrar o seu apoio ás democracias da rexión". A tournée do máximo responsábel das relacións internacionais estadounidenses incluíu catro países: Surinam, Güiana, Colombia e Brasil. Os dous primeiros son os únicos da parte continental da rexión de lingua non latina; os dous segundos son os dous principais aliados de Washington no continente; o último é a maior potencia económica de toda América Latina e ten na China o seu maior socio comercial. Güiana, Colombia e Brasil son, ademais, os tres países con quen Venezuela ─o arquiinimigo dos EUA nesta parte do mundo─ comparte fronteiras. A visita de Pompeo, polo tanto, enmárcase dentro da campaña de incremento da presión sobre o Goberno de Nicolás Maduro cando ─no medio da pandemia, arrastrando fondos problemas económicos e a menos de tres meses das eleccións lexislativas─ máis debilitado está. Un lustro de presión O conflito entre Washington e Caracas subiu de nivel en febreiro de 2014, cando as rúas do país foron escenario de violentas protestas pola vitoria de Nicolás Maduro nas eleccións presidenciais. O 18 de febreiro, o líder opositor Leopoldo López ─acusado de as promover─ entregouse á policía, e un día despois era arrestado o alcalde de Caracas, Antonio Ledezma, pola súa suposta participación nun plan para derrocar o Goberno. O 9 de marzo, o presidente estadounidense, Barack Obama, asinaba unha orde executiva declarando unha "emerxencia nacional" no país pola ameaza "inusual e extraordinaria" á seguridade nacional que representaba Venezuela. Segundo relataba na altura á BBC unha fonte do Departamento do Tesouro, a declaración viña provocada pola "ameaza á saúde do sistema financeiro estadounidense". Porén, Venezuela recibiu o apoio de case a totalidade dos países da rexión a través de organismos multilaterais como o ALBA ou Unasur. Isto, segundo explicaba Sputnik, levou a unha matización por parte dos EUA, antes da Cimeira das Américas en Panamá. Obama recoñeceu que Venezuela non era unha ameaza e atribuíu á "linguaxe estándar" a dureza das palabras da orde executiva. Porén, a presión mantívose, aproveitando ademais o desabastecemento de produtos básicos e os graves problemas económicos en Venezuela. A redistribución da riqueza durante os Gobernos de Hugo Chávez non puido ter continuidade na época de Maduro pola caída do prezo do petróleo e as carencias no desenvolvemento e diversificación da economía. Coa aterraxe de Donald Trump na Casa Branca chegaron ademais as sancións e o bloqueo económico. Nesta guerra ten no presidente colombiano, Iván Duque, un firme aliado. "A comunidade internacional ten que actuar para parar o desangre en Venezuela", pediu a Pompeo o sábado. "A cabeza da ditadura é en si mesma un criminal de lesa humanidade", engadiu. Pompeo pola súa banda agradeceu a Duque o apoio ao líder opositor Juan Guaidó e lembrou que Maduro ten unha orde de detención nos EUA por delitos de narcotráfico. Os Exércitos de ambos os dous países realizaron manobras conxuntas coincidindo coa reunión, un mes despois de Duque anunciar a posta en marcha dun "novo Plan Colombia" para "combater as organizacións criminais", especialmente o narcotráfico, lembrando así a iniciativa lanzada a finais da década de 1990 polos Gobernos de Andrés Pastrana e Bill Clinton, que serviu para combater as FARC e que deu lugar a numerosos abusos dos dereitos humanos. 'Ruta da seda' americana Mais a viaxe a Colombia de Pompeo tamén tiña un interese exclusivamente económico: contrarrestar ─como acontece en Oriente Próximo ou en África─ a crecente influencia da China en América Latina. Por exemplo, tal e como apunta Global Times, unha compañía chinesa fechou un importante acordo para o desenvolvemento do metro en Bogotá. Para Jiang Shixue, director do Centro de Estudos para América Latina da Universidade de Shanghai, o atraso no desenvolvemento das infraestruturas na rexión está causado pola falla de investimentos, situación que o Goberno chinés quere aproveitar para estreitar relacións. Os analistas do país asiático cren que os EUA buscan contrarrestar a presenza da China promovendo un proxecto similar nas Américas ao das "Novas Rutas da Seda" chinés en Eurasia. Segundo Reuters, Washington aprobou xa no que vai de 2020 un total de 800 millóns de dólares en fondos para proxectos en América Latina. |
NOS_56248 | As miradas de Isaac é a completa mostra dedicada a Isaac Díaz Pardo (1920-2012) no ano do seu centenario que se pode ver na Cidade da Cultura, | Esta divídese en dez partes: as dúas primeiras centradas na vida e traballo de Isaac e de seu pai Camilo Díaz Baliño en Compostela antes de 1936; as demais seccións conforman unha homenaxe á súa actividade renacentista e ao seu labor como recuperador da memoria artística, industrial, política e intelectual do noso país. As miradas de Isaac. Centenario de Isaac Díaz Pardo (1920-2020) / Comisarios: Xosé e Camilo Díaz / Museo Centro Gaiás, Cidade da Cultura / Compostela/ Até o 4 de abril A exposición resalta o seu contacto coa emigración e co exilio galego, nomeadamente con Luís Seoane, feito que será decisivo para levar adiante os grandes proxectos de dinamización cultural e empresarial que tiveron unha vizosa plasmación no Laboratorio de Formas, nas cerámicas do Castro e Sargadelos, en Ediciós do Castro e no Museo Carlos Maside. Díaz Pardo, testemuña e protagonista de primeira liña na evolución da cultura galega desde os anos da II República, bebe da lección da xeración de seu pai -que é a de Castelao- e traballa, en plena adolescencia, en sintonía coa xeración máis nova. Da actividade desta altura é de salientar a elaboración dos carteis da campaña do estatuto, que realiza con apenas 15 anos. Despois viría o asasinato do pai e a formación na Academia de San Fernando. Neste contexto, Díaz Pardo realiza unha pintura mediatizada polo ambiente social e cultural do momento, de clasicismo académico aínda que de persoal inventiva. Porén, a súa insatisfacción e inquedanza agudízase cando a finais dos 40 pode coñecer a obra dos grandes artistas galegos que están no exterior ou fican silenciados nun exilio interior, como é o caso de Carlos Maside. Percibe con lucidez que o escenario artístico español é ben mediocre e que nel domina un academicismo reaccionario carente de todo folgo. Para un artista que quere escapar deste mundo asfixiante, a saída é o contacto coa tradición da modernidade galega que representan creadores no exilio como Luís Seoane, o que o levará a comezar unha nova etapa vital e creativa presidida pola vontade de reconstrución do tecido cultural galego, con Sargadelos como proxecto nuclear e co deseño gráfico como ferramenta indispensábel, sen que iso supoña a renuncia total á súa dimensión pictórica que terá as súas mellores realizacións nas décadas dos 50 e 60, xa en sintonía coa a arte do Movemento Renovador da Arte Galega, en proximidade vital e estética a Seoane e cunha linguaxe influída polo sintetismo propio do deseño gráfico. |
PRAZA_14397 | CxG presenta novo logotipo e lema, A túa voz, que encabezará a campaña electoral da formación encabezada por Xoán Carlos Bascuas | Compromiso por Galicia dá os primeiros pasos de precampaña electoral propiamente dita. Despois de elixir e presentar as súas candidaturas a formación liderada por Xoán Bascuas optou por mudar levemente de imaxe, redeseñando o seu logotipo, xusto antes de dar a coñecer os seus lemas e primeiras promesas na carreira electoral do 21-O. As candidatas número dous e tres da lista pontevedresa de CxG, Sandra Araúxo e Inma López Silva, foron este mércores as encargadas de presentar ambos elementos, unha imaxe gráfica que "pretende significar punto de encontro" e un lema, A túa voz, co que apostan por amosar que "queremos ser unha forza que se basee na escoita á cidadanía", di López Silva. "En momentos nos que se están a producir detencións de políticos temos que ofrecer un proxecto aberto e público", di López Silva En opinión de ambas dirixentes procesos como as eleccións primarias "abertas" nas que foron votados os cabezas de lista do partido son unha boa mostra desta "escoita", a cal tamén queren simbolizar cos seus dous sublemas, Ti tes moito que dicir e Quero falar contigo, ambos enmarcados en globos semellantes aos dos debuxos de banda deseñada da cor verde corporativa da formación. "Nestes momentos, nos que se están a producir detencións de políticos -di López Silva, en referencia á operación Pokémon-, temos que ofrecer un proxecto aberto, público e participado" que empregue "a palabra como clave da política, entendendo a comunicación como algo bidireccional", abonda. Esa mesma fórmula gráfica, a dos globos, foi tamén a empregada durante a presentación para amosar o xeito en que Compromiso resumirá algúns dos seus compormisos electorais. Afirma Araúxo que "as proposta sse presentarán en forma de compromisos concretos". Un dos "primeiros", explica, estará vinculado ao ámbito do benestar, nomeadamente, á aplicación da Lei da Dependencia, e consiste en garantir a "inmediata axilización dos trámites da lei", aseguranod ademais o "pagamento das cantidades atrasadas aos coidadores e persoas dependentes". |
NOS_12478 | Temor a un axuste de persoal nas factorías de Sabón e a Costa da Morte após os malos resultados da poxa eléctrica. | O alto custo da electricidade pasa factura ás empresas galegas que son consumidoras importantes de enerxía. Se Alcoa aproveitou ese feito para impoñer un ERE extintivo aos seus 400 traballadores e traballadoras das factorías da Coruña e Avilés; os malos resultados da poxa de interrumpibilidade levan a que haxa preocupación noutras empresas galegas polas posíbeis consecuencias laborais. Nesa preocupación está o persoal de Ferroatlántica. O alto custo da enerxía leva a que a empresa avalíe parar algúns dos 8 fornos que a firma de Villar-Mir ten entre os centros de Sabón e Cee-Dumbría. A anterior vez que se deu tal decisión, en 2009, isto implicou un ERE temporal. A CIG propón ao goberno español, á Xunta e á patronal a creación dunha tarifa industrial estábel, con variacións predicíbeis, á que se poidan acoller as empresas electrointensivas baixo o cumprimento dunha serie de requisitos e que recoñeza o estatus específico deste tipo de industrias grandes consumidoras de enerxía. No documento propón liberar estas industrias de pagar as peaxes que non teñen unha relación directa co funcionamento do sistema eléctrico - as primas ás renovábeis, os custes extrapeninsulares, os pagos por capacidade, a segunda parte do ciclo do combustíbel nuclear ou o déficit tarifario- a cambio de cumprir unha serie de requisitos. Iso si, os custes das peaxes non abonadas polas industrias non serán asumidos polo resto de consumidores, irán a cargo dos orzamentos xerais do Estado. |
NOS_30754 | Na páxina oficial o clube asegura que "tomará as medidas internas oportunas" e insta a "pasar páxina e mirar adiante" | Os incidentes do derbi entre o Depor e o Celta continúan protagonizando a páxina deportiva no fútbol galego. Nunha conferencia de imprensa o fútbolista celtiña Hugo Mallo pediu "perdón ao clube e aos seareiros que non se merecen isto" e Iago Aspas fixo o mesmo na súa conta de Twitter. Nesta difícil situación o clube respondeu cunha nota oficial publicada na súa páxina web onde aseguran que o Celta "tomará as medidas internas oportunas" polos acontecementos de Riazor e insta a seareiras e seareiros a "pasar páxina e mirar cara adiante cunha idea clara: a equipa está a tres pontos da salvación e coa uníón de todos pode acadarse o obxectivo". O Celta reitera a súa confianza plena "na equipa e o corpo técnico" cun obxectivo que consideran que segue dependendo deles mesmos. "Nada é imposíbel", aseguran. O Celta vai ter que asumir a posibilidade dunha sanción de catro partidos a Iago Aspas nun final de liga complexo diante rivais como o F.C. Barcelona, o Mallorca ou o Zaragoza. Foto: celtadevigo.net |
PRAZA_11084 | Sen chegar ao extremo de declarar "hostil" a ningunha administración, o que non fai desde 2007, a defensora da cidadanía remitiu o ano pasado ao Goberno galego un cento de advertencias desa posibilidade | Sen chegar ao extremo de declarar "hostil" a ningunha administración, o que non fai desde 2007, a defensora da cidadanía remitiu o ano pasado ao Goberno galego un cento de advertencias desa posibilidadePara realizar o seu traballo de intermediación entre a cidadanía e as administracións a Valedora do Pobo adoita ter que pedir informes ou preguntar cuestións concretas a esas últimas que non sempre están pola labor de colaborar. Ante esas situacións a institución pode declarar "hostil e entorpecedora das súas funcións" a administración concreta que non atenda de xeito reiterado as súas peticións. Esa situación non se dá desde 2007 (daquela co Concello de Boiro), pero sen chegar a ese extremo existe a posibilidade de que a Valedora do Pobo advirta ou ameace con esa posibilidade, situación que se disparou nos últimos tempos na Xunta ata chegar a un cento de ocasións durante o ano pasado. As crecentes reticencias da Xunta a colaborar co Valedor do Pobo aparecen reflectidas no informe anual sobre as actividades desa institución correspondente a 2018 que este martes presentou a nova titular do cargo, Dolores Fernández Galiño, no posto desde hai apenas dous meses tras a dimisión en diferido da súa antecesora, Milagros Otero, por facilitar un cargo a unha sobriña de Manuel Fraga. O informe presentado este martes reflicte polo tanto, e así o salientou a propia Valedora, a actividade na institución durante o mandato á fronte dela de Otero.As áreas autonómicas de Educación e Cultura e Economía encabezan nos últimos anos o entorpecemento ás actuacións do Valedor do Pobo, que antes se concentraban en SanidadeSegundo o informe, o pasado ano o Valedor do Pobo tivo que chegar ao extremo de ameazar coa posibilidade de considerar hostil á administración por non atender as súas peticións nun total de cen veces no caso da Xunta de Galicia, coa Consellería de Economía á cabeza (38 ocasións), seguida da de Educación e Cultura (34 veces, sumadas as dúas áreas que foron divididas en dúas consellerías distintas en setembro de 2018). As cifras de 2018 permiten comprobar un aumento da falta de colaboración da Xunta nos últimos dous anos, situación que veñen encabezando as áreas de Educación e Cultura. Educación e Cultura tamén destacan no seguinte nivel de entorpecemento ás actuacións da Valedora, o de que a institución teña que reiterar as súas peticións ata en dúas ocasións antes de que a administración as atenda. Iso sucedeu o pasado ano en 52 ocasións nesas áreas e en 49 veces na de Economía. As cifras están lonxe das 131 reiteracións de peticións que chegou a facer o Valedor en 2015 á Consellería de Sanidade pero percíbese un aumento xeral na falta de colaboración do conxunto das consellerías.Os concellos de Triacastela, O Porriño e Mondariz foron ameazados en cinco ocasións cunha declaración de hostilidade por non colaborar coa ValedoraA nivel municipal, en 2018 a ameaza de declarar hostil foi formulada polo Valedor do Pobo a tres concellos reiteradamente incumpridores nun total de 5 ocasións: Triacastela, O Porriño e Mondariz.Por outra banda, a nivel xeral o informe anual da institución reflicte un aumento do número de asuntos distintos tramitados polo Valedor ao tempo que un descenso do número de reclamantes ou expedientes distintos, o que pode deberse a un descenso no número de queixas formuladas de xeito idéntico e repetido en anos anteriores por integrantes duns mesmos colectivos afectados por un mesmo problema.A Valedora salienta "a necesidade de habilitar medios para a execución forzosa" das resolucións da Comisión de Transparencia de Galicia cando estas non son atendidas polas administraciónsNo informe a Valedora tamén deixa constancia dos obstáculos das administracións non só ás súas xestións directas senón tamén á aplicación da Lei de Transparencia, coa negativa reiterada dalgunhas entidades a facilitar as informacións solicitadas pola cidadanía. Nese eido a institución salienta "a necesidade de habilitar medios para a execución forzosa" das resolucións da Comisión de Transparencia de Galicia cando estas reclaman que se facilite ao solicitante de transparencia a información pedida pero as administracións aínda así se negan a facelo. |
NOS_43055 | Solicita dous anos de cárcere para cada un dos 12 integrantes do colectivo musical, que denuncia "represión" e "falla de liberdade". | A Fiscalía da Audiencia Nacional pide 2 anos de cárcere para cada un dos 12 integrantes do colectivo de rap 'La Insurgencia' por entender que as letras das súas cancións "ensalzan organizacións terroristas", segundo recollen axencias de noticias. O colectivo, que conta cun décimo terceiro membro menor de idade, trata nas súas letras diferentes temáticas, desde a represión até as inxustizas do capitalismo, pasando polas críticas a diferentes partidos políticos. Os integrantes deste colectivo foron citados en novembro pasado na Audiencia Nacional pola maxistrada Carmen Lamela, mais naquela ocasión acolléronse ao seu dereito a non declarar. A finais do ano pasado as forzas de seguridade desenvolveron un operativo contra este colectivo por supostos delitos de asociación ilícita e contra as institucións do estado entre outros. Naquela altura, desde La Insurgencia denunciábase que o seu era un novo caso de "represión contra artistas" e que amosaba que no estado español podíase acabar na cárcere "por facer cancións denunciando as inxustizas que se cometen neste país". |
NOS_34518 | O ministro de Xustiza anunciara a semana pasada que pediría a execución provisional da sentenza e a inicios de outubro o Parlamento galego xa demandara que se dese ese paso. | A familia Franco acepta entregar o pazo de Meirás de forma provisional ao Estado aé que se resolva o seu recurso contra a sentenza que lles obriga a devolvelo ao patrimonio público e que declarou nula a compra en 1941. Así o adiantou La Opinión da Coruña, que indica que os herdeiros do ditador enviaron un escrito ao Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña, que fallou a favor do Estado sobre a propiedade do inmóbel, para avanzar que a familia "non ten intención de opoñerse" á solicitude da execución provisional do fallo e "mostra a súa disposición a, co referido carácter 'provisional' e a expensas de como se resolva o seu recurso, cumprir voluntariamente a obrigación de entrega ao seu cargo declarada na sentenza de referencia". A principios de outubro o Parlamento galego posicionouse de forma unánime a prol de reclamar ao Estado español a execución provisional da sentenza O ministro de Xustiza, Juan Carlos Campo, anunciaba a semana pasada que o Goberno estatal solicitaría a execución provisional da sentenza que devolve ao Estado a propiedade do Pazo de Meirás para saldar unha "débeda histórica". A sentenza ditada o pasado 2 de setembro pola maxistrada Marta Canles declarou a nulidade da doazón efectuada en 1938 da "leira denominada Torres ou Pazo de Meirás ao autoproclamado xefe do Estado, Francisco Franco Bahamonde, por carecer do requisito esencial de forma". Ademais, a titular do xulgado de primeira instancia número uno da Coruña condenou a familia Franco á súa devolución sen ser indemnizada polos gastos nos que afirma incorrer para o mantemento da propiedade. A principios de outubro o Parlamento galego posicionouse de forma unánime a prol de reclamar ao Estado español a execución provisional da sentenza que o pasado mes de setembro concluíu que a propiedade do pazo de Meirás (Sada), que foi durante anos a residencia de verán do ditador, é pública, o que obriga a familia Franco, en cuxas mans segue a estar este conxunto patrimonial, a restituíla sen obter ningunha retribución. |
PRAZA_16134 | O ministro rexeitara que as contas estatais asumisen o pagamento a Audasa deses tráficos, como fai cos do Morrazo, e Feijóo admitira que a repercusión desa gratuidade no resto da vía era unha das posibilidades HEMEROTECA | Feijóo admite que suprimir a peaxe de Redondela como pide o PP pode subir máis o resto da AP-9 | HEMEROTECA | Feijóo admite que suprimir a peaxe de Redondela como pide o PP pode subir máis o resto da AP-9 "Fomento acepta a proposta da Xunta de Galicia de establecer a gratuidade da peaxe entre Vigo e Redondela vía compensación nas tarifas xerais da AP-9". Con ese titular na súa nota de prensa confirmou este martes o Ministerio de Fomento que as peaxes de toda a AP-9 subirán aínda máis para compensar a Audasa pola gratuidade que a Xunta quere implantar para os tráficos entre Redondela e Vigo. O ministro rexeitara que as contas estatais asumisen o pagamento a Audasa deses tráficos, como fai cos do Morrazo, e Feijóo admitira que a repercusión desa gratuidade no resto da vía era unha das posibilidades A circulación pola AP-9 entre O Morrazo e Vigo, ao seu paso pola ponte de Rande, é gratuíta para o usuario grazas a que Fomento compensa por eses tráficos a Audasa, a concesionaria, a través dos orzamentos estatais e cun cálculo polo que esta estivo a obter un enriquecemento inxusto, segundo admitiu o propio ministerio. Porén, a circulación entre Redondela e Vigo, nun traxecto máis curto que non emprega a ponte, segue a ter unha peaxe de 0,90 euros para os turismos e de 1,95 euros para os vehículos de maior tamaño. Iso fai que moito tráfico, especialmente o pesado, opte por circular nese treito pola estrada convencional, que na práctica converteuse nunha rúa máis da cidade de Vigo. O Concello de Vigo quere que tanto ese tráfico como outros procedentes dos peiraos situados ao norte da cidade empreguen a autoestrada e non as rúas da cidade, que está restrinxindo progresivamente aos vehículos pesados. A solución que impulsa a Xunta é a supresión da peaxe de Redondela para que parte deses tráficos se sintan atraídos a circular pola autoestrada e non polas vías convencionais. Pero Fomento rexeita asumir novamente esa gratuidade con cargo aos orzamentos do Estado, así que ou a Xunta a paga dos seus orzamentos, ou o único xeito de compensar a Audasa por esas peaxes que deixará de ingresar en Redondela é permitirlle que as suba no resto da autoestrada. E iso, como hai unhas semanas admitía Feijóo que podía suceder, é o que acaban de acordar este martes Fomento e Xunta nun encontro entre a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, e o secretario de Estado de Infraestruturas, Julio Gómez-Pomar, no marco da comisión de seguimento da AP-9 constituída entre as dúas administracións. Nin Fomento nin Xunta concretaron aínda os detalles desa subida xeral das peaxes na AP-9, que se acorda nun ano en que esas taxas xa van subir preto dun 4%. Fomento e Xunta deitan no Concello de Vigo a responsabilidade de deseñar o novo enlace de Teis para captar cara a autoestrada parte dos tráficos pesados aos que o acceso de Redondela lles queda moi lonxe Tras a reunión deste martes a Xunta tamén transmitiu que Fomento trasladará ao Concello de Vigo os requisitos que debe ter o proxecto técnico para construír o novo acceso á AP-9 que a cidade quere habilitar aínda máis preto do seu centro, en Teis, para captar a través del cara á autoestrada os tráficos aos que o acceso de Redondela lles queda moi lonxe. O alcalde de Vigo, o socialista Abel Caballero, viña reclamando a Xunta e Fomento que fosen esas dúas administracións as que ofrecesen unha solución, pero estas respóndenlle que debe ser el quen deseñe ese novo enlace. |
NOS_17960 | O padroado da Fundación do Pedrón de Ouro concedeulle o Pedrón de Ouro 2016 ao Coro Galego Cántigas da Terra da Coruña e o Pedrón de Honra á filóloga Carmen Mejía Ruiz, presidenta da Asociación Internacional de Estudos Galegos. | No ano do centenario da creación das Irmandades da Fala, a Fundación do Pedrón de Ouro quere recoñecer a traxectoria dunha das súas creacións: o Coro Cántigas da Terra, que este ano tamén cumpre os seus 100 anos de existencia. Esta iniciativa respondía ao anceio das Irmandades de conservar e difundir as expresións artísticas de música, teatro e baile tradicionais, que apreixan as formas de vida, costumes e crenzas dunha comunidade e reflicten o sentir da súa xente, procedendo como un elemento socializador que fortalece a cohesión grupal e se revela como un dos referentes identitarios de singular significado. Fundado na Coruña en 1916 e presidido polo escritor, académico e membro Irmandiño Eladio Rodríguez González, Cántigas da Terra, coa sede social no barrio de Monte Alto, ofreceu a súa primeira actuación no Teatro Rosalía de Castro o 12 de xullo de 1917 dirixido polo mestre Mauricio Farto. E a continuación a entidade ampliou a súa dimensión artística creando o grupo teatral baixo a dirección artística de Leandro Carré. Até a Guerra Civil, Cántigas da Terra mantivo unha intensa ligazón coas Irmandades. Logo do alzamento militar de 1936, malia as dificultades da nova situación, o Coro sobreviviu mantendo o canto en galego afastado das directrices institucionais do réxime. Na década dos 50 refixeron o seu esplendor artístico e nas dos 60, 70 e 80 aumentaron considerablemente as súas actuacións, destacando a asistencia anual ao festival intercéltico de Lorient, ofrecendo unha proposta escénica na que se combinan canto, pezas instrumentais e danza, unha tradición herdada e transmitida oralmente e que se erixe en parte esencial dunha identidade sustentada na memoria colectiva da nosa comunidade rural. Carmen Mejía Ruiz Doutora e profesora titular de Filoloxía Románica na Universidade Complutense de Madrid, Carmen Mejía exerce a docencia sobre literatura galega, historia da lingua galega, literaturas románcicas e da materia "Literatura e Identide na península Ibérica". As súas liñas de investigación son, entre outras, a poesía peninsular comparada, as linguas en contacto e o conflito de identidades culturais minoritarias. É a directora de Madrygal. Revista de Estudios Gallegos, publicada en Madrid. No Congreso celebrado en Bos Aires en 2015 foi nomeada presidenta da Asociación Internacional de Estudos Galegos. Carmen Mejía, nada en Valdepeñas (Ciudad Real), é -segundo a Fundación Pedrón de Ouro- unha "galega de vocación dedicada a que a nosa cultura brille no exterior". Ademais da súa actividade docente e directora de teses de doutoramento que tratan da problemática do galego, como activa defensora da nosa cultura participa en todo tipo de actos culturais de temática galega que se celebran en Madrid. Dos logros desta profesora da UCM cómpre salientar a creación da revista Madrygal, aparecida en 1998 por iniciativa do Departamento de Filoloxía Románica, Eslava e Lingüística Xeral da UCM co obxectivo de contribuír á consolidación, desenvolvemento e difusión da lingua, literatura e cultura galegas desde fóra de Galicia e máis alá do seu ámbito educativo, filolóxico ou político. A publicación leva no título as iniciais de Madrid e Galicia como punto de partida para establecer un diálogo transfronteirizo. Conta coas seccións de Artigos, Crónica, Creación, Tradución, Entrevista e Recensións. A primeira directora foi María Josefa Postigo Aldeamil ata o número 4, cando pasou a compartir este cargo con Carmen Mejía Ruiz, anteriormente subdirectora e a partir do número 7 a súa única directora. Alonso Zamora Vicente figura como director honorífico. Acto de entrega O Pedrón de Ouro trata de sobrancear aquela personalidade ou entidade viva, residente en Galiza, que máis se teña destacado na defensa e promoción das diversas facetas da cultura nacional ao longo do ano ou na traxectoria dunha vida. Co Pedrón de Honra, a Fundación pretende distinguir a personalidade ou entidade viva, galega ou non, residente fóra da terra que máis se destacase coas súas achegas ao engrandecemento da nación e a súa cultura. O acto de entrega dos Pedrón de Ouro e Pedrón de Honra terá lugar o próximo 22 de maio nun acto literario no que actuarán de mantedores o musicólogo Balmero Iglesias, "Mero", e a profesora da Universidade de Vigo, Ana Acuña, que se celebrará na Casa Museo de Rosalía, en Padrón, ás 12.30 horas. |
