ID
stringlengths 5
12
| summary
stringlengths 0
1.73k
| text
stringlengths 0
68.7k
|
---|---|---|
NOS_6674 | As políticas traen deberes para o novo curso político, entre eles o de sacar adiante as contas públicas do Estado, que levan prorrogadas desde 2018. A crise da Covid-19 fai aínda máis necesarios estes orzamentos, nos que Galiza quere ver recollidos os compromisos adquiridos polo Executivo co país. | Esta semana, co novo curso político xa en marcha, o Goberno español anunciou o inicio das negociacións para a confección dos orzamentos do Estado para o vindeiro ano. Unhas contas máis necesarias que nunca pola crise derivada da Covid-19, que fixo mudar as necesidades da poboación, mais tamén os capítulos de ingresos e gastos polos que se rexe a planificación financeira do Estado. Galiza xógase moito no reparto dos fondos. Os partidos estatais centrarán o debate en capítulos como as pensións, o salario do funcionariado, o aumento do gasto público para a "reconstrución" do territorio, a suba de impostos, coa introdución dunha fiscalidade 'verde', a eliminación de bonificacións en determinadas partidas impositivas, ou a suba de impostos ás grandes fortunas, entre outros. En opinión de Alberto Vaquero, profesor da Universidade de Vigo e membro do Foro Económico da Galiza, o financiamento territorial é un dos debates pendentes, e os orzamentos para o vindeiro ano poden dar pistas de por onde irán os tiros. Un dos aspectos chave será ver como mitiga nas contas o impacto do recorte orzamentario en fondos da Unión Europea, que se ben mantén o mesmo montante global, pode significar unha perda de 600 millóns de euros (400 en fondos estruturais e 200 do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural) para Galiza no período 2021-2027. "Xogámonos moito", advirte Vaquero. Acordo de Goberno Mais a diferenza doutros anos, o Goberno de Pedro Sánchez deberá ter máis en conta a Galiza que no pasado se quere contar co apoio do BNG para sacar adiante as contas. Esta mesma semana, a formación nacionalista xa lle advertía que o respaldo quedaba condicionado a que as contas públicas recollesen partidas específicas para avanzar no cumprimento do acordo de investidura asinado co PSOE para designar como presidente a Pedro Sánchez. O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, indicaba que o sentido do seu voto ao proxecto de lei de orzamentos "vai estar en función de que o Goberno no seu conxunto cumpra con eses compromisos que ten estabelecidos" en dito acordo de investidura. Por un lado, sinalou a importancia de recoller partidas específicas para políticas sociais, como no caso da dependencia, unha cuestión que, como apunta Vaquero a Nós Diario, "está ben formulada desde o punto de vista legal pero a contía para desenvolvela é insuficiente". Outro dos aspectos que contempla o acordo entre o BNG e o PSOE pasa por avanzar en infraestruturas, como a mellora da rede ferroviaria ou a gratuidade da AP-9. Neste senso, o profesor da Universidade de Vigo recoñece que a transferencia da AP-9 "é tecnicamente posíbel, mais depende de vontades políticas". "Cando alguén perde competencias sempre vai querer algo a cambio". O apoio do BNG podería ser ese "algo". Tamén en materia de infraestruturas pensa que sería necesario un plan de renovación das actuais estradas, que en moitos dos casos presentan un estado "deficiente". Con todo, Vaquero considera que o máis importante destas contas será que Galiza non ceda á hora de defender medidas xa acordadas. "Os potenciais recortes pola Covid-19 non poden ser agora unha escusa para romper ou adiar os compromisos". Nova prórroga Onde si que pode ser unha escusa a pandemia é nos tempos. O Executivo estatal, de feito, xa recoñece que non terá listas as contas até finais de mes, en parte polos atrasos nestas negociacións. O borrador dos orzamentos debería estar perfilado xa este mes para a súa aprobación polo Goberno e posterior remisión ao Congreso das Deputadas para a súa revisión. Mais parece pouco probábel, mesmo así o recoñece a ministra María Jesús Montero, que o 1 de outubro, en menos de 15 días, teñan rematadas estas xestións. Este atraso, sumado a que polo medio haberá que debater o texto no Congreso e no Senado, fai imposíbel na práctica que o Goberno español poida aprobar as contas antes do 1 de xaneiro, incumprindo así o mandato constitucional. Desta maneira, e por terceiro ano consecutivo (algo sen precedentes na historia democrática), o Estado español funcionaría cos orzamentos de 2018, deseñados polo ministro popular Cristóbal Montoro, prorrogados até a aprobación dunha nova planificación financeira. O problema é que o escenario previsto nesas contas dista moito da nova realidade que debuxa a Covid-19 no territorio e moito máis aínda das necesidades actuais da Galiza. |
NOS_4150 | "A procura dos trazos que nos describan" é o título da homenaxe que a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega lle tributará á poeta e tradutora Xela Arias o próximo 11 de marzo en Vigo. | Cando se cumpren dez anos do seu falecemento, a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) réndelle unha homenaxe á poeta e tradutora Xela Arias en Vigo, a súa cidade. A homenaxe terá lugar o próximo 11 de marzo ás 19:00 horas no IES Álvaro Cunqueiro de Vigo e, con ela, a AELG quere recoñecer "unha voz única e unha muller para quen a literatura foi un modo de vida. Unha muller que sentía e amaba a súa lingua, a terra e o pobo que creou esa lingua". "A procura dos trazos que nos describan" é un verso da escritora, que se converte agora en título da súa propia homenaxe xa que, segundo a organización, "sintetiza toda unha declaración de intencións" para a AELG "profundar e transmitir" os "trazos ou a obra das escritoras e escritores que constrúen esta casa de noso que é a lingua galega. Lembrar á Xela "activa, curiosa, polifacética, que sumou poesía e música e plástica e creou arte. Xela poeta, tradutora, editora, docente..." destacan na AELG da escritora que finou de repente en novembro de 2003 con 41 anos de idade e deixou títulos como Darío a Diario ou o seu derradeiro libro Intempériome. |
NOS_34815 | A Organización dos Estados Americanos respondeu afirmativamente á solicitude realizada pola Administración boliviana ante as protestas da oposición pola paralización do reconto, que apuntaba unha segunda volta. Con todo, a organización panamericanista comprometeuse sempre e cando as súas conclusións sexan vinculantes. Evo Morales, que revalidaría o seu cargo tras a última actualización dos datos, denuncia que no país "está en marcha un golpe de Estado". | Nunha misiva datada esta pasada terza feira, 22 de outubro, a Organización dos Estados Americanos (OEA) comunica a súa aceptación do convite para "verificar a transparencia e lexitimidade do proceso electoral", feito polo Órgano Electoral Plurinacional de Bolivia, "que comprenda, entre outros aspectos, a verificación de cómputos, aspectos estadísticos, verificación do proceso e cadea de custodia". Non obstante, a OEA sinala que "coa finalidade de asegurar a máxima seriedade e rigorosidade ao exercicio proposto, enténdese qie as conclusións do mesmo han ser de carácter vinculante". A carta fíxoo pública na súa conta do Twitter o secretario xeral do organismo multinacional, o uruguaio Luis Almagro. A petición por parte da Administración boliviana chega tras as acusacións de fraude por parte dos partidos opositores, nomeadamente de Carlos Mesa, líder da alianza Comunidade Cidadá e candidato a desbancar do poder a Evo Morales despois de case 15 anos no poder. "Non imos recoñecer este resultado electoral fraudulento", sinalou Mesa ante un grupo de manifestantes na noite desta terza feira, 22 de outubro (horario local), e chamou a "arrincar a segunda volta electoral gañada co voto popular". Paro no reconto A lista de Evo Morales á Presidencia de Bolivia proclamouse vencedora das eleccións desde pasado domingo. O reconto suspendeuse con 83,76% do voto escrutado. Nese momento, os resultados indicaban que Morales non chegaría á maioría absoluta (nin tendo máis do 40% dos votos tampouco tiña unha diferenza de 10 puntos sobre o segundo), polo que o proceso precisaría dunha segunda volta. Esta segunda volta -inédita no país andino e prevista para o 15 de decembro- entre os dous primeiros partidos poría en serio perigo a continuidade no cargo de Morales. Tras 24 horas de suspenso, o Tribunal Supremo Electoral de Bolivia (TSE) actualizou os datos do reconto co voto chegado das zonas rurais -a priori, favorábel a Evo Morales-, sinalando que o actual presidente revalidaría por unha estreitísima marxe (46,86% fronte ao 36,72%) o seu cargo sen necesidade da segunda volta. "Defender a democracia" Ante as protestas dos opositores, o presidente boliviano denunciou na mañá desta cuarta feira que no país "está en marcha un golpe de Estado". "Fago un chamamento aos organismos internacionais a defender a democracia", sinalou ante os medios, e advertiu que "non imos buscar a confrontación mais imos defender a democracia". |
PRAZA_18557 | O cadro de Castelao, que permanecerá exposto en Compostela ata o vindeiro 3 de marzo, viaxará despois á cidade das Burgas, segundo anunciou a Deputación Provincial. Manuel Baltar visitou o Centro Galicia, acordando a cesión da obra, que alongará a súa estadía en Galicia antes de regresar a Arxentina. | A derradeira leición do mestre exporase en Ourense unha vez que remate a mostra que na actualidade pode verse na Cidade da Cultura. A Deputación Provincial ourensá anunciou este venres o acordo acadado co Centro Galicia de Bos Aires para que o cadro de Castelao alongue a súa estadía en Galicia antes de regresar a Arxentina. Así pois, a obra poderá verse en Compostela ata o vindeiro 3 de marzo, no marco da mostra Castelao maxistral, que homenaxea o papel dos mestres e mestras das tres primeiras décadas do século pasado (1900-1936) na construción do ensino público. A partir desa data a obra viaxará á provincia de Ourense, para exhibirse na sede da Deputación e nun formato aínda por determinar. A Deputación ourensá sinala que as negociacións para chegar a este acordo comezaron o pasado 5 de outubro, coa visita do presidente do Centro Galicia, José María Vila Alén, á sede provincial. Alí Vila Alén propúxolle a Manuel Baltar que "dada a vinculación do cadro con Ourense", xa que foi pintado por Castelao a instancias de Rodolfo Prada, secretario do Centro Ourensano, a obra puidese exhibirse na provincia. Baltar visitou este xoves o edificio que no pasado acolleu aquel Centro Ourensano e destacou a "inmensa emoción" que supón o feito de que o cadro poida verse en Ourense. "Trátase dunha noticia de forte impacto cultural e emocional para o mundo da galeguidade, e desexo que os ourensáns poidan contemplar presencialmente esta obra nas instalacións da Deputación de Ourense, para o cal disporemos todo o necesario para que sexa un éxito", dixo. A derradeira leición do mestre exhíbese na Cidade da Cultura dende o pasado 5 de outubro, onde xa foi visitado por centos de persoas. Alí deu xa lugar a unha nova polémica protagonizada polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. Feijóo obviou na súa intervención ante o cadro que este constituía unha homenaxe a Alexandre Bóveda e a todas as persoas asasinadas e represaliadas polo Franquismo e afirmou que "somos, en gran medida, a Galicia que Castelao soñaba". As súas palabras foron moi criticadas polas forzas da oposición e pola propia Fundación Alexandre Bóveda. Traslado de 'A derradeira leición do mestre' | Xunta |
PRAZA_19997 | O cadáver do rapaz, veciño da Coruña, apareceu nunha casa abandonada en Oza-Cesuras. A nai denunciou o domingo pola noite que o proxenitor non lle entregara o menor, incumprindo o réxime de visitas. O home xa foi detido. | Un neno de 11 anos, veciño da Coruña, foi atopado morto na mañá deste martes en Oza-Cesuras. O seu cadáver, con visibles signos de violencia, apareceu na noite deste luns nunha casa abandonada na parroquia de Rodeiro e a Policía cre que a morte foi causada por un forte golpe cun obxecto contundente. O asasino parece ser o seu propio pai, de 42 anos de idade, que indicou o lugar onde se atopaba o corpo do rapaz. A nai do menor denunciara o domingo pola noite ante a Policía que o home non devolvera o neno á súa casa trala fin de semana, incumprindo o réxime de visitas A nai do menor denunciara o domingo pola noite ante a Policía que o home non devolvera o neno á súa casa trala fin de semana, incumprindo o réxime de visitas. O detido tivo unha orden de afastamento da muller en vigor ata 2013 e fora denunciado por ela en dúas ocasións: Unha de 2008 que finalizou cunha sentenza condenatoria por un delito de coaccións; e outra de 2013 por ameazas a través das redes sociais, que foi sobreseída ao non ser posible acreditar quien foi o autor dos feitos denunciados. O Concello da Coruña decretou xa dous días de loito oficial, o mesmo que o de Oza-Cesuras. A concelleira de Igualdade e Diversidade da cidade herculina, Rocío Fraga, explicou esta mañá que "todo apunta a que se trata dun novo caso de violencia machista". Do mesmo xeito, o Concello convoca ao conxunto da corporación, así como a traballadores e traballadoras municipais e á cidadanía a gardar, mañá mércores, ás 12.00 horas, un minuto de silencio diante do pazo de María Pita. Fraga reclamou, en caso de que a investigación confirme esas circunstancias, que o suceso "sexa considerado como un caso de violencia machista", tal e como se contempla na reforma lexislativa de 2015 Fraga salientou que se trata "do peor acontecemento vinculado ás violencias machistas, esa maneira en que algúns pais utilizan aos nenos e nenas para atacar as nais, e máis cando se trata dun menor tan pequeno". E reclamou, en caso de que a investigación confirme esas circunstancias, que o suceso sexa considerado como un caso de violencia machista, "tal e como