NOS_57661 | O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, sinalou que considera "unha mágoa" que Xosé Manuel Beiras aposte noutro tipo de proxecto que poida reforzar máis unha candidatura estatal como Podemos. | Nunha entrevista concedida á SER-Galiza no día de onte, o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, lamentou que Xosé Manuel Beiras, líder de Anova, aposte en reforzar "máis" unha forza estatal como Podemos de cara ás eleccións xerais. Ademais, Vence declarouse sorprendido por que Beiras non desbote encabezar unha candidatura para os próximos comicios. "Polo momento vital en que se atopa, sorprende que teña forzas para encarar unha candidatura de cara ás xerais", apuntou. O nacionalista sinalou que se trata dunha decisión "moi persoal" que respecta polo "aprezo" que lle ten a Beiras. O portavoz do BNG confesou que a formación frontista non renuncia a que poida haber unha candidatura unitaria galega. Neste sentido, avogou por "explorar até o final" as posibilidades. Sobre a asamblea de Iniciativa pola Unión, que tivo lugar onte en Compostela, Vence salientou que foi "un punto de inflexión importante para traballar por unha candidatura galega de unidade". O portavoz nacional do Bloque, que insistiu en expresar o desexo de que se faga realidade unha candidatura galega o máis ampla posíbel, así como un grupo parlamentar galego, amosouse crítico co preacordo adoptado entre Anova, Esquerda Unida e Podemos de cara aos comicios xerais. |
PRAZA_1565 | Das 236.981 persoas rexistradas en maio en Galicia como demandantes de emprego, 123.147 non recibían ingresos de ningún tipo. A porcentaxe de desempregados e desempregadas que perciben algunha prestación pasou do 58% ao 48% dende o 2012. | As cifras totais de desempregados levan meses descendendo en Galicia e no conxunto de España. Porén, continúan en niveis moi elevados. Atendendo unicamente aos datos de persoas inscritas nas oficinas de emprego (distintos e inferiores ás que ofrece a EPA, por exemplo), en Galicia hai aínda 229.062 persoas que buscan activamente un traballo e non o atopan, 29 mil máis das que había en xuño de 2009 e 77 mil máis das rexistradas nese mes de 2008, nos momentos previos á crise. A crise foi baleirando as reservas económicas de moitas persoas, sobre todo das que quedaron sen emprego, e a medida que esa situación se prolonga, os seus efectos son máis grandes. Dende o inicio da crise a porcentaxe de desempregados que perciben algunha prestación non deixou de diminuír. Se en 2009 aínda era do 68%, en 2012 caera ata o 58%. A finais do pasado ano situábase lixeiramente por riba do 51% e este mes de maio, segundo se vén de coñecer este xoves, a taxa caeu por primeira vez por debaixo do cincuenta por cento, ata o 48,03% exactamente. Isto quere dicir que entre as persoas inscritas como demandantes de emprego en Galicia son máis as que non reciben ningún tipo de ingreso (123.147) que as que si o fan (113.834). Se tomamos estes datos en relación á cifra total de desempregados que ofrece a Enquisa de Poboación Activa (275 mil en marzo), a porcentaxe apenas supera o 40%. Ademais, entre eses 113.834 que aínda reciben algún tipo de ingreso son cada vez menos os que perciben unha prestación contributiva, na actualidade só 44 mil, moi por debaixo dos 80 mil de hai apenas dous anos. O resto foi esgotando en moitos casos ou seus dous anos de prestación de desemprego e se ten que conformar,no mellor dos casos, con algunha das modalidades de prestación non contributiva, de contía moi inferior. 54.622 reciben o subsidio de desemprego (uns 426 euros, o 80% do IPREM); 13.040 perciben unha Renda Activa de Inserción (426 euros); e outros 2.141 están nalgún Programa de Activación do Emprego. O resto, non ten ingreso ningún Beneficiarios totais Prestación contributiva Parados inscritos % que recibe algún ingreso Maio15 113.834 44.031 236.981 48,03% Dec14 128.998 57.137 251.918 51,02% Maio14 135.597 60.909 263.444 51,47% Dec13 149.687 73.795 271.063 55,22% Maio13 158.692 80.106 283.886 55,9% Dec12 161.782 85.921 278.787 58,03% Maio12 159.867 82.827 276.608 57,8% Dec11 156.880 84.097 258.234 60,75% Maio11 143.051 73.225 240.014 59,6% Dec10 153.315 78.875 237.313 64,6% Maio10 151.165 75.406 228.507 66,15% Dec09 151.828 83.400 222.839 68,13% Os sindicatos fixeron fincapé este xoves no aumento das persoas desempregadas sen ningún tipo de cobertura. O secretario confederal de Emprego e Industria da CIG, Miguel Malvido, salientou que "cada vez son máis os parados/as que non teñen ningún ingreso". Dende UGT destacouse que "hai 123.147 desempregados sen ningún tipo de cobertura, co forte risco que supón isto de caer en situacións de exclusión social e pobreza". Para UGT, estes datos "avalan a necesidade de poñer en marcha" a prestación de ingresos mínimos que o sindicato está a impulsar xunto con CCOO a través dunha ILP. Neste senso, Maica Bouza (secretaria de Emprego de CCOO) sinalou que cómpren "políticas que poñan as persoas no centro de atención e incrementen a protección social" para eliminar as situacións de pobreza e exclusión que se están a producir". E tamén apelou á proposta de CCOO e UGT de implantar unha prestación de ingresos mínimos que ten como finalidade protexer a moitas persoas que hoxe están excluídas da cobertura por desemprego. Trátase dunha prestación equivalente ao 80 % do IPREM (426 euros mensuais), destinada ás persoas que levan máis dun ano en desemprego, que carecen de rendas e que non reúnen os requisitos para acceder a prestacións contributivas ou asistenciais de ningún tipo. |
NOS_45425 | Solicitan investigar as "notábeis irregularidades" do certame ao tempo que gaban o labor dos profesionais do ente público que o fixeron posíbel. | A vitoria de Chanel no Benidorm Fest segue a dar que falar. Nas redes sociais, no Congreso dos deputados e Deputadas mais tamén no seo de RTVE. Ás críticas da audiencia sumáronse as de BNG e Galicia en Común, que esta segunda feira presentan varias preguntas dirixidas ao Consello do ente público co ánimo de aclarar os criterios que se fixeron valer para escoller o xurado profesional, puntuar cada proposta artística e artellar o sistema de votación popular. A esta recua de propostas hai que engadir agora as dos propios sindicatos de RTVE, que piden "deixar sen efecto" o triunfo de Chanel e investigar as "notábeis irregularidades". "As presuntas irregularidades son importantes, tan notábeis que se debería deixar sen efecto a elección da canción que representará España no Festival de Eurovisión", explica o sindicato nun comunicado. Máxima publicidade "As distintas direccións implicadas deben aclarar, de maneira urxente, como e quen seleccionou ao xurado do Benidorm Fest. Coa mesma urxencia RTVE debe facer públicas as actas das votacións e as incidencias rexistradas, todas no seu conxunto. RTVE debe aclarar urxentemente as relacións entre membros do xurado e a cantante Chanel Terrero. Debe quedar claro se hai conflito de intereses, debe quedar claro o sentido do voto das persoas que, no xurado, teñen ou tiveron relación coa cantante gañadora do festival", asegura. En conxunto, piden explicacións á televisión pública sobre os argumentos do xurado, as razóns que motivaron a súa elección e, de existir, os vínculos que os relacionan coa proposta gañadora. Arredar o debate Ao tempo que os sindicatos urxen respostas, desde RTVE defenden o sistema de votación do Benidorm Fest. Malia as críticas recibidas, a corporación pública asegura nun comunicado que "en calquera concurso competitivo son moitas as persoas que non ven cumpridas as súas expectativas. En todo caso, a grandeza de toda competición consiste en aceptar plenamente as regras até as súas últimas consecuencias". RTVE recoñece a "controversia" sobre o procedemento escollido para elixir a representante de España no festival de Eurovisión, e con todo, considera "positiva" a experiencia. Neste sentido, destaca o seu compromiso "coa música española" e avoga por centrar os esforzos "á marxe de debates". "O máis importante nestes momentos é apoiar unidos a Chanel", declarou. Recoñecemento profesional Por outra parte, os sindicatos de RTVE non deixan escapar a oportunidade para eloxiar o labor dos profesionais da televisión pública estatal que participaron e fixeron posíbel o festival. Afastan o seu mérito da polémica e aproveitan o comunicado para "facer un recoñecemento moi especial ao conxunto de profesionais de RTVE que, cun excelente traballo, demostraron a capacidade de produción que ten a Corporación. A profesionalidade e calidade do traballo que se demostrou debe servir de punto de arranque para a RTVE que necesitamos". |
NOS_42904 | Catro xornadas de sons extremos, metálicos, acelerados ou ralentizados pero duros, salvaxes, escuros. Algo así ofrece o Resurrection Fest de Viveiro, que comeza esta cuarta feira e remata o sábado 6 de xullo despois de que case un cento de bandas pasen polos seus catro escenarios. Entre elas, algunhas míticas -Slayer, Testament-, outras de culto -Converge, The Adicts- e con presenza galega -Moura, Lóstregos, Cró!, Archivo Adxunto. | O Resurrection Fest, cuxa historia se remonta a 2006, é xa unha das principais citas europeas no que a rock no límite se refire. A programación, de base metálica, ábrese ao punk, ao hardcore, ao post rock ou ao progresivo. Mais conta con catro ou cinco indiscutíbeis cabezas de cartel. Logo do inicio deste 3 de xullo a partir das cinco da tarde con bandas como Bury Tomorrow, Municipal Waste ou Ignite, será a quinta feira a que acolla o primeiro dos concertos estrela: o dos estadounidenses Slayer, pioneiros do subxénero trash, versión rapidísima e influenciada polo hardcore do heavy. O nu metal de Slipknot, celebrada banda dos 90, protagonizará a noite da sexta feira, 5 de xullo. Na ampla oferta desa noite haberá tamén tempo para o metal sinfónico ou black metal melódico -as etiquetas non son doadas de delimitar no mundo metálico- dos ingleses Cradle of Filth ou para Converge, estadounidenses, que alguén cualificou de mathcore -hardcore matemático. O sábado 6 de xullo será a quenda doutros veteranos trash: os californianos Testament. King Diamond, danés e ex integrante de Mercyful Fate, ou Lamb of God, tamén estadounidenses e practicantes de metal core, son outros nomes salientábeis dunha última xornada en que pasarán 29 bandas polas táboas. E é que entre os 92 grupos que participan no Resurrection Fest hai oferta de todo tipo. Dos vascos Berri Txarrak (sábado, 6 de xullo) aos galegos Cró! (quinta feira, 4 de xullo) aos portugueses Serrabulho (sexta feira, 5 de xullo) ou os españois Toundra (quinta feira, 4 de xullo). Nota: táboa cos horarios do Resurrection Fest 2019. |
PRAZA_15709 | Implicadas no Desenvolvemento celebrou en Compostela o Implícate 2016!, que apelou ao compromiso co Sur sen paternalismos, visións exotizantes nin caridades. | Díxoo ben Caxade. No medio do barullo, as afiadoras da realidade como Implicadas no Desenvolvemento botan unha luz que alumea o camiño certo. Un camiño no que, segundo salientaba a poeta Yolanda Castaño, non hai paternalismos, nin visións exotizantes da outra, nin nada de poñer voz a quen xa a ten, nin de caridade. Foi no Implícate! 2016, o festival que cada ano celebra Implicadas no Desenvolvemento para difundir o seu traballo da cooperación. Comezou o Implicadas 2016 coa actuación de María Manuela, que interpretou, antes de nada, Cantares de Celso Emilio Ferreiro. "Que ninguén queira ensinarme/ ónde ei de buscar a frol/ cómo ei de beber o viño,/ cándo ei de tomar o sol./ Que naide queira ordearme/ as preces que ei de rezar,/ os libros que debo ler,/ os vítores que ei de dar". E foi unha boa maneira de introducir, despois doutro poema musicado, -de Xohán Vicente Viqueira-, o discurso de Yolanda Castaño, presentadora do acto, sobre o traballo de Implicadas, realizado, -sinalou-, cun enfoque de xénero, crítico e aconfesional. Entrou despois o humorista Pedro Brandariz, que ironizou arredor dos prexuízos sobre os galegos, antes de que Yolanda Castaño dese paso á actuación da bailarina Ánxela Blanco. Unha Penélope enredada nas súas cordas, das que se vai desfacendo cando o decide. Saíu a seguir o primeiro vídeo da campaña Suma, que convida a implicarse coa ONG organizadora. Suma, que conta tamén cunha aplicación de móbil actuou, coas súas tres partes (suma coñecemento, suma fondos e suma tempo), de fío condutor da noite. E lendo un texto no móbil a poeta Andrea Nunes Brións presentou a tamén poeta Olga Novo, que lembrou a avoa lumpenproletaria e a filla no seu pequeno recital. De mulleres tamén falou María Manuela na súa volta ao escenario. De mulleres loitadoras, que pelexan pola igualdade e pola liberdade. O poeta Elías Portela subliñou, despois, antes de recitar e cantar, que sen cultura non hai desenvolvemento. E mostra da mellor e máis novidoso da cultura que se está a facer no país é o grupo teatral A Panadaría, -que interpretou ante o público un pequeno resumo da súa obra Pan, Pan!-, exemplo, -como sinalou Marga Pazos, que compartiu con Yolanda Castaño a condución do evento-, de empoderamento feminino e perspectiva de xénero. Lucía Aldao presentou desde o público, como antes o fixera Andrea Nunes, a poeta Susana Arins, que reivindicou o aprendido das compañeiras do Sur e rexeitou o colonialismo e o imperialismo antes de apelar a unha Moncha Reboiras, heroína nacional posible. Os da Ría chegaron despois e, na mesma liña pero desde unha perspectiva ben diferente, a do humor, citaron á "María Manuela á que lle van dedicar o Día das Letras" antes de cantar un tema do seu novo disco, Rosita Fernández Teijeiro, e un dos seus "xites", Infanta Elena. Pepe Valverde recolleu máis tarde o premio Implicadas, antes do minirecital de Román Raña. Caxade púxolle fin ao acto con dous temas do seu disco A Dança dos Moscas. |
NOS_17160 | Este mes fai 13 anos que morría un dos poetas máis populares de Galiza, Manuel María Fernández Teixeiro. E como cada cabodano, a fundación que acolle a casa natal do escritor en Outeiro de Rei celebra a súa memoria co festival Lúas de Outono, no teatro Rosalía de Castro da Coruña. Esta cuarta feira, ás 20.30 horas do serán, a compañía Lucecús representará A verdadeira historia do poeta Manuel de Paderna. | Manuel de Paderna foi un poeta popular decisivo na formación de Manuel María (Outeiro de Rei, 1929 - A Coruña, 2004). A sombra da súa figura comparece en varias obras do autor de Morrendo a cada intre (1952), entre elas o libro infantil A tribo ten catro ríos (1991). "A través da figura de Manuel de Paderna facemos un percorrido pola xeografía de Manuel María e os seus textos", explica Rubén Pérez Pombo, de Lucecús Teatro, "a obra é unha celebración da vida, da nosa cultura e do noso país e da celebración do espírito de Manuel María". Alberto Ansede, da Fundación Manuel María -organizadora do evento, cuxa entrada é de balde até completar aforo-, salienta a influencia de De Paderna en Manuel María: "Con el achegouse a versificar". E lembra a frondosidade da obra dramática dun autor, Manuel María, coñecido sobre todo pola súa poesía. Trinta e seis pezas teatrais convérteno nun dos dramaturgos máis prolíficos da literatura galega e que, a xuízo de Ansede, será "descuberto" polo público cando sexa reeditado. |
PRAZA_4998 | Feijoo e Rajoy non desvisten a xestión pública, só lle cambian o fondo de armario: desfanse da roupa de tecidos naturais, e cores mornas, vivas e rechamantes; e no seu lugar, vístenlle transparencias de poliéster en plena invernía, que mesmo da frío só mirala. | O xoves 13 de Febreiro, véspera de San Valentín, baixáballe un café de cedo na Nave do Vidán, en Santiago. Como El País e El Mundo estaban ocupados, e tamén o Sermos Galiza, decidín enredar coas follas de El Correo Gallego. In illo tempore, cando se podía fumar, aínda un lle botaba un cigarro e xogaba a facer aneis de fume e mirar como ían ascendendo cara o teito; pero agora esas exquisiteces remataron e a reconversión foi dura, sobre todo para os que somos de mans inquedas e parola escasa. Que facemos entre grolo e grolo? A Deus grazas, aínda temos nos mostradores xornais e revistas para ir temperando a angustia do silencio e da nada. A medio xornal, nas páxinas adicadas ás Terras de Santiago, enfociñei nun titular de letras gordas. "A Garda Civil rexistrou durante dez horas o Concello de Coristanco", dicía. Vaia, ho! Non vai haber tricornios para tanto Concello corrupto Fun pasando as follas sen sobresalto. Pero a medio xornal, nas páxinas adicadas ás Terras de Santiago, enfociñei nun titular de letras gordas. "A Garda Civil rexistrou durante dez horas o Concello de Coristanco", dicía. Vaia, ho! Non vai haber tricornios para tanto Concello corrupto, pensei, asemade intentaba situar Coristanco no mapa. Veume de primeiras á cabeza a famosa pataca, pero debo recoñecer que no asunto cartográfico non cheguei mais aló de situalo onda Carballo, non sabía se cuartas arriba ou cuartas abaixo. Ben, xa miraría nalgún mapa que houbera pola casa; agora debía seguir lendo a crónica asinada por José M. Ramos, o correspondente de guerra en Coristanco. Seica aí contra as 9:30 da mañá, entraron no Concello axentes da Garda Civil a remexer nas dependencias municipais, na procura de documentación de contratacións relativas a varias empresas da localidade; e ás 19:30, dez horas despois, abandonaron o Consistorio con varias caixas nas que levaban a colleita apañada. Cóntase despois que xulgado ordenou o rexistro e fáiselles sitio ás primeiras declaración do xerente dunha das empresas investigadas, onde nega calquera relación de tipo persoal co alcalde, un tal Antonio Pensado. Ben pensado, despois de 250 palabras, xa horas era que fora saíndo por algures o nome do alcalde, que un non é de Coristanco nin adiviño, que xa aquilo parecía un Concello pantasma sen patrón nin mariñeiros. 50 palabras despois -xa imos nas 300-, do alcalde só sabiamos o nome, e comezaban as referencias ás primeiras reaccións dos grupos políticos da oposición 50 palabras despois -xa imos nas 300-, do alcalde só sabiamos o nome, e comezaban as referencias ás primeiras reaccións dos grupos políticos da oposición: Amancio Lavandeira, voceiro de TeGa, e Laura Mariño, voceira do BNG. E con este coñecemento chego ao remate da crónica, 450 palabras despois: Sei o nome das empresas investigadas, e como se chaman os voceiros da oposición e a que grupo político pertencen; pero do alcalde, patrón e máximo responsable do Concello rexistrado, só sei o nome e a pinta, pero non de que pé coxea. Segundo o texto de José M. Ramos, en Coristanco hai xente tega, xente benegá e xente a secas. E o alcalde debe ser destes últimos. Daquela vexo un recadro con foto, á dereita do texto da crónica. Baixo o título El Protagonista, aparece por segunda vez Antonio Pensado, no papel de Alcalde, e o retrato dunha cabeza importante, con papada e pelo en retirada, lambido cara atrás. Será xente a secas, pero dálle a pinta que gusta de lamber na cazola (Recoñezo que aquí hai moito de envexa, xa que eu son mais ben frugal). Leo con atención o texto do recadro, confiado en que o correspondente desvelará por fin a familia política do protagonista, botando por terra tódalas miñas teorías conspiratorias e demais maldades das que é capaz a miña mente ideoloxizada e malpensada. Nada que vai a ningures! Nas 70 palabras do recadro tampouco se contaba nada da filiación política do protagonista. Feijoo e Rajoy non desvisten a xestión pública, só lle cambian o fondo de armario: desfanse da roupa de tecidos naturais, e cores mornas, vivas e rechamantes; e no seu lugar, vístenlle transparencias de poliéster en plena invernía, que mesmo da frío só mirala Estou afeito a que os políticos teñan, ademais de nome, un apelido identificador da familia ou clan ao que pertencen e representan; e se non hai apelido, coma neste caso, acéndenseme as luces de avaría e chían as alarmas, xa que perdo a orientación e non sei onde carallo anda o inimigo. Así debía ser a información nos tempos de Paca, la Culona. Unha friaxe percorre o meu espiñazo e arrimo o bandullo no mostrador con forza, para non caer. Escoitei xa moitas veces dicir que a política ideoloxizada de Zapatero deu paso á espida xestión pública de Rajoy; pero os galegos levamos xa cinco anos escoitando dicir o mesmo de Feijoo, e sabemos que tal cousa é un conto, ou unha simulación da realidade en diferido. Feijoo e Rajoy non desvisten a xestión pública, só lle cambian o fondo de armario: desfanse da roupa de tecidos naturais, e cores mornas, vivas e rechamantes; e no seu lugar, vístenlle transparencias de poliéster en plena invernía, que mesmo da frío só mirala. Para que vexades que non toleei, aí vos axunto o artigo de El Correo Gallego. |
NOS_31091 | O vicepresidente primeiro da Xunta mantivo un encontro de traballo con representantes deste sector. Na reunión -na que tamén participou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña- púxose sobre a mesa unha proposta de mínimos para facer a proba piloto que avalíe se é viábel a reapertura destes estabelecementos na Galiza. | Após meses de fechamento e incertezas, o sector do ocio nocturno parece avanzar cara unha posíbel recuperación da actividade. O vicepresidente primeiro do Goberno galego, Alfonso Rueda, falou hoxe dunha hipotética desescalada cara "finais de xuño" se a situación epidemiolóxica o permite. Malia que hai semanas a previsión era abrir en maio se as probas saían ben, na reunión mantida hoxe entre representantes da Xunta e das e dos empresarios a Administración aludiu a que o traballo se retomaría "a finais de xuño". Aínda que as datas que fornece a Xunta da Galiza seguen atrasándose, cando menos xa se fala de que condicións serían precisas para que discotecas e pubs de todo o país poidan volver a traballar nun futuro próximo. Polo de agora, o que puntualizaron tanto Rueda coma o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, é que haberá que facer as probas piloto previas a unha desescalada nestes negocios, que levan fechados desde o verán pasado (e apenas tiveron tempo de operar). Medidas especiais e permiso "reversíbel" Para iso propuxeron un programa de actuación que inclúa a máscara como complemento obrigatorio, capacidades moi reducidas no interior dos locais e instalación de sistemas de medición de CO2 (ao igual que nos restaurantes) para garantir a ventilación e reducir ao máximo o risco de contaxios. Haberá que agardar á valoración do sector, se ben tamén se advertiu de que aínda que se permita abrir no verán este cambio de condicións será "gradual" e "reversíbel", de maneira que se adaptará á evolución da pandemia en cada localidade. Mentres non hai solución, a Xunta falou dunha liña de axudas de catro millóns de euros para intentar rescatar polo menos a unha parte desta tipoloxía de estabelecementos da hostalaría. |
NOS_42194 | Ana Pontón reitera a condena do Bloque á invasión de Ucraína e traslada "toda a solidariedade co pobo ucraíno". | A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reiterou esta sexta feira a condena da súa formación á invasión de Ucraína e súmase á petición da retirada das tropas rusas, ao tempo que traslada toda a solidariedade co pobo ucraíno. "A nosa cabeza e o noso corazón están co pobo de Ucraína, que está sufrindo unha situación intolerábel, e por iso queremos volver dicir non a esa guerra, e dicir que hai que retirar as tropas rusas", salientou, mentres trasladaba todo o apoio á poboación, "porque as guerras sempre teñen intereses imperialistas detrás, mais o grave é que mentres os imperios gañan, os pobos perden", subliñou. Desde o BNG insisten nunha volta á diplomacia como "único camiño para lograr a paz". Rusia confirma que os seus soldados entraron en Kiev Carballo de Conxo A líder nacionalista fixo estas declaracións durante a visita ao Carballo do Banquete de Conxo para pedir un "último esforzo" no proceso de votación e lograr que sexa recoñecido como árbore europea do ano, tendo en conta que, "ademais do seu valor natural, ten unha significación vinculada á historia da Galiza significando valores de igualdade, fraternidade e liberdade, máis necesarios que nunca". O futuro da Xunta Noutra orde, Pontón tamén fixo referencia á crise do PP, "non tanto polo futuro de Feixoo senón polo futuro da Galiza". Preguntada por se unha hipotética marcha do presidente do PP galego facilitaría un cambio político no país, a líder do Bloque evitou entrar nunha anticipación de acontecementos, aínda que si enumerou tres cuestións que, ao seu xuízo, condicionan a decisión de Feixóo. "A primeira, que quere garantías de que Ayuso non será unha competidora porque o que espera é unha alfombra vermella; a segunda, que é consciente da debilidade do seu goberno e, a terceira condicionante, que é plenamente consciente de que hai unha alternativa sólida que é a que representa o BNG, e que se hoxe se convocaran eleccións teño a absoluta certeza, igual que penso que a ten o señor Feixoo e o PP, de que estamos en disposición de disputarlle a hexemonía e a presidencia da Xunta", explicou. A portavoz do Bloque insistiu tamén en que Feixoo deber "aclarar" a súa valoración sobre os 283.000 euros de comisión que tería recibido o irmán da presidenta madrileña, Isabel Díaz Ayuso, por parte dunha empresa que recibiu contratos 'a dedo' do goberno de Madrid. "Considera ético que se beneficiara deses contratos no peor da pandemia?", interpelou. |