se contempla na modificación da Lei Orgánica 1/2004 de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero, aplicada no ano 2015 para incluír medidas de protección integral tamén para os e as menores co fin de previr, erradicar e sancionar este tipo de violencias e prestar asistencia a mulleres, aos fillos e fillas menores e a menores suxeitos a tutela, garda ou custodia para consideralos vítimas desta violencia". Unha vintena de nenos e nenas mortas por violencia machista nos últimos 4 anos Nos últimos catro anos practicamente 20 menores foron asasinados polas parellas ou ex-parellas das súas nais, unha cifra que pode elevarse en función de varios casos que aínda están en fase de investigación. Dende agosto de 2015 a Lei de Infancia recoñece que os fillos e fillas de mulleres maltratadas son vítimas directas da violencia machista. Segundo a Enquisa de Violencia contra a Muller de 2015, o 63,6% das mulleres que sofren violencia machista aseguraba que os seus fillos e fillas presenciaran algunha situación de malos tratos. E que, deles e elas, o 64,2% tamén a sufría. Nos últimos catro anos practicamente 20 menores foron asasinados polas parellas ou ex-parellas das súas nais, unha cifra que pode elevarse en función de varios casos que aínda están en fase de investigación A lei integral de 2004 contempla como violencia machista a perpetrada por parellas ou exparellas das mulleres. Pero tal e como recomenda o Convenio de Istambul, ratificado por España, o concepto debe ampliarse a outros tipos de violencia que sofren as mulleres, entre os que se incluirían os asasinatos de prostitutas a mans dos seus clientes. As expertas e expertos apuntan tamén á necesidade de ter en conta aos menores expostos á violencia. De igual xeito, o informe 2016 do Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial analizaba as 8 sentenza xudiciais ditadas en 2015 polo asasinato de menores a mans dos seus proxenitores, seis por asasinato e dúas por homicidio imprudente. Foron condenados por asasinato 4 homes e 3 mulleres. Nun dos casos, a muller condenada "soportaba dende había tempo unha situación de malos tratos por parte do seu home e pai dos menores". Noutra das sentenzas, o ditame recolleu que o asasino "guiado pola acción de matar, para así facerlle dano á súa dona, posto que ela manifestara a súa intención de poñer fin á relación conxugal". |
NOS_13691 | Centos de persoas asistiron na mañá do domingo ao encontro nacional que a Iniciativa Galega pola Memoria organiza cada ano na illa de San Simón. Un acto non só para render homenaxe ás vítimas e ás súas familias, senón para esixir a fin da impunidade. | O impulsor da querela arxentina, Darío Rivas, e mais a recentemente finada Chelo Rodríguez, guerrilleira, foron protagonistas do acto nacional que a Iniciativa Galega pola Memoria organizou na mañá do domingo na illa de San Simón, que acolleu centos de persoas que non só lembraron as vítimas da represión, senón que reivindicaron a fin da impunidade. A derrogación da Lei de Aministía, precisamente para acabar coa impunidade, foi o clamor dunha xornada en que tomou a palabra Chato Galante, torturado por Antonio González Pacheco, Billy el Niño e un dos asinantes da querela arxentina. Galante, deslocado desde Madrid, apelou ao dereito á xustiza universal e lembrou que Galiza foi "especialmente castigada". "Ademais dos acenos de recoñecemento, Galiza precisa de accións que garantan os principios de verdade, xustiza e reparación para todas as persoas que sufriron crimes de lesa humanidade, que nunca poden prescribir". "Na Galiza temos moitos Billy el Niño", advertiu Ermida O investigador e historiador Xosé Ramón Ermida Meilán tomou a palabra para lembrar que "tamén na Galiza temos moitos Billy el Niño" e para instar o movemento da memoria a "poñer riba da mesa" os nomes das persoas que participaron en torturas, sobre todo nos últimos anos da ditadura e na transición. Ermida, un dos coordinadores do libro editado por Sermos Galiza Os nomes do terror, referiuse aos máis coñecidos verdugos, mentres que Elvira Cienfuegos, da Agrupación Cultural O Galo de Compostela, deu lectura a un texto dun caderno editado pola Unión do Povo Galego no que un ex traballador de Citröen torturado naquel tempo daba consellos precisos aos seus camaradas sobre como resistir aos golpes. Unha achega histórica que foi traducida ao euskera e utilizado por agrupacións antifranquistas de todo o territorio español. Tamén interveu Celso López, membro da Asemblea Republicana de Vigo, que tras lembrar a recente adhesión do movemento galego á coordinadora de apoio á querela (CeAqua) solicitou que o Estado aplique os tratados internacionais subscritos no ámbito xudicial que recollen a non prescrición dos delitos de lesa humanidade e polo tanto a imposibilidade de amnistialos. "Cando falamos de amnistía, en realidade falamos de impunidade" O acto, que contou coa actuación de Lucía César Veloso, foi conducido pola xornalista Ana Cabaleiro, que puxo de manifesto que "no referente aos crimes franquistas, cando falamos de amnistía, en realidade do que estamos a falar é de impunidade". "Lonxe de ser derrogada e revertida desde os poderes institucionais correspondentes, a Lei de Aministía de tanto manterse no tempo chegou a propiciar, nos últimos anos, o envalentonamento dos reaccionarios e herdeiros da ditadura, que pugnan por seguir impoñendo e lexitimando o seu ideario de represión e espolio", denunciou. "A Lei de Aministía derivou nunha impunidade efectiva de todos os crimes cometidos", sinalou Cabaleiro Nesta liña, a tamén escritora explicou que a citada lei, que cualificou de "ignominiosa e insultante", baixo o "cínico argumento de non reabrir feridas, derivou nunha impunidade efectiva de todos os crimes cometidos desde o golpe de Estado de 1936 até a promulgación desta lei en 1977". "A historia destes 80 anos foi escrita, polo tanto, coa tinta do silenciamento, do ocultamento e, mesmo, da negación do terror que asolagou este país", agregou. No ano en que se fan dez anos desde que a Iniciativa Galega pola Memoria, tomou as rendas da organización da homenaxe en San Simón perante a desidia da Xunta de Galiza, Cabaleiro esixiu no nome de todos os colectivos que a conforman "a regulación da apoloxía do franquismo como delito e a prohibición de toda exaltación do mesmo". |
NOS_39345 | A central nacionalista lembra que este curso empeza con 15 centros menos e 64 unidades de Educación Infantil e Primaria suprimidas no ensino público, con profesorado insuficiente ou coa eliminación da gratuidade do comedor escolar, entre outros "recortes" | A CIG-Ensino advirte que o curso escolar que vén de arrancar ai estar marcado pola continuidade da aposta do PP por "laminar o ensino público" en base a recortes "sistemáticos, inxustificados, inaceptables e innecesarios". O secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, e Ana Rodiño, membro da Executiva, lembraron que o curso empeza con 15 centros menos e 64 unidades de Educación Infantil e Primaria suprimidas no ensino público, "mentres se concertan 40 unidades novas e 18 ciclos formativos". E isto prodúcese nun escenario no que hai un encarecemento do gasto escolar, "que moitas familias non poderán enfrontar por decisións como a suba das taxas, a redución de bolsas, o endurecemento dos criterios para conseguilas ou a suba do 32% das matrículas dos conservatorios, cercenándose así o dereito á educación". Comedor A CIG ensino incide en que este curso tamén estará marcado pola eliminación da a gratuidade do comedor escolar ao alumnado transportado "e incrementase de xeito desorbitado o prezo dos menús, en preto do 40%. Aproximadamente só terán dereito ao comedor gratuíto uns 14.000 alumn@s dos preto de 200.000 que están escolarizad@s en Educación Infantil, Primaria e Secundaria Obrigatoria". Anxo Louzao advertiu tamén da redución das axudas para os libros de texto ou das medidas dirixidas a acentuar o desmantelamento da escola no medio rural. Cruzada contra o galego Ademais, a Consellaría do PP persiste na súa cruzada contra o galego, dixo Louzao, á vez que desde a Xunta se aposta aínda máis pola "privatización e a confesionalidade do ensino". Outros dos aspectos que a CIG-Ensino denunciou é que por vez primeira neste curso se introduce unha empresa privada na formación do alumnado no ensino público (para organización e desenvolvemento de cursos de inglés para alumnado de sexto curso de Educación Primaria e da ESO). |
NOS_6558 | CIG impugnará o acordo e lanza unha campaña contra o I Convenio estatal, denunciando que "traslada ao sector os recortes de dereitos contemplados nas reformas laborais" | A reforma laboral aprobada en 2011 polo goberno de Zapatero abría as portas a unha 'centralización' da negociación colectiva, coutando as posibilidades de negociar convenios de sector en Galiza. A reforma de 2012, aprobada por Rajoy, primava a aplicación dos convenios de empresa sobre o provincial, posibilitando así nos postos de traballo condicións inferiores ás mínimas fixadas para o sector. Deses pos a CIG entende que se deriva a lameira que implica o I Convenio estatal do metal, que vai impugnar e contra o que pon en marcha unha campaña. Xoán Xosé Bouzas, secretario nacional de CIG-Industria, e Manuel Simón, secretario de Negociación Colectiva da federación, compareceron en rolda de prensa para explicar as consecuencias deste convenio estatal asinado pola patronal, CCOO e UG. "Hai que desenmascarar o que significa", dixeron. "Até o de agora a negociación máis perto dos centros de traballo levaba consigo que había mobilizacións, había asembleas de traballadores e polo tanto a negociación era moito máis viva" Prexuízos Para a CIG-Industria a sinatura deste convenio estatal é "un paso máis da patronal e as centrais sindicais españolas" para eliminar os convenios provinciais porque, segundo explicou Manuel Simón, deixa cada vez menos materias a negociar, que son asumidas por eles desde Madrid e que afectan a modalidades de contratación, períodos de proba, clasificación profesional, número de xornadas de traballo, réxime disciplinario, normativa en prevención de riscos laborais, mobilidade xeográfica, formación e cualificación profesional, entre outras. O secretario de Negociación Colectiva de CIG-Industria explicou ademais que se crea unha comisión paritaria que pode vir a calquera convenio e asinalo se as partes non se poñen de acordo nun ano, independentemente da representación sindical que teñan. "Resérvanse para poder negociar en Madrid no momento que eles queiran: salarios, vacacións, permisos e licenzas, ordenación da xornada, mobilidade funcional, promoción e ascensos…"ç "Teñen como obxectivo dinamitar os convenios provinciais, o que nos debilitan aos traballadores, deixándonos sen poder de decisión porque pasan a decidir as cúpulas en Madrid". Medidas que, denunciou, teñen como obxectivo dinamitar os convenios provinciais e que entende que "nos debilitan aos traballadores/ deixándonos sen poder de decisión porque pasan a decidir as cúpulas en Madrid". Campaña Xoán Xosé Bouzas sinalou que a federación pon en marcha unha campaña para explicar o que significa esta "negociación de cúpulas", que creou un "marco ideal para recortar" dereitos e salarios. "Até o de agora a negociación máis perto dos centros de traballo levaba consigo que había mobilizacións, había asembleas de traballadores e polo tanto a negociación era moito máis viva". Os representantes de CIG-Industria denunciaron ademais que con este convenio se acordou implantar e xestionar a actual Tarxeta Profesional para o todo o sector do metal (TSM) e a formación preventiva de riscos laborais para o sector, con cursos dun mínimo de 20 horas. "Isto quere dicir que todos os traballadores/as teremos que pagarlle a estas organizacións máis de 100 euros por curso, como xa ocorre no sector do naval e na construción", aseguraron. |
NOS_35258 | Alumnado de Educación Infantil da USC traballa no fomento da expresión corporal da cativada a través dun proxecto de aprendizaxe-servizo inspirado en máis dunha ducia de oficios tradicionais. | "As crianzas cada vez se moven menos e isto ten un efecto directo sobre a saúde. Canto menos se moven máis problemas de sedentarismo aparecen, menos aprenden a moverse e máis dificultades teñen para subir a unha randeeira no parque". A cativada de 0 a 6 anos é cada vez menos hábil desde o punto de vista motriz, afirma a Nós Diario Javier Rico, profesor de Didáctica da expresión e comunicación corporal na facultade de Ciencias da Educación da USC. Xunto a Geno Rodríguez, encargado da materia de Motricidade infantil, lidera o programa Excoras, Expresión Corporal e Aprendizaxe Servizo, unha iniciativa que busca favorecer o desenvolvemento motriz e a expresión e a comunicación corporal das crianzas desde as aulas universitarias, a través de proxectos anuais creados polo alumando de terceiro do grao de Educación Infantil. "É importante que nenos e nenas teñan espazo e tempo para desenvolver a súa creatividade" "Hai unha metodoloxía que se chama aprendizaxe-servizo, que convida a desenvolver os contidos dunha materia cunha aplicación práctica que supoña, ademais, un servizo á comunidade", explica Rico. Trátase dunha modalidade en auxe na universidade, que comeza a implantarse tamén en aulas de secundaria. "Ten un gran potencial. No canto de traballar os contidos a través da teoría e a práctica na aula, constrúese un proxecto". O alumando deseña e prepara unha serie de actividades que despois vai experimentar nun contexto real, "similar ao que atopará despois nos centros educativos de infantil", recalca o docente. 'Oficios en miúdo' Este ano, o alumnado de terceiro de Educación Infantil da USC acordou desenvolver un proxecto inspirado nos oficios tradicionais da Galiza. "A comezos do semestre, en febreiro, formularon varias ideas pero resolveron traballar nun proxecto que poña en valor os oficios tradicionais galegos, agrupados en cinco categorías: o mar, a gastronomía, zapateiros e zoqueiras, muiñeiros e oleiros e canteiros". Unha trintena de estudantes participan na iniciativa de forma voluntaria. Cadaquén fixo unha sondaxe na súa zona para obter unha representación dos oficios propios de cada comarca. "Saíron 28, mais non todos se poden levar á práctica", aclara Javier Rico. Entre os seleccionados: xastres, viticultores, leiteiras, labregas, panadeiros, redeiras, percebeiros... Cada grupo é un fío condutor que o alumnado desenvolve a través de bailes, xogos, dramatizacións e mímica. "Cada oficio contará coa súa propia ficha e obxectivos. Gozarán dunha descrición e de propostas específicas que o alumnado levará a unha sesión ao vivo, con nenos e nenas da Asociación Cultural e Recreativa Os Tilos, de Teo". 'Campa', o xogo de mesa definitivo en galego A primeira experiencia xa tivo lugar. Xirou arredor do labor de zoqueiros, costureiras e palilleiras. A esta seguiulle outra dedicada aos muiñeiros. Fixeron xogos, bailaron, manipularon materiais de vello, propio destes oficios: patróns, zocas, fíos, formas; pandeiretas que animaron muiñadas e deron pé ás muiñeiras. "Trátase de levar a un espazo de dinamización infantil actividades que favorezan o desenvolvemento motriz e expresivo das crianzas e que lle permita ao alumnado ver que funciona e que non, para corrixilo". "Se queremos centros educativos nos que o profesorado teña iniciativa, propoña e se sirva do seu contorno, o alumando ten que ser autónomo", sentencia Rico. Ideas ao servizo da educación infantil Carmela, a labrega, é rostro de 'Oficios en miúdo', un proxecto que fomenta "a aprendizaxe colaborativa" e que comeza a coller corpo na internet e nas redes sociais, como fixeron antes os seus predecesores: 'Nós xogamos na casa' e 'As aventuras de Luli'. "Procuramos un espazo onde compartir todos os recursos, neste caso, os oficios, coa súa historia e descrición, con todo o seu potencial. Queremos que os docentes de Educación Infantil teñan acceso programen nas aulas unha actividade cos oficios da súa zona", di Rico. |
PRAZA_8723 | As fotos de Feijóo co narco non son o que parecen. A privatización da Sanidade, a Educación ou a Xustiza non son o que parecen. As estafas dos bancos non son o que parecen. Onde todos vemos un zurullo con aspecto de merda, con cheiro a merda, con textura de merda e... con sabor de merda, Floriano e os seus dinnos que as aparencias enganan, podería tratarse dunha tarta de IKEA. | Arbeit macht frei, líase gravado en ferro no cartel á entrada de Auschwitz: O traballo faravos libres. Hoxe, a falta de traballo que faga críbel o lema, na porta do sur de Europa o cartel debería dicir: A austeridade traeravos progreso. Logo o progreso traeravos traballo e así poderedes pechar o círculo e volver a Auschwitz, onde o traballo vos fará libres. Hoxe, a falta de traballo que faga críbel o lema, na porta do sur de Europa o cartel debería dicir: A austeridade traeravos progreso Nestes tempos convulsos á xente hai que lembrarlle os principios con carteis ben visíbeis porque é evidente que falta a fe e sen fe non se vai a ningures. Dino todas as encíclicas, que o escepticismo, o cinismo e o relativismo campan a vontade, tamén o hedonismo, e iso compón un cóctel que nos atorda co sensorial, co material, e non nos deixa acceder á esencia da realidade. Por iso Carlos Floriano, cranio privilexiado do Partido Popular, avisa aos seus cachorros de Nuevas Generaciones: "Que non vos ceguen as cifras". E dio cando ten máis valor dicilo, horas despois de que a EPA revele o novo dato de parados e paradas: 6.200.000. "Que non vos ceguen as cifras" advirte o voceiro, cun bronceado de cabina e un sorriso similar ao de Bush cando anunciou o bombardeo de Iraq fitando a cámara nun campo de golf e ao rematar se dirixiu aos xornalistas para dicir: "E agora, mirade este drive". A cousa está encamiñada, di Floriano, mirádeme aos ollos. Tende fe! "Que non vos ceguen as cifras" advirte o voceiro, cun bronceado de cabina e un sorriso similar ao de Bush cando anunciou o bombardeo de Iraq fitando a cámara nun campo de golf Floriano insírese nun debate que vén de hai máis de 2000 anos e que daquela se personificou en Platón e no seu discípulo Aristóteles. Pode a realidade como a percibimos constituír a referencia básica do coñecemento? Ou debemos tratala como a un reflexo pálido e distorsionado do mundo das ideas, abstracto e inmaterial pero o único verdadeiro? Floriano é destes, dos da caverna, coma Platón. Evoluíu co mestre pola vía máxica e poética, non co discípulo pola vía da ciencia. No PP ninguén entende o alemán pero os seus dirixentes non deixan que as palabras os ceguen. Eles van máis alá, comunícanse co máis alá da entoación sincopada e a fonoloxía prusiana, que é onde se cifra a verdadeira comunicación Hoxe todo o PP é platónico, máis alá de todas as cifras que falan de estancamento eles pechan os ollos e ven o río da riqueza a fluír caudaloso coma o Nilo. Eles teñen fe pero o populacho asédiaos e denígraos, quere afastalos do camiño recto. A turba subestima a forza dos actos inspirados pola fe e a determinación dos profetas e os apóstolos. Os profetas crécense co desprezo. Do mesmo xeito o PP déixase guiar pola voz interior, porque o PP oe voces, e fálanlle en alemán. No PP ninguén entende o alemán pero os seus dirixentes non deixan que as palabras os ceguen. Eles van máis alá, comunícanse co máis alá da entoación sincopada e a fonoloxía prusiana, que é onde se cifra a verdadeira comunicación. Eles móvense na estrutura profunda da que falaba Noam Chomsky, un intelectual de esquerdas. Merkel e a Troika poñen a Rajoy e a Montoro contra a parede e dinlles que na eliminación de dereitos, no espolio do patrimonio e o arrasamento do estado de benestar agarda o paraíso, e Rajoy e Montoro na parede non ven un mofo deforme senón as caras de Vélmez. Quen convence a un visionario de que as súas visións non son verdade? Velaquí a dimensión da fe da xente que nos goberna. Nada é o que parece. Ou como dicía David Lynch, "todo o que parece pode non ser". Onde todos vemos un zurullo con aspecto de merda, con cheiro a merda, con textura de merda e... con sabor de merda, Floriano e os seus dinnos que as aparencias enganan, podería tratarse dunha tarta de IKEA. Onde todos vemos un zurullo con aspecto de merda, con cheiro a merda, con textura de merda e... con sabor de merda, Floriano e os seus dinnos que as aparencias enganan, podería tratarse dunha tarta de IKEA As fotos de Feijóo co narco non son o que parecen. A privatización da Sanidade, a Educación ou a Xustiza non son o que parecen. As estafas dos bancos non son o que parecen. E senón mirade a consecuencia desas supostas estafas, a inxección de milleiros de millóns aos que as causaron. Pero iso, que podería parecer un premio á delincuencia, non é o que parece. Tampouco a amnistía fiscal é o que parece, nin a Lei de Costas, nin por suposto os papeis de Bárcenas nin os da Gürtel. De feito o Xuízo Final do Tribunal Supremo xa ditaminou que a Gürtel non era o que parecía. Nada é o que parece... "salvo algunhas cousas". Esas tres palabras, pronunciadas diante da figura paterna de Merkel, fixeron que a Rajoy lle saíse un compulsivo tic no ollo esquerdo e que o bolígrafo lle saíse disparado polos aires. Non é para menos porque esa breve apostila abría unha fenda no dogma de infalibilidade no que se asenta o apostolado liberal-conservador. A small leak can sink a great ship, di un refrán inglés: unha pequena vía abonda para afundir un gran navío. O "salvo algunhas cousas" foi unha puñalada da realidade ao corazón das ideas universais platónicas e levou ao enxame popular a recluír á súa abella raíña nunha pantalla de plasma. A small leak can sink a great ship, di un refrán inglés: unha pequena vía abonda para afundir un gran navío Xa imaxinamos aos asesores de imaxe entre bambolinas maldicindo por parvo ao rexistrador da propiedade de provincias: "Mira que llo dixemos! Que nin un paso atrás! Que nada de pensar pola súa conta nin de contestar! Que agarrase ben o bolígrafo!" O Waterloo do "salvo algunhas cousas" abre a posibilidade de que a súa fe sexa impostura, que igual non cren no que din e o seu dogma é unha manobra de distracción para incautos. O resultado é que agora teñen que improvisar plans B e recoñecer que non todo marcha como debería e as medidas non funcionan, pero no futuro, máis pronto que tarde segundo Floriano, ou na outra vida, todo irá mellor para os que teñan verdadeira fe. A fe move montañas e o longo prazo, xa se sabe, é ese tempo no que todo acaba saíndo ben... salvo algunhas cousas. |
NOS_51536 | Outrora, dicir que unha película era de Takashi Miike implicaba pensar inmediatamente en cinema trash, surrealista, dadá, gore, salvaxe, hiperbólico, marciano, ultraviolento, bizarro. | Todo ao mesmo tempo. Cada unha das súas achegas era coma un sketch da Hora Chanante mesturado co maxín de David Lynch e os primeiros traballos de Peter Jackson. Unha paranoia, vamos. Na concepción deste cóctel imposíbel tiña que haber, á forza, algunha substancia alucinóxena que incitase levar a cabo películas tan estrañas e controvertidas como Audition, A felicidade dos Katakuri, Ichi the Killer, Gozu ou Zebraman, por citar algunhas. First love / Hatsukoi / 2019 / Xapón / Takashi Miike / 108 minutos Para moitas persoas (normalmente cinéfilas e sen prexuízos) era un visionario único na súa especie, inimitábel. En troques, para outras, non era máis que un chalado que simplemente tiña a ousadía / inconsciencia de atreverse a filmar todo aquilo que se lle pasaba pola cabeza, por moi demente que parecese. Por sorte ou por desgraza, dun tempo a esta parte, Takashi Miike comezou a alternar as súas frikadas con cinema algo máis serio e convencional, logrando, así, alcanzar un público máis xeral. A historia de First Love céntrase no inicio do romance entre un boxeador que xa non pode pelexar máis, por mor dun tumor cerebral que lle acaban de detectar, e unha moza drogadicta que logra fuxir dos proxenetas que a mantiñan prisioneira mentres non pagase unha débeda herdada do seu nada exemplar pai. De súpeto, os namorados vense envoltos no medio dunha complexa trama de drogas entre as tríades chinesas, a yakuza e mais a policía de Tokio. Pero ollo, que o reparto brilla tanto, ou máis, que o dúo protagonista formado pola debutante Sakurako Konishi e Masataka Kubota, unha súper estrela xuvenil no seu país natal. Neste thriller de enredo aínda atopamos ecos daquel Miike toleirán que non prescinde da violencia gratuíta nin tampouco do seu particular humor negrísimo (atención ao sosia de Peter Lorre en versión nipoa); pero, desta volta, cun ton máis sosegado facendo primar o conxunto da trama romántica, aderezada de drogas, mafia, sangue e alucinacións fantasmais, fronte ás saídas de testo das súas achegas máis tarambainas. Provoca ese pracer culpábel de goce da violencia pola violencia. Un filme ideal para todas as persoas amantes do cinema oriental e sen pretensións en xeral, e do estilo tarantiniano en particular. De feito, mesmo se podería afirmar que é unha sorte de remake "á xaponesa" de Amor a queimarroupa, dirixida por Tony Scott e con guión de Quentin Tarantino. |
NOS_355 | "Estamos esgotadas, traballando nunhas condicións moi duras". É o sentir común do persoal do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC), que saíu á rúa para reclamar, por xunto, máis profesionais. "Non pedimos outra cousa". | Sobrecarga, precariedade e falta de persoal. A Comisión do CHUAC mobilizou na tardiña da quinta feira profesionais sanitarios e cidadanía, os dous polos dunha asistencia pública que leva anos reclamando medios suficientes para unha atención digna e de calidade. "Non podemos máis", sintetiza a presidenta da comisión en declaracións a Nós Diario. O compromiso dos diferentes colectivos profesionais xa non abonda para facer fronte a un "déficit histórico de persoal", engade. "É sabido que o CHUAC é o hospital coa ratio máis baixa de profesional/paciente de toda a Galiza", en medicina interna, en observación de urxencias, detalla; unha eiva que arrastra desde antes da pandemia, que acabou de saturar numerosas unidades e servizos hospitalarios. O esgotamento do persoal esténdese por todas as áreas do hospital, asegura. "Levamos máis dun mes de concentracións semanais co servizo de urxencias e co bloque cirúrxico. Antes do verán saímos co persoal das unidades de críticos, o ano pasado rebentou a hospitalización. É continuo. E a Xerencia non dá ningunha solución. Por iso saímos á rúa, para que poñan as pilas dunha vez, porque necesitamos aire. Precisamos osíxeno para respirar". Urxencias A saturación das Urxencias do CHUAC resume ben as condicións ás que se expoñen pacientes e persoal sanitario, expón Peón. "Levamos anos con xente nos corredores, denunciando un trato denigrante sen que ninguén faga nada". A presidenta da comisión defende que se hai doentes nos corredores é porque existe a necesidade de aumentar as camas de hospitalización e tampouco se fixo malia haber espazos dispoñíbeis no CHUAC e nos centros anexos, advirte. "Agora poñen como escusa o hospital novo, pero pola información que temos o número de camas a ampliar vai ser ínfimo. Necesitamos que a Xunta, o Sergas e a Xerencia aposten por unha sanidade pública de calidade. Mentres non o fagan a cidadanía ten que saber que non podemos darlle máis e mellor atención porque non temos capacidade, non porque non queiramos", di Peón. Ritmo frenético "Disposición témola toda". Mais faltan profesionais que veñan aliviar o "ritmo frenético" de traballo que asume o persoal do CHUAC desde hai dous anos, "dobrando quendas, renunciando a libranzas que aínda non recuperaron e sen un calendario de traballo que lles diga cando van descansar. Todo é a pedir, a exixir; pero non a dar". Desde o complexo hospitalario da Coruña denuncian a carencia de persoal estrutural e a precariedade do traballo eventual. "A Xerencia insiste en que non ten posibilidade de contratar en certas categorías como enfermaría ou familia, pero a realidade é que tampouco ofrece contratos dignos que axuden a ampliar a captación de profesionais". A ansiedade e a sobrecarga física planean sobre o persoal. "O índice de baixas é moi elevado, non só asociado á Covid", aclara Peón, que urxe solucións para evitar, tamén unha seira continuada de mobilizacións. |