PRAZA_11368 | Marina Ortega repite como cabeza de lista do PSdeG por Ourense para as xerais. Prefire non falar aínda de posibles acordos tras uns comicios nos que ve o PSOE como única opción para garantir "un goberno estable e de sentido común" e advirte dun novo ciclo político en Galicia tras o 28A | Marina Ortega repite como cabeza de lista do PSdeG por Ourense para as xerais deste vindeiro domingo. Convencida de que a participación volverá ser importante, prefire non falar aínda de posibles acordos tras uns comicios nos que ve o PSOE como única opción para garantir "un goberno estable e de sentido común". E advirte dun novo ciclo político en Galicia tras o 28A, que cre que foi "unha labazada da cidadanía aos recortes en Galicia, un toque de atención á dereita, que leva anos estancada".Nota ese cansazo na cidadanía tras as múltiples convocatorias electorais dos últimos anos?A xente está cada vez máis motivada, con ganas de ir votar. O feito de que transcedese esa suposta trama desde o PP que impulsaba a desmobilización da esquerda nas redes sociais tamén foi importante, porque a xente percibiuno como un intento de manipulación e reaccionou. Pero non cre que haxa unha importante desmobilización, como se temía?A sensación é moito máis boa con cada día que pasa e eu creo que a participación vai ser importante. O debate do pasado luns deixou ben ás claras o perigo ao que nos enfrontamos coa extrema dereita, que en España ten o agravante de que non vai soa, senón acompañada do principal partido da oposición. O perigo, xa que logo, é real porque xa vimos noutras administracións como o PP impulsou institucionalmente a Vox, como foi o seu padriño no seu bautismo institucional, o responsable de que estean en perigo moitos dos dereitos conseguidos. "A xente decatouse de que o perigo da extrema dereita é real porque ademais vai da man do PP, que foi quen impulsou a Vox nas institucións"Preocúpalle o posible ascenso da extrema dereita?Os populares levan da man a Vox e iso preocúpanos moito. No debate viuse perfectamente como Pablo Casado se agochaba ante o marco imposto por Abascal e como o único candidato solvente era Pedro Sánchez, o único que ante os ataques disparou propostas. O certo é que a ultradereita lanzou moitas ideas baseadas en mentiras e falsidades, non foi un erro non contrarrestar ese perigoso discurso?Cando os argumentos saen do marco contitucional e democrático, dos dereitos construídos por todas e todos, non debemos entrar en bucle coa extrema dereita. Creo que Pedro Sánchez fixo o correcto. En todo caso, o debate non aclarou nada o panorama futuro. O bloqueo no Congreso parece infinito...As únicas enquisas que valen son as das urnas. O PSOE sae a gañar, a obter un bo resultado para que avance a cidadanía. Eu represento a Ourense, provincia que foi durante anos e desde diferentes administracións gobernada polo PP, e lideramos ránking de despoboación, de salarios e pensións baixas... En só oito meses de goberno socialista, melloramos a pensións e a vida de 108.000 ourensáns, elevamos o salario de moitas persoas que non chegaban a fin de mes, recuperamos a sanidade universal, aumentou o investimento en infraestruturas... Moitas cousas que repercutiron na vida das persoas."Podémonos erguer o día de mañá sen dereitos consolidados, sen dereitos que só saberemos o que valen cando os perdamos"Pero parece claro que non haberá maiorías e será necesario pactar, que agarda desas lóxicas negociacións?O importante agora mesmo é que se mobilice a xente, que se decate da importancia dunhas eleccións ante a irrupción da extrema dereita da man do PP. Podémos erguer o día de mañá sen dereitos consolidados, sen dereitos que só saberemos o que valen cando os perdamos. Estámonos xogando as políticas a medio e longo prazo en temas tan importantes como a industrialización, o reto demográfico...E despois das eleccións, que?Agora debemos focalizar a atención no domingo, no que queremos. Se queremos avances ou un retroceso, se queremos políticas contra o cambio climático, pola sanidade pública, a suba das pensións, un esforzo en educación e investigación, máis innovación, reverter o despoboamento... Se queremos todo isto, o voto útil é o voto ao PSOE, o partido que garante un goberno estable e de sentido común. Daquela, mellor non falar de posibles acordos agora...Neste momento toca falar de mobilización e de obter os mellores resultados posibles. Estivo Galicia presente no debate?Pedro Sánchez anunciou un ministerio específico para tratar o problema de despoboamento, que é especialmente grave en Galicia e na miña provincia, pero tamén a creación dunha vicepresidencia económica forte liderada por Nadia Calviño, unha persoa galega, moi solvente, moi ben valorada a nivel europeo e cunha traxectoria impecable. Eu creo que a cidadanía valora que o Consello de Ministros creado por Pedro Sánchez fose sólido e capacitado. Precisabamos devolver exemplaridade á política e recuperar a dignidade, unha tarefa que nos tocaba despois da sentenza que confirmou e certificou a corrupción do Partido Popular. O que si parece que volve ao debate electoral sempre é o AVE...Tivo que saír Adif para explicar que o único parón que houbo foi de tres anos e co goberno do PP logo da metedura de zoca de Feijóo, que insiste nun tema no que se avanzou moito máis desde que hai un goberno socialista no Estado. Marcan estas xerais o futuro político de Galicia tamén?Nas últimas eleccións xerais xa houbo un cambio, sobre todo na sociedade galega, que impulsou unha maioría social progresista en Galicia. A xente deulle un toque de atención á dereita, que leva anos estancada a nivel autonómico, cun desgoberno absoluto, e máis concretamente en Ourense. Foi unha labazada da cidadanía aos recortes e á falta de innovación en políticas adaptadas aos novos tempos. Que cre que sería urxente para Galicia en canto se forme un novo goberno no Estado?Galicia e Ourense teñen unhas necesidades, na súa maioría, comúns. O reto demográfico é importantísimo, claro está, e precisamos unha discriminación positiva neste ámbito, poñernos no mapa. A de Ourense é unha provincia con moitísimo potencial, cunha riqueza incrible tanto no turismo, como no comercio e na industria, sectores totalmente abandonados polo PP nos últimos anos. "O resultado das últimas xerais foi unha labazada da cidadanía aos recortes en Galicia, un toque de atención á dereita, que leva anos estancada"O despoboamento é especialmente duro en Ourense...Temos que evitar a marcha de talentos novos de Galicia; non podemos permitir que a xeración mellor formada teña que emigrar por falta de oportunidades. O goberno do PSOE cre nesa mocidade, nese talento e temos que implantar medidas para que poida regresar, como o Plan Retorno. Pero para iso tamén precisamos unha política de vivenda xusta, investir en educación e nun Estado de Benestar que garanta un futuro para todos. Tamén mellores infraestruturas, e aí o Executivo de Sánchez xa traballou para que moitos proxectos saísen adiante. O certo é que, en definitiva, a provincia de Ourense e Galicia precisan dun impulso. |
NOS_21152 | A Xunta pide pide explicacións ao presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil e alerta sobre o futuro da subministración a curto prazo. | A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, advertiu sobre a ausencia de auga almacenada no encoro de Belesar. Segundo dixo, a única achega que recibe chega procedente só do río Miño. "Compróbase visualmente que a achega de auga é a que fai o río Miño", destacou tras visitar Portomarín, onde estivo acompañada pola directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, e o alcalde do municipio, Juan Carlos Serrano. A subministración, en risco "Esta circunstancia supón que se dependerá do tempo durante setembro e outubro para poder garantir a subministración e preservar os valores naturais e piscícolas", subliñou a conselleira, quen advertiu que a presa de Belesar está a 29,4% da súa capacidade, mentres que hai un ano estaba a 62%. Neste sentido, Ángeles Vázquez pediu explicacións ao presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, José Antonio Quiroga, ante "algo que non ocorreu no últimos dez anos, xa que a media nese tempo sitúase na contorna de 67% de capacidade". "Terá que dirixirse aos alcaldes, en primeiro lugar, e, logo, á Xunta para explicar por que se autorizou o descenso da ocupación e que medidas van tomar de cara ao futuro", remarcou. A conselleira fixo fincapé na "irresponsabilidade de autorizar ese baleirado masivo de auga", que nalgúns casos, matizou, realizouse en "períodos moi curtos de tempo". Ante as posibles causas, apuntou que "non é un problema hidrológico porque choveu máis ou menos o mesmo o ano pasado que neste". Encoros baixos Nas súas declaracións, Ángeles Vázquez recoñeceu que técnicos da Consellería de Medio Ambiente trasladáronse nos últimos días aos encoros do Miño-Sil para coñecer a súa situación. "A competencia é da Confederación e, por tanto, do Ministerio de Transición Ecolóxica, pero si, de oficio realizamos as inspeccións necesarias", aclarou. Neste sentido, prevese que os axentes ambientais da Consellaría continúen realizando inspeccións nos encoros de Belesar, Salas, Ceza e As Portas co obxectivo de vixiar a evolución da situación e detectar posibles danos. |
PRAZA_3846 | A voceira de Trega (Traballador@s de Residencias de Galicia) describe como "dramática" a situación que se vive estes días nas residencias e lembra que a súa entidade leva anos denuncian a falta de persoal en moitos centros. Reclama un cambio de modelo centrado en "residencias públicas, dignas e de calidade" | O persoal sanitario e, en xeral, todos os traballadores e traballadoras dos centros hospitalarios e das residencias de maiores e de atención á discapacidade, son a primeira barreira de contención do coronavirus. Están permanentemente expostas e expostos a unha posible infección e, ademais, asisten a unha sucesión de mortes, de empeoramentos e ingresos. Unha loita corpo a corpo contra a enfermidade.A situación nalgunhas residencias de maiores é dramática. Con dúbidas e críticas sobre a información facilitada sobre o número de falecementos, as cifras de mortes e casos seguen a aumentar, entre as denuncias de usuarios, familias e traballadores sobre a xestión realizada en numerosos centros privados, que xa antes desta crise funcionaban con menos persoal do necesario."O problema nas residencias de maiores vén de moi atrás, e levamos tempo denunciando ante a Xunta que os ratios de persoal eran insuficientes"Os últimos datos, achegados pola Consellaría de Política Social este martes, elevan a 62 cifra de mortes nas residencias, cun número total de casos que xa supera os mil (1.035): 689 persoas usuarias das residencias de maiores, 246 traballadoras e traballadores, 55 usuarios e usuarias dos centros de atención á discapacidade e 45 traballadores e traballadores destas instalacións. Entidades como Rede (composta por asociacións de usuarios e familiares de residencias e dependencia) ou Trega (Traballador@s de Residencias de Galicia) levan anos advertindo desta situación, mobilizadas contra a xestión de grupos empresariais como DomusVi (propiedade de fondos de investimento multinacionais), cunha trintena de residencias en Galicia, entre elas as de Vigo Cangas ou Compostela, que suman 37 falecementos polo coronavirus. As súas denuncias, critican, non foron tidas en conta polo Goberno galego. Falamos con Sonia Jalda, voceira de Trega.Como está a situación, sobre todo nas residencias que rexistraron máis contaxios?A situación está bastante mal e damos grazas pola intervención das residencias de Aldán e Barreiro, porque non sei o que tería pasado sen intervención. O problema nas residencias de maiores vén de moi atrás, e levamos tempo denunciando ante a Xunta que os ratios de persoal eran insuficientes, alertamos mil veces sobre a mala calidade do servizo que estabamos dando por esa falta de traballadores. E a Xunta sempre mirou para outro lado.[As traballadoras] "choran en soidade ás persoas que van morrendo. E aguantan, porque saben que o que teñen que facer agora é facer ben o seu traballo"Como o estades levando as traballadoras, nesta situación con parte do persoal infectado, cunha sucesión de casos e mortes e cun ambiente, supoño, moi tenso?É unha situación moi dramática. Isto non é como un hospital no que tes altas e baixas, a xente vai e vén. Nas residencias, as persoas viven aí, coñécelas ben, pasan moitos anos aí e o centro convértese nunha pequena gran familia. Por iso esta situación é aínda máis dura para as traballadoras e traballadores, que aguantan porque son xente moi dura. Pero despois de longuísimas xornadas de traballo volven aos seus fogares, que normalmente están baleiros, porque mandaron as súas familias a casas de familiares e amigos. Alí están sós, e choran en soidade ás persoas que van morrendo. E aguantan, porque saben que o que teñen que facer agora é facer ben o seu traballo, axudar á xente, axudar a que sobrevivan, traballar co único obxectivo de salvalos. Todo isto vai xerando estrés e claro que ao final nos pasará factura.Hai denuncias de que nesas dúas residencias do grupo DomusVi, a pesar da situación dramática que xa se estaba a vivir, a empresa non reforzara o persoal. É así?O mesmo día que a Xunta decidiu intervir a residencia de Aldán, a quenda de tarde quedou ata as dúas da madrugada para facer 50 cambios de habitación e á mañá seguinte había só 9 auxiliares para toda a residencia, cando normalmente son 16 ou 17 para 150 residentes. Esa era a situación que había."Mentres os beneficios empresariais crecen, os usuarios e usuarias enfróntanse a unha deterioración paulatina do servizo asistencial"Unha parte importante das vosas denuncias se centrou sempre en DomusVi, que está a rexistrar algunhas das situacións máis graves nestes momentos. Por que? DomusVi é a paradigma do boiante e expansivo negocio do sector residencial e asistencial para persoas maiores en mans de poderosas multinacionais ou grupos de 'capital investimento'. Mentres os beneficios empresariais crecen, os usuarios e usuarias, a maior parte delas anciáns e anciás con enfermidades ou trastornos físicos e/ou psíquicos graves, enfróntanse a unha deterioración paulatina do servizo asistencial que reciben, resultado dos recortes no número de persoal que vén producindo no sector e das precarias condicións laborais que redundan nunha atención deficiente. Unha situación indigna.Nas restantes residencias, aínda non intervidas, houbo reforzo de persoal? Non. Nos últimos días nós solicitámoslle á Consellería que reforce todas as residencias con persoal auxiliar de enfermería, limpadoras e enfermeiras, aínda que non haxa casos positivos. Porque se non hai reforzos vaise vivir o mesmo caos que xa están sufrindo outros centros."Eu son partidaria de que se interveñan todas as residencias, nas que houbo positivos e nas que non. Se non hai reforzos vaise vivir o mesmo caos que xa están sufrindo outros centros"Credes que a Xunta debería intervir todas as residencias, cando menos aquelas nas que se rexistrou algún caso positivo de coronavirus?Eu son partidaria de que se interveñan todas as residencias, nas que houbo positivos e nas que non. Porque pode que nun sitio hoxe non haxa rexistrado un positivo, pero mañá pode habelo, e nuns poucos días pode haber 50.As traballadoras contades con equipos de protección axeitados?Non, en absoluto. Hai sitios nos que ao persoal lle están dando unha mascarilla dous días por semana, e fáloche de mascarillas cirúrxicas normais, non de FFP2 ou FFP3, e tampouco teñen batas. Noutras residencias esíxenlles que as mascarillas duren como mínimo unha semana e pídenlles que as reciclen. Pero como reciclas unha mascarilla de papel? "O convenio fala de 40 horas á semana e dun descanso ininterrompido de 36 horas, pero hai xente traballando 10 días seguidos ou 70 horas á semana"Algunhas das empresas que teñen menos traballadores -enfermeiras/os, auxiliares...- do que deberían, que non cumpren os ratios mínimos, alegan que non atopan persoal para contratalo. É isto verdade?Claro, din que non había xente. Entón, por que si a hai no Sergas? Máis ben o problema será que non lles pagan o suficiente; se lles pagasen o que lles teñen que pagar, seguro que si atopaban a quen contratar. O problema é que non cumpren o convenio do sector: róubannos nos salarios das noites, róubannos nos salarios dos domingos, róubannos nas compensacións de festivos. O persoal (mulleres na súa maioría) soporta un trato case escravista imposto pola empresa.O convenio fala de 40 horas á semana e dun descanso ininterrompido de 36 horas, pero hai xente traballando 10 días seguidos ou 70 horas á semana. Estas condicións de abuso tamén levan unha presión daniña sobre a saúde física e psíquica das traballadoras, o que provoca un índice de baixas, temporais e de longa duración, altísimo. As empresas teñen que cumprir o que asinan, pero os únicos lugares onde cumpren son aqueles nos que estivemos nós enriba denunciando e protestando durante anos."Mentres nós alertabamos do que estaba a pasar nestas residencias, a Xunta miraba para outro lado, e agora estóupalle na cara ao señor Feijóo. A mágoa é que teña que morrer xente para que todo isto se saiba finalmente"Vós levades anos mobilizadas, denunciando todas estas cousas, nunha mostra de que os problemas que teñen moitas as residencias viñan de atrás e, en parte, provocaron a dramática situación que agora se está a vivir por mor do coronavirus. É bo que finalmente saia á luz, aínda que sexa nestas circunstancias?Si, levamos mobilizadas dende o 2012 e parécenos triste que estivésemos un ano enteiro protestando diante da central galega de DomusVi e que ninguén nos fixo caso. E mentres nós alertabamos do que estaba a pasar nestas residencias, a Xunta miraba para outro lado, e agora estóupalle na cara ao señor Feijóo. A mágoa é que teña que morrer xente para que todo isto se saiba finalmente.Cal foi a resposta da administración ás vosas denuncias?Foron moitas as denuncias de familiares de usuarios e usuarias e de traballadoras e traballadores antes os departamentos autonómicos de Inspección, en Política Social e en Traballo. Pero estas protestas non tiveron resultados positivos, xa que os organismos de vixilancia da Administración deron crédito ás razóns expostas por DomusVi na inmensa maioría dos expedientes abertos por denuncias ou reclamacións. "O que queremos son residencias públicas, dignas e de calidade e esperemos que desta crise saia un cambio no modelo"Cando remate esta situación será o momento de repensar o modelo de residencias en Galicia?O que queremos son residencias públicas, dignas e de calidade e si, esperemos que desta crise saia un cambio no modelo de residencias, un cambio que levamos anos reivindicando. Os usuarios e usuarias pagan moitísimos cartos cada mes por unha atención que non está a ese nivel. Nas residencias de DomusVi, por exemplo, páganse máis de dous mil euros ao mes e é unha vergonza o que reciben por ese prezo, con falta de persoal en todas as áreas. E, mentres, a Xunta privatizando servizos e mirando para outro lado. |
NOS_26034 | Rubén Rodríguez (Riós, 1980), coñecido como Rubén Riós, embarcouse no confinamento na realización de directos en Facebook e Instagram conseguindo unha notable audiencia. Un cento de vídeos despois pensa seguir con esta actividade no tempo que lle deixen a rodaxe da serie 'Vento Norte', da televisión portuguesa, na que interpreta un anarquista español en 1918, e a preparación da súa primeira longametraxe. | —No confinamento tivo moita actividade na rede. Como xurdiu 'Je suis titiritero'?O 16 de marzo , coma case todo o planeta, vinme confinado. Desde que aos 14 anos fun vivir fóra non tivera que volver á casa tanto tempo seguido. A meu pai, con 78 anos, tiven que explicarlle que non se podía saír á rúa afeito como estaba a entrar e saír cando quería. Pensei "que vou facer para entreter a meus pais?" e aí nacen os directos en Facebook, que nunca fixera. Foi un pouco poñerme ao servizo da xente. Ao fin e ao cabo son contador de historias, unhas veces detrás da cámara e outras diante. —Como foi a experiencia e que aprendizaxe tirou dela?Notei que había moita xente soa. Aos poucos días xa tiñamos unha audiencia, unha conexión, e ao final botei 100 días seguidos cos directos. O equipo da miña produtora, Claqueta Coqueta, dicíame que era mellor facer só unha hora, pero vin que o público de Facebook e de Instagram era distinto, con idades e necesidades distintas. Atopei que no Facebook eu tiña que lanzar un tema e escoitar e en Instagram a xente quería saber como estaba a pasar o confinamento a xente máis coñecida, e así fun petando na porta de xente coa que traballara. E non só para falar da parte profesional senón da parte máis humana. Entrevistas moi de estar diante da lareira, porque o intrascendente, ás veces, ten moita importancia. —E en que novos proxectos anda agora?En pleno confinamento chamáronme porque ía haber unha nova serie, unha primeira tempada de 10 capitulos ambientada no ano 1918, na mal chamada gripe española, e estaban interesados en que eu fixera unha personaxe fixa. É unha produción internacional que se roda en Portugal para a RTP (Radio Televisión Portuguesa) que se titula 'Vento Norte'. Eu interpreto un anarquista que viaxa a Portugal cun obxectivo moi claro pero aparece o amor e non sabemos se ao final acabará cumprindo o seu obxectivo ou non. Foi un soño feito realidade porque sempre mirei moi ben Portugal, máis vivindo entre Verín e Riós, e coito que podemos aprender moito deles. —E ten algún outro proxecto en marcha?Pois si, xa dirixín curtas pero agora estou coa preparación da miña primeira longametraxe como director. Esta conversa publicouse con 'máis', suplemento de agosto de Nós Diario que podes adquirir en quioscos ou na nosa loxa. |
NOS_1711 | Malia o Goberno español presentar o conflito aberto con Catalunya como un "asunto interno", o escenario aberto após o referendo do 1 de outubro, a declaración de independencia, a aplicación do 155 e a ofensiva xudicial contra o Govern, a cuestión catalá atinxiu un alcance mundial. O profesor de Dereito Internacional Público e Relacións Internacionais da USC Antón Martínez Puñal explica as chaves dese proceso de internacionalización, político e xudicial. Eis un extracto da análise publicada no Sermos 272. | O nacemento da cuestión catalá, do mesmo xeito que a súa internacionalización, vén de longa data. Sen entrar en referencias a séculos anteriores, sinalarei que esta produciríase a un nivel crecente a partir da Constitución de 1978, co seu Estatut de 1979. A internacionalización do tema catalán avanzaría notabelmente de maneira paradoxal de man do Tribunal Constitucional (TC), un notábel instrumento de recentralización, con sentenzas como a de 2010 relativa ao novo Estatut de 2006. A internacionalización chegaría aínda a unha expresión maior a partir do ano 2014 no que pretendeu facerse unha consulta non vinculante. Esta foi declarada inconstitucional por un TC como o español, non independente por definición debido aos pecados de mediatización que comporta o sistema de elección dos seus maxistrados. Institucionalización da internacionalización Desde xaneiro de 2016, a Generalitat tiña un conseller, Raül Romeva, que se ocupaba dos Asuntos Internacionais, contando para iso cunha serie de Delegacións e Oficinas no exterior, todas elas clausuradas agora xa polo Goberno español, coa excepción da de Bruxelas. [Podes ler a análise íntegra no número 272 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques] |
NOS_26898 | O seguimento desta quenda de paros é maior que na primeira xornada, salientan os sindicatos. Denuncian que desde a dirección se está a chamar traballadores e traballadoras doutras quendas para substituír as grevistas. | "A factoría está parada completamente, non está producindo ningún vehículo". A afirmación de Manuel Domínguez, da CIG, resume o éxito da segunda xornada de greve na fábrica PSA Citroën en Vigo. "Hai maior participación na folga que o xoves pasado", manifestou, en referencia á primeira xornada de paros. Esta cuarta feira centos de traballadores e traballadoras secundaron o paro e marcharon reclamando unha solución para a situación de sobrecarga de traballo que hai na liña de montaxe, nomeadamente na 2. Desta volta, o paro convocado era de catro horas por quenda fronte ás dúas da primeira xornada de greve. A media mañá centos de operarios e operarias abandonaron a cadea de montaxe para manifestarse na demanda de solucións. O aumento dos ritmos e cargas de traballo están a levar os operarios da automoción até o extremo, someténdoos a unha sobrecarga física e mental. Os sindicatos levan tempo alertando desta situación. CIG, CCOO e UXT convocan estas xornadas de greve, que teñen o apoio tamén da CUT. Os sindicatos denuncian que desde a dirección se está a chamar a traballadores e traballadoras doutras quendas para que vaian cubrir os postos do persoal en folga. As tres centrais convocantes da folga denunciaran esta semana que se acometeron "ilegalidades" por parte da dirección da factoría na primeira xornada de greve. "Substitúen traballadores que deciden secundar a folga", "preguntan as traballadoras se van secundala", "impoñen servizos mínimos sen respectar o Comité de Folga"... |
NOS_30209 | A unha semana da manifestación convocada por Queremos Galego en Compostela, a Real Academia Galega anuncia que fará público esta sexta feira unha declaración institucional sobre a situación do idioma galego. | A RAG anuncia a través dun comunicado que esta sexta feira fará pública unha declaración institucional sobre a situación do idioma galego. Segundo sinalan na convocatoria, a decisión da Academia de dar a coñecer a súa posición ao respecto do proceso de normalización está provocada polos "datos publicados recentemente polo Instituto Galego de Estatística". A Academia convoca para as 14: 00 horas no salón de actos da súa sede na coruñesa Rúa Tabernas unha rolda de prensa na que dará conta da declaración institucional. Segunda declaración Será a segunda declaración institucional que a RAG emita con respecto a situación da lingua galega desde que está presidida por Xesús Alonso Montero. No mes de xuño do pasado ano, a Academia facía público un comunicado no que requiría ao goberno galego que avaliara a situación da lingua no ensino. "Ante os diversos sinais que apuntan a un progresivo deterioro da situación do idioma propio do país no sistema educativo", a Comisión Executiva da Real Academia Galega acordou entón dirixirse á opinión pública e a goberno "en relación con este importantísimo problema, en que se xoga en boa medida o futuro do galego". Urxía entón á Xunta para que, "cumprindo as previsións legais, en primeiro lugar, proceda a avaliar a evolución da situación do galego no ensino e os efectos desta nas competencias do estudantado nos niveis non universitarios (dun xeito especial, na educación infantil e primaria); e en segundo lugar, tome as medidas oportunas para asegurar que se cumpren os obxectivos marcados na Lei de Normalización Lingüística no referente ao sistema educativo como axencia de normalización da lingua galega, non de desgaleguización". Agora, a declaración apuntará á enquisa do IGE fixo sonar as alarmas da ruptura da transmisión xeracional e reparar na perda de falantes na mocidade e está tamén no cerne da manifestación convocada por Queremos Galego que repara co seu lema "Polas fillas dos nosos fillos", na continuidade da lingua a través das xeracións que virán. Lembremos que a enquisa do IGE deixaba á vista que un 75 por cento das persoas menores de 15 anos recoñecen que falan sempre ou principalmente o castelán e que o 22,7% de crianzas e adolescentes saben falar "pouco ou nada" en galego. En canto ao ensino, os datos afondan na perda de presenza do galego cun 2,15 por cento de estudantes que reciben aulas en galego, cando en 2008 era dun 15%. |
PRAZA_11557 | Vigo Histórico leva meses mobilizándose contra a construción do túnel da Porta do Sol e denunciando que a obra, de 14 millóns de euros, incrementará o tráfico e a contaminación no centro histórico da cidade. A asociación aposta pola peonalización de Elduayen e do Paseo de Alfonso | O Concello de Vigo proxecta construír un túnel para conectar o tráfico rodado entre a rúa Policarpo Sanz e a rúa Elduayen. A obra, que terá un custo de cando menos 14 millóns de euros, permitirá a peonalización dun treito de 200 metros na Porta do Sol, pero ocupará a totalidade da rúa Elduayen, incrementando previsiblemente o tráfico tamén no Paseo de Alfonso XII. Os grupos críticos coa obra levan meses criticando que a infraestrutura constituirá "unha fenda" que partirá en dúas partes do Casco Vello da cidade e que incrementará a contaminación nun dos espazos con maior importancia patrimonial da urbe."O túnel vai manter e mesmo incrementar o tráfico a través da zona histórica da cidade", denuncia Vigo HistóricoA Asociación Vigo Histórico impulsa unha mobilización para deter a obra e para promover a peonalización completa da Porta do Sol, Elduayen e Paseo de Alfonso. Nos últimos meses convocou varias accións informativas na rúa para sensibilizar á poboación sobre os efectos que a obra tería para o centro da cidade e, ademais, interpuxo un recurso ante o Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia, chamando a atención sobre "importantísimos defectos na concepción e deseño do túnel". Vigo Histórico denuncia que a actuación "fai a transición ecolóxica, pero no sentido contrario". "O túnel vai manter e mesmo incrementar o tráfico a través da zona histórica da cidade. Reduce as emisións construír un túnel que fomenta o uso do vehículo propio? Nós cremos que non", destacan. A entidade reclámalle "diálogo" ao Goberno municipal e un "necesario debate na cidadanía" para buscar "consensos amplos" entre todos os actores implicados, comezando polos propios veciños e veciñas da zona."Coa peonalización da Porta do Sol temos a oportunidade histórica de facilitar a comunicación entre o Casco Vello alto e o Casco Vello baixo. E o que se vai facer é o contrario""O que máis nos preocupa é a irreversibilidade desta obra. Unha vez que se faga esta fenda no casco vello, se se chega a facer, vai haber pouca opción de volver atrás", explica Rafael Ferradáns, voceiro da asociación. "En Vigo tivemos o caso do Scalextric, e aínda que era moi rechamante, abondou con derrubalo. En cambio, nunha obra coma esta estamos falando de que as ramplas na rúa Elduayen van ter 70 metros de longo e ata 7 metros de profundidade", di.Ferradás lembra que "a rúa Elduayen, cando se fixo a finais do século XIX xa supuxo a derruba de moitísimas casas e levou á división do Casco Vello de Vigo en dúas seccións" e sinala que "coa peonalización da Porta do Sol, de Elduayen e do Paseo de Alfonso temos a oportunidade histórica de reverter iso, facilitando a comunicación entre o Casco Vello alto e o Casco Vello baixo". "E o que se vai facer é o contrario", engade.En efecto, a obra implica a total ocupación da rúa Elduayen, con dúas ramplas sucesivas, de 70 metros de lonxitude cada unha, que abren unha fenda, simbólica e real, nun espazo polo que ademais transita o Camiño de Santiago. "A execución deste túnel conleva a creación de senllas ramplas de acceso, unhas ramplas que xeran un 'efecto barreira' ao non poder cruzarse transversalmente e que, asemade, supoñen un foco de contaminación visual e acústica, debido á reverberación do ruído dos coches no interior do túnel", denuncia tamén Greenpeace."A construción do túnel é completamente innecesaria e a demostración témola estes días, porque polo Nadal esta zona está durante un mes cortada ao tráfico ou con tráfico reducido. E non pasa nada, a cidade non colapsa"As obras, ademais, poden afectar ás cimentacións dos edificios da rúa Elduayen, protexidos por unha declaración BIC e de interese cultural, e mesmo a parte dos seus sotos e outras construcións. "Cando lle fixemos notar isto aos representantes do Concello, a súa resposta foi 'cando cheguemos alá, xa veremos'. Como que xa veremos? Se vai haber unha afectación, iso ten que terse en conta para contactar cos edificios afectados, para pagar expropiacións", di Ferradáns. "Dános a impresión de que o Concello está afrontando esta obra como se fose menor, como se se tratase simplemente de cambiar as lousas dunha rúa, pero isto é moito máis importante, ten un custo de 14 millóns, que probablemente será maior, e ten moitas máis implicacións", engade."A construción do túnel é completamente innecesaria e a demostración estase a dar estes días, porque polo Nadal esta zona está durante un mes cortada ao tráfico ou con tráfico reducido. E non pasa nada, a cidade non colapsa", di Rafael Ferradáns. "No noso escrito de denuncia xa advertimos de que o Goberno local está a incorrer nunha ilegalidade, porque entre outras cousas no seu proxecto non xustifica con datos a necesidade do túnel. Queremos que expliquen canto tráfico pasa por aí, e por que non hai maneira de levalo por outro sitio e por que iso xustifica unha obra desta dimensión e deste custo", explica."Falta moita información entre os veciños de Vigo, e a esta falta de información están contribuíndo varios medios de comunicación"Nas últimas semanas Vigo Histórico levou a cabo varias accións para sensibilizar á poboación e dar a coñecer a realidade deste proxecto e dos seus efectos. Así, levouse a cabo unha cadea humana entre a estatua do Sireno (na Porta do Sol) e a oliveira que é o símbolo da cidade olívica (no Paseo de Alfonso), puntos de comezo e de remate, ademais, do túnel. O obxectivo era visibilizar a importancia deste espazo, núcleo da cidade, e da necesidade de darlle valor como zona de paseo a pé e non de tránsito de vehículos. Tamén se fixo unha instalación con zapatos e botas pintadas de verde para significar a contradición entre o proxecto e o obxectivo de protexer o medio ambiente e a saúde. E, igualmente, realizouse unha convocatoria para asistir ao solpor dende o Paseo de Alfonso, un dos mellores miradoiros da cidade e que se vería moi afectado pola actuación prevista polo Concello."A resposta da cidadanía é boa", comenta Ferradáns. "Hai algún que che responde: "se o Goberno local di que esta é a mellor solución, esta é a mellor solución". Pero cando a xente se informa minimamente entende as razóns para a mobilización", di, denunciando que "falta moita información entre os veciños de Vigo, e a esta falta de información están contribuíndo varios medios de comunicación".Vigo Histórico chama especialmente a atención sobre o carácter "anacrónico" do proxecto, nun momento no que a maior parte das cidades están apostando por peonalizar os seus centros históricos e apostar pola mobilidade sostible fronte ao uso do vehículo privados. Lembran que o anteproxecto da Lei do Cambio Climático e Transición Enerxética, aprobado polo Goberno central en febreiro e pendente da súa tramitación parlamentaria, prevé que a partir do ano 2023 todas as localidade de máis de 50.000 habitantes estarán obrigadas a contar cunha zona de baixas emisións, un espazo no centro urbano no que estará prohibido o acceso e circulación dos vehículos máis contaminantes."Facer peonil a Porta do Sol é un punto de inflexión en Vigo. Segundo como se faga, supón seguir orientando a cidade ao tráfico de coches ou modernizala para orientala ás persoas e tamén ao transporte non contaminante""Este proxecto vai en contra de todo iso, e hai que lembrar que o alcalde de Vigo pertence ao PSOE e é tamén o presidente da FEMP", di Ferradáns. "Non entendo como no mesmo pleno do Concello se pode aprobar por unanimidade unha declaración de emerxencia climática para a cidade e tamén licitar esta obra, que vai incrementar o tráfico e as emisións contaminantes no centro da cidade", remata. "Facer peonil a Porta do Sol é un punto de inflexión en Vigo. Segundo como se faga, supón seguir orientando a cidade ao tráfico de coches ou modernizala para orientala ás persoas e tamén ao transporte non contaminante. Pedimos unha peonalización mellor", conclúe Vigo Histórico. |
PRAZA_11573 | Etnocentrismo, clasismo, patriarcado, crecentismo ou especismo seguen a enchoupar prácticas e discursos. O combate contra uns valores funcionais á acumulación global e aos modos de vida que estes comportan devén, xa que logo, nun elemento fulcral contra a barbarie que nos ameaza. | Diversas, razoadas e fundamentadas explicacións teñen dado conta do medre dos movementos de extrema dereita, tal e como acontece no Estado español co caso de Vox. Movementos que, sen recorrer a toda a parafernalia clásica de escenografía militarista, defenden abertamente un supremacismo nacional e occidental, o darwinismo social e o machismo, nisto que Boaventura de Sousa santos ten definido coma fascismo societal.A crise económica, coas secuelas de incerteza, precariedade e pauperización, así coma a reacción nacionalista fundamentalista fronte ao cuestionamento do modelo estatal-nacional pode que sexan as máis enunciadas. Son explicacións de orde social, política e económica que, evidentemente, deben ser consideradas tanto desde a análise e da interpretación como desde a formulación das necesarias estratexias de resposta. Porén, toda unha tradición de protagonismo e de certa mitificación das condicións obxectivas levounos a descoidar o papel fundamental dos valores imperantes e dos sentimentos, afectos e emocións que os alicerzan.Case que van quiñentos anos desde que Étienne de La Boétie advertira da servidume voluntaria, é dicir, de como a dominación precisa do consentimento. Moito máis recente, escribía Hannah Arendt, reflexionando sobre o caso do nazi Eichmann, que lle resultaba obvio que o apoio das masas ao totalitarismo non procedía en exclusiva da ignorancia nin do lavado do cerebro. E non debería ser por falla de reflexións sobre as ligazóns entre economía, poder, dominio e subxectividade (Wilhelm Reich, Erich Fromm, Gramsci, Pierre Bourdieu, Judith Butler... ), polo que custa tanto desprenderse de esquemas reducionistas que dificultan abordar as novas realidades sociais. Desde a Modernidade o Estado tenta acadar a lexitimización procurando o sometemento e a aceptación da orde estabelecida. Non renuncia á violencia, todo o contrario, preséntase coma o único posuidor e capacitado para exercela, mais recorrendo a esta como última alternativa. Precisamente esta fasquía é o que nos leva a considerar que a política moderna ten unha sobrecarga ideolóxica e consensual. Na actualidade estamos inmersos nun proceso de reconfiguración do patrón de poder hexemómico, onde a polarización social está a medrar poderosamente. Neste proceso, a manipulación e o control dos recursos tecnolóxicos está a facilitar a imposición da tecnocratización das relacións humanas, xunto cun afastamento da natureza que permite a súa destrución sistemática. Todo isto está dando lugar a unha mercantilización das subxectividades e das experiencias da vida, contribuíndo poderosamente ao medre do individualismo e das condutas egoístas disfrazadas de liberdade individual. Estamos inseridos nunha inmensa cadea xerárquica de posicións e relacións na que o lugar que ocupamos, real ou aparente, vese compensado pola gratificación de imaxinar superioridade sobre algún outro. Quen ten traballo sobre quen non o ten; home sobre muller; heterosexual sobre homosexual; nacional sobre estranxeiro; integrado sobre excluído e marxinado; racional sobre afectivo; membro da maioría sobre calquera dalgunha minoría. E, así, todo un menú variado de dicotomías que fan máis levadeira a posición que o modelo de acumulación de riqueza e de poder asigna en beneficio desa oligarquía privilexiada alimentada por un desposuimento moral e material permanente que axudamos a trafegar. O fascismo e a reacción totalitaria sempre están na recámara do capital; volvemos velo hoxe na involución que percorre o planeta perseguindo e criminalizando calquera tentativa de experimentar un outro mundo posíbel. Mais tamén unha boa parte da esquerda transixe, cando non acepta, con toda esa morea de valores, comportamentos e actitudes que engraxan a maquinaria da dominación e que actúan como amortiguadores emocionais enormemente eficaces contra o deterioro do condicións de vida da xente.Etnocentrismo, clasismo, patriarcado, crecentismo ou especismo seguen a enchoupar prácticas e discursos que, desde un pretendido pragmatismo e racionalidade política, descalifican e desprezan alternativas e enfoques que cuestionan os modelos de relacións sobre os que se substenta o capital e á crise civilizatoria á que nos conduce. O combate contra uns valores funcionais á acumulación global e aos modos de vida que estes comportan devén, xa que logo, nun elemento fulcral contra a barbarie que nos ameaza. |
PRAZA_19633 | Sinergia G6, empresa do Porriño, ofrece solucións para achegar medicións e rexistros en tempo real para granxas. A compañía, creada en 2015, está especializada na avicultura. | Cada vez son máis as empresas galegas que ofrecen solucións tecnolóxicas pensadas especificamente para o sector agrogandeiro. Unha delas é Sinergia G6, unha compañía nacida en 2015 e instalada no Polígono da Granxa (no Porriño) e que centra a súa actividade en ofrecer melloras en tempo real para granxas. Sinergia G6 está especializada no sector avícola e ten entre os seus puntos fortes a medición e rexistro dos niveis de amoníaco nos espazos de cría "co conseguinte impacto en termos produtivos, económicos, ambientais e de benestar animal", destacan. Manuel Portela González, director técnico de Sinergia G6, destaca que "os nosos produtos permiten aos produtores avícolas acceder, por fin, á gandaría de precisión". Pola súa banda, Roberto Goñi Petit, director xeral da compañía, salienta que "o sector agrogandeiro demanda innovación tecnolóxica para maximizar marxes e potenciar a competitividade" e explica que "os directivos e responsables de integradoras e incubadoras necesitan datos en tempo real para a toma eficiente de decisión produtivas e para a mellora do benestar animal". Sinergia G6 acudirá á Feira de Produción Animal de Zaragoza (FIGAN), do 28 ao 31 de marzo, onde entre outras propostas presentará AirCheck 5SW. Dende a compañía destacan que se trata do "primeiro dispositivo a nivel mundial que lles permite ás granxas cumprir as Directivas 96/61/CE e 2007/43/CE", que establecen as disposicións mínimas para a protección dos animais destinados á produción de carne. Tamén ofrece un sistema de seguimento en tempo real das variables medioambientais da explotación; a evolución do peso dos animais; o contido dos silos de alimento, e das condicións óptimas no transporte das aves dun día da incubadora á granxa. Todos estes sistemas contrólanse de xeito centralizado en tempo real dende un portal web denominado FarmsCloud. Nos últimos anos a empresa porriñesa recibiu varios recoñecementos. Por exemplo, foi galardoada do Premio Galicia Emprende 2015 na categoría industrial e tamén foi finalista nos Premios Clúster TIC Galicia 2015. |
NOS_15761 | Ubicaríase en Chantada e combinaría a función de centro de estudio e documentación con ofertas como roteiros por lugares emblemáticos da loita anti-franquista. | O escritor e xornalista Alfonso Eiré e o responsábel local do BNG en Chantada, André Sánchez, presentaron esta quinta feira, e co gallo do 40 cabodano da morte de Franco, o proxecto para a creación nesta localidade do Museo da guerrilla galega. Unha iniciativa na que se combinaría tanto a función do museo, para o que propoñen o nome de 'O Piloto', como lugar de preservación e exposición, con outras actividades. Así, os promotores do proxecto apostan en que o Museo terá unha vertente de centro de estudio e documentación da memoria histórica da guerrilla. E, ao tempo, ofertaría propostas como roteiros por lugares emblemáticos do combate contra o franquismo, como aqueles nos que viveu, combateu e morreu Xosé Castro Veiga, 'O Piloto'. |
NOS_43468 | As entidades defensoras da diversidade lingüística de todo o Estado sinalan que, malia ser positiva a aprobación parcial da proposición non de lei, aínda queda moito por facer e seguirán levando a cabo medidas de presión para mudar a política lingüística. | A Mesa pola Normalización Lingüística valorou de modo positivo a aprobación parcial da proposición non de lei (PNL) no Congreso dos Deputados o pasado mes de marzo sobre a realidade plurilingüe e igualdade lingüística, mais sinala que "quedan moitas ventás por abrir". Na rolda de prensa realizada esta quinta feira, 8 de abril, xunto coas outras entidades que impulsaron a proposta, o presidente da Mesa, Marcos Maceira, defendeu a necesidade de que todos os poderes do Estado "se comprometan co respecto real das linguas propias da súa cidadanía", sinala en conversa con Nós Diario. Isto fai referencia ao punto 8 da proposta –aprobado con votos a favor de todos os partidos políticos agás Vox–, onde se estabelece o "respecto real baseado no dereito de uso e no deber de coñecemento das linguas". Actualmente "a Constitución só indica o deber de coñecemento do castelán", puntualiza Maceira. Os outros dous puntos aprobados da emenda recoñecen a necesidade de oficializar linguas como o galego en territorios pertencentes a Asturies e Castela-León e acepta permitir a validez recíproca de documentos escritos en galego e portugués, así como a reciprocidade na recepción de radio e televisión nos territorios que forman parte do mesmo sistema lingüístico. Maceira salientou que "o cumprimento do punto 8 só é posíbel eliminando as limitacións ao uso das linguas propias de cada territorio na lexislación e aplicándoo transversalmente a toda a normativa que se aprobe desde agora". Por iso, destaca que se debe "iniciar accións encamiñadas a garantir o dereito práctico e real da cidadanía ao uso da lingua propia do seu territorio en todo momento e para calquera acto, xa sexa en ámbitos como a administración, a xustiza, a educación ou os medios de comunicación". Reunión co ministro de Política Territorial Xunto coa Mesa, as entidades socias –Kontseilua (Euskal Herria), Ciemen e Plataforma per a Llengua (Catalunya), Escola Valenciana e Acción Cultural do País Valenciá (País Valenciá) e Iniciativa pel Asturianu (Asturies)– pactaron que "cada unha active as súas propias dinámicas que permitan aplicar nos diferentes territorios os puntos aprobados na emenda" e interpelarán o Goberno estatal para que cumpran co prometido. Como medida de presión para reformar a política lingüística, as entidades pediron unha reunión co Ministro de Política Territorial, Miquel Iceta, entre cuxas competencias está o Oficina de Linguas Oficiais. "Este é un paso que damos as entidades despois de que o Consello de Europa reprendera o Estado español por non cumprir coa Carta Europea das Linguas Rexionais e Minorizadas", apunta Maceira. Os expertos europeos facían público o pasado día 1 de abril un informe onde sinalaba que tanto o Estado como a Xunta non estaban a cumprir cos compromisos estabelecidos na carta europea. |
NOS_7272 | Historia viva deste país e da súa cultura, Xosé Neira Vilas (Vila de Cruces, 1928), Pepe, como lle chaman os amigos, lembra de forma prodixiosa todos os detalles, datas, lugares e persoas que pasaron por unha vida que dedicou por completo á cultura galega. | - Con 20 anos emigrou a Arxentina. Que o levou a tomar esa decisión?- Eu fixera a escola primaria, logo fixen un curso por correspondencia e puiden traballar nunhas oficinas, pero eu quería estudar e superarme e busquei traballo nas cidades para poder estudar polas noites e non o atopei, así que decidín marchar coma tantos. - Entón toma conciencia alí do que é Galiza. - Si, descubro Galiza ao pouco de chegar e creo as Mocedades Galeguistas da que son secretario xeral. Alí convírtome nun activista da cultura galega e da dignidade de Galiza até hoxe. De por vida. Aquí eu non tiña acceso a medios, pero tampouco eran tempos apropiados. Alí coñecín a Luís Seoane, Lorenzo Varela, Rafael Dieste, foron os moi cariñosos comigo. A entrevista íntegra, unha dupla páxina, está ao voso dispor no número 166 de Sermos Galiza, disponíbel nos pontos de venda habituais e na nosa loxa. |
NOS_44701 | Marilena Calota, o seu compañeiro e dúas crianzas de 3 e 10 anos, en risco de seren despexad@s da súa vivenda, tamén alugada a Urban, esixen que eses sete meses lles computen como abonados no novo inmoble. A inmobiliaria, tamén construtora, rexeita esta posibilidade. | A inmobiliaria Urban negouse esta cuarta feira a recibir a familia de Marilena Calota, en risco de seren despexad@s da súa vivenda de protección oficial ao non poder facer fronte ao aluguer de 257 euros mensais, luz e auga á parte. En conversa con Sermos Galiza, Calota enfatizou que no Estado español "hai dous bandos, o dos chourizos e o dos pobres, e de momento gañan eles", incomodada porque Urban se nega a aceptar a proposta que a familia colocou riba da mesa. En que consiste esa proposta? A Marilena Calota, o seu compañeiro e as súas crianzas de 3 e 10 anos foilles adxudicado un inmoble de protección oficial no concello de Brión, onde moraron durante sete meses até saber que "non era legal" e que "os nosos contratos non aparecen rexistrados no Instituto Galego de Vivenda e Solo". Cando transladaron esta situación a Urban, a propia inmobiliaria ofreceulles un segundo piso --de protección oficial tamén e tamén en Brión-- mais "a propia policía municipal comezou a presionar dicíndonos que esteinmoble tampouco era legal e que non nos podiamos empadroar porque os papeis do contrato non os tiñamos en regra". Voltaron a Urban e a inmobiliaria aceptou que a familia se mudase a un terceiro inmoble, tamén de protección oficial e tamén en Brión, onde moran a día de hoxe. Concentración de Stop-desafiuzamentos ás portas de Urban Con todo, Calota ten unicamente uns ingresos de 426 euros mensais e o seu compañeiro, cunha enfermidade dexenerativa, non ten nengún tipo de subsidio. "Non podemos pagar o aluguer coa luz e coa auga", lamenta a inquilina, polo que piden a Urban que acepte como pagados os sete meses que a familia abonou no primeiro inmoble, o "ilegal". Nese tempo poderían buscar outra alternativa e as crianzas rematarían o ano académico. Porén, a inmobiliaria négase a aceptar a proposta e dá de prazo até abril para que deixen libre a vivenda. Unha concentración convocada pola plataforma Stop-desafiuzamentos de Compostela reclamou ás portas de Urban no barrio compostelán de Pontepedriña que reciba a familia e negocie con ela. "De momento non houbo resposta asíque voltaremos mañá", conclúe Marilena Calota. |
PRAZA_10650 | Quen queira intentar o acceso a un posto público de carácter estatal terá a obriga de pagar avión ata Canarias, ou Andalucía, ou Cataluña, ou Madrid para examinarse. | O imperio, que estaba en crise, nútrese da tregua para crecer. Se tal dixeramos dun Israel so o paraugas do sionismo ianqui precipitándose en forma de mísil sobre o que queda de Palestina, nada estrañaría. Mais cando é España quen levanta paredes de formigón ou esgana as minguadas posibilidades dunha comunidade de persoas que se senten singulares no mundo, a resposta provisoria de entrada camba as cellas e leva a man á cartucheira. O vocabulario da burocracia reducionista produce carraxe, como mínimo, cando opera coa mesma frialdade cirúrxica dos mísiles: se atenden ben, mesmo se percibe o asubío previo ao impacto. Vexan: Se modifica la relación de provincias de examen del Anexo III de la Orden, página 75850, de modo que se suprime la siguiente: "Ámbito territorial: Galicia; Provincia de examen: ACoruña; Código de localidad: 15". En los próximos días será objeto de publicación en BOE. En realidade por aquí nada é tan sinxelo que non se poida amañar sen a contundencia definitiva dun Spike. No lugar do posterior paso lento do bulldozer, a colonización avanza co ritmo máis áxil pero igualmente letal dunha prensa que se enche de denunciar outras ofensas se cadra tan graves, mais que en nada embazan a cara prístina do Imperio e, porén, silencia o que repugnaría tamén unha esmagadora maioría da poboación.Explicamos a aparente insignificancia. Quen se vía na obriga de tragar bile cada día para poder vivir e escollía, poñamos por caso, seguir tragándoa desde un posto na administración pública, digamos na administración de xustiza (non vén ao caso agora dicir nada sobre a peregrinaxe de décadas polo Estado antes de aproximarse a casa, o gasto ou os riscos da estrada), podía intentar superar as probas de ingreso na Coruña. Viña de vello ser sede única deste tipo de probas estatais en Galicia calquera das facultades do campus de Elviña. Pero por orde do mesmo imperio que despeza barcos, subestiva a produción agrogandeira do país ou ignora os dinámicos e cativadores códigos de vida que desde aquí somos quen de emitir, xa ninguén poderá examinarse na Coruña. Quen queira intentar o acceso a un posto público de carácter estatal terá a obriga de pagar avión ata Canarias, ou Andalucía, ou Cataluña, ou Madrid para examinarse. Ademais de hotel, se non ten por alí quen acolla: unha irmá, un curmán ou un tío vítimas do despido libre ou doutras cirurxías semellantes. |