NOS_14948 | A comarca de Ordes, declarada ata o momento libre de eólicos, podería ver afectada a súa condición tras a proposta de creación de tres novos parques inscritos no Rexistro Eólico de Galiza. | Os 33 eólicos proxectados estarían repartidos entre os parques de Legre (11 eólicos), Solpor (7 eólicos) e Meirama (15 eólicos). Os concellos implicados serían Cerceda, Ordes, Frades e Mesía. Dende a Coordinadora Contra a Implementación de Parques Eólicos na Comarca de Ordes denuncian a falta de transparencia dos concellos afectados, que non comunicaron os proxectos por ningunha canle oficial. Igualmente, catalogan a proximidade dos parques aos núcleos rurais de extremadamente perigosa, "moi lonxe dos 5km de distancia que consideramos necesarios por seguridade e saúde". Solicitan por tanto a inmediata eliminación dos plans, aos que tachan de inxustificados e resultado da euforia da enerxía eólica que sofre Galiza. |
PRAZA_4152 | O pacto mantén a prohibición de despedimentos obxectivos por mor do coronavirus tamén ata finais dese mes e aclara que as empresas con sede en paraísos fiscais non poderán prorrogar os expedientes. | O Ministerio de Traballo alcanzou un principio de acordo cos sindicatos e a patronal no diálogo social para prolongar os ERTE (expedientes de regulación temporal de emprego) máis aló do estado de alarma. En concreto, até o 30 de xuño, aínda que este límite podería prorrogarse máis adiante. O Ministerio de Traballo alcanzou un acordo con patronal e sindicatos para prolongar os ERTE ata o 30 de xuñoOs empresarios e os sindicatos levaron este venres o preacordo ante os seus órganos de dirección e finalmente a patronal deu o seu visto e prace malia as reticencias que mantiña. "É un acordo equilibrado. Quero poñer en valor o acordo, todos e todas cedemos, pero o importante é que neste momento tan delicado imos camiñar xuntas", dixo Yolanda Díaz na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros.O acordo supópn que os ERTE por forza maior, que a día de hoxe decaen co estado de alarma, prolongaríanse até o 30 de xuño nas circunstancias nas que as empresas non puidesen retornar á actividade debido á crise da Covid-19, xa fose de maneira total (para o total do persoal no ERTE) ou parcial (no caso de que parte dos traballadores si puidesen reincorporarse aos seus postos e retomar as súas xornadas habituais). Xa que logo, o Goberno central poderá prorrogar os expedientes máis aló desa data. O acordo permite que as empresas rescaten os seus empregados do ERTE segundo os vaian necesitandoSobre a continuidade dos ERTE a partir do 30 de xuño, terá un papel central a Comisión de Seguimento tripartita laboral que crea o acordo (con presenza do Goberno, a patronal e os sindicatos) e o enfoque sectorial. A Comisión analizará a evolución económica de cada sector e actividades e "chegado o momento e, se é necesario, acompañaremos os sectores máis aló do estado de alarma", afirmou Yolanda Díaz. Ademais, avanzarase tamén no traspaso de ERTE por forza maior a outros por causas económicas, técnicas, organizativas ou de produción (ETOP), sen que se perda a antigüidade do expediente. O 'contador a cero' no dereito a paro e a garantía da prestación de desemprego sen o mínimo cotizado estenderíanse tamén até o 30 de xuño O documento define até onde chegarán as condicións máis vantaxosas na cobertura por desemprego. O contador a cero (que estes meses non desconten dereito a paro no futuro) e a garantía da prestación de desemprego aínda que non se teña o mínimo cotizado estenderíanse até o 30 de xuño. Para os traballadores fixos discontinuos, moi numerosos no sector turístico, a maior protección por desemprego xa acordada estenderíase até o 31 de decembro. A Ministra de Traballo destacou a protección máis prolongada para estes traballadores, posto que se prevé que o sector turístico se recupere de maneira máis lenta. Como queda a exoneración de cotas Respecto da exoneración de cotas, se as empresas ven imposibilitadas para retomar a súa actividade até o 30 de xuño, as exencións manteríanse como até agora: completa para as compañías de menos de 50 empregados e do 75% para as que superen ese nivel de persoal. No caso de que as empresas poidan comezar a funcionar parcialmente en maio e xuño, de maneira que saquen do ERTE un grupo de traballadores, as exencións reduciranse, con máis apoio para as pequenas empresas e sobre as cotizacións dos traballadores que regresen ao traballo, para premiar a volta á actividade, explicou a ministra Díaz. Para as compañías de menos de 50 traballadores, o Estado cubrirá o 85% das cotizacións sociais en maio e o 70% en xuño dos empregados que reinicien a súa actividade. Respecto dos traballadores que permanezan aínda no ERTE, os fondos públicos sufragarán o 60% das cotizacións sociais que debe pagar a empresa en maio e o 45% das correspondentes a xuño. Nas empresas de 50 ou máis traballadores, o Estado pagará o 60% das cotizacións de maio dos empregados que retomen a actividade e o 45% das correspondentes a xuño. Ademais, exonerase as compañías de pagar o 45% das cotas de maio e o 30% das de xuño dos empregados que sigan no ERTE. Exclusión das empresas en paraísos fiscais O acordo alcanzado establece que as empresas e entidades que teñan o seu domicilio fiscal en países ou territorios cualificados como paraísos fiscais non poderán prolongar os ERTE. Este foi outro dos puntos que custou sacar adiante na negociación con Traballo e os sindicatos, segundo fontes do diálogo social. Ademais, se as compañías estenden os seus expedientes grazas a este novo decreto-lei, non poderán repartir dividendos durante o exercicio fiscal no que aplicaron os ERTE, agás se devolven o diñeiro correspondente á exoneración aplicada ás cotas da Seguridade Social. O acordo inclúe, ademais da prolongación dos ERTE, a extensión da prohibición de despedir de maneira obxectiva debido á crise do coronavirus ata o día 30 de xuño. Seugndo o decreto de aprobación, este límite aos despedimentos finalizaba co estado de alarma. |
PRAZA_10762 | O novo goberno local desbota a xestión directa de cinco centros, como tiña previsto o anterior executivo, para "cumprir coa legalidade" e "garantir" o emprego. A Marea Atlántica acusa o PSOE de "falta de valentía política" e de "renunciar a defender o público". | O novo goberno local da Coruña rexeita a remunicipalización das bibliotecas prevista desde o anterior mandato. Neste martes, a xunta de goberno bota abaixo o encargo que o anterior executivo da Marea Atlántica dera na pasada primavera á Empresa Municipal de Vivenda, Servizos e Actividades (Emvsa) para que asumise a xestión directa de cinco centros, unha fórmula que, segundo se advertira, remataría coas diferenzas laborais e de servizos e con problemas de funcionamento e suporía, ademais, o aforro duns 300.000 euros ao ano. As bibliotecas municipais do Fórum Metropolitano, Os Rosais, Sagrada Familia, Durán Loriga e Ágora manterán a xestión privada fronte á publica que xa teñen as do Castrillón, Monte Alto e Estudos LocaisXa que logo, as bibliotecas municipais do Fórum Metropolitano, Os Rosais, Sagrada Familia, Durán Loriga e Ágora seguirán a ser xestionadas por mans privadas, á espera dunha xestión pública directa como a que xa tñeen as do Castrillón, Monte Alto e Estudos Locais. A alcadesa da cidade, Inés Rey, aclara que o que o novo goberno socialista fai é "cumprir coa legalidade" ao retirar a encomenda feita a Emvsa por "non garantir os postos de traballo nin a estabilidade para o persoal". En declaracións á Radio Galega, a rexedora aclara que o PSOE –xunto co PP e a abstención do BNG– xa votara en contra o pasado 8 de maio da proposta para a modificación dos estatutos da empresa municipal que lle permitise a xestión directa das cinco bibliotecas. "Seguimos pensando que iso non é axustado a dereito", insiste. Desde o goberno local consideran que sería ilegal que Emvsa asumise o persoal sen un concurso público aberto a calquera aspirante, razón pola que sacará a concurso unha nova concesión para os vindeiros anos. Os traballadores das bibliotecas serían subrogados pola empresa que se impoña no concurso.O grupo municipal da Marea Atlántica, pola contra, acusa o goberno local de "falta de valentía política" e de "renunciar a defender o público". A voceira, María García, asegura que o Concello "bota pola borda tres anos de traballo xurídico e unha vía para enfrontarse ás leis de austeridade impostas por Rajoy que podía servir de exemplo noutros municipios e institucións". "Inés Rey, coma Pedro Sánchez, parece non estar disposta a desafiar as privatizacións", denuncia. A Marea acusa o goberno local de "botar pola borda tres anos de traballo xurídico e unha vía para enfrontarse ás leis de austeridade impostas por Rajoy que podía servir de exemplo"O plan elixido pola Marea consistía en que Emvsa se encagase do servizo das bibliotecas a tráves dun contrato de cinco anos prorrogalbe e por un valor de case 2,3 millóns de euros, 300.000 euros menos que a cantidade que nos orzamentos deste ano se reservara a través da concesionaria. Os reparos do interventor e o asesor xurídico da empresa pública e a oposición do secretario municipal ao proceso previsto pola situación na que se colocarían os postos de traballo levaron ao voto negativo de PP e PSOE e á abstención do BNG, que criticou o xeito de encarar a remunicipalización. Ás dúbidas sobre o futuro laboral engadírase logo o informe da asesoría xurídica do Concello, que se mostraba favorable pero que advertía de que a subrogación dos traballadores debería ir acompañada dunhas probas selectivas abertas a calquera interesado. O goberno da Marea Atlántica decidiu, daquela, aprobar un contrato ponte que permitise gañar tempo para resolver os atrancos e dúbidas xurídicas, logo de que a concesión de LTM Servicios Bibliotecarios rematase no mes de xaneiro. Houbo impagos das nóminas en abril e unha ameaza de folga finalmente retirada tras o abono dos salarios. Ademais, esa contratación sen concurso por medio ano foi rexeitada polo Tribunal Administrativo da Contratación Pública de Galicia ao non terse aberto un proceso de concorrencia competitiva. "O proceso de municipalización, complexo e traballado, contaba con informes favorables da asesoría xurídica municipal e do oficial maior do Concello, que defendían a súa viabilidade. Pero o goberno do PSOE prefire atender ao único informe desfavorable, emitido polo secretario municipal, que non é vinculante", di a Marea Atlántica. "O que non vou facer é falar alegremente da remunicipalización de servizos sen ter o apoio ou argumentación xurídica para facelo con rigor", di Inés Rey"Non entendemos que se empreguen os postos de traballo como escusa, cando estaba garantidos na municipalización, a través da subrogación na empresa municipal Emvsa", explica María García, portavoz do grupo, que lembra que se faría "dun xeito semellante á recuperación dos parques comarcais de bombeiros levada a cabo pola Deputación da Coruña e a Xunta". Ademais, a Marea alude tamén ao feito de que os procesos de contratación levados a cabo polo PP aproveitando esta "vía privada" nas bibliotecas municipais "están xudicializados e motivaron un rexistro policial da sede da Concellería de Cultura no ano 2016".A alcadesa, Inés Rey, lembra as "implicacións" de "estabilidade, futuro, estatuto profesional e garantías" para o persoal das bibliotecas, polo que opta por "estudalas con rigor xurídico e non frivolizar co tema". "O que non vou facer é falar alegremente da remunicipalización de servizos cando me poñan un micro diante sen ter o apoio ou argumentación xurídica para facelo con rigor", engade a rexedora, que non descarta "estudar" a remunicipalización deste e doutrs servizos no futuro "pero caso debidas garantías xurídicas". |
NOS_55907 | Nesta nova resolución, a Audiencia cambiou a súa argumentación para rexeitar o recurso, posto que en primeira instancia a xuíza sinalaba que non quedaba probada a posesión das estatuas por parte do Concello. Nesta ocasión, indica que non está demostrado que se trate das mesmas pezas que están en posesión do Franco. | O Concello de Santiago de Compostela analizará a próxima semana se recorre ou non ante o Tribunal Supremo a sentenza da Audiencia Provincial de Madrid que deu a razón aos herdeiros do ditador Francisco Franco sobre as estatuas obra do Mestre Mateo, que se atopan en posesión da familia e que reclama a capital galega. Fontes do Goberno local trasladaron a Europa Press que o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, se puxo en contacto coa asesoría xurídica e, en concreto, co letrado Xaquín Monteagudo, o mesmo avogado que iniciara o caso durante o mandato de Compostela Aberta. O obxectivo é que o Executivo poida contar cun informe sobre a sentenza e unha proposta sobre as posibilidades de presentar un recurso a semana que vén, e así poder tomar unha decisión respecto diso. A demanda do Concello de Santiago viuse apoiada, no seu día, coa localización no arquivo da Universidade de Santiago do expediente de adquisición das pezas, así como da propia escritura notarial, facendo constar todas as características das estatuas, da titularidade municipal. Nesta nova resolución, a Audiencia cambiou a súa argumentación para rexeitar o recurso, posto que en primeira instancia a xuíza sinalaba que non quedaba probada a posesión das estatuas por parte do Concello. Nesta ocasión, indica que non está demostrado que se trate das mesmas pezas que están en posesión do Franco. |