NOS_12527 | O festival das artes escénicas, USCénica, rematará este sábado 9 de xullo a programación deste curso. Roberto Salgueiro, o seu director, asegura que esta actividade está consolidada no panorama cultural galego. | O festival das artes escénicas, USCénica, consolidouse este ano como unha iniciativa de difusión das novas tendencias innovadoras da escena galega. A proposta botou a andar no ano 2020, logo do primeiro confinamento, como unha iniciativa "puntual" que procuraba ser, nun inicio, un "apoio" para o colectivo escénico profesional galego que estaba a atravesar por "unha situación económica complicada", en palabras do seu director, Roberto Salgueiro. A USC considera a experimentación con animais "imprescindíbel" Agora, na súa terceira edición, demostrou que veu coa intención de quedarse como outra actividade universitaria máis na programación da USC. Entre as características máis importantes deste festival está a idea de traballar "só con compañías galegas", tal e como indica Salgueiro, "proba de que a Universidade se está a implicar directamente co país". O seu programa defínese por contar con "proxectos que teñen máis dificultade en verse" fronte a outras fórmulas máis comerciais, matiza Roberto Salgueiro. A outra singularidade é a súa vertente pedagóxica. "USCénica", subliña Salgueiro, "conta con que as tarefas de produción corren a cargo do alumnado da aula e da compañía de teatro da USC". Ademais, o festival compleméntase con diversos cursos de formación. Desde o 20 de xuño, USCcénica acolleu o talento de Paraíso Teatro, Laboratorio escénico Coop, Avelina Pérez, Helena Salgueiro, Elas (Asociación Ámbar), VACAburra, Diego Anido, Le BarLuthier, Estíbaliz Espinosa, e a Aula de Teatro da USC coa obra A casa a forza. Víctor Sántos Rosales, investigador da USC: "Conseguimos facer tecidos óseos sintéticos, estériles e rexeneradores" Últimos días desta edición Para o reitor da USC, Antonio López, "en tempos complexos coma os que vivimos, poucos elementos teñen tanta capacidade de contribuír á dinamización e reforzo das relacións sociais e persoais como a cultura". Por iso considera que esta proposta universitaria "reforza a súa aposta por aquilo que nos une e nos inspira, por todas e cada unha das súas formas". O programa de actuacións de USCénica aínda continúa até este sábado 9 de xullo coas interpretacións de Límites (Corpo Colectivo Transfronteirizo), Compañía. Elahood, Bárbara Domínguez e The Swinging Flamingos. |
NOS_57127 | Nesta sexta feira, o suplemento de lecer de Nós Diario recolle os rincóns que tes que visitar se vas a Ourense e cóntache cales foron as orixes da viticultura galega. Tamén fala sobre o cultivo do té no país. | Se queres ter a man os mellores plans para o tempo de lecer na Galiza, non esquezas que mañá publícase co teu Nós Diario o caderno 'Gozar'. Nesta sexta feira poderás preparar una próxima excusión lendo a reportaxe "Pena Trevinca: descubrindo a nosa alta montaña", lugar polo que te guiarán as verbas de Martín Agrelo e Valerià Paül. O apartado 'Tesouros' está asinado, neste novo número, por Anxo Fole Lamas. O autor explícache todo sobre o "Té que sabe a Galiza", ese que nace en Paderne da man da firma Orballo. (Podes ler os artigos do suplemento Coñecer, en Nós Diario, á venda no teu quiosque ou na nosa loxa) Moita música e saber vivir A peza central, inserida na sección 'Paraíso de Viños', Francisco Rego fornece información sobre a "Orixe da viticultura galega. As castes de cultivo minoritario". O 'Rúas secundarias' ocúpase de "Ourense, con A de amor". O escritor Pedro Feijoo subliña os prodixios da cidade de interior. O xerente da empresa hostaleira Galipizza, José M. Vázquez 'Leman', explica algúns dos seus segredos no 'Selfie'. Por se fora pouco contido, no 'Quen fai que' vas atopar información sobre a X edición da Emoción dos Viños, que decorrerá no mosteiro de Oia; a celebración do sexto aniversario da Arca de Noe co grupo Tiruleque e o concerto de Uxía, Ruibal e Zambujo no Auditorio do Mar de Vigo. Suplementos diarios de carácter temático 'Coñecer', 'Aprender', 'Xogar', 'Gozar' e 'Producir' publicaranse de terzas feiras a sábados co diario para ampliar a información relativa a patrimonio, historia, arte, ciencia, educación ambiental, ensino, actividade física, gastronomía, enoloxía, viaxes, sectores produtivos e iniciativas empresariais, entre outros. Unha aposta de Nós Diario no marco da celebración dos seus cen primeiros números en papel. |
NOS_4683 | Un detallado informe elaborado pola CIG sobre as eivas nas residencias e a situación que se está a vivir nelas polo contaxio do coronavirus foi entregado á Fiscalía Superior da Galiza. O sindicato reúne no documento numerosas queixas e problemáticas concretas transmitidas polas traballadoras sobre a falla de medios de prevención e de persoal e alerta sobre a precariedade laboral. | Máis dun cento de queixas e alertas que traballadoras das residencias realizaron sobre falta de medios e de persoal en centros de maiores foron reunidas nun documento pola Confederación Intersindical Galega (CIG) e entregadas á Fiscalía Superior da Galiza. A central sindical nacionalista sinala no escrito que, con ánimo de colaborar coas actuacións que desenvolve a Fiscalía, remite ese informe coas alertas que dan as traballadoras de residencias. O sindicato quere propiciar así que se investiguen as denuncias interpostas ante a Fiscalía pola crise desatada nas residencias por mor do contaxio descontrolado do coronavirus nestes centros. A federación galega REDE, que aglutina asociacións de usuarias de residencias e familiares delas, denunciou na Fiscalía a pasada semana a CEO da empresa DomusVi, Josefina Fernández e outras corporacións xestoras de residencias polos delitos de denegación de auxilio, abandono, omisión de socorro, imprudencia grave con resultado de morte e lesións. REDE tamén presentou o sábado 18 de abril unha denuncia ante a Fiscalía por delitos semellantes contra o director xeral de Maiores da Xunta e outros altos cargos da Consellaría de Política Social. O documento foi rexistrado pola CIG ante a Fiscalía na pasada sexta feira, 17 de abril. Falta de medios de protección Un dos casos máis detallados no informe é o o da residencia de maiores Porta do Camiño, en Santiago de Compostela. As traballadoras deste centro sinalan no documento que realizan "horas e máis horas" seguidas cos mesmos equipos de protección EPI. Os descanso para xantar son de 15 minutos e voltan a traballar, "unha auténtica escravitude", sinala a CIG no informe. O estabelecemento de quendas continuadas de 12 horas con atención directa a usuarias contaxiadas da COVID-19 "non parece o máis adecuado para a saúde psíquica do persoal nin para manter unha atenta atención ao seguimento dos protocolos de prevención", din. Denuncian que non lles están facendo tests cando rematan de traballar, polo que van para a súa casa sen saber se están infectadas, poñendo en risco as súas familias. Denuncian que non lles están facendo tests cando rematan de traballar, polo que van para a súa casa sen saber se están infectadas A Xunta obriga a presentarse a traballar ao persoal dos centros de día do Consorcio "sen información algunha, nin das medidas a tomar nin de instrucións a seguir, co agravante de descoñecer o centro, o que pon en risco o persoal e as persoas que ingresan", din no informe. Na residencia de maiores asistida Volta do Castro todo persoal e as usuarias deron negativo. Porén, sinalan que desde o 16 de marzo a dirección procedeu a indicar ao persoal "que non era necesario" o uso de máscaras cirúrxicas e "o seu uso debía reservarse para máis adiante xa que non había stock na Xunta e o Goberno Central non as mandaba", relatan. Ante as reclamacións a dirección do persoal para empregar as máscaras, díxoselles que "só sabían protestar". Finalmente, o 3 de abril, 19 días despois de terse decretado o estado de alarma, emitiuse unha nota ao persoal asinada por dirección onde se recomendaba a máscara. Así o recolle a CIG. Persoal mobilziado pola Xunta sen formación sanitaria Na residencia integrada a Nosa Señora de Fátima, no Barco de Valdeorras, intervida pola Xunta, hai persoal da Consellaría de Educación sen titulación específica na rama sanitaria traballando sen que se lles dea formación sobre as tarefas e as medidas de prevención que deben seguir ante a COVID-19, recolle o informe do sindicato. Dúas das persoas que realizan funcións de auxiliar de clínica "nin sequera teñen formación clínica, pois todas son auxiliares coidadoras de escolas". Na residencia de maiores asistida de Oleiros facilítanse ao persoal batas, calzas e gorro para uso coas usuarias que están pendentes de resultado do test, mais para atender o resto de persoas da residencia "non hai EPI", denuncian. Consideran que "se está a pór en perigo a saúde e integridade física de todas as residentes, mais tamén das traballadoras e as familias delas". Número de traballadoras insuficiente Na residencia de maiores Torrente Ballester, na Coruña, o persoal critica que non hai traballadoras suficientes. "Precisaríase persoal de reforzo con urxencia", din. "Precisaríase persoal de reforzo con urxencia", din na residencia Torrente Ballester No centro de atención a persoas con discapacidade da Coruña, con casos positivos, "recrimínase" ás traballadoras e traballadores "por tirar o EPI usado para saír ao descanso, e se lles indica que non necesitan calzas, nin gorro nin bata, e que tiñan que ter utilizado o que quitaron en vez de tiralo". O informe alerta ademais de que o persoal coidador deste centro "traballa baixo presión e estrés, non por ter que traballar, senón polas condicións nas que se lles obriga, así como por ter que facer as funcións do persoal de enfermaría sen teren a formación precisa. Instrucións contraditorias Na residencia de maiores das Gándaras, en Lugo, "danse problemas cos protocolos a seguir", sinala a CIG, criticando que desde que se detectou un positivo as ordes son "contraditorias" e o persoal carece de formación específica para as funcións que se lles piden. Na residencia de maiores da Pobra do Caramiñal o material de protección está "baixo mínimos, con luvas e máscaras para reutilizar". Esta problemática é común a case todas a residencias das que a CIG informa no seu documento. |
NOS_37938 | Rianxo, en Infantil masculino, logrou a única vitoria galega nun campionato de remo dominado polas tripulacións vascas. | Nas clasificatorias do sábado Galiza logrou meter 17 bateis para a quenda final do Campionato estatal desta modalidade de banco fixo que decorreu na fin de semana en augas de Vigo coa participación de embarcacións galegas, vascas, cántabras e asturianas. Mais só un dos bateis galegos foi quen de conquistar unha bandeira: Rianxo, na categoría de Infantil masculino e impóndose a tripulacións tan pontentes como a cántabra de Castro ou os seus veciños barbanzáns de Cabo de Cruz. Foi este o único triunfo para Galiza neste LXXIII Campionato, onde os bateis vascos levantaron 4 das 7 bandeiras: Ziérbana (Absoluto masculino), Koxtape (Xuvenil masculino), Orio (promesas femininas) e Hibaika (Absoluto feminino). As outras dúas foron para as tripulacións cántabras de Castro (Cadete masculino) e Astillero (Xuvenil feminino). Os bateis galegos lograron 3 pratas, ao atinxir o segundo posto en Absoluto masculino (Tirán), Xuvenil masculino (Chapela) e Promesas femininas (Vilaxoán). Nesta última houbo polémica, pois Vilaxoán defende que foi a primeira en cruzar a liña de meta, por diane das de Orio, polo que esa bandeira lles correspondía. O palmarés do noso país neste campionato complétase con 5 'bronces': Meira, Mecos, Vila de Cangas e dous obtidos por Cabo de Cruz. No Campionato de 2015 Galiza conquistara dúas bandeiras: Xuvenil masculino (Mecos) e Cadete masculino (Cabo). |
NOS_18838 | Soberanistas galegos e cataláns avaliaron o cenario político no Estado e nas respectivas nacións a apenas 30 días para se realizar o referendo de autodeterminación en Catalunya. Ana Pontón encabezou a delegación do BNG, mentres que por ERC ese rol asumiuno a secretaria xeral, Marta Rovira, sendo que o presidente do partido, Oriol Junqueras, está absolutamente envorcado nos labores institucionais como vicepresidente do Govern e na preparación da consulta. | O BNG tomou esta quinta feira a temperatura do procés a apenas un mes do referendo e na casa dunha forza política, ERC, chamada a liderar, se acreditarmos nos oráculos demoscópicos, o futuro de Catalunya. BNG e ERC intertrocaron pontos de vista sobre a actualidade política de cada unha das dúas nacións e, máis en concreto, a formación soberanista galega recebeu información sobre os preparativos do referendo. Ambas forzas son plenamente conscientes, segundo soubo Sermos, da treboada autoritaria que o Estado prepara coas súas ferramentas institucionais -a comezar polo Tribunal Constitucional- para tentar facer descarrilar o referendo axendado para o 1-O. "Están persuadidos [por ERC] que o referendo se realizará porque existe un amplo apoio social e pola determinación do Govern en facelo aínda asumindo serios riscos políticos e até xurídicos", dixeron a Sermos fontes do BNG nas horas previas a se realizar esta cimeira. Por parte do BNG compuñan a delegación a súa portavoz nacional, Ana Pontón; a coordenadora de Relacións Exteriores e portavoz perante o Europarlamento, Ana Miranda; e o responsábel de Relacións coa Península, Rubén Cela, en tanto que a representación de ERC asumírona a súa secretaria xeral, Marta Rovira, e o vicesecretario de Acción Política da formación, Eduard López. Segundo informa o Bloque a meio dun comunicado, na reunión Marta Rovira trasladou á delegación galega que o referendo se irá realizar con todas as garantías democráticas e a "máxima seguridade xurídica". Por súa parte, Ana Pontón transmitiu a ERC o firme compromiso do nacionalismo galego co direito de autodeterminación dos pobos, a comezar polas nacións sen Estado. Á conclusión da cimeira, a delegación do BNG deslocouse ás Ramblas para alí faceren unha oferenda floral en memoria das vítimas dos atentados de Barcelona e Cambrils. A axenda desta quinta feira incluía tamén un acto vespertino sobre a emigración galega en Catalunya. O evento vai ter lugar a partir das 19 horas, no Gaelic Barc (na rúa do Paradís, 4, moi pertiño da Praza de San Jaume), e nel tomarán parte, para alén de Ana Pontón, María Xesús Lama, leitora de galego na Universitat de Barcelona; Gabriel Cebeiro, do Ateneu Aquén Nos de Girona; e Anxo Baranga, activista cultural galego. |
NOS_46457 | A cidade de Vigo protagonizou dúas manifestacións, unha da CIG que tamén se manifestou en Compostela e Ourense, e outra da CUT. | Ferrol centrou as reivindicacións este ano no Día da Clase Obreira Galega mais tamén houbo manifestacións noutras cidades do país. En Vigo tiveron lugar as convocadas pola CIG, que tamén saíu á rúa en Ourense e Compostela, e pola CUT. Alberto Gonçalves, secretario comarcal da CIG de Vigo, explica que este 10 de marzo é "unha xornada de loita e reivindicación neste contexto de pandemia" no que demandan "un xiro radical nas políticas económicas, sociais e laborais dos Gobernos español e galego". Por este motivo advirten que "desde as rúas non imos permitir que convertan a crise nun saqueo contra o noso pobo". Denuncia que a comarca está nunha "situación límite, con 24.000 persoas no desemprego sen contar cos milleiros que están cun expediente de regulación de emprego". A CUT contra confinar a conciencia de clase En Vigo a Central Unitaria de Traballadoras e Traballadores (CUT) realizou a súa convocatoria ás 19:30 horas desde o cruce da Vía Norte. Para este ano o lema escollido por esta central sindical era 'Que non confinen a nosa conciencia de clase', en relación á actual situación sanitaria. O seu secretario xeral, Ricardo Castro, explicaba a Nós Diario que o lema escollido este ano "resume moi ben a situación na que nos atopamos agora". Cre que coa chegada da pandemia "máis alá do tema sanitario pensamos que se está utilizando para outras cousas" como sería "reformular por enésima vez o capitalismo sempre na nosa contra". Para este sindicalista "antes o que parecía inamovíbel era a ditadura e agora é a pandemia e a xestión da crise económica que trae" polo que urxe "a derrogación das reformas laborais, algo lóxico nun Goberno que se di de progreso". |
NOS_43579 | "Salarios de miseria, xornada extenuantes, discriminación e condicións abusivas en subcontratas de sectores como a construción é froito da permisividade das administracións públicas" denuncian ambas centrais. | Delegacións dos sindicatos CIG (Galiza) e CGTP-IN (Portugal) mantiveron unha xuntanza en Verín inscrito no marco de colaboración asinado entre ambas as dúas centrais. Unha reunión na que se tratou "abordar a grave situación laboral daqueles traballadores/as que se desprazan a ambos lados da fronteira galego-portuguesa para exerceren a súa actividade". Así, denuncian salarios de miseria, xornada extenuantes, discriminación e condicións abusivas en subcontratas de sectores como a construción e sinalan a responsabilidade das administracións públicas, "tanto comunitarias como dos Estados español e portugués". Hai empresas, afirman CIG e CGTP-IN, "na súa maioría subcontratas", que operan nas obras públicas das provincias de Ourense e Pontevedra, captan man de obra precaria en Portugal co obxectivo de maximizar o lucro mediante a vulneración dos dereitos sociais e táboas salariais dos convenios preceptivos da nosa lexislación, favorecendo o chamado "dumping social". Alén disto, exercen graves abusos sobre os operarios con actividade en infraestruturas como a ponte de Rande, Zona Franca e obras municipais de Vigo ou que atinxen á Xunta, con salarios que poden descender, como no caso das obras do AVE, até os 4 euros a hora. "Entre as situacións máis flagrantes destacan a obriga de cobraren en negro, devolveren parte do salario ao voltaren a Portugal, teren domicilios ficticios en Galiza , asinaren declaracións de xornadas de 8 horas cando poden chegar até as 20 ou contratacións camufladas de falsos autónomos. Sinalan casos de persoal que leva 15 anos traballando en Galiza coa alta aínda vixente na seguridade social portuguesa". "Outras, próximas á escravitude, implican o feche en pisos coa imposibilidade de saíren sen a tutela dun encargado, non facilitarlles efectivo ou o requisito de asumiren os gastos de combustíbel e rodas no caso do desprazamento en furgóns" Situación inversa Tamén se dan, en menor medida, casos de galegos cunha problemática similar en Portugal, así como a deslocalización de empresas galegas ao outro lado da raia para escaparen da lexislación en materia de prevención e rebaixar as condicións sociais e salariais. Por todo isto, CIG e CGTP marcaron unha axenda común que implicará denuncias simultáneas a norte e sur da fronteira co obxectivo de rematar cunha sobreexplotación transversal, que afecta por igual a clase traballadora de ambas nacións. |
NOS_36939 | CIG-Ensino e o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galiza (COPG) amosan o seu rexeitamento á instalación destes dispositivos e instan a educar en valores. | A Consellaría de Educación inclúe no protocolo de protección de dados que presentou ao Consello Galego da Convivencia unha seríe de pautas á hora de introducir cámaras de video-vixianza nos centros de ensino. Este documento visa regular, entre outras cuestións, a instalación destes dispositivos en escolas e institutos como ferramenta contra o acoso escolar ou bullying. Educación di que estes dispositivos serán "unha axuda" para "prever" e "facer seguimento" de casos de bullying Neste senso, o propio conselleiro, Román Rodríguez, sinalou recentemente nun acto público as cámaras "van posibilitar unha axuda para o profesorado e para os equipos directivos, coa que poidan prever e sobre todo poder facer un seguimento deste tipo de problemas nos centros educativos". Porén, a comunidade educativa non partilla a visión do responsábel de Educación. O propio protocolo, de facto, prevé que cada centro determine no exercicio da súa "autonomía" sobre a instalación de cámaras de acordo, sinalan desde a Xunta coa lexislación actual disposta pola Axencia de Protección de Datos. Así pois, para alén de "motivos de seguridade" no centro --como até o de agora prevía a lei como suposto para a implantación destes dispositivos "enténdese agora que tamén se poden instalar este tipo de sistemas como prevención de danos aos menores de idade, como pode ser para evitar e aclarar posíbeis situacións de maltrato físico, verbal ou psicolóxico, coa base da necesaria supremacía do interese superior do menor, que proclama a normativa de protección xurídica do menor", recolle o protocolo da Xunta. Control Así as cousas, prevé "cautelas adicionais" de se colocaren para tales efectos como que as cámaras só sexan instaladas en "zonas comúns" como o patio ou o comedor "mais nunca nas aulas", "vestiarios" ou "ximnasio"; á reprodución das imaxes só poderá ter acceso a dirección ou a persoa designada para tal fin ou mesmo a posibilidade de reducir dun mes a 10 días o período de conservación das capturas. O protocolo impide a colocación das cámaras nas aulas, vestiarios ou ximnasio e prevé a instalación en zonas comúns "Parécenos unha barbaridade", di Anxo Louzao, secretario nacional da CIG-Ensino en conversa con Sermos Galiza. "Son centros educativos e non se educa vixiando, é tremendo", subliña ao tempo que advirte dos riscos de "pisar dereitos" en aras "do control". "Que é, unha prisión de alta seguridade?", pregúntanse desde a CIG-Ensino. Educar en valores Desde o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galiza (COPG) rexeitan a medida "debido principalmente á súa falta de eficacia á hora de previr o acoso escolar", sinalan nun comunicado de imprensa. "O medio principal e o máis axeitado para a prevención da violencia nas aulas é a través da educación e recursos como as gravacións poden resultar incluso contraproducentes", acrecentan. Aliás, amosan a súa preocupación polo que suporá para o "dereito á protección da intimidade do alumnado, xa que existe unha liña moi fina entre a seguridade e a intimidade; sendo a protección da súa intimidade parte fundamental da seguridade que hai que garantirlles como menores que son". O medio principal e o máis axeitado para a prevención da violencia nas aulas é a través da educación Para alén diso, desde o COPG chaman a "reflexionar" tamén sobre as "consecuencias" que carrexaría a implantación xeralizada da destes dispositivos nos centros educativos "é moi posible que o alumnado remate "comportándose ben" por mor da presenza das cámaras, máis que por teren integrados na súa ética persoal unha serie de valores de respecto e convivencia" polo que apelan a "educar en valores desde a liberdade e a responsabilidade", en troca de vixiar. No número 182 do semanario en papel publicamos unha reportaxe intitulada 'Violencia entre iguais nas aulas' no que afondamos no bullying mais tamén na escola como transmisora de valores emocionais. |
NOS_5809 | Educación enmascara como "redistributiva" e "progresiva" a decisión de ampliar o repagamento nos comedores escolares a milleiros de familias. Desde CIG lémbrase que o alumnado que ten dereito a comedor gratuíto é o que utiliza o transporte público e vive lonxe do centro escolar, "un xeito de garantir o seu dereito á educación" | O conselleiro de Educación, Xesús Vázquez, anunciou que a Xunta ampliará o repagamento dos comedores escolares nesta lexislatura, xustificando como "redistributiva" e "progresiva" unha medida que provocará que se antes o 88% dos e das nenas que non pagaban por ese servizo esa cifra vaia recortarse até o 56%. Vázquez calcula que unha de cada catro familias con fillos en idade escolar pagarán 4,5 euros o día, que é, indican, o custo do menú. E aliás, afirmou que ningunha familia mileurista pagará por este servizo. E que ía ampliar o número de prazas dos comedores e que, "de xeito paulatino" asumirá os comedores xestionados por ANPA Mais esta visión do conselleiro non parece que convenza a sindicatos e colectivos de familiares de alumnado. Para Anxo Louzao, da CIG-Educación, esta medida supón un novo ataque a un dereito universal "como é a educación". Lembra que o conselleiro non pode enganar "nen facer demagoxia ou unha fraude á sociedade" ao falar destas cuestións. "Parece que todo alumno tend ereito a comedor gratuito, e non é así", explica Louzao. Desde que goberna Feijóo recortáronse máis de 400 millóns de euros en educación O secretario nacional de CIG-Ensino lembra que "o alumnado que ten dereito a comedor escolar gratuito é o que ten que usar o transporte escolar para ir ao centro educactivo ou vive a máis de dous quilómetros e medio". O comedor, xa que logo, é un servizo que debe prestar a administración para garantir o dereito á educación deses alumnos, "que se non terían que ir e volver comer á súa casa, máis tempo no autobús". Recortes A central nacionalista lembra que o gasto en comedores escolares establecido nos orzamentos 2013, por volta de 28 millóns de euros, é semellante ao que nesas contas se dirixe ao profesorado de relixión. E acusa a Educación de recortar neste servizo público á vez que manteñen importantes cantidades a colexios privados e concertados (240 millóns de euros), mesmo a aqueles centros do Opus Dei que segregan por razón de xénero ao seu alumnado. A decisión da Xunta de ampliar o copagamento nos comedores escolares tamén foi albo das críticas da oposición. BNG, AGE e PSdeG coincidiron end enunciar unha medida que supón máis un ataque a este servizo público: "Desde que goberna Feijóo recortáronse máis de 400 millóns de euros en educación". |
PRAZA_16884 | Este sábado terá lugar a II Marcha pola Memoria, que fará fincapé no papel desenvolvido polo crego na loita contra a ocupación de terras por parte de Unión Fenosa en 1977. O pasado ano 300 persoas participaron nos actos, que comezarán ás 11 horas en Pontoxo (Cerceda) | 25 anos sen Moncho Valcarce, o home que "logrou facer tanto porque nunca deixou de ser un máis" As Encrobas (Cerceda) acollerá este sábado a II Marcha pola Memoria, dedicada neste ano a Ramón Valcarce, no 25 aniversario da súa morte. Xa o pasado ano 300 persoas participaron na primeira edición desta iniciativa, que lembra a loita desenvolvida en 1977 por veciños e veciñas contra a ocupación de terras levada a cabo por Unión Fenosa, que finalmente conseguiu perforar o val para convertelo nunha mina de carbón a ceo aberto que debía abastecer á central térmica de Meirama. Nesta ocasión, ademais, farase fincapé no papel deste crego revolucionario, finado no ano 1993 na Coruña, cidade que hai dous meses homenaxeou publicamente a Valcarce, resolvendo o esquecemento institucional ao que durante anos sometera á memoria do Cura das Encrobas. O traxecto camiñará "por espazos asoballados que gardan mil historias para facer revivir feitos históricos que é necesario lembrar para poder transmitirllos á xente máis nova" Organizado polos veciños e veciñas das Encrobas, en colaboración coa Irmandade Moncho Valcarce e co Concello de Cerceda, os actos comezarán ás 11 da mañá en Pontoxo, á beira da igrexa das Encrobas, precisamente onde está situado o busto na honra de Moncho Valcarce. A partir deste lugar comezará un roteiro que se prolongará ata as 15 horas e que levará a toda a xente que se anime a asistir a facer un percorrido a pé pola memoria, visitando lugares e revivindo momentos transcendentais para a parroquia. Nesta andaina haberá intervencións musicais en directo, poesía e, sobre todo, moita memoria e a voz de moitas persoas que foron protagonistas da historia das Encrobas. A organización animamos a toda a xente a asistir ·vestida con indumentaria labrega, sachos, fouces, ferramentas de man e/ou paraugas negros" e recomenda, ademais, levar auga e un aperitivo para o camiño. O obxectivo é "apelar á memoria para chamar á solidariedade con colectivos que seguen a loitar contra novos proxectos que tamén pretenden acaparar as terras e rematar coa vida digna das persoas do rural para cumprir os intereses das grandes multinacionais" O pasado ano lembráronse especialmente os enfrontamentos do pobo das Encrobas contra a Garda Civil en Pao Rañón para impedir que lles quitaran as terras. Desta volta a Marcha percorrerá unha ruta diferente, pero o traxecto camiñará "por espazos asoballados que gardan mil historias e coa compañía de persoas que rexurdirán das súas cinzas para facer revivir feitos históricos que é necesario lembrar para poder tamén transmitirllos á xente máis nova", destacan dende a organización. "Así, haberá ocasión para reencontrarse con Moncho Valcarce, con Cesáreo Pena, con Carme de Xende, con Emilio Suárez, co Costiñán, con moitos personaxes que marcaron unha época na historia das loitas galegas na defensa da terra", sinalan, destacando que o obxectivo é tamén "apelar á memoria para chamar á solidariedade con moitos colectivos que hoxe seguen a loitar por todo o país contra novos proxectos que tamén pretenden acaparar as terras e rematar coa vida digna das persoas do rural para cumprir os intereses económicos das grandes multinacionais". |
NOS_16121 | María Castelao, Luís García Bello e Amelia González abandonan de maneira voluntaria o partido após seren condenad@s a 9 anos de inhabilitación por un delito de prevaricación. Unha concentración cidadá clamará esta quinta feira pola demisión do alcalde, Ángel Currás. | A que fora responsábel da área de servizos sociais, María Catelao, Luís García Bello, concelleiro de Seguridade e Mobilidade e Amelia González, responsábel de Interior e Persoal, solicitaron xa a súa baixa voluntaria do partido. Así o recolle a axencia de noticias EuropaPress a quen fontes do PP confirmaron a recepción da solicitude. As baixas de militancia producíronse após a condena que inhabilita a 7 edís da equipa municipal como representantes públicos durante 9 anos. Unha sentenza xudicial que se produciu ao fio dun delito de prevaricación cometido polo goberno encabezado por Ángel Currás. As baixas prodúcense por decisión propia Embora os estatutos do Partido Popular non contemplen máis que a abertura dun expediente disciplinario até se coñecer o contido dunha sentenza firme --esta é aínda recorríbel-- estas tres persoas solicitaron xa a súa saída. Unha decisión que poderían ter adoptado por mor da actitude do alcalde e do propio partido que @s obrigou a presentar a súa demisión "por imperativo legal" como indicaron en comparecencia de imprensa na segunda feira (2 de xuño). As disensións no seo do PPdeG non se circunscriben unicamente @s concelleir@s demitid@s senón que se cernerían tamén arredor da propia figura de Ángel Currás. Segundo as informacións publicadas por diversos medios de comunicación o rexedor compostelán estaría a ser presionado para presentar a súa demisión, habida conta da súa calidade de imputado na Operación Pokémon e da situación de ingobernabilidade en que se atopa a capital da Galiza. Porén, Currás advertiu que permanecerá ao mando do consistorio e mesmo comezou a recompilar nomes para comezar a substitución d@s 9 edís que lle faltan agora á cidade. Unha concentración na Praza do Toural esta quinta feira ás 20.15h exixirá a demisión do alcalde Neste senso, a imprensa fala xa de Néstor Valcárcel, ex-secretario xeral da Escola Galega de Administración Pública e de María Baleato --actualmente xefa de servizo na Subdirección Xeral de Réxime Xurídico Local, como algúns dos edís que pasarán a conformar parte da equipa como non eleit@s. A insólita situación que vive Compostela desde esta segunda feira estase a facer notar tamén nas rúas da cidade. Por esta razón un grupo de persoas convocan para esta quinta feira (5 de xuño) unha concentración cidadá ás 20.15 na Praza do Toural. A convocatoria foi lanzada pola Acampada SQC e o movemento Santiago de Corruptela. |
PRAZA_3172 | A Comisión Europea di que "o investimento tería sido máis rendible economicamente ou máis viable" noutra fábrica de Eslovaquia nunha rexión "polo menos igual de desfavorecida" que Galicia | A Comisión Europea di que "o investimento tería sido máis rendible economicamente ou máis viable" noutra fábrica de Eslovaquia nunha rexión "polo menos igual de desfavorecida" que Galicia"A Comisión manifesta as súas dúbidas canto á contribución dos proxectos de investimento ao desenvolvemento da rexión en cuestión". Así amosa a Comisión Europea as súas dúbidas sobre o efecto real para Galicia das axudas de preto de 20,7 millóns de euros que o Goberno central, a través dunha petición da Xunta, outorgou en 2017 á fábrica de Peugeot-Citroën de Vigo. O pasado xullo fíxose público que a UE estaba a analizar esa subvención e agora desvélase o detalle das principais dúbidas da Comisión, que pide a calquera interesado que formule as consideracións ou alegacións que considere oportunas.O Diario Oficial da UE publicou o pasado 17 de xaneiro a carta coa que a Comisión comunicou formalmente hai seis meses ao Goberno de España a súa decisión de incoar un procedemento de investigación desas axudas, que xa cando foron concedidas polo Goberno de Mariano Rajoy quedaron condicionadas á súa posterior autorización por parte da UE. Esa carta agora desvelada, e que se somete á consideración de calquera interesado por un prazo dun mes, contén tanto as principais dúbidas que as axudas lle producen á Comisión Europea como as explicacións ofrecidas por España, que non convencen á UE.Segundo o agora desvelado pola Comisión, as axudas, que sumaron un total de 20.660.434 euros, debían ir destinadas a introducir innovacións no proceso global de produción de automóbiles, pero a UE cre que iso non é así e sospeita que realmente están destinadas a unha mellora puntual da técnica empregada na planta viguesa en beneficio da empresa e non da innovación. Iso suporía ir en contra das denominadas Directrices sobre as axudas estatais de finalidade rexional para 2014-2020 (DAR). "Na fase de avaliación preliminar, a Comisión non puido confirmar a admisibilidade da axuda notificada e a súa compatibilidade coas disposicións das DAR", di.A comisión tamén dubida de que puidesen recibir ese tipo de axudas tanto a empresa como o proxecto en si xa que "a axuda rexional para investimentos de grandes empresas non é probable que teña un efecto incentivador"A Comisión non só dubida da contribución ao desenvolvemento de Galicia dos proxectos de investimento de Peugeot-Citroën en Vigo senón tamén de que puidesen recibir ese tipo de axudas tanto a empresa como ese tipo de proxectos en si. A Comisión lembra que as directrices que regulan esas axudas din que "posto que a axuda rexional para investimentos de grandes empresas non é probable que teña un efecto incentivador, non pode considerarse compatible co mercado interior" a non ser que, de xeito excepcional, se outorgue para "novos procesos innovadores", algo que non foi quen de constatar en Vigo. E explica que, no caso do investimento subvencionado en Vigo, este produciuse en detrimento doutra fábrica da compañía na rexión eslovaca de Trnava. Isto é, a axuda supuxo un obstáculo á libre competencia na UE."A axuda puido desviar o investimento 1 de Trnava, onde, sen ningunha axuda, a primeira vista parece que a execución do investimento tería sido máis viable", chega a dicir a Comisión, que conclúe que "isto constituiría un efecto negativo manifesto da axuda, que [...] non pode compensarse, ao sopesar de xeito global a compatibilidade da axuda, con ningún efecto positivo da mesma, xa que é contrario á propia lóxica da axuda rexional". Explicado doutro xeito pola propia Comisión, "o investimento tería sido máis rendible economicamente ou máis viable nesa outra localización, polo menos igual de desfavorecida". Ademais, a Comisión tamén dubida de que o tipo de vehículos para o que vai destinado parte do investimento subvencionado poida formar parte dun "mercado pouco produtivo, o cal podería incluso estar en declive absoluto".O Goberno central argumentou que "sen a axuda, o investimento [de Peugeot-Citroën Vigo] non sería suficientemente rendiblePola contra, entre os argumentos ofrecidos polo Goberno central, que non convencen á UE, está o de que "sen a axuda, o investimento non sería suficientemente rendible" e que a axuda "cambiou o comportamento de [Peugeot-Citroën Vigo] ao estimular as innovacións tecnolóxicas e a evolución industrial" e que "sen a axuda [Peugeot- Citroën Vigo] non realizaría os investimentos por importe de 492 millóns de euros tal como estaban previstos no Plan Industrial 2015-2019". |
NOS_30085 | O Instituto Galego de Estatística vén de publicar os dados provisionais sobre o movemento natural da poboación en 2016. Unhas cifras que constatan o incremento da fenda entre falecementos e nacementos no país, de maneira que o saldo vexetativo segue a empeorar. | Unha ollada aos dados provisionais sobre o movemento natural da poboación na Galiza evidencian, máis un ano, o agravamento da fenda entre mortes e nacementos. Uns dados que dan como resultado un saldo vexetativo negativo que se agrava a respeito do ano anterior. En 2016 houbo 31.473 defuncións –o 47% de persoas maiores de 85 anos-, cifra moi semellante á do ano anterior, e 18.952 nacementos, un 2,5% menos que os rexistrados en 2015. Así, se o saldo vexetativo era de -12.057 persoas en 2015, en 2016 foi de -12.521. Ademais, en 2016, só 15 dos 314 concellos presentaron un saldo vexetativo positivo. Foron: Ames, Arteixo, Cambre, Carral, Culleredo, Miño, Oroso, San Cibrao das Viñas, Barbadás, Gondomar, Poio, Ponteareas, O Porriño, Salceda de Caselas e Soutomaior. Outro dos dados salientábeis ten a ver coa idade da nai. En 2016, o 78,2% dos nacementos foron de nais de 30 ou máis anos de idades, mentres que os nacementos nese grupo de idade representaban o 65,4% hai dez anos. Ademais, en 2016, os nacementos de nais de 40 e máis anos representan o 10,2% do total, fronte ao 4,1% de 2006. Sobre os matrimonios, formalizáronse en 2016 un total de 8.956, 141 entre persoas do mesmo sexo. Os matrimonios entre persoas de distinto sexo caeron un 3,61% a respeito do ano anterior, mentres que os matrimonios entre homes aumentaron un 42,55% e entre mulleres, o 45,10%. |
NOS_45703 | Vestas, Alcoa ou Alu Ibérica non son unha excepción. O complexo industrial galega vive nunha alongada crise desde 2008, até o punto de perder desde aquela un de cada cinco empregos, que os expertos consideran chaves polo seu efecto multiplicador para o conxunto da actividade económica. As perspectivas para os vindeiros meses asustan. | Vestas é a última compañía en facer pública a súa intención de fechar o seu centro de produción na Galiza. O xigante danés dos compoñentes eólicos, cunha factoría aberta en Viveiro desde hai máis de dúas décadas, anunciou aos seu máis de 100 traballadores a súa decisión de parar a actividade e xa comezou a tramitación dun Expediente de Regulación de Emprego (ERE). A medida, adoptada nun momento de auxe do sector das renovábeis e cando se tramitan a instalación de arredor de 10.000 megawatts no país, ven precedida polo feche dunha fábrica análoga do grupo Gamesa nas Somozas, que ten representado o despido de 215 empregados e a deslocalización da totalidade da produción a Portugal. O sector eólico non é o único en destruír emprego. A industria do aluminio non vive momentos mellores, unha vez que a multinacional Alcoa decide non continuar na súa factoría de San Cibrao en Cervo, da que dependen 500 empregos directos e outros tantos indirectos e se nega a favorecer unha operación de venda a outros grupos interesados. Pola súa banda, a situación da fábrica de aluminio da Coruña, en mans do grupo Alu Ibérica, é cada día máis complicada, tendo solicitado a administración xudicial un concurso de acredores para facer fronte á situación. Neste caso, a ameaza do despedimento paira sobre 320 persoas. O automóbil e o naval, dous sectores chave no complexo industrial galego, enfrontan unha situación límite. A falla de concretar os axustes impostos polo novo modelo de transporte derivado da transición enerxética, a problemática xerada polo escaseza de microchips está a provocar paros continuados e unha importante caída da produción na factoría de Stellantis en Vigo. Outro tanto, acontece na construción naval, outrora unha actividade punteira na economía galega, tras perder en 2020, o 20% da súa facturación e 30% do seu emprego. A febleza do sector industrial Os diversos informes publicados nos últimos tempos certifican a debilidade do sector industrial. A este respecto, resulta clarificador que ao longo de 2020 a caída do sector manufactureiro galego foi 11 puntos superior ao experimentado polo conxunto do Produto Interior Bruto (PIB). Na mesma dirección, os dados do informe Ardán ou do Foro Económico da Galiza deixan claro o impacto da pandemia naqueles sectores tractores da industria, como o téxtil, o automóbil ou o mar, que representa máis de 3% do PIB, emprega a 37.000 persoas a través de 4.000 empresas e factura arredor de 10.000 millóns de euros anuais. A crise do sector industrial é moi anterior ao comezo da pandemia do coronavirus. O seu valor engadido bruto descendeu en 2019 en 1,4% en relación a 2018, sinalando o profesor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Bernardo Valdês que "entre 2008 e 2019 o valor engadido bruto na industria manufactureira radicada na Galiza caeu case 8% en termos correntes. Nese mesmo período o valor xerado polas manufacturas alemás incrementouse en 29%". A este respecto, Valdês destaca que "é certo que se ven producindo un cambio na xeografía industrial a nivel comunitario, mais non precisamente en prexuízo do centro da Unión Europea". Galiza perdeu 383 empresas do sector industrial entre 2018 e 2019. Segundo se recolle no traballo do Instituto de Estudos e Desenvolvemento da Galiza (IDEGA) da USC, A economía galega. Informe 2019/2020, "a comezos de 2019 Galiza contaba con 388 empresas industriais menos que en 2018, dás que 268 tiñan menos de 10 traballadores e 120 eran de maior tamaño. Iso supón unha nova perda na dimensión dun sector que viu como de contar en 2008 con 214.600 ocupados, pasou a 179.400 en 2019 e, en termos de empresas industriais, de 15.089 a 12.347". A este respecto, a profesora da USC, María Cadaval lembra que "Galiza leva perdido un de cada cinco empregos industriais desde o ano 2008". A produción industrial está moi por baixo das cifras de 2007 non conseguindo recuperar en ningún dos exercicios os niveis anteriores á crise. Neste sentido, os autores do relatorio. A economía galega. Informe 2019/2020 destacan que "a produción industrial en 2019, que como indicamos foi inferior á de 2018, distaba aínda moito de alcanzar a lograda na primeira década deste século. Así, mentres o valor medio do Índice de Produción Industrial (IPI) xeral en 2007 (base 2015) era 140,1, en 2019 era 105,1; cunha diferenza de 35 puntos que reflicte unha preocupante caída na actividade industrial". Ao tempo, en 2019 só os sectores da alimentación, bebidas, papel, químicas e outras industrias manufactureiras superaban a produción de 2007. Intervención pública de Alcoa O comité de empresa de Alcoa compareceu onte para reclamar ao presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, a intervención da factoría da multinacional de San Cibrao en Cervo. A representación dos traballadores urxe o mandatario galego que achegue esta demanda ao Executivo do Estado e anuncia unha nova mobilización para o 10 de outubro en Lugo diante do edificio da Subdelegación do Goberno. |
NOS_6327 | As áreas de Igualdade e Cultura da Deputación da Coruña presentan o programa co que conmemorarán o 28 de xuño e o congreso "A memoria diversa", que decorrerá no Pazo de Mariñán (Bergondo) os días 18 e 19. | A conmemoración do Día das Diversidades Sexuais o vindeiro día 28 centra o programa deseñado polas áreas de Igualdade e de Cultura da Deputación da Coruña, "Liberdade de ser e sentir", que conta cun congreso que decorrerá o 18 e o 19 no Pazo de Mariñán (Bergondo). "A memoria diversa" é o título deste congreso que presentaron na terza feira os deputados Xurxo Couto e María Muíño, xunto á escritora Eva Mejuto e o coordinador do evento, Marcos López. A campaña "Liberdade de ser e sentir" conta coa participación dun total de 85 concellos e 15 entidades, e este ano a súa programación prolóngase durante de todo o mes de xuño. A deputada destacou a pluralidade de propostas, deseñadas en colaboración coas entidades, que "ofrecerán ferramentas e materiais para utilizar durante todo o ano e sumar miradas inclusivas para avanzar nunha sociedade máis tolerante e igualitaria". O programa inclúe actividades para todos os públicos, desde un conto infantil que se difundirá na rede até pílulas informativas para expandir a mensaxe igualitaria, conversas públicas con representantes das entidades que defenden os dereitos dos colectivos ou a proxección do audiovisual Noite irisada, que se producirá en doce concellos. O congreso "A memoria diversa" ten por obxectivo "recuperar e reivindicar a memoria histórica do colectivo Lgbtiqa+ na Galiza e darlle visibilidade a aquelas persoas vítimas da represión por cuestións de orientación ou identidade de xénero", explican. Xurxo Couto destacou na presentación que "conta con especialistas e protagonistas do movemento en defensa dos dereitos sexuais e as diversidades e recupera a memoria dun colectivo de especial relevancia na loita polas liberdades e a igualdade". Xunto co congreso, o programa incluirá a publicación dun libro elaborado pola escritora Eva Mejuto cun total de 12 entrevistas a activistas do movemento. Mejuto quixo apuntar na presentación que o volume nace co obxectivo de "deixar constancia das voces directas das persoas que viviron a represión á diversidade desde o franquismo, persoas que foron activistas e contan en primeira persoa a súa experiencia vital como lección para as novas xeracións". Nesta liña o coordinador do congreso, Marcos López, destacou a necesidade desta iniciativa que "reivindica a memoria histórica do colectivo e recupera as voces necesarias, un relato memorístico en chave diversa e galega para que o pasado e o presente axuden a construír o futuro", recalcou. |
NOS_37455 | A campaña de primarias para a renovación das secretarías provinciais do PSdeG encara as súas semanas decisivas. Se na xornada de onte era o alcalde do Barco, Alfredo García, quen presentaba os avais necesarios para concorrer en Ourense, hoxe facíano o presidente da Deputación de Lugo José Tomé e a deputada Noa Díaz | José Tomé rexistrou na maña de hoxe 600 avais para postularse como secretario xeral dos socialistas lugueses. Acompañado das súas persoas de confianza á fronte da Deputación de Lugo, Pilar Porto e Pablo Rivera, Tomé reivindicou a súa "experiencia política" para aspirar a esta nova responsabilidade. A "experiencia política" de Tomé O presidente da Deputación de Lugo comprometeuse a "trasladar ao conxunto do partido" a súa "experiencia política, que xa empeza a ser dilatada tanto no ámbito orgánico como no institucional" "O PSdeG xa está en boa posición en Lugo", afirmou Tomé, quen lembrou que a formación "xa está en boa posición" e goberna "70% da poboación da provincia" pero "iso querémolo consolidar e alcanzar outras alcaldías". "Cando ao Partido Socialista vai ben, aos lugueses vailles ben", aseverou Tomé. Tomé enfrontarase nas primarias a celebrar o día 30 de xaneiro co alcalde de Castroverde e deputado provincial José María Arias. A totalidade das fontes socialistas de Lugo consultadas por Nós Diario sinalan a Tomé como favorito claro, ficando a dúbida dos apoios que finalmente conseguirá. Alfredo García postúlase en Ourense Un día antes de Tomé, presentou os seus avais para a secretaría dos socialistas ourensáns o alcalde do Barco de Valdeorras Alfredo García. Este defendeu a súa proposta, afirmando que "moitos compañeiros entendían que había que dar un paso á fronte" e que "era a persoa idónea para facelo" "Para min é un orgullo. Eu levo toda a vida sen ningún tipo de dúbida neste partido. Sinto este partido, quero a este partido e quero o mellor para este partido", aseverou García, quen significou que "en catro días de traballo" conseguiu recoller "moi preto de 400 apoios. García asegurou que "a militancia está desanimada e non percibe que se conta con ela" ."Falo dos militantes do montón, das pequenas agrupacións pero tamén das grandes, onde hai unha decepción, unha falta de sintonía coa dirección", recalcou o alcalde do Barco de Valdeorras. Noa Díaz aspira á secretaría xeral da Coruña Noa Díaz apurou, tamén, os prazos a este domingo para facer entrega dos avais. Segundo a deputada compostelán, precísase dun PSdG "forte que se configure como ferramenta clave coa que, entre todas e todos, poder dar solucións aos numerosos problemas aos que se enfronta a cidadanía". "É hora de que as mulleres asumamos tarefas de dirección á fronte do partido e incorporemos a nosa visión á maneira de facer política", proclama Díaz, quen chama a pór o foco nas pequenas agrupacións que "son quen presenta maiores dificultades á hora de desenvolver as súas funcións". Díaz, persoa do círculo de confianza de Gonzalo Caballero, sinala que a súa candidatura "nace da man da militancia de base e coa vontade de sumar en positivo cun proxecto aberto e integrador a calquera achega que supoña fortalecer o PSdeG". Ourense proceso aberto Ourense é a circunscrición onde o proceso de primarias está mais aberto. A esta altura, ninguén se atreve a aventurar se continuará á fronte da dirección do partido Rafael Villarino ou se será substituído por Alfredo García. Os equipos dun e doutro aspirante á secretaría xeral recoñecen a Nós Diario a igualdade de apoios entre ambas propostas. Os prognósticos non avanzan sorpresas na Coruña e Pontevedra. Así, na primeira das circunscrición dáse por feita a vitoria do alcalde de Pontedeume e voceiro socialista na Deputación da Coruña Bernardo Fernández. Fernández, persoa moi próxima a Formoso, terá enfronte a deputada compostelá, Noa Díaz, peza chave no equipo de Gonzalo Caballero. Unha situación análogo repítese en Pontevedra, onde o candidato impulsado desde o círculo de Abel Caballero, David Regades, deberá competir coa deputada pontevedresa, Paloma Castro, muller de confianza do anterior secretario xeral Gonzalo Caballero. A aposta de Formoso A foto final deste proceso apunta a unhas estruturas de dirección territorial na liña da maioría conformada arredor de González Formoso. A este respecto, a sintonía das direccións provinciais coa galega facilitaría o traballo do novo secretario xeral dos socialistas galegos. As fontes socialistas consultadas por Nós Diario dan por feito unha vitoria dos próximos a Formoso na Coruña, Lugo e Pontevedra, onde o sector de Abel Caballero aparece agora como un aliado firme de Formoso. Nestas circunstancias, a batalla por Ourense centra todas as miradas. Así, unha vitoria de García, candidato impulsado desde o sector de Formoso, deixaría nun situación moi complicada ao grupo de Gonzalo Caballero, que ficaría despoxado de todo o poder territorial |
NOS_21131 | Decorreron mobilizacións simultáneas nas sete cidades para reivindicar a recuperación do horario lectivo previo aos recortes. | As sete cidades galegas acolleron concentracións convocadas polas organizacións con representación no ensino público para demandar que se recupere o horario lectivo previo aos recortes aplicados desde as administracións coa desculpa da crise. O horario lectivo foi recortado polos gobernos de Feixoo e Raxoi nos anos 2011 e 2012 respectivamente. "Unha medida que significou a perda dun mínimo de 1200 postos de traballo e un empeoramento tanto das condicións de traballo como da calidade da atención educativa", como denuncian desde o sindicato maioritario no ensino público galego, a CIG. O goberno central derrogou o ano pasado o Real Decreto Lei polo que se aumentara o horario lectivo do profesorado a nivel estatal, e desde entón docentes doutros 7 territorios do Estado xa recuperaran este dereito. "Na Galiza, que foi pioneira nestes recortes, semella que esa vontade non existe e mesmo se utiliza o colectivo docente como arma política nas liortas que mantén o goberno da Xunta co de Madrid". Deterioro O profesorado galego fdemanda a recuperación dos 18 períodos lectivos para o profesorado de secundaria, FP e ensinanzas de réxime especial. Polo demais, no caso das mestras de primaria, infantil e educación especial a redución de 25 a 21 horas foi froito dun acordo asinado pola práctica totalidade das organizacións sindicais coa Xunta en 2007 . Ademais do recorte de postos de traballo, nomeadamente en secundaria, estas medidas trouxeron consigo, tal e como lembraba o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, na concentración da Coruña, "unha redución dos apoios en infantil e un empeoramento na atención á diversidade, con menos profesorado especialista, así como máis itinerancias, máis afíns, incremento das ratios nas aulas, maior número de alumnado por docente, sobrecarga de traballo burocrático en detrimento do propiamente lectivo… " |