NOS_20827 | A importancia para o territorio galego que alberga o movemento coñecido como Rexurdimento foi fundamental para a configuración e desenvolvemento cultural da Galiza. A escultura galega, unha das ramas da arte máis respectada e popular no noroeste peninsular, non resulta allea a estas alteracións na sociedade dos séculos XIX e XX, polo que as imaxes asimilarán diversos postulados que desembocarán no renacemento da exquisita estatuaria da Galiza. | Na imaxinaría galega contemporánea existen certos aspectos relevantes que se manifestan comúns, tanto a nivel tanxíbel como iconográfico. Como non podería ser doutro xeito, a arte, nin os artistas, resultan alleos ao tempo histórico no que se estabelecen, polo que o movemento nacionalista galego que comeza na segunda metade do século XIX alberga unha transcendencia primordial á hora da comprensión do proceso de desenvolvemento da escola escultórica nacional. O primeiro punto común son os materiais. Ao longo de toda a historia da arte galega, hai certas materias primas que resultan preponderantes ao longo da xeografía nacional, e que, co paso dos séculos, chéganse mesmo a converter nos emblemas característicos de todo un espazo común. O granito e a madeira configúranse como os grandes protagonistas non só da escultura galega, senón tamén da arquitectura, o urbanismo e, conceptualmente, até a pintura. Basta con pasear por calquera cidade, vila ou aldea, para poder comprobar tales afirmacións, como pode ser o caso de Santiago de Compostela e a súa relación coa pedra autóctona. Do mesmo xeito que sucede co mármore travertino en Roma, na Galiza, o granito é un dos materiais construtivos e artísticos por excelencia, e é esta tradición habitual galaica a que provoca que os primeiros mestres, influenciados polo galeguismo e a súa recuperación da cultura propia, retomen a utilización da rocha volcánica como símbolo patrio. Coa madeira, en cambio, as raíces que se estabelecen son foráneas. Secasí, é necesario sinalar que o sarrián Gregorio Fernández é o autor que introduce as prácticas imaxineiras da ebanistaría no noroeste, lexitimando así o substrato ao que se vinculan os artistas debedores de Mateo de Prado, Maximino Magariños ou Isidoro Brocos. Mais non sería até a chegada de Francisco Asorey cando se recuperan e salientan estas materias primas nun sentido plenamente artístico e nacional. Con Asorey termina e empeza todo: un innovador modo de pensar a escultura, desde unha perspectiva galega e autónoma, mais sen deixar de lado influxos procedentes da península e do resto de Europa. Cando se fala de Francisco Asorey, en realidade, estase a aludir ao escultor, con maiúsculas, da Galiza, ademais dun dos máis grandes artistas da nación, senón o que máis. Con Asorey termina e empeza todo: un innovador modo de pensar a escultura, desde unha perspectiva galega e autónoma, mais sen deixar de lado influxos procedentes da península e do resto de Europa. Existe, pois, no tallista de Cambados, unha idea reiterada en todas e cada unha das súas pezas, sendo non outra que o afecto pola terra, a súa xente, os seus costumes, os seus materiais, as súas lendas e as súas crenzas. En consecuencia, este amor cara ao mundo galaico diríxeo a un coñecemento e dominio exhaustivo de todo o xa mencionado, demostrando unha sobresaliente intelixencia á hora do tratamento das diversas madeiras, granitos e temáticas que expresar mediante tales elementos. A pesar diso, con Asorey non só se recupera o interese polo granito e a madeira autóctonas, senón que, con el, se instaura a tipoloxía antropomorfa e iconográfica do pobo galego, de aí o seu sobrenome como "escultor da raza". Grazas ao autor de Ofrenda a San Ramón, entre outras, a arte galaica comeza a realizar un especial fincapé nas morfoloxías propias dunha nación, especialmente desde o punto de vista do colectivo rural, onde se constrúe a idiosincrasia e o imaxinario da cultura tradicional. Será neste intre cando xa se poida falar dese segundo punto en común á escultura contemporánea galega, e que permite caracterizar a esta escola segundo as iconografías e morfoloxías propias utilizadas. Posteriormente, a influencia tanto das vangardas europeas como do mestre Asorey será capital para os autores galegos posteriores. No caso de Antón Faílde, a proximidade aos integrantes do Grupo Nós en Ourense resulta fundamental para a comprensión do seu estilo. O ourensán entende a imaxinaría dun modo tremendamente voluptuoso; en ocasións, mesmo, durante os seus inicios, dotada dunha destacada rixidez, que ten a súa orixe nun tratamento da rocha de inspiración medieval, castrexa e de concepción ciclópea. Co paso dos anos, Faílde decátase de que, para ser fiel aos seus principios artísticos e culturais, debería continuar profundando na idiosincrasia nacional e individual Porén, co paso dos anos, Faílde decátase de que, para ser fiel aos seus principios artísticos e culturais, debería continuar profundando na idiosincrasia nacional e individual. Concretamente, o escultor, que xa experimentara a nostalxia pola terra nativa debido á concesión dunha bolsa de estudos en Madrid anos antes, advirte que a morriña se constitúe como unha desas emocións comúns e primordiais da historia galaica, polo que descobre que o granito aglutina todos aqueles condicionantes necesarios para expresar un dos sentires universais dun pobo como o galego: a melancolía pola terra nai. Tal feito supón en Faílde un cambio da linguaxe formal utilizada: inicia unha gradual variación expresionista, presentando a superficie da peza coas imperfeccións derivadas do labrado da pedra, técnica que lembra a Asorey na súa elegancia á hora de mostrar as carencias e os contrastes presentes no material. Igualmente, introduce o seu interese pola textura do propio granito, polo que o carácter granulado do mineral destácase dentro de cada efixie, dotándoas dunha esencia remota e á súa vez, próxima, producindo no espectador, a confluencia na realidade, de algo que se atopaba escondido no seu imaxinario e na súa retina. É dicir, Faílde e o seu procedemento do tallado do granito suxire a procura dun pasado histórico que se sitúa no presente cotián da Galiza: o noroeste peninsular non podería ser entendido sen esta rocha magmática, que asolaga as construcións das catedrais e dioceses —incluído o Pórtico da Gloria, cumio da arte románica—, as rúas das súas urbes, as casas das súas pequenas aldeas, e mesmo ornamenta de modo barroquizante a súa capital, Santiago de Compostela, coa variante decorativa do estilo de placas. Co paso dos anos, a arte galega continúa evolucionando cara a unhas tendencias cada vez máis próximas á vangarda occidental, á vez que se afasta do naturalismo e a figuración realista. Distínguese, sobre todo, un achegamento coa contemporaneidade europea a medida que a ditadura franquista chega ao seu fin, as fronteiras se abren e o resto de países, na súa maioría europeos, colaboran na recepción de artistas bolseiros por parte do Estado español. París, capital da cultura moderna, posuirá un papel fundamental na formación desta nova xeración de artistas. Camilo Otero é un deses artistas que contribúen ao desenvolvemento da estatuaria nacional, desde unha linguaxe que presenta como unha amálgama de morfoloxías de tendencia orgánica, que xogan co clarescuro nunha infinidade de entrantes e saíntes, experimentando coas diferentes texturas do material, así como coas posibilidades cromáticas e lumínicas que proporciona a composición a través do oco e o volume. A súa obra máis representativa, A Pasionaria, realízaa en 1971, en madeira —a copia actual en bronce que se localiza en Santiago de Compostela foi elaborada a partir dun baleirado do orixinal—, e esta escultura, homenaxe a Dolores Ibárruri, conxuga a aprendizaxe neo-dadá e surrealista coa madeira tradicional galega. Despois dunha estancia en Nova York, Paz comeza a repensar a cultura da Galiza, a súa historia, a súa iconografía, as súas materias primas etc. No caso de Manolo Paz, poderíase afirmar que é o herdeiro de Asorey e Faílde, debido á súa maneira de entender a pedra, o volume e as texturas. Despois dunha estancia en Nova York, Paz comeza a repensar a cultura da Galiza, a súa historia, a súa iconografía, as súas materias primas etc. O canteiro introduce no seu vocabulario a pedra nacional, executando grandes ortostatos de modo que se teña en conta a talla da rocha. Pero ese traballo vese impulsado grazas á práctica da ensamblaxe entre si de máis dun compoñente, incitando ao contraste entre volumes e insinuando unhas morfoloxías de nítidas alusións construtivistas. Paralelamente, podería deducirse que o cambadés se limita, pois, á innovación en termos pétreos, en especial, despois do éxito cultivado co seu conxunto Menhires pola Paz. Pola contra, Manolo Paz continúa experimentando coa arte galega estabelecida, e decide romper notoriamente coa figuración histórica habitual, axuntando, nunha mesma obra, madeira e granito, os materiais ilustres da rexión; conxugando, deste modo, unha articulación de diferenzas cromáticas, tectónicas e volumétricas que encaixan nun espazo tinguido de connotacións orgánicas. Finalmente, cabe sinalar a Francisco Leiro, o máis internacional dos artistas. No estilo destoutro escultor de Cambados pódese atopar un claro anhelo por conseguir a reinterpretación da cultura galega, co obxectivo de mergullar na psicoloxía actual e as súas consecuencias. É así como nas pezas de Leiro, un dos asuntos fundamentais é a representación dos paradoxos que alberga a condición humana, realizando especial fincapé no carácter galaico, polo que a ironía, as contradicións, o xogo de opostos e, en definitiva, a retranca típica, son constantes. Iconograficamente, o tallador galego provoca diferentes sinerxías entre clasicismo e modernidade. Nas súas obras, está presente a crítica cara a un mesmo, cargada de significado e contraposicións —o vivo e o inerte, movemento e quietude, policromía e monocromía—, que buscan a introspección do receptor, a reconsideración da arte, da vida e, por suposto, da realidade. Leiro sitúase como un dos máximos expoñentes da innovación á hora da expresión tradicional, pasando pola experiencia dos mestres, e manifestándose como un dos artistas que mellor souberon captar a esencia da cultura galaica En calquera caso, o autor, nado tamén en Cambados, sitúase como un dos máximos expoñentes da innovación á hora da expresión tradicional, pasando pola experiencia dos mestres, e manifestándose como un dos artistas que mellor souberon captar a esencia da cultura galaica, sen desviarse da senda vangardista e rupturista de mediados do século XX. En definitiva, a escola galega interprétase como unha extraordinario paradigma de renacemento artístico e cultural, onde se integran o clasicismo estético nacional cos novos criterios contemporáneos, como resultado da análise da linguaxe estilística predominante na historia da arte e da cultura da Galiza. A monumentalidade de Silverio Rivas Silverio Rivas, vencellado ao grupo Atlántica e gran debedor do coñecemento adquirido na súa etapa na capital francesa, fomenta o diálogo entre a arte e a cidade, grazas á monumentalidade que caracteriza as súas obras urbanas. Racionalismo, sinxeleza xeométrica, asimetrías e xogos de luz compoñen conxuntos tremendamente suxestivos, onde a sombra modela a figura e imprime na obra un carácter mutábel. Sen ir máis lonxe, Porta do Atlántico, en Vigo, é unha escultura que domina e revaloriza o espazo no cal se atopa. En resumo, a escultura de Silverio tradúcese como un grande exemplo da innovación galega, a través da presenza de elementos vanguardistas, clasicistas e primitivistas, mais sempre desde un punto de vista plural, cheo de contrastes entre luces, sombras, masas, baleiros, texturas e, sen lugar a dúbidas, granitos, que provocan o recordo das raíces autóctonas. |
NOS_52984 | "Contrario á orde pública e aos bos costumes", notificou a Oficina española de patentes respecto do deseño que quería ser rexistrado e no que aparecían as catro barras da senyera e a lenda 'Independència ja'. | Unha simple camisola, coa lenda 'Independencia xa' e as catro barras da bandeira catalá, pode ir contra a orde pública e mesmo os bos costumes. E iso no Estado español de principios do século XXI. Así o entende a Oficina de Patentes Española,que se negou a rexistrar un deseño para camisola cos elementos antes descritos. E argumentando que dito deseño "contravén a orde pública e os bos costumes, segundo o artigo 12 da Lei 20/2003. Deseño a man A petición de rexistro na oficina fora presentada por Marta Rosell, segundo recolle Vilaweb. "A idea era unhas camisolas pintadas a man para lucir no Concert per la Llibertat. O deseño, as catro barras e a lenda independencia xa". Rosell engade que "para facer as cousas ben, quixemos rexistrar o deseño". A resposta das autoridades españolas: que vai ser que non. A Oficina española, ademais, dálle un mes "para subsanar os defectos sinalados" ou presentar alegacións. Foto: Marta Rosell |