NOS_13435 | As Fillas de Breogán proclamáronse campioas ibéricas en Madrid, conseguindo por primeira vez na historia dun clube galego, a máxima competición na que participan todos os equipos da rexión Ibérica da ECB (European County Board). Este fito consolida unha tempada redonda das Fillas que, en Galiza, tamén gañaron liga e copa. | Firmaron, con esta vitoria, un triplete sen precedentes no fútbol gaélico galego con dificultades engadidas, pois tiveron que xogar o primeiro encontro con inferioridade numérica, debido ás lesións que sufriron Paula e Raquel na primeira metade. Viaxaron só once xogadoras a Tres Cantos e isto fíxolles afrontar o primeiro partido con dúas xogadoras menos. A partir de aí os encontros das Fillas foron de sete contra sete, reestruturación prevista pola organización ante a posibilidade de baixas. Lesións que non foron excepción, pois os equipos acusaron o calor e a falta de rego dun terreo de xogo sintético que endureceu as condicións da competición. Os equipos acusaron o calor e a falta de rego do terreo de xogo sintético "Queriamos gañar custase o que custase", é o sentimento que transmite María Corrachano, quen conta que o inicio foi duro, pero que o equipo se superou para ir "en progresión até acabar gañando". As coruñesas foron superando roldas: Primeiro a fase de grupos e logo o enfrontamento directo ante as Irmandinhas da Estrada, que remataron terceiras, e chegaron á gran final ante as anfitrioas do Madrid Harpettes. Na final non houbo discusión. As Fillas saíron con todo e despois duns primeiros minutos de encontro disputados, comezaron a abrir oco no marcador até firmar o 24(5-9) a 13(2-7) co que remataría a final. Humildade na vitoria Non se lles queda pequeno. O Campionato Ibérico representou un grande reto para as Fillas de Breogán e, ante a posibilidade de abrir fronteiras e xogar contra clubes doutras rexións, non restan valor a esta competición. Barcelona e Madrid son dúas cidades potentes na práctica deste deporte e que contan con moitas irlandesas nas súas filas. O nivel é moi alto, mais "Galiza ten un nivel impresionante", segundo María. "En agosto esperamos gañar o Mundial" Con isto as Fillas de Breogán fechan a tempada perfecta e fixan miras no Mundial: "En agosto esperamos gañar o Mundial", dixo Corrachano, quen estará entre as seleccionadas galegas para ir a Dublín. Alí, congregaranse as mellores seleccións mundiais de gaélico e poñerase a proba o auxe da nosa selección feminina deste último curso. |
NOS_7380 | Néstor Rego ve imprescindíbel facer unha previsión nos Orzamentos Xerais do Estado para a nacionalización do complexo de San Cibrao. | O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, anunciou que, entre as emendas aos Orzamentos Xerais do Estado que a formación nacionalista vén de rexistrar está a de prever unha partida de 200 millóns de euros para a intervención pública da factoría de Alcoa en San Cibrao. Rego salienta que a negativa da multinacional norteamericana a vender a planta de aluminio só deixa a vía da intervención pública para garantir a continuidade da actividade na comarca da Mariña e o mantemento dos postos de traballo afectados polo fechamento da planta. Por esta razón, o BNG ve "imprescindíbel que se prevexa unha partida nestes orzamentos que permita afrontar a nacionalización do complexo de San Cibrao". O deputado nacionalista lembrou que hai unhas semanas foi aprobada no Congreso dos Deputados unha iniciativa do BNG instando o Goberno español a iniciar a intervención pública de Alcoa para salvar os postos de traballo e evitar a parada das cubas Rego lembra que esta iniciativa "foi apoiada polos dous partidos do Goberno do Estado, PSOE e Unidas Podemos, así como polo Partido Popular, que detén a presidencia da Xunta de Galiza". Mesa de Alcoa A mesa multilateral de seguimento da crise da planta de Alcoa concluíu esta segunda feira sen novidades despois de que a empresa rexeitase o ofrecemento de ambos os gobernos, español e galego, para retomar as negociacións no punto que quedaron a finais de setembro, co obxectivo de lograr a venda a través da Sociedade estatal de participacións industriais (SEPI). O encontro, desenvolvido de maneira telemática, durou ao redor dunha hora e 10 minutos e a empresa mantivo o mesmo posicionamento, contrario á operación de traspaso da factoría, a pesar da existencia dun investidor interesado (Liberty, do grupo GFG Alliance) e a dispoñibilidade da SEPI para ser ela a que adquira a fábrica. |
NOS_18795 | Marcel Mauri (Badalona, 1977) é a cara visíbel de Òmnium Cultural –entidade que suma máis de 130.000 socias e socios– desde o encarceramento de Jordi Cuixart. Dedícase, profesionalmente, a impartir aulas de xornalismo na Universitat Pompeu Fabra. Conversamos con el a raíz da súa recente visita a Compostela, que acolleu un acto, coorganizado por Esculca e a propia Òmnium, enmarcado na campaña "Demà pots ser tu" ("Mañá podes ser ti") en defensa dos dereitos civís. Eis un extracto da conversa, publicada no número 325 de Sermos Galiza. | Como está decorrendo a campaña en defensa dos dereitos e liberdades civís? Comezámola a raíz da situación de vulneración de dereitos fundamentais que se está a producir, principalmente, en Catalunya, mais tamén no resto do Estado. Pode verse afectada calquera persoa que ouse cuestionar o réxime do 78. Buscamos, por unha banda, sensibilizar a cidadanía –a represión en Catalunya é moi heavy, hai máis de mil persoas que están a ser investigadas polo exercicio de dereitos fundamentais–, e, por outra banda, que ninguén se sinta só. Esta campaña trata de ser unha rede de solidariedade e acompañamento. Que contribuíu a facer que sectores non independentistas tomasen unha maior conciencia a respeito da importancia de defender os dereitos civís? Foi o independentismo quen puxo en cuestión o réxime do 78 e o réxime respondeu con toda a forza, mais isto non é só unha cuestión de independencia si ou non, é unha cuestión de democracia, de defender os dereitos civís. O dereito de manifestación, de participación política, á liberdade de expresión e información, á reunión… todo iso está en cuestión en España. É básico que a cidadanía sexa consciente diso con independencia do que vote. Como valora a falta de reacción das institucións internacionais, e nomeadamente as da UE, diante das agresións antidemocráticas contra Catalunya? Iso foi unha gran decepción por unha parte moi importante da cidadanía catalá, mais que podes esperar dunhas institucións europeas que miran cara a outro lado cando cada día morren persoas no Mediterráneo, cando colectivos como o LGTBI ven vulnerados os seus dereitos en países como Hungría e Polonia ou cando a extrema dereita sobe? Que podemos esperar dunha Europa que se manifesta cunha falta de humanidade tan grande? Estes dereitos que reivindicamos son, ademais, os valores fundacionais da UE. O que estamos facendo en Catalunya tería que servir como resposta a unha Europa ensimesmada, unha Europa do gran capital que só respondeu á crise financeira perante os bancos e non perante a cidadanía. Que supón para Òmnium o encarceramento do seu president, Jordi Cuixart? É a constatación de que o Estado español non é agora mesmo un Estado onde os dereitos fundamentais se estean a preservar. Para Òmnium, con 130.000 socios, con 57 anos de historia, perseguida polo franquismo –entón non se atreveron a prender o noso presidente–,a represión non é un feito novo. Por tanto, forma parte da nosa cultura organizativa saber responder a esta represión, que vén con dor, porque é duro, mais tamén coa conciencia tranquila ao saber que estamos facendo ben as cousas e estamos no lado correcto da historia. O noso proxecto político sempre se baseou no diálogo e na non violencia. As urnas son sempre a resposta que defendemos e seguiremos facéndoo. [Podes ler a entrevista íntegra no número 325 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques] |
NOS_34035 | O SNP imponse nos comicios aos consellos locais de Dumfermline North e Rosyth, desbancando os laboristas. | O Partido Nacional Escocés (SNP) segue a colleitar vitorias nas urnas. Á maioría absoluta no Parlamento de Escocia, onde ten 64 dos 129 deputados, hai que engadir que copou case a totalidade da cota de escanos escoceses no Parlamento británico (ten 54 de 59) e a súa importante presenza na Cámara europea, onde posúe 2 euro-parlamentares. E suma e sigue: nas últimas 27 eleccións parciais, independentismo escocés gañou en 25, como lembra 'Nacións sense estat'. A finais de novembro decorreron eleccións aos consellos locais de Dunfermline North e Rosyth, en Fiobha, o terceiro concello máis poboado de Escocia, con máis de 365.000 habitantes. Sharon Wilson na primeira e Ian Ferguson na segunda son os novos conselleiros de Fiobha (en inglés, Fife). O éxito, porén, hai que enmarcalo nun escenario no que hai unha 'sombra', a baixa participación, por volta dun 25%. En Rosyth o SNP obtivo o 45,2% dos apoios, un 9,4% máis que nos anteriores comicios, mentres que os laboristas perdían o 13% dos apoios, ficando en 34,5%. O Partido Conservador, maioritario en Gran Bretaña, ficou aquí por baixo do 10 por cento dos sufraxios. No que atinxe a Dunfermline North, o independentismo escocés aumentou nun 12% nas urnas mentres que o Partido Laborista desplomábase do 50 ao 30 por cento. O SNP logrou o 43,5% dos votos. |
PRAZA_15011 | Análise sobre a situación da histórica institución da emigración galega en Arxentina, intervida pola Administración do país latinoamericano. Unha nova de Cadernos de Comunicación. | Xoaquín Montes. É moi probable que por un tempo, ata que non se albisque con certeza o rumbo que tomará a Intervención que encabeza o Dr. Carlos A Blunda, este cronista faga un alto nos seus contactos habituais con aqueles que en Galicia ou en territorio arxentino, evidenciaron a súa sincera preocupación pola sorte do noso entrañable Centro Galego de Bos Aires (CGdeBA). Pero tal decisión de ningún xeito debe interpretarse como unha forma de silenciar opinións sobre os acontecementos que -nestes días- se desenvolven no ámbito da institución. E como o fixo sempre dará o seu parecer sen reparos, coincidindo ou discrepando, con quen se propón analizar o proceso con boa intención, ou cos que só tratan de «arrimar a ascua á súa sardiña». Memoria, Verdade e Xustiza? Notamos amigo lector que tomada a decisión de intervir xudicialmente ao CGdeBA, procedendo simultaneamente ao desprazamento das autoridades elixidas en agosto de 2010 (tema sobre o que non emitiremos xuízo algún ata non desvelar a incógnita exposta ao comezo da nota), un elenco integrado por personaxes de variada procedencia empeñouse en «salvalo». Ninguén dixo aínda en que consistirá «salvación», posto que ata hoxe o Hospital segue xerando un déficit mensual duns $600.000 Ninguén dixo aínda en que consistirá «salvación», posto que ata hoxe o Hospital segue xerando un déficit mensual duns $600.000 se se toma o cambio oficial de divisa estadounidense, e de $450.000 se o consideramos á cotización marxinal. Problema que, como pode percibir calquera mortal que sexa capaz de manter o seu equilibrio emocional, non se resolve cunha sobredose de voluntarismo; botando aturuxos; ou asinando manifestos aos que seguramente lles sobrarán posturas demagóxicas ou lles faltará racionalidade. Sobre todo, se proveñen de quen ao tanto da realidade, foron dóciles espectadores mentres se precipitaba o derrube. Aínda que os arribados recentemente á «causa», e nalgúns dos que levan tempo nela, esquecendo as duras alternativas da pendente, coincidan cos primeiros na necesidade de iniciar unha «cruzada», que permita reconquistar o que lles foi «usurpado» polo Estado arxentino. Nese clima non debe estrañarnos que xentes respectables, quizais imbuídas polas proclamas do alcalde de Móstoles ante o avance das tropas de Napoleón chamen ao conxunto das comunidades peninsulares a defenderse do inimigo que axexa nos «estrados oficiais». Canto desconcerto adoita propagar a inexperiencia. Con que facilidade -ante o imprevisto- homes e mulleres pouco habituadas á confrontación na vida societaria, perden o rumbo e adoitan condenar alternativas que noutros momentos propiciaron. E como curioso entremés deste acontecer que oscila entre o drama e a comedia, parece confirmarse que Don José Santiago Camba Bouzas, logra ¡por fin! o seu obxectivo de ocupar unha praza diplomática en Bos Aires, na Consellería de Emprego e Seguridade Social -Nivel CD: 28- cun Complemento Específico de 19.626,88 euros. Consulta a información completa en Cadernos de Comunicación. |
NOS_479 | O BNG exixe unha rectificación por parte da Xunta e que manteña profesionais da saúde na illa en horario nocturno para que unha chamada de socorro non fique suxeita ao custo dese servizo | O deputado do BNG Bieito Lobeira vén de rexistrar unha iniciativa parlamentaria na que exixe a permanencia dun retén de urxencias sanitarias na illa de Ons. Denuncia o nacionalista "a falta" deste servizo pese á especificidade insular do lugar, polo que reclama por parte do Goberno galego "unha rectificación" e que amplíe a atención tamén durante as horas da noite para garantir un servizo de salvamento "universal e gratuito". Así as cousas, Lobeira alude aos gastos derivados dunha chamada de socorro, no suposto dun accidente nocturno, polo que preguntará quen debe abonalos, se @ doente ou a persoa que chama para solicitar o servizo dun helicóptero. A través desta iniciativa, o nacionalista quere por de manifesto "a precaria situación" de Ons, e asegura que a chamada de socorro estará condicionada polo custo desa atención demandada. |
NOS_28563 | Un apelo a "reflexionar ben". Así se dirixía aos medios na mañá deste sábado a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, desde Compostela, cidade na que tamén pasou a mañá o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero. | Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, compartiu vermú, en Compostela, con membros da candidatura municipal. Dirixiuse desde alí aos medios para apelar a "reflexionar ben" o voto o domingo, co fin de que "as cidades e o país avancen". Instou a unha grande mobilización para que as galegas e galegos decidan "o futuro dos concellos" e elixan as súas representantes ao Parlamento europeo. Pontón agradeceu o traballo á militancia e o "afecto e ilusión" que recibiu nos últimos días. "Xogámonos moito, é un momento moi importante para Santiago", sinalou ao respecto Goretti Sanmartín, a aspirante do BNG á Alcaldía de Compostela. Tamén pasou a mañá na capital Gonzalo Caballero, secretario xeral do PSdeG, quen chamou á "participación masiva" para poñer en valor que se vive "nunha democracia avanzada". Desde a praza de Cervantes e acompañados por membros da Executiva e da candidata número 8 por Santiago –o alcaldábel do partido, Xosé Sánchez Bugallo– non participou, salientou a "proximidade" da campaña realizada polo PSdeG coa que, afirmou, percorreu 9.000 quilómetros. Luís Villares, portavoz de En Marea, compartiu o sábado de reflexión con amigas e amigos, "debatendo animadamente sobre o futuro de Europa e o ben que nos iría se Lugo mirase máis ao Miño", afirmaba nas súas redes sociais. |
NOS_26276 | Cada vez máis frecuentes os lumes fóra da tempada de máximo risco. | En menos de dous días a provincia de Ourense rexistrou incendios en sete concellos, oito lumes que calcinaron máis de 310 hectáreas e que amosan que a desestacionalización dos incendios é unha realidade. O de San Pedro da Torre, no municipio de Padrenda, foi o lume máis importante. Procedente de Portugal arrasou 225 hectáreas, das cales 45 eran de arborado. Na Mezquita (28 hectáreas calcinadas) e O Carballiño (23 Has) tamén sufriron as consecuencias das lapas. Outros concellos onde nestas horas se rexistraron incendios foron A Gudiña, Viana do Bolo, Manzaneda, Cualedro. Un informe recente de Atrifoga, a Asociación de traballadores de incendios forestais de Galiza, apontaba da auxe dos lumes fóra da tempada de alto risco. Así, sinalaban, entre decembro 2016 e xaneiro de 2017 houbo no noso país perto de 180 lumes forestais, dous terzas partes dos cales decorreron en Ourense. En 2015 houbo tamén importantes lumes forestais no país. En moitos casos nas mesmas zonas onde tiveron lugar os de 2016. E, lembra Atrifoga, en anos anteriores tamén fóra da tempada de alto risco houbo importantes incendios, situación descoñecida anos atrás en Galiza. Dous exemplos: marzo de 2012 as Fragas do Eume, calcinando 800 hectáreas; e no mesmo mes lume no Courel que arrasou 230 Has. En decembro de 2013, un lume afectou 300 hectáreas na Serra do Xurés. |
PRAZA_1976 | ENTREVISTA Antón Gómez-Reino, secretario de análise política de Podemos-Galicia, apela á "creatividade" para lograr unha confluencia ás xerais na que "todos se atopen cómodos", pero insiste en manter a marca "por capacidade de intervencíón política, simbólica e tamén demoscópica" | O secretario de análise política de Podemos en Galicia, Antón Gómez-Reino, Tone, aposta por un "suxeito político galego" de cara ás xerais pero insiste en manter a marca da súa formación apelando ao "mandato" que as bases deron en referendo. Malia que apela á "xenerosidade", á "creatividade" e a fórmulas inxeniosas para que todos os actores incluídos se atopen "cómodos", este coruñés elixido nas primarias para ser candidato ao Congreso insiste na "federación" dese espazo de confluencia co partido morado. A pesar de que son moitos deses posibles actores a confluír os que rexeitan acudir aos comicios baixo o paraugas de Podemos, Gómez-Reino é optimista e aclara que a "referencia fundamental é a dos actores que construíron o cambio no 24M". "Sumar todo o que se poida a maiores?", pregúntase. "Sen dúbida", responde. Será posible a confluencia? Somos moi optimistas. Creo que vai ser posible un espazo que represente algo moi similar ao que representaron as candidaturas de cambio o 24M. Cremos que estamos poñendo enriba da mesa todo o noso esforzo para que isto sexa así e levamos semanas reuníndonos con todos os actores sociais e políticos e con todas as candidaturas municipalistas... Moitos e moitas somos conscientes de que hai unhas expectativas fortes de reproducir o que pasou nas eleccións municipais e, se todos somos xenerosos e conscientes da dificultade do momento político que se abre na próxima lexistatura, penso que imos ser capaces de facelo. "Creo que vai ser posible un espazo que represente algo moi similar ao que representaron as candidaturas de cambio o 24M" O mandato do referendo ás bases de Podemos que prioriza a súa marca parece o principal atranco. Como se supera esa problemática? Aí construíuse un debate trampa, moitas veces nos debates políticos hai cuestións que sabemos que son pedras no camiño e no espazo mediático empréganse para entorpecer a discusión. O fundamental é ter un debate político para ver se hai sintonía entre os diferentes actores. Ese é o asunto principal. En segundo lugar, nós como Podemos-Galiza temos claro o territorio e o país que habitamos e para nós o fundamental é construír ese bloque social e político de cambio galego, un suxeito político galego de cambio. Iso é o fundamental. Outra cuestión é o marco simbólico. Primeiro teremos que comprobar se temos un acordo político e logo darlle percorrido e marco simbólico propio ao suxeito político galego de confluencia. Agora ben, por unha cuestión de capacidade de intervencíón política, simbólica e tamén demoscópica nós entendemos que é importante que, de constituirse, o suxeito político galego de confluencia se federe coa que é a ferramenta esencial de cambio no Estado español. Esas son as claves. "Podemos-Galiza ten claro o país que habita; o fundamental é construír un suxeito político galego de cambio e que se federe coa ferramenta esencial de cambio no Estado" Federarse e ser un suxeito político galego propio non é algo contraditorio? Creo que non, para nada. De feito, para que haxa cousas que se federen estas teñen que ser corpos autónomos e propios. Por iso creo que a palabra é axeitada para o marco político no que se moveron historicamente e se moven neste momento os suxeitos políticos galegos de seu nas necesarias alianzas cos espazos de ruptura do resto do Estado. Beiras di que non pode haber "un galo no poleiro" e dirixentes das mareas falan de que a confluencia debe ser en "igualdade de condicións". Como cadra iso cunha federación con Podemos? A xente o que nós está esixindo ou o que desexa é que se conforme de forma clara un espazo que a cidadanía identifique como un común denominador. Á cidadanía impórtanlle relativamente pouco debates nos que nós tiramos moito tempo. Honestamente, se somos capaces de ver eses comúns denominadores e construír un ecosistema político de confluencia onde todos esteamos cómodos, saberemos trasladalo da forma que a cidadanía entenda que ese é un espazo plural onde todo o mundo pode sentirse cómodo participando politicamente, construindo o seguinte paso no proceso de cambio iniciado o 24M. "Á cidadanía impórtanlle relativamente pouco debates nos que nós tiramos moito tempo" Non parece que moitos deses actores dos que fala acepten que a marca de Podemos sexa preponderante nunha candidatura unitaria... Hai que ter coidado nestes debates porque se están a dar no marco do diálogo entre moitos actores e hai, polo tanto, que ser cautelosos. Nós somos respectuosos con todos os actores e sabemos que hai temas sensibles, como este. Pero tamén sabemos que haberá un momento en que todos estes actores debamos decidir colectivamente como facer estas cousas pensando tanto no mellor encaixe político como no encaixe electoral máis acaído. Estamos convencidos de que se atopamos un espazo de sintonía política atoparemos fórmulas para que todo o mundo estea cómodo e igualmente representado. Cales son esas fórmulas e como se poden artellar para non incumprir ese mandato das bases de Podemos? Se algo aprendemos en anos de traballo nos movimentos sociais ou na experiencia das confluencias municipalistas é o valor da creatividade para dar con encaixes que, representando diferentes sensibilidades, teñan vocación de maiorías. Neste proceso hai moitos actores participando que entendemos se poden sentir cómodos con diferentes encaixes. Nós temos un mandato que non é menor, de moitos milleiros de persoas, para facer as cousas tratando de respetar unhas coordenadas determinadas. Por outra banda, cremos que no que ten que ver co combate electoral, unha fórmula como a que propomos pode axudar para o que é o obxectivo fundamental, porque a xeración política que está dando o paso de participar na vida institucional ten claro que está aquí para intentar gañar e non só para participar. Entendemos que, respetando o mandato dos inscritos e inscritas, no punto onde se cruzan creatividade e desexo colectivo atoparemos a fórmula ideal. "A fórmula que propomos pode axudar para o obxectivo fundamental; respectando o mandato dos inscritos, na creatividade e no desexo colectivo atoparemos a fórmula ideal" Moitos deses actores falan da Marea Atlántica como o exemplo. É tan difícil reproducir a súa fórmula para esta confluencia de cara ás xerais? Os modelos téñense que adaptar ao tempo e á escala que tes para construílos. Sen dúbida, a Marea é un modelo de referencia en todo o Estado. É o modelo. En canto a dinámicas de agregación e de participación, é o exemplo, pero obedece a un contexto e a unha composición social e política dunha cidade moi concreta. No concreto que temos agora, o primeiro paso hai que adaptar os mecanismos de confluencia a unhas xerais cun tempo moi limitado e cunha escala xeográfica moi ampla. En segundo lugar hai no calendario un novo desafío colectivo onde temos que profundar moito máis. Refírome ao das eleccións galegas de 2016, se se dan, como di Beiras. Neste caso, tanto o marco temporal como a escala como, esperemos, o momento político no centro dun hipotético proceso de procesos constituintes, dará para facer un proceso democrático e popular moito máis potente e fermoso. A Iniciativa pola Unión e o Encontro Cidadán por unha Marea Galega son dous proxectos a prol da confluencia política e social. Que lle parecen? O primeiro que penso é que é magnífico ver como a sociedade galega se move. En xeral é un síntoma de que hai unha pulsión política moi forte na sociedade galega, nos movementos sociais do país e en parte dos tecidos orgánicos que levaban tempo máis estáticos. Como marco xeral paréceme algo magnífico. En segundo lugar, creo que son iniciativas un pouco diferentes na súa composición e no seu lanzamento. Sen dúbida ten que haber iniciativas que traten de aglutinar o vector cidadá e todo o que veña por aí, benvido. O debate e a polémica parece centrarse sempre nas diferenzas entre BNG e Podemos. Que lle parece a posición do Bloque respecto á unidade de cara ás xerais? É unha boa cousa que o Bloque se estea abrindo a debates aos que, probablemente, non se abriu da mesma forma noutros momentos. Foi unha mágoa que no 24M decidise non participar nos espazos de confluencia que nos levaron ao momento político no que estamos. Nós estamos abertos a falar con todo o mundo, con todos os actores, pero a ninguén se lle debe escapar que a nosa referencia fundamental e o espazo mínimo que queremos reproducir é o de actores políticos e sociais que construíron o cambio no 24M. A partir de aí, sumar todo o que se poida a maiores? Sen dúbida, pero o noso obxectivo fundamental é reproducir o marco político de actores do 24M e reproducir o ecosistema democrático de convivencia que houbo nalgúns destes espazos como na Marea Atlántica ou Compostela Aberta. "A nosa referencia fundamental é o dos actores que construíron o cambio no 24M e sen dúbida sumar todo o que se poida a maiores" Visto o mecanismo aprobado por Podemos para as xerais, parece que un deputado de Cuenca podería ser o representante por unha provincia galega no Congreso. Ou non? Non temos ningún tipo de dúbida de que as persoas que van representar calquera candidatura na que participe Podemos en Galiza serán galegas. Nós fixemos unha aposta clara non só polo obvio, situar catro persoas galegas na cabeza das primarias de Podemos, senón por garantir que as catro persoas que están neste momento como hipotéticos e futuribles candidatos de Podemos por Galiza son todas elas xente que participou en iniciativas de confluencia nas súas vilas e cidades e que, polo tanto, comprenden a importancia de estar implicado no tecido local e que entenden e defenden o valor da confluencia, da suma que multiplica. E no caso de crear ese suxeito político propio e galego, habería primarias abertas á cidadanía en Galicia? Podemos foi pioneiro en mecanismos de primarias e non temos ningunha dúbida de que, se hai un espazo de confluencia e todos os