NOS_37272 | Marzo remata con 1.134 traballadoras e traballadores por conta propia menos. A Federación de Autónomos da Galiza (FEAGA) reclama medidas de apoio. | Galiza rematou o mes de marzo con 1.134 traballadoras e traballadores por conta propia menos. Agora hai no noso país, baixo esta condición laboral, un total de 207.163 persoas, segundo os datos trasladados esta cuarta feira 15 de abril pola Federación de Autónomos da Galiza (FEAGA). Esta organización informa de que as comarcas da Coruña seguen liderando a cifra de traballadoras e traballadores por conta propia, con 84.151; séguenlle as de Pontevedra, con 66.257; en terceiro lugar as de Lugo que chegan a 33.417; e pechan as de Ourense, con apenas 23.337. Críticas ao Goberno español A federación galega critica que o Goberno español siga "negándose" a tomar as medidas que necesita o colectivo e que, segundo indican, non son outras que a "supresión de impostos e custos sociais" até que remate o parón da actividade que teñen polo estado de alarma. Demandan axudas directas para os custos fixos que manteñen empresas e persoas autónomas e plans de recuperación para a reactivación da actividade. En relación ás medidas aprobadas, o atraso do pago dos impostos do trimestre aos que teñen que facer fronte autónomas e autónomos até o 20 de maio, sinalan que "de onde pensa o goberno que Pemes e autónomas van sacar o diñeiro para pagar o 20 de maio, se continúa, como parece, o confinamento e non poden ingresar". Os avais non funcionan Desde FEAGA acusan o Executivo estatal de "tomar o pelo" á cidadanía e denuncian que "tampouco están a funcionar os avais" e "moitos ERTE están a denegarse por motivos peregrinos". Rexeitan tamén que haxa que agardar até maio por "axudas en forma de prestación por cesamento de actividade", así como polos "salarios das traballadoras e traballadores" mentres "as cotas ou os alugueres non se hibernan". |
NOS_33649 | Confeso que ás veces me custa atopar traballos sobre os que falar nestas liñas, especialmente coa a industria en stand by por mor da Covid-19. | Pero desde o pasado 18 de setembro teño claro sobre que ten que ir esta semana. E digo "ten" porque un disco de Malandrómeda cae da banda do acontecemento, cando menos, reseñábel. Porque o que ninguén, entusiasta ou detractora, pode negar é o carácter absolutamente singular da proposta no panorama galego, xa só por iso tan necesaria. Animais da Feira / Malandrómeda / 2020 / Catro pezas / De balde Desta volta, o Hevi sorprendía co lanzamento dun EP case sen aviso previo. Así é o underground até as últimas consecuencias: que se decate quen queira. Mais o bocaorella -tradicional ou virtualizado- corre axiña e o segredo durou pouco. E o "chachachá" prometido por esa misteriosa conta de Instagram creada ex profeso non decepciona. Animais da Feira racha con catro anos de silencio discográfico. As últimas novas de Malandrómeda chegaran, de maneira explosiva, en 2016, cunha insólita dupla publicación: Os corenta e oito nomes do inimigo e Cada can que lamba o seu carallo. Dous conceptos absolutamente diferentes, editados simultaneamente en vinilo e dixital por Matapadre, que daban saída, dunha banda, ao un intimismo melancólico e, doutra, aos temas máis festeiros e malandros. Dúas liñas que dalgún modo semellan confluír neste EP que vén de ver a luz. Así, esa certa escuridade distorsionada fai seus os ritmos sincopados e potentes cos que arrinca "Hoxe dormes fóra", a primeira faixa. Ao retrouso cumbieiro deste séguenlle os latexos frenéticos de "Xigantes E Cabezudos" e "Catro agullas pra unha bolboreta" ou o pulso algo máis acougado de "Galician Edi Murfi". Os catro temas, como non podía ser doutro modo, érguense sobre a corrosiva lucidez dunhas letras que desbordan idiosincrasia cun dominio da rima sen parangón. Esa personalidade lírica tan propia do Hevi, que consegue extraer das imaxes afincadas no cotián a diagnose máis crúa das nosas contradicións. E canta, incisivo, sempre armado de retranca: "Se é verdade que sexa simple / e, sobre todo, unilateral". Unha de tantas sentenzas lapidarias que demostran esa capacidade para radiografar a realidade, se callar nuns intres nos que isto resulta especialmente urxente. Porque, como ben di, "somos carné pra bistés". Ademais da súa, atoparemos no álbum as voces de Faia, Fat Nuno e Xavi G. Pereiro. Colaboracións de luxo nun disco ateigado de referencias da cultura popular, como o Hevi nos ten afeitos desde aquelas épocas de Fluzo ou Non Residentz, cuxa peor censura é xustamente ficar curto. E é que catro temas, un por cada ano de agarda, saben a pouco. |
PRAZA_16861 | O Goberno galego e Fomento anunciaron a sinatura do protocolo sen advertir o Concello e horas despois de que o Goberno local presentase o foro sobre o futuro do litoral. Os gobernos do PP recuaron na súa intención de privatizar todo o terreo portuario, pero deixaron a porta aberta a vender o espazo de San Diego HEMEROTECA | Puertos négase a garantir que non privatizará parte dos peiraos da Coruña | HEMEROTECA | Puertos négase a garantir que non privatizará parte dos peiraos da Coruña Este martes o Concello da Coruña presentaba aos medios o programa do Foro Tecendo Litoral, un encontro que a finais de mes abordará, mediante unha vintena de relatorios, a "construción do novo horizonte litoral da cidade", isto é, a análise "da distintas posibilidades dos terreos portuarios" que quedarán libres cando a actividade dos peiraos sexa definitivamente trasladada ao porto exterior de Punta Langosteira. Escasas horas despois da presentación deste foro, ao que a Xunta non confirmou a súa asistencia malia estar convidada, o Goberno galego e o Ministerio de Fomento anunciaban que este mesmo mércores Alberto Núñez Feijóo, o ministro Íñigo de la Serna e o presidente de Puertos del Estado, José Llorca, asinarán "o protocolo relativo ao desenvolvemento dos terreos portuarios". O goberno local, confirman fontes municipais, non foi advertido. O evento previsto no salón de actos da Autoridade Portuaria coruñesa é a continuación doutro celebrado o pasado outubro con Feijóo e Llorca como protagonistas e no que tamén o Concello foi obviado. O pano de fondo son os movementos dende a postura inicial das Administracións controladas polo PP, que non era outra que, unha vez liberados, vender o terreos dos céntricos peiraos para construír neles vivendas, hoteis e centros comerciais. No acto de outubro o xefe do Goberno galego e o responsable estatal aseguran que acordaran non vender os actuais terreos de Batería e Calvo Sotelo. Tampouco os da Solana, para cuxa venda o goberno local do PP fixera unha reforma urbanística 'ad hoc'. Si deixaba, non obstante, a porta aberta á privatización do espazo de San Diego, onde o proxecto inicial prevía ata 4.000 vivendas. Xunta e Goberno central recuaron na súa intención de privatizar todo o terreo portuario, pero deixaron a porta aberta a vender o espazo de San Diego Goberno de España e Goberno galego recuaban parcialmente pero facíano evitando anuncialo en presenza do alcalde, Xulio Ferreiro, ou do edil de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, que é o representante municipal no Consello de Administración da Autoridade Portuaria. Esa operación repítese este mércores na sinatura do protocolo que en outubro Feijóo e Llorca anunciaran como inminente, para dentro dunhas poucas "semanas" que finalmente tornaron en medio ano. Despois daquela primeira foto Puertos negouse a garantir que non privatizará parte dos peiraos e o pleno da corporación municipal acusou formalmente o presidente da Xunta de "deslealdade" nun acordo apoiado pola Marea Atlántica, o PSdeG e o BNG do que o PP se desmarcou votando en contra. O Goberno galego e Fomento anunciaron a sinatura do protocolo sen advertir o Concello e horas despois de que o Goberno local presentase o foro sobre o futuro do litoral Con este pano de fondo e despois de diversas mobilizacións cidadás a prol da devolución á cidade dos terreos portuarios as Administracións actualmente controladas polos conservadores moven peza nun contexto case preelectoral. Mentres, dende o Concello, Ferreiro advirte de que "hai cidades que se pactan nos reservados dun restaurante" e despois "pagan a factura durante décadas", mentres que noutras "apostan polo diálogo e polo debate cívico" e "toman as decisións estratéxicas con todas as voces aínda que iso supoña ir a outro ritmo e renunciar a algunhas cousas; A Coruña é agora unha desas cidades". Neste sentido, antes de coñecer a convocatoria deste mércores o alcalde coruñés sinalaba que "confiaba" en que a resposta do presidente da Xunta para participar no devandito Foro Tecendo Litoral fose favorable e que o mesmo sucedese coas autoridades portuarias locais e estatais. Xa confirmaron a súa presenza representantes de cidades que viviron operacións de liberación de terreos portuarios como Bilbao, Barcelona, Saint Nazaire, Mallorca ou Valencia, así como persoas expertas da Universidade da Coruña ou do sector pesqueiro, entre outros. |
NOS_4741 | Falamos coa eurodeputada cando aínda non amainou o temporal xerado pola súa polémica pregunta á Comisión europea sobre a obrigatoriedade das vacinas e transcender as diferenzas na candidatura de Esquerda Plural. Senra defende que o único que fai é aquilo para o que a foron buscar á casa para ser candidata nas europeas de 2014, "traballar pola xente deste país". "Ao mellor a alguén lle apetecía moito que dimitira", afirma. | -Sorprendida polo sucedido estes días? -Bon, sorprendida pode ser a palabra, si. Paréceme sorprendente que unha pregunta feita en agosto salte agora e que se digan cousas que non se din na pregunta. Entendo que o que nos debería preocupar é que os poderes públicos garantan a seguridade de calquera medicamento. A ninguén se lle escapa que as farmacéuticas teñen cada vez máis poder, a investigación está en mans delas. O que se quería levantar con esta pregunta é que haxa un control público diso. -A pregunta apresentouna en agosto mais non tivo daquela publicidade ou divulgación... -É unha pregunta máis como as outras 250 que teño presentado no que vai de mandato. É unha pregunta á Comisión europea, non é un debate en sede parlamentar, que tampouco pasaría nada. Calquera desas preguntas recolle inquietudes de cidadanía e colectivos sociais. Eu o que non acabo de entender é que haxa tanto medo a unha pregunta. Creo que hai unha cuestión clave detrás de todo isto: ao PP interésalle levantar esta pregunta e polemizar para tapar cousas como privatización e recortes sanitarios, nun momento no que certifica o desmantelamento de varias áreas sanitarias en Galiza. Iso é o preocupante. O PP toma decisións políticas que son as que danan a sanidade do país. O outro é unha pregunta, podes estar de acordo con ela ou non, mais é só unha pregunta. -Unha pregunta que recibiu unha resposta contundente e unánime de asociacións de científicos, médicos... criticando argumentos mantidos na mesma, como a aposta na non obrigatoriedade das vacinas... -A non obrigatoriedade é o que existe no Estado español. Hai un calendario recomendado mais non obrigatorio. Non entendo a que vén esa polémica. -Cuestionar a seguridade das vacinas... -Preocúpame a seguridade de todos os medicamentos. Cada vez a industria farmacéutica ten máis poder. Todo isto non é novo, eu cando cheguei aquí en 2014, no marco da constitución da Comisión Juncker, xa fixen unha pregunta interesándome polos motivos polos que Juncker, na proposta que tiña de funcionamento da Comisión, sacaba a Axencia europea do medicamento da Dirección Xeral de Saúde e queríaa metela na Dirección Xeral de Industria. Iso si que é moi preocupante e non lembro que tivese moita visibilidade nin polémica. -Pensou en volver formular a pregunta con outros criterios, uns criterios que non se entenda que cuestionan a vacinación? -A pregunta está feita e contestada. Insisto, non sei por que hai tanto medo a unha pregunta, por que levanta tanta polémica. Unha pregunta non marca decisións políticas nin implica ningún perigo. Ou non se pode preguntar, logo? -Botou en falla voces de apoio, sentiuse soa politicamente nestes días? -Cada quen ten dereito a tomar as súas propias decisións e facer públicas as súas valoracións e aí xa non entro, non creo que teña algo que dicir. O que si valoro son as mostras de solidariedade que recibín, sobre todo de xente e colectivos cos que estiven en contacto nestes anos, coa xente do espazo político no que traballo. E tamén valoro as críticas. -Pensou en demitir? -Non pensei. Ao mellor a alguén lle apetecía moito que dimitise pero teño responsabilidades. A min propónseme ir na candidatura precisamente por ser unha persoa independente e que estaba traballando en organizacións de base. O meu compromiso, e así o dixen sempre, é traer ao Parlamento europeo a voz dos colectivos que loitaban no noso país por mellorar as condicións das clases populares. Posibelmente a alguén lle viría ben que dimitise para deixar o noso país sen unha voz e unha deputada que fai traballo polo país. Por responsabildiade, non dimito. -Desde Izquierda Unida cualifícana de "tránsfuga". -A iso non lle dedico un minuto. Son polémicas que non van a ningún sitio, non quero que me reste un segundo do meu tempo. -Transcende agora que abandonou en marzo a delegación da Esquerda Plural en Bruxelas -Xa dixen que non merece perder un minuto con iso. Eu formo parte do grupo de esquerda unitaria europea, GUE/NGL, que se constitúe por delegacións independentes. Aínda que cheguei aquí dentro dunha candidatura que se chama Esquerda Plural, na práctica sempre fomos dúas delegacións distintas, con liberdade de voto e de actuación. -Vostede, como AGEe, e o resto da Esquerda Plural funcionaban independentemente, quer dicir, iso? -Si. A coligazón das europeas era máis ampla que Izquierda Unida e AGE, había máis grupos e colectivos. Ernest Urtasun [eleito pola lista de Esquerda Plural] desde un primeiro momento fixo parte doutro grupo europeo, o de ALE- Os Verdes, non se integrou no grupo de esquerda europea. -Acúsana de non ceder parte do seu salario ao grupo -A utilización dos fondos ten unhas normas e esas normas cúmproas. Quen di estas acusacións é quen ten que explicarse, dicir á cidadanía se a súa perspectiva era que eu viñese ao Parlamento europeo a traballar por Galiza ou que viñese aquí para financiar o partido. E non vou dicir máis. -Tamén lle reprochan que non rende contas perante ninguén... -Iso haillo que preguntar aos colectivos sociais cos que me reúno e traballo. A min véuseme buscar como independente e estou traballando aquí segundo o compromiso que asumín cando decidín aceptar ir. -Tírase algo de proveito do que pasou nestes días? -Seguir traballando e traendo aquí os problemas e preocupacións da cidadanía galega. Axudar a que esas loitas vaian para adiante. Iso é o que me interesa. |