actores sociais e políticos coincidimos en crear ese espazo, haberá que buscar algún mecanismo para que a cidadanía valide esas persoas. "Se hai un espazo de confluencia en Galiza, haberá que buscar algún mecanismo para que a cidadanía valide as persoas que se inclúan nel" Pois parece claro que, como o mínimo, o BNG non aceptará ir baixo o paraugas de Podemos ás eleccións xerais... As decisións políticas do BNG competen ao BNG e eu sobre iso non podo dicir nada. Pero xa hai quen di que se buscan fórmulas ou apaños para que o nome de Podemos non sexa preponderante nesa hipotética candidatura sen incumprir o mandato que din ter das bases... Atoparemos o mecanismo para que todo o mundo estea cómodo. Desgraciadamente, en moitos casos, a legalidade vixente vai por detrás das nosas propostas. Nesa proposta que temos que poñer enriba da mesa para que todo o mundo se sinta cómodo temos que aplicar doses de inventiva e niso nós imos poñer o énfase e ser todo o flexíbeis e xenerosos que o momento histórico esixe e que o noso mandato nos permite. "Atoparemos o mecanismo para que todo o mundo estea cómodo; seremos todo o flexíbeis e xenerosos que esixe este momento e que o noso mandato nos permite" Igual de flexíbeis no tema do grupo propio? O regulamento do Congreso parece claro: de non enfrontarse politicamente, non hai posibilidade dun grupo propio. No asunto do grupo propio sempre somos moi claros. Ademais de achegar todo o capital político que Podemos Galiza poida sumar a un suxeito de confluencia, poñeremos enriba da mesa todos os mecanismos ao noso alcance para intentar garantir ese grupo propio, pero é importante ter presente que a decisión final ten que ver coa Mesa do Congreso e, polo tanto, todo depende da capacidade política conxunta que teñamos de trasladar ao Congreso un equilibrio favorable ás políticas de cambio para que a Mesa de Congreso represente tamén esa política de cambio e garanta a efectuación de ese grupo propio. Con todo, estamos ante outro debate parcial e interesado. É ben sabido que nos últimos 30 anos non houbo nunca, con deputados nacionalistas, un grupo propio no Congreso. Alén disto, en realidade, máis alá de algo que é un futurible que hai que ver se somos quen de alcanzar, o que nos parece clave e definir, alén de o que, o para que. Para que queremos un grupo propio? Refírome , por exemplo, a deseñar mecanismos de rendición de contas para coa cidadanía galega e outros dispositivos concretos que, alén do abstracto dun grupo propio enunciado sen máis, si son o garante de que as persoas representantes trasladan o desexo e a voz das persoas representadas. "Poñeremos todos os mecanismos para intentar garantir ese grupo propio, pero ese debate é parcial e interesado" Beiras, Garzón e as enquisas En Galicia, EU parece fundamental para Podemos nesa confluencia, mentres que IU é rexeitado a nivel estatal. Como se explica iso? Estanse dando pasos importantes nestas últimas semanas a nivel do Estado. Non podemos adiantar nada, pero estamos seguros de que non só no noso país senón noutros territorios do Estado se van dar realidades de unidade popular nos que estarán incluídos moitos actores. Que papel xogaría aí Alberto Garzón Alberto Garzón é un líder político moi importante, unha persoa que levanta moita simpatía na cidadanía e é alguén con quen se intentan ter todas as canles abertas nunha relación de cercanía e cordialidade. Está por ver ata que punto é posible construír máis aló do noso país espazos de confluencia onde xente como Garzón se poida incorporar. Somos optimistas e cremos que se vai dar ese contexto que vai no sentido de ser xenerosos, facer un esforzo e ser conscientes de que hai que incorporar aínda moita xente para construír o espazo político de cambio que sexa capaz de gañar. Creo que imos ter alegrías nas próximas semanas e meses. Beiras é un candidato ideal para ese suxeito político galego propio? O que faga Beiras depende de Beiras. É sen dúbida unha persoa cunha bagaxe política e académica importantísima, unha persoa que arrastra consenso en todos aqueles que estamos polo cambio no noso país. O papel que quere xogar será decisión del. Para nós é unha persoa de referencia coa que non só queremos contar para todo tipo de debate, senón para todo tipo de iniciativa de cambio no tempo que estamos agora de cara ás xerais. Pero Beiras acaba de ser moi crítico coa dirección de Podemos nunha entrevista. Di que non entenden nada e insiste en que Galicia é un "suxeito político propio". Sabemos que Beiras é unha persoa cunha capacidade de análise moi importante e tamén cunha enorme capacidade crítica. Hai que ler todo o que di Beiras e entendelo, e podemos estar de acordo con cousas e con outras non, pero para nós é unha referencia intelectual e política. "Estámonos deixando levar ao campo onde o inimigo mediático e político nos quere levar, ao de fastío, ao de "non se pode" cando o 24M demostrou que "si que se pode" As enquisas sitúan a Podemos como terceira forza no Estado e perdendo apoios. Ese resultado sería un fracaso? A xeración política que está dando pasos adiante nestes últimos meses e que vén dos movementos sociais non está facendo isto co obxectivo de participar como un elemento maís nas isntitucíons. O obxectivo fundamental é asaltar o poder político, cambiar as institucións e levar a cabo unha transformación social. Todo o que non sexa conseguir ese obxectivo suporía non acadar o propósito desexado. Agora ben, colectivamente estámonos deixando levar ao campo onde o inimigo mediático e político nos quere levar, ao campo de fastío, de ruído mediático... Ao campo de "non se pode" cando o 24M demostrou que "si que se pode". Con moitas dificultades e moitos atrancos, candidaturas municipalistas como os gobernos de cambio que hai en Galiza están poñendo enriba da mesa que si que se pode. Temos que trasladar o foco cara a aí e para facer que a cidadanía que quere cambio se sinta representada pola ferramenta política que entre todos poñemos enriba da mesa. Pero esas enquisas insisten tamén en que o bipartidismo non está tan ferido como se pensaba. As enquisas hai que tomalas con moito coidado. Hai uns meses creo que se xogou con elas para debuxar un escenario que se cadra estaba sobredimensionado. Malia iso, é evidente que onde se lle pon unha alternativa política de cambio, forte, contundente e con credibilidade, o bipartidismo queda profundamente tocado. E ese é o obxectivo: construír nas diferentes escalas que nos quedan, nas xerais de 2015 e nesas autonómicas de 2016, espazos de confluencia que veñan a superar a política do bipartidismo dos últimos 30 anos. |
NOS_42569 | A primeira obra monográfica sobre os que reprimiron e mataron na Galiza de 1936 vaise apresentar esta semana na Guarda e en Monforte de Lemos. Os nomes do terror. Galiza 1936: os verdugos que nunca existiron, editado por Sermos Galiza, reúne 13 investigacións que tratan o golpe fascista de Franco e as súas repercusións inmediatas pero cun obxecto de estudo pouco visitado, os vitimarios. | Coordinado por Xoán Carlos Garrido Couceiro, Xosé Ramón Ermida, Eliseo Fernández e Dionisio Pereira, Os nomes do terror achega perspectivas territorializadas e sectoriais á durísima realidade da represión franquista na guerra e nos anos posteriores. "Esta publicación saca á luz a outra parte da verdade que ficaba por coñecer", sinala Xosé Manuel Méndez, da Comisión pola verdade do 36. Méndez participará na presentación da Guarda, esta quinta feira ás 20.30 na Casa dos Alonso. Canda el estarán a poeta e membro do consello de administración de Sermos Galiza Marga Romero, o investigador Xosé Álvarez Castro -autor dun dos ensaios do libro- e mais Garrido Couceiro. O volume contén diversos episodios sobre os sucesos do 36 no Baixo Miño e, máis concretamente, no Concello da Guarda. Ao día seguinte, sexta feira, Os nomes do terror chegará á Terra de Lemos. Tamén ás 20.30 no Centro de Interpretación do Viño, organizado polo BNG local, falarán sobre a obra o concelleiro nacionalista Emilio Sánchez, Xosé Ramón Ermida -que, amais de coordinador da mesma, achega un texto de pescuda- e Xosé Carlos Garrido Couceiro. "Queremos achegar o noso gran de area á recuperación da memoria histórica e á divulgación da verdade dos demócratas", indican desde o Bloque de Monforte. Os nomes do terror detense na Terra de Lemos e fai referencia ás Escuadras Negras da Falanxe existentes en Bóveda, Pantón, O Saviñao, Sober e Monforte. Os nomes do terror esgotou a súa primeira edición en menos de dous meses. A segunda atópase xa distribuída. |
PRAZA_1210 | Este 24M hai alternativa para as moitas persoas que acostuman a quedar na casa desencantadas polas forzas políticas tradicionais ou que botan ao menos malo. A abstención non é unha opción, o medo ao cambio menos, desta vez hai marea! | Nos últimos anos estase a constatar o que moita xente xa pensabamos, que a corrupción é unha forma de goberno nas institucións políticas que definen as condicións nas que temos que vivir, ou más ben sobrevivir. As institucións actuais defenden a lóxica e os intereses das elites financeiras, non están ao servizo da poboación como era o seu cometido. Cada vez é máis evidente que os que nos gobernaron nas últimas décadas, o bipartidismo, están cheos de burocracias escuras e corruptas e débenlle tantos favores e cartos aos grandes bancos que os imposibilitan para dotar á política do cambio que ben reclamando o conxunto da poboación: ética, transparencia e participación. Ética, transparencia e participación. Estas son tres máximas que están no ADN da Marea Atlántica Estas son tres máximas que están no ADN da Marea Atlántica, un proceso que nace dun manifesto que facía una chamado, ao conxunto dos e das veciñas, aos colectivos e movementos sociais e as forzas políticas a construír un desexo común: unha cidade democrática, xusta, transparente e sostible. Un proceso que aglutinase ao conxunto de persoas que estamos fartos de ver coma o Concello serve para os amaños duns poucos a favor de si mesmos e os seus amigos. Alí están os múltiples casos de corrupción: Zeta, Pikachu, Someso, etc. Esta situación fai que, nas últimas eleccións municipais, o nivel de abstencionismo superase o 40% na cidade, algo que ben sucedendo noutros procesos electorais na última década e que temos que reverter se queremos botar aos corruptos do Concello. Nas últimas eleccións municipais, o nivel de abstencionismo superase o 40% na cidade, algo que ben sucedendo noutros procesos electorais na última década e que temos que reverter se queremos botar aos corruptos do Concello Resulta curioso que nun lugar onde a democracia é algo que non se práctica dende hai moito, lembremos que só levamos apenas catro décadas exercendo o dereito ao voto, xa nos cansaramos de votar. Isto é debido a desafección política cara ao sistema de partidos, que fai que moita xente quede na casa o día das eleccións. Pois non atopa alternativas serias, honestas e con vontade gañadora que lle fagan ilusionarse e ir votar. Por suposto este ano si imos ter alternativa, chámase Marea Atlántica e o seu candidato é Xulio Ferreiro. Pero con votar non chega. Se algo temos que sacar en claro desta crise, non e só que as políticas e as institucións actuais non sirvan, senón que urxe implicarse moito máis e construir ferramentas que posibiliten participar continuadamente nos asuntos públicos. Por iso, a Marea Atlántica leva entre as súas propostas a creación de xuntas de distrito nos diferentes barrios para que sexa a poboación que habita neles quen decidan democraticamente en que gastar os cartos ou que necesidades compre cubrir no seu entorno máis próximo. As institucións actuais que, como sinalabamos ao inicio destas liñas, non deixan de estar baleiras de soberanía popular e rexidas polos intereses egoístas das elites, precisan que entre aire fresco e ideas novas, métodos transparentes que permitan fiscalizar e penalizar (chegado o caso) a aqueles que non cumpran o programa. En definitiva, outros xeitos de facer política. Nos últimos tempos, ao calor do 15M e doutros proxectos que xa levaban anos traballando nos barrios e nas vilas, recuperouse o traballo veciñal que supón un terreo moito máis fértil para que a democracia dende abaixo, a das persoas non a dos mercados, poida intervir garantindo ao tempo conquistas concretas e evitando as perversións intrínsecas ao xogo electoral. Se nalgún espazo a potencia política que ten caracterizado todo o último ciclo de movementos e de loitas ten posibilidades de xerar un proceso de institucionalización radicalmente democrático é no plano local. É necesario tamén superar o medo ao cambio, pois ante o chamado á estabilidade que dende as forzas do bipartidismo están a lanzar nas últimas semanas Por iso, é necesario tamén superar o medo ao cambio, pois ante o chamado á estabilidade que dende as forzas do bipartidismo están a lanzar nas últimas semanas, as candidaturas de unidade popular, como a que representa a Marea Atlántica, nacen da veciñanza, dende xente que levamos anos, incluso décadas, construíndo alternativas dende as bases sociais. Sabemos como facer as cousas doutro xeito e temos claro cales serán as ferramentas para acadalo: transparencia, ética, participación e defensa dos dereitos sociais. Esa é a auténtica estabilidade, o demais só é sementar medo. Temos que atrevermos a soñar un presente distinto para construír un futuro con xustiza social entre todas e todos. Este 24M hai alternativa para as moitas persoas que acostuman a quedar na casa desencantadas polas forzas políticas tradicionais ou que botan ao menos malo. A abstención non é unha opción, o medo ao cambio menos, desta vez hai marea! En definitiva, un entramado de corrupción goberna a cidade dende hai décadas, cada vez son máis parecidos a unha mafia, polo que temos que demostrar que queremos outra cidade, libre de corrupción e desigualdade, unha cidade para a xente, non para o cemento e os corruptos. Este 24M hai alternativa para as moitas persoas que acostuman a quedar na casa desencantadas polas forzas políticas tradicionais ou que botan ao menos malo. A abstención non é unha opción, o medo ao cambio menos, desta vez hai marea! |
NOS_27545 | Atacouna cunhas tesoiras o que foi o seu compeñeiro. Había antecedentes por violencia de xénero. | I.N.F. foi detido pola Garda Civil esta terza feira (23 de xuño) por un delito de violencia machista após agredir a que fora a súa compañeira --da que non trascenderon máis dados sobre a súa identidade que a súa idade, 22 anos. Os acontecementos ocorreron no barrio de Sar de madrugada sendo que a muller tivo que ser ingresada no Clínico polas feridas causadas en diversas partes do corpo. Atópase en estado grave. O home, de 24 anos, foi posto a disposición xudicial para posteriormente ser ingresado nun psiquiátrico por orde do xuíz e após a avaliación desenvolvida pola equipa de psiquiatras do Instituto de Medicina Legal de Galiza (Imelga). Fontes oficiais recollidas por La Voz de Galicia sinalan que existían antecedentes de violencia machista. Para alén do seu internamento o xuíz fixou unha orde de afastamento que lle impedirá achegarse a menos de 500 metros da muller. |
NOS_27000 | Os colectivos LGTBi Nós Mesmas e A.L.A.S convocan unha 'bicada' para demandar maior implicación política e institucional na loita contra a discriminación da diversidade sexual. | Será o 30 de xaneiro na rúa Príncipe de Vigo (fronte ao MARCO) e na Praza de Lugo (A Coruña) ás 20h e visa sumar o noso país á campaña estatal que convoca unha bicada colectiva e simultánea en 15 cidades do Estado español. Através desta acción os colectivos LGTBi, a comezar por Nós mesmas e A.L.A.S, queren alertar do incremento de agresións contra a diversidade sexual producidos en 2014 e que se manifestaron en palizas a parellas homosexuais e bisexuais, un tratamento discriminatorio a persoas transexuais ou casos de acoso escolar. "Cremos que un bico, este feito tan simple e tan cotiá, segue a ser unha condea para moitas persoas. A través desta acción estatal unímonos contra a violencia, ás agresións lgtbfóbicas, contra a intolerancia e a discriminación dos que intentan gobernar coa violencia sobre a nosa orientación e a nosa identidade", declarou Elisabet Pérez, representante de Nós Mesmas, con motivo da convocatoria. Neste senso, a bicada visa demandar unha maior implicación social, política e institucional na loita contra a discriminación da diversidade sexual. |
NOS_30437 | Josep Antoni Duran i Lleida prioriza as decisións de goberno á consulta popular sob o dereito a decidir de Catalunya da que di "pode facerse dentro dun, dous, tres ou catro anos". ERC denuncia que p secretario xeral de CiU quere "frear e sabotear" o referendo. | O voceiro de CiU no Congreso español, Josep Antoni Duran i Lleida, asegurou a pasada terza feira que a consulta popular --que marcou o discurso da formación e a campaña electoral catalá-- podería agardar "un, dous, tres ou catro anos". Para o deputado de CiU, a prioridade após coñecérense os resultados electorais está na conformación dun goberno que "non vai ser doado", aseveraba Duran. Aliás, o líder de Unió recoñecía que a responsabilidade da consulta --fortemente respaldada pola cidadanía a través da urnas-- deberá vir respaldada por outras forzas políticas. Para Duran i Lleida, o que Catalunya precisa arestora é un goberno que faga fronte ás cuestións "do día a día", a partir de aí, dixo, "virán outras cousas". ERC recibiu as verbas de Duran i Lleida como un freo ao proceso de autodeterminación de Catalunya O apoio masivo amosado polo electorado catalán aos proxectos soberanistas --e de esquerdas--, que asemade pulaban pola consulta nos seus programas electorais fixo que ERC interpretase as verbas pronunciadas polo deputado de CiU como un "freo" ao proceso de autodeterminación. Neste senso, Alfred Bosch, deputado no Congreso español por ERC considerou que as declaracións do líder de Unió, supuñan unha "dificultade" á hora de chegar a un "acordo estábel" entre ambas as dúas formacións, ao tempo que contrariaban o "mandato democrático que lle outorgaron os cataláns nas urnas". Aliás, lembroulle a Duran i Lleida que máis de dous millóns de persoas lle demandaran na Diada a aprobación, por parte do Parlament, dunha resolución pola que se comprometía a desenvolver unha consulta popular a prol da creación dun novo Estado en Europa. De non facelo, preguntouse Bosch, "onde están os votos, a confianza e o apoio para impedir o dereito a decidir dos cataláns?" |
NOS_1446 | Iria Veiga é médica psiquiatra no Hospital do Barbanza. Desde o blog O outro lado do espello, contribúe a divulgar a ciencia. Precisamente, con ese obxectivo nace "Po de estrelas", unha sección mensual coa que nos acompañará no semanario Sermos Galiza. | Por que "Po de estrelas"? Po de estrelas é unha expresión que fai referencia a unha famosa frase de Carl Sagan, divulgador entre os divulgadores e o modelo ao que case todos os que nos metemos nesta aventura queremos achegarnos. Na súa serie Cosmos, Sagan di que todos nós somos po de estrelas, porque os nosos átomos creáronse hai miles de millóns de anos no interior incandescente dunha estrela, e volverán formar parte do universo cando xa non existamos. Para min, é un xeito moi fermoso de dicir que o mundo material contén a totalidade da realidade, sen espazo para o sobrenatural ou o espiritual, pero ao mesmo tempo é tan incribelmente asombroso que realmente non é necesario inventar ningunha outra cousa para sentirnos admirados e sobrecollidos. Ademais, pode ser unha referencia ao Ziggy Stardust de David Bowie, que tamén tiña unha relación moi especial coa ciencia e incluía moitas veces nos seus temas referencias ao espazo, ás viaxes intergalácticas, etc. Que imos atopar nesta sección? Tratarei de falar de xeito accesíbel de temas científicos que, ao meu entender, forman parte da cultura xeral. Do mesmo xeito que entendemos que unha persoa culta debe ter coñecementos de arte, literatura ou historia, tamén debe telos sobre ciencia, dado que nos relacionamos con ela no noso día a día e moitas veces os seus mecanismos resúltannos alleos. Farei especial fincapé nas neurociencias e na medicina porque forman parte da miña especialidade e do meu traballo diario, pero falarei tamén de temas científicos de outra orde. Que a leva a se iniciar nesta aventura divulgativa? Todo comezou cun blogue na era dourada do blogomillo que pretendía ser unha bitácora persoal e que non tiña ningunha intención inicialmente divulgativa. A medida que foi pasando o tempo, as entradas decantáronse cada vez máis cara a temas de tipo científico, porque aumentou o meu interese nestes campos e porque me decatei dunha carencia deste tipo de temas nas redes, que a día de hoxe por sorte xa non padecemos. A miña páxina actual, O Outro Lado do Espello, é un derivado, agardo que mellorado, daquel primitivo Espello do blogomillo. A raíz del, foron xurdindo participacións noutras iniciativas como Escépticos no Pub, Pint of Science etc. "Como dicía Einstein, só entendes algo se es capaz de explicalo de maneira que o entenda a túa avoa" Precisamente, tanto desde as redes sociais como desde o seu blog leva anos tratando de buscar respostas sinxelas para transmitirllas ao conxunto de lectoras e lectores. Como logra divulgar a ciencia para que a entendamos todas e todos? Como dicía Einstein, só entendes algo se es capaz de explicalo de maneira que o entenda a túa avoa. A pesar de que a ciencia é un campo que ás veces pode resultar complexo, os conceptos principais poden (e deben) ser explicados nunha linguaxe cotiá e cun nivel de dificultade accesíbel para calquera. Como en calquera outro campo, non é necesario ser un experto para entender o básico dunha idea. Para min a esencia da divulgación é lograr seleccionar as liñas principais de calquera idea ou concepto e vertelas a linguaxe non técnica, o cal non sempre resulta doado, pero é gratificante. "Se non comprendemos con claridade como opera o coñecemento científico é doado que sexamos vítimas de supersticións ou de teorías pseudo-científicas" Por que divulgación e ciencia deberían ir da man? Porque o desenvolvemento científico-técnico modificou profundamente o mundo no que vivimos, tanto explicando as realidades naturais como cambiando de xeito radical o noso entorno, o xeito de comunicarnos e de relacionarnos. Polo tanto, se queremos entender o mundo no que vivimos, temos que saber, polo menos, un pouco, de ciencia. Ademais, se non comprendemos con claridade como opera o coñecemento científico é doado que sexamos vítimas de supersticións ou de teorías pseudo-científicas que ás veces copian o mesmo vocabulario especializado, pero sen o método rigoroso e os resultados das verdadeiras ciencias. Nas redes sociais é a Raíña Vermella, ten algo a ver con Alicia no País das Marabillas? Ten que ver coa Alicia da obra de Carroll, que por certo era matemático, pero non coa malvada Raíña de Corazóns do País das Marabillas. Na segunda parte deste libro delicioso, Alicia a Través do Espello, a protagonista atópase con outro personaxe diferente, a Raíña Vermella, que sería o equivalente á raíña negra do xogo do xadrez. A función desta outra raíña dentro da novela non é ser a antagonista desapiadada, senón amosarlle a Alicia como funciona ese outro mundo tras o espello, que conta cun conxunto de normas propias. Como a miña función aquí tamén pasa por explicar como funciona o mundo, pareceume que me acaía ben o nome. Cada vez son máis as iniciativas sociais que impulsan a ciencia en galego. Vostede é un dos exemplos que evidencia que o galego é eficaz á hora de divulgar a ciencia. A que cre que se debeu o veto do Goberno Feixoo ao galego nas materias do ámbito científico? En parte, creo que se debe ao prexuízo que asocia o galego ao popular, ou no mellor dos casos a usos líricos ou literarios, mentres que considera que o progreso científico técnico é un ámbito que lle é alleo. Por outra banda, tamén penso que detrás desta decisión se agocha o desexo de reducir o galego a unha peza de museo, unha lingua de uso institucional ou folclórico pero sen presenza real no noso futuro. Divulgar en galego é a miña pequena rebelión contra ese obxectivo. "A situación das mulleres no ámbito da ciencia é a peor dentro deste panorama desolador" Cal é a situación da muller científica na Galiza? A situación da ciencia no conxunto do estado é precaria, na Galiza aínda máis precaria, e a situación das mulleres no ámbito da ciencia é a peor dentro deste panorama desolador. Ás trabas administrativas e orzamentarias para a investigación que padece todo o sector únense as duplas e triplas xornadas das mulleres, que aínda continúan a encargarse da maior parte do traballo doméstico e da práctica totalidade do traballo de coidados. Este panorama volve moi complicado que unha muller poida ter unha carreira investigadora, dado que parte dunha situación de total desvantaxe. Ademais, aínda se tende a continuar considerando o traballo feminino como un complemento á economía familiar, sempre supeditado ao traballo de coidados ou ás carreiras e aspiracións laborais dos homes. No meu caso, teño relativa sorte, porque a miña principal dedicación é a asistencia e non a investigación, que a pesar de ser un campo tremendamente precarizado nos últimos anos, non chega a padecer os problemas gravísimos que lastran a práctica investigadora. [O semanario Sermos Galiza número 323 está á venda na loxa e nos quiosques] |
NOS_11035 | A partir das 00:00 horas desta quinta feira | A Consellería de Sanidade decidiu levantar as restricións de mobilidade no concello de Burela --a partir das 00,00 horas desta quinta feira--, o único concello da Mariña no que aínda estaban vixentes debido ao brote de coronavirus. Diso informou a Europa Press o alcalde de Burela, o socialista Alfredo Llano, quen agradeceu a "toda" a veciñanza o seu "comportamento responsábel" que deu lugar a que se poidan quitar estas restricións que impedían entrar e saír do municipio. Ademais, tómanse unhas medidas adicionais que pasan por ampliar o horario da hostalaría --aumenta do peche das 00,00 ás 1,00 horas--, aínda que se mantén vixente o aforamento do 50%. Llano destaca a melloría da situación após se implementar estas medidas durante 12 días en Burela. Así, apunta que os casos activos baixan este mércores até 60 na Mariña, 41 deles no concello. De tal forma, o rexedor móstrase "optimista", xa que se foron "facendo as cousas ben no seguimento", o que deixa a situación "controlada". Agora, espera que sirva para "dar confianza" de cara a que volvan os visitantes, á vez que chama a ter un coidado "suficiente" para continuar nesta boa evolución. |