NOS_56748 | "A ditadura franquista: 40 anos de represión é resistencia" é o título do proxecto da Deputación de Lugo encamiñado a recuperar a memoria tras décadas de silencio e que inclúe a exposición que esta quinta feira se inaugura. O responsábel da área de Cultura, o nacionalista Mario Outeiro, considera que responde a unha obriga que tiña que ser partillada por todas as institucións. | Desde o 2007, a Deputación de Lugo introduciu a recuperación da memoria como un dos eixos de actuación na área de goberno que xestiona o nacionalista Mario Outeiro. Desde entón numerosas iniciativas se desenvolveron tanto de difusión como homenaxe ás vítimas nunha liña na que se inclúe o proxecto "A ditadura franquista: 40 anos de represión e resistencia" que hoxe, quinta feira, inaugura unha ampla mostra que estará aberta ate o 27 de febreiro e que achegará, de maneira especial, á vida das persoas que participaron na guerrilla antifranquista. "Este é posibelmente o proxecto máis ambicioso dos desenvolvidos. Inclúe unha serie de conferencias que tentan dar a coñecer a dimensión da represión, algunhas delas xa celebradas e outras como un videoforum ou unha táboa redonda sobre a represión ás mulleres que terán lugar nos vindeiros días", explica Outeiro que fai fincapé tamén na dimensión da exposición, con ampla documentación e obxectos e a recreación da cova dun guerrilleiro no concello de Paradela da que se expoñen tamén os planos. Imprescindíbel lembrar Dar a coñecer a dimensión da represión e a resistencia antifranquista é o obxectivo desta nova iniciativa que se suma ás desenvolvidas ao longo da lexislatura desde a Área de Cultura da Deputación de Lugo. "Segue a ser imprescindíbel o traballo institucional pola recuperación da nosa memoria e a homenaxe ás vítimas que foron esquecidas. As institucións teñen a obriga de restituír a memoria da represión, é de xustiza facelo. Compre trasladar esa memoria á cidadanía e por iso para nós é un eixo fundamental da nosa acción política", defende o nacionalista Mario Outeiro que, desde o seu ámbito de traballo promoveu iniciativas que van desde a eliminación de distincións aos cargos franquistas até homenaxes como a que se lle tributou ao que fora alcalde de Castro de Rei a través do seu fillo Darío Rivas -impulsor da querela arxentina- pasando pola exposición de Ben-Cho -Shey que desempoeirou importantes feitos e documentos sobre o golpe militar e os anos de represión do franquismo. A celebración institucional do Día de Galiza Mártir cun acto solemne ou a homenaxe nacional ás vítimas en Montecubeiro son outras das iniciativas promovidas desde a área que xestiona Mario Outeiro. Único aire para o convenio Nomes e Voces Canda esas accións, a Área de Cultura da Deputación de Lugo continúa a manter o convenio de colaboración coa Universidade de Santiago sendo así a única institución que continúa a apoiar o proxecto "Nomes e voces", creado en 2006 desde a Consellaría de Cultura do goberno, unha vez que a Xunta retirou todo o tipo de axudas. "Grazas a ese convenio temos un bolseiro, Antón Somoza -un dos comisarios da mostra- que continúa a traballar en investigacións que reverten no proxecto e coordina distintas actuacións de memoria histórica", explica. A exposición, comisariada por Antonio Somoza e Antón Grande, mostra un amplo número de documentos e obxectos arredor da represión e a guerrilla. O acto de inauguración da mostra contará coa actuación o grupo de teatro "Daboapipa" cunha peza dedicada á represión franquista. O programa incluirá tamén unha conferencia o día 28 do guerrilleiro antifranquista Francisco Martínez López, Quico e unha mesa redonda o día 29 con mulleres que participaron da loita antifranquista en organizacións da clandestinidade. |
NOS_40437 | Os socialistas acusan o presidente da Deputacion de Ourense de uso partidista da web da institución, polo cal pediron a intervención da autoridade electoral. | O PSOE informou de que denunciou ao presidente do PP provincial de Ourense e da Deputación, Manuel Baltar, ante a xunta electoral "polo uso partidista e propagandístico" da web e das redes sociais oficiais da institución que dirixe. Concretamente, os socialistas sinalan que o goberno provincial publicou o 10 de xuño na web 'www.depourense.es', unha "extensa" nota titulada 'O PSOE de Ourense, en contra dos autónomos', "tanto na portada principal como nunha entrada propia que pouco ten que ver co carácter institucional que debe ter estes espazos informativos". Así mesmo, censuran os socialistas que "as contas oficiais en redes sociais difundiron publicacións coa mesma mensaxe". Nun comunicado, o PSOE destaca que a Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral (Loreg) e a xurisprudencia existente "prohiben expresamente estas prácticas vergoñosas que prexudican claramente á democracia e ás institucións públicas". "Están a empregar a Deputación de Ourense coma se fose un anexo da sede do PP para difundir propaganda electoral polo temor a un desastre electoral", advertiron, antes de lembrar que "volveron ser pillados coas mans amasando irregularidades polas que o PP xa foi condenado nos tribunais". Ante estes feitos, pediron a intervención da autoridade electoral xudicial e demandaron a Baltar un "cesamento no seu empeño de manchar as institucións co único fin de ser o campión mundial do caciquismo en todas as eleccións", ultimamente "con maior intensidade que nunca despois de ver como lle tremeu a cadeira que herdou do seu pai tras perder máis de 30.000 votos na provincia desde que é presidente". "Un golpe definitivo" Noutro comunicado, o PSdeG de Ourense acusou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, de "pretender dar un golpe definitivo" ao Hospital Comarcal de Verín cando finalice o proceso electoral do 12 de xullo. Os candidatos socialistas ao Parlamento Juan Carlos Francisco Rivera e Mariña Ortega fixeron esta reivindicación este xoves ás portas do centro sanitario verinés, onde participaron na concentración convocada pola Comunidade ás portas do centro sanitario verinés, onde participaron na concentración convocada pola Comisión Delegada do Hospital para denunciar "a precariedade laboral" que viven os sanitarios. "Feixoo fai moita propaganda e moito marqueting, pero a realidade é a do desmantelamento", reprobou. |
NOS_2706 | A analoxía resulta apetecíbel, pero presenta contraindicacións. Advírtenas no limiar de Herba abraiada (Rinoceronte, 2019 os propios tradutores, Marta Dahlgren e Manuel Forcadela: «É de especial interese a relación que a poesía de Emily Dickinson ten coa de Rosalía de Castro, en principio casual en termos históricos». Naceron e morreron nas mesmas décadas, engaden, e «manifestan un certo paralelismo temático visionario que está aínda por estudar». Mais axiña matizan. | Porque o intimismo radical de Dickinson (Amherst, Estados Unidos, 1830-1886), unha das poetas máis influíntes da contemporaneidade, exclúe unha dimensión crucial en Rosalía, a «popular e social». Dahlern e Forcadela facilitan agora a comparación co cento de poemas da estadounidense que veñen de pasar ao galego. «Naquilo que é volátil, / aves, horas, abellóns, / non emprego o meu canto», escribiu, «aquilo que perdura, / a dor, os outeiros, o devir, / que pouco me incumbe. // Cousas hai, serenas, que amañecen: / Entender o ceo? / O misterio, aínda, soterrado». Autora duns 1.800 poemas segundo a edición canónica de 1998, apenas publicou en vida alén dalgunhas colaboracións en revistas. A súa existencia derivou progresivamente no illamento social, recluída na casa e co xénero epistolar como vía de comunicación. A poesía de Dickinson é estraña e estrañada, composicións breves ás veces solipsistas, inzadas de elipses e que, segundo as tradutoras ao galego, lindan en ocasións coa «agramaticalidade». Son a obra radical dunha muller que sentía «un funeral no cerebro». |
PRAZA_8346 | Oubiña anotou o gol do empate no minuto 88 nun remate de cabeza a centro de Augusto. O conxunto celeste colócase a tres puntos da permanencia tralo punto sumado polo Zaragoza ante o Real Madrid e á espera do que ocorra no trascendental Mallorca-Deportivo. | O Celta empatou 2-2 ante o Barcelona este sábado en Balaídos. Borja Oubiña anotou o gol do empate no minuto 88 nun remate de cabeza a centro de Augusto. Natxo Insa marcou o outro tanto céltico, mentres que Tello e Messi fixeron os dous goles do Barcelona. O extremo esquerdo azulgrana foi o que xerou máis perigo á zaga celeste, mentres Messi completou unha volta enteira, é dicir, 19 partidos seguidos, marcando. O colexiado Mateu Lahoz non viu un penalti bastante claro de Demidov a Messi na primeira metade. Tello foi o que xerou máis perigo á zaga celeste, mentres Messi completou unha volta enteira, é dicir, 19 partidos seguidos, marcando O Barcelona dispuxo un once con moitos suplentes ante as baixas tralos partidos da selección e o encontro de Champions ante o PSG do martes. Nel estaban o ex céltico Pinto e Thiago, fillo do ex céltico Mazinho. Outro ex céltico, o agora adestrador azulgrana Tito Vilanova, non estivo en Vigo pero regresou esta semana de Nova Iork. Abidal tamén volveu entrar unha convocatoria aínda que non xogou. O Celta tamén contaba con moitas baixas, ata sete, cinco por lesión e dúas por sanción, entre elas varios habituais nas aliñacións como Iago Aspas, Álex López, Túñez ou Kroh-Delhi. Así, Cabral volveu á zaga, Natxo Insa actuou de medio centro, Augusto, Orellana e Pranjic en tres cuartos e Park arriba. Sen Xavi nin Iniesta, entre outros, o Barcelona non foi nin moito menos o equipo que acostuma. Moito dominio, posesión estéril, pero bastante pouco perigo sobre a portería rival. Pola súa parte, o partido do Celta foi defensivo: repregado e saíndo á contra esporadicamente evitando que o Barcelona roubara o balón en campo contrario. Así, nos primeiros 25 minutos apenas se pisaron as áreas. O Barcelona tiña a pelota, a maioría do tempo en zona defensiva, e non facía dano ó Celta. Tello, na banda esquerda, era o único que levaba algo de perigo. A única acción a destacar foi un gol anulado a Augusto por claro fóra de xogo. O choque animouse ó fío da media hora. O Celta tivo a súa primeira ocasión clara nun disparo de Oubiña desbaratado por Pinto tras unha xogada estraña na que, en primeira instancia, Pinto tivo que despexar un balón que dera en Piqué. Pouco despois o colexiado Mateu Lahoz non viu un penalti a favor do Barcelona nunha acción de Demidov sobre Messi. Tello, que seguía dándolle á tarde ó lateral da canteira do Celta Jonny, disparou alto noutra incursión pola banda esquerda. Pouco despois Oubiña rematou de cabeza fóra un córner e se sinalou un fóra de xogo claro antes de que Messi marcara. No minuto 38, nunha contra entre Park, Augusto, Orellana e Insa, o medio centro do Celta marcou o primeiro tras rematar un disparo frouxo do chileno. Reaccionou o Barcelona primeiro cunha falta tirada por Messi que despexou Varas e despois cunha asistencia do arxentino Tello mandou á rede cun disparo cruzado xunto ó poste. Era o 1-1 cinco minutos despois do tanto do Celta e preto do tempo de descanso. O conxunto celeste colócase a catro puntos da permanencia tralo punto sumado polo Zaragoza ante o Real Madrid e á espera do que ocorra no trascendental Mallorca-Deportivo O segundo tempo comezou como o primeiro, cun ritmo moi baixo. O Barcelona seguía tendo a pelota sen consecuencias para a meta de Javi Varas. Só Tello creaba perigo, primeiro cun disparo e despois con outra xogada anulada por fóra de xogo que rematou na rede. O Celta apenas se achegou pola área do Barcelona na segunda metade, unha das súas poucas ocasións foi un disparo desviado de Park. Ambos adestradores comezaron a mover o banco: no Celta entraron Bermejo e De Lucas e no Barcelona dous titulares como Iniesta e Villa. Precisamente o asturiano ía marcar antes de que Roberto Lago cortase de xeito providencial un centro de Tello. No minuto 28 da segunda metade, de novo un centro de Tello foi rematado ó fondo da rede por Messi, quen completa unha volta enteira marcando o seu gol número 43 na liga: xa anotou contra todos os equipos da liga. Os dous goles azulgrana saíron da conexión entre Messi e Tello. O partido volveu caer, xa que o Celta, ata pasados uns minutos, non reaccionou. Debutou en liga o medio centro gabonés do filial Levy Madinda, e o Barcelona efectuou un troco defensivo: Busquets por Cesc. O Celta seguiu crendo e no minuto 88, Oubiña rematou á rede un centro de Augusto desde a dereita, salvando un punto que pode ser importante na carreira pola salvación. O conxunto celeste colócase a tres puntos da permanencia tralo punto sumado polo Zaragoza ante o Real Madrid e á espera do que ocorra no trascendental Mallorca-Deportivo. |
NOS_23270 | Moito a facer nesta fin de semana: música, teatro, banda deseñada...e artes escénicas para os naipelos!! | SEXTA FEIRA, SÁBADO E DOMINGO Fene Rock Fene Paseo Marítimo de San Valentín 20.00h O festival de rock arranca con Dakidarria, Knyp Dyolf, Moonshine Wagon, Los Tigres del Cañotas; o sábado con Boikot, Superoito, Rebel Root e Electric Mojo; e domingo con Los Zares. Festival das Núbebes Pontevedra Varios lugares Até o día 25. Festival de artes escénicas para bebés, de 0 a 3 anos. Haberá teatro, contos, danza, música, conferencias, talleres... Con especial atención á discapacidade visible e invisible. De Castelao ao mañá: unha ollada ao cómic galego Vilagarcía de Arousa Sala de Exposicións do Auditorio Até o 8 de Outubro Unha exposición que percorre a evolución, cunha perspectiva histórica, da Banda Deseñada Galega desde Castelao até a actualidade, organizada pola Deputación de Pontevedra. SÁBADO Festival do Leite Santiago de Compostela Parque de Belvís 14.00h Con música para toda a familia e a modo de romaría, o Festival ten preparada unha sesión vermú a cargo de Os da Ría e Tony Lomba, Novedades Carminha, Familia Caamagno, Ataque Escampe e Eladio y Los Seres Queridos, entre outros. Ademais, contarán con puntos para entregar alimentos de primeira necesidade con destino á Federación Galega de Bancos de Alimentos. DOMINGO Teatro dos Ghazafelhos Catoira Auditorio Municipal 12.30h Contos para escagarriñarse, unha proposta de teatro infantil con tres historias de terror e medo da tradición popular: a Santa Compaña, as lavandeiras, os mortos vivos e a cabra montesina. Cantigas e Agarimos Palas de Rei Praza do Concello 18.00h Cantigas e Agarimos actúa dentro do ciclo Danza3, proposta que mestura espectáculos de baile e música tradicional a pé de rúa e en teatros. |
NOS_46084 | Repasamos o accidente ferroviario acontecido en Compostela a través dos tres temas principais que centran os chíos da comunidade tuiteira: a criminalización do maquinista, a exixencia de responsabilidades políticas e as queixas das televisións españolas porque Feijóo fixo a súa intervención en galego | O ataque de certos meios ao maquinista -até se botou man do seu taboleiro do Facebook, en que aquel publicou unha foto en que se vía o contaquilómetros do comboio a unha velocidade de 200km/h, tirada nunha viaxe anterior- alporizou a comunidade twitteira, que reclama respecto pola investigación e polas vítimas, para alén dun xornalismo feito con rigor (hai que ter en conta que o Alvia está programado para alcanzar esa velocidade en algúns tramos da vía, sen a cal non sería posíbel que cumprise cos horarios propios dun tren de altas prestacións). As queixas de TeleCinco sobre as intervencións de Feijóo en galego e as responsabilidades políticas que se están a reclamar sobre o sinistro son os outros dous temas que máis comentarios reciben. Respeito da criminalización do traballador Francisco G. A., quen conducía o Alvia sinistrado en Angrois, recollemos o chío publicado por @fatimafrieiro: "Eu non creo no xornalismo de andar a mirar o facebook do maquinista. Por favor, respectade á xente e a investigación". Máis taxativo é @PuenteGz, quen se queixa de que con "80 mortos, máis de cen feridos e recortes a diario, no que vos centrades é en atacar ao maquinista que nin culpa tivo". En ton retranqueiro fala @tawil so sinalar que "o que me estraña é que nos comunicados da Xunta e de Madrid non lle chamen ao condutor do comboio Apostolos Mangouras, por costume", en referencia á responsabilidade que sobre os ombreiros do capitán do petroleiro Prestige descarregou o Goberno español. Tamén @Cascarelo carga contra a falta de profesionalidade dalgúns medios de comunicación escribindo que "España non sabe vivir sen o seu Tribunal do Santo Oficio agora ocupado por xornalistas" e reclamando que "deixade traballar aos xuices e respectade a dor". Para as persoas que se sentiron molestas cos medios de comunicación que exixen responsabilidades políticas sobre o accidente vai o chío de @santimlz: "Pódese asumir a resignación colectiva... ou pódese afrontar a realidade, analizada e chamarlle a cada cousa polo seu nome". De seguido, liga un artigo de opinión de Los Chikos del Maíz en que recordan que "apostar pola alta velocidade é política, os recortes son política, os despedimentos e ERE's en Renfe son política, insinuar coma unha rata que detrás do descarrilamento está Resistencia Galega é política [...] mais vós seguide ao voso". Na mesma liña pronúnciase @Xoselnacio a través dun chío en que simula unha conversa: "-Hai mortos! Foi un atentado -Foi un accidente e o maquinista perde soldo se chegan tarde -Bon, non politicemos a traxedia". Os chíos de @Son_de_Galiza céntranse nas queixas que as canles de televisión españolas fixeron polo feito de que o titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, intervise en galego: "Agora entendedes o 'Probe Galiza, non debes chamarte nunca española'? Se non, podedes poñer Antena3 ou TeleCinco". A mesma queixa é partillada, entre outr@s usuari@s da rede social, por @Andrea3Vilaboa: "Traxedia en Galiza no seu día grande e a T5 só se lle ocorre criticar que Feijóo fale en galego. Dades mágoa". Pola súa banda, @MarcosBL informa de que Twitter "portouse e fixo desaparecer a conta @palomixxurml AntiGalizia unhas horas despois das mofas aos falecidos do tren". E, por derradeiro, queremos destacar un chío emitido por @bombeiroscoruna en que informan de que "Bombeiros Coruña non participou na traxedia de Santiago porque Emerxencias non o estimou oportuno. Non o entendemos". |
PRAZA_10206 | Sen disimulo ningún, o que os EUA queren é dobregar a toda costa o poder económico e conter o incremento da influencia internacional da China. O complexo militar-industrial teno claro | As tensións comerciais entre China e os EUA subiron un novo chanzo tralo anuncio de novas medidas por parte da Casa Branca que tentan cortar de raíz o desenvolvemento tecnolóxico do país oriental. Pero está Washington a tempo e en condicións de evitar o sorpasso chinés? Angustiado ante a evidencia de múltiples indicadores que poñen de relevo ese horizonte do sorpasso, todo son escusas por parte de EUA. O noutrora campión do libre comercio volvéusenos proteccionistaEn termos de paridade de poder de compra, a economía chinesa superou á dos EUA en 2014; actualmente, representa o 18 por cento do PIB global; segundo as previsións, arredor de 2025 pode equipararse á de EUA en termos nominais e en 2050 representará o duplo do seu valor. Xustamente, en 2014, Huawei creou HiSilicon en segredo, entre outros para reducir a súa dependencia tecnolóxica minguando o nivel da súa vulnerabilidade ante continxencias como as actuais. Non sabemos cantos máis segredos hai por aí gardados nin canto poden axudar a amortecer os golpes da Administración Trump ou canto as estrataxemas dos EUA poden retrasar os seus plans de liderar o 5G en todo o mundo. No eido tecnolóxico, o investimento da China en I+D o pasado ano representou o 2,8 por cento do seu PIB e está a un paso de superar aos EUA. Con máis de 4 millóns de enxeñeiros operando no sector, estímase que en 2019 situarase á cabeza no rexistro mundial de patentes, destronando décadas de reinado estadounidense. A competitividade da China en materia de intelixencia artificial, manufactura intelixente, robótica, vehículos eléctricos, etc., aínda avanzando a ritmos desiguais, semella imparable. En moitos ámbitos leva anos de adianto con respecto ao Occidente desenvolvido. A que era fábrica do mundo hai pouco tempo representa hoxe a gran plataforma de innovación global. E pode selo xa á marxe dos EUA en moitos aspectos. E queren facelo así, descartando baixar a orella como fixo Xapón nos anos noventa.Sen disimulo ningún, o que os EUA queren é dobregar a toda costa o poder económico e conter o incremento da influencia internacional da ChinaAngustiado ante a evidencia de múltiples indicadores que poñen de relevo ese horizonte do sorpasso, todo son escusas por parte de EUA. O noutrora campión do libre comercio volvéusenos proteccionista. Xa sabes, se uns principios non lle conveñen veña outros para o sitio. Diversas fontes en varios países europeos descualificaron ata as acusacións relativas á espionaxe. Ninguén demostrou nada. O que si sabemos é o que contou E. Snowden: Washington espía a todo o mundo, amigos incluídos. Argumentar agora razóns de seguridade nacional evidencia o desespero da Casa Branca.Na guerra comercial todos van perder. China estima que pode custarlle arredor de 1 punto ou 1,5 na baixa da previsión do seu PIB. Pero para os EUA e o resto do mundo tamén terá custes importantes. Ambos os dous países representan preto do 40 por cento da economía mundial. Un divorcio sairá caro. As medidas de resposta de Beijing tamén irán subindo chanzos e as interdependencias mutuas brindan múltiples alternativas. EUA debera ter claro que China non fará concesións en asuntos de principio, especialmente se teñen a ver coa súa soberanía. China é hoxe o primeiro socio comercial de 120 economías do mundo; EUA ten déficit comercial con 102. As diatribas a propósito dos desequilibrios cos seus socios evidencian as súas carencias estruturais. Vamos a asistir nos próximos anos a unha intensificación da competencia entre os dous países que afectará a todos os dominios, tamén no eido da defensaSen disimulo ningún, o que os EUA queren é dobregar a toda costa o poder económico e conter o incremento da influencia internacional da China. O complexo militar-industrial teno claro. Evidenciouno con toda clareza o vicepresidente M. Pence no Instituto Hudson o pasado outubro: "no Oriente está o noso grande rival estratéxico". Por iso isto vai de comercio e de tecnoloxía, pero non só. Vamos a asistir nos próximos anos a unha intensificación da competencia entre os dous países que afectará a todos os dominios, tamén no eido da defensa. Estámolo vendo. O que pretende EUA é preservar a súa hexemonía exercendo a máxima presión para mudar o modelo económico-estrutural da China e conseguintemente tamén o político, pasando a situar o xigante chinés nas súas redes de dependencia. Xi Jinping alertou sobre tempos difíciles que están por vir, instando a prepararse para as complicacións... "Se un percorre 90 pasos de un camiño de 100, fáltalle a metade do camiño", di un refrán chinés…As vulnerabilidades da China non son poucas, xa for no económico, social ou político, pero ten ao seu favor unha conciencia histórico-nacional compartida que hoxe convida a non baixar a cerviz apoiándose na escala das súas dimensións e na fortaleza da súa economía. A xestión das reaccións tanto pode levala de volta a ocupar unha posición central no sistema global como tamén a derrapar estrepitosamente estragando os esforzos das últimas décadas. Acertar é cousa crucial. Ás portas de se cumpriren os 70 anos da República Popular, Beijing percibe unha oportunidade estratéxica para culminar o seu "socialismo tres delicias" (un país forte, estable e respectado). Xi Jinping alertou sobre tempos difíciles que están por vir, instando a prepararse para as complicacións... "Se un percorre 90 pasos de un camiño de 100, fáltalle a metade do camiño", di un refrán chinés… |
NOS_43486 | Derrogou as medidas fixadas para controlar e evitar o radón nas edificacións. Figuraban nas Normas do Hábitat de 2007 impulsada pola Consellería de Vivenda, dirixida pola nacionalista Teresa Táboas. O radón é un gas radioactivo e Galiza é unha zona "de alta exposición". | O radón é un gas radioactivo que se atopa en solos, rochas e augas. É inodoro, incoloro e insípido, cunha presenza importante en numerosos lugares. Os mapas de incidencia que se foron elaborando desde os anos 90 constataron que Galiza é unha zona "de alta exposición". Nomeadamente polos solos graníticos. É a segunda causa de cancro de pulmón tras o tabaco. O pasado mes de abril o BNG defendeu na comisión de Ordenación do Territorio unha proposición non de lei destinada a tomar as medidas precisas para coñecer os niveis de radón nas vivendas e centros públicos co fin de axustalos aos niveis establecidos pola Organización Mundial da Saúde, (OMS). Francisco Jorquera lamentou que o grupo maioritario do Partido popular non apoiara a iniciativa nacionalista amparándose na adaptación dunha nova Directiva europea cun prazo ata o ano 2018. Non era esta a primeira vez que o BNG levaba este tema á Cámara galega. Hai uns meses, o deputado Cosme Pombo preguntaba polas medidas que o goberno galego tomara para coñecer o nivel deste gas en vivendas e edificcacións. Na súa intervención, o parlamentar lucense apontaba que na lexislación española "só as Normas do Hábitat establecidas no 2007 polo BNG no Goberno da Xunta facían referencia directa ao radón e á necesidade de illamento na construción como medida preventiva. Lamentabelmente esta norma foi derrogada por Feijóo sen ningunha medida alternativa". |
PRAZA_18457 | Os traballdores chaman a cidadanía a mobilizarse o sábado ao mediodía ante a Torre de Hércules para formar o lema "Peche Non". O club mariñán Burela Pescados Rubén amosa o seu "apoio" aos obreiros e pide ás institucións "que abran unha vía de diálogo para manter os postos de traballo" | O persoal de Alcoa A Coruña prepárase xa para novas mobilizacións. Ademais das protestas "sorpresa" que xa anunciara, o comité de empresa anunciou que levará a cabo un acto reivindicativo o vindeiro sábado ás 12 do mediodía na rampla de acceso á Torre de Hércules. Alí, os traballadores formarán, coa axuda da cidadanía á que solicita que os acompañe, o lema "Peche Non" mentres manteñen as concentracións diarias diante das instalacións da empresa. O persoal de Alcoa chama a cidadanía a mobilizarse o sábado ao mediodía ante a Torre de Hércules para formar o lema "Peche Non" Ademais, unha representación do cadro de persoal da fábrica coruñesa participará o vindeiro xoves na marcha que percorrerá as rúas de Avilés para rexeitar o peche anunciado tamén na planta desa localidade. Como ocorrera hai xa anos e na mobilización do pasado 20 de octubre na Coruña, a participación de traballadores dunha e outra factoría nas diferentes manifestacións en Asturias e Galicia volve ser habitual. Tamén o é o apoio que aos obreiros de Alcoa chega desde A Mariña, onde a multinacional mantén as dúas plantas en Cervo que, polo momento, non están ameazadas de peche como no caso das da Coruña e Avilés. Neste caso, a solidariedade chega desde un cos clubs deportivos máis representantivo da comarca, o Burela Pescados Rubén, que nun comunicado amosa "o seu apoio a todo o persoal traballador" da empresa. O Burela Pescados Rubén amosa o seu "apoio" ao persoal e pide ás institucións "que abran unha vía de diálogo para manter os postos de traballo" "Alcoa-San Cibrao forma parte do pasado, presente e futuro da vida da Mariña Lucense; é o principal motor económico da bisbarra, xunto ao sector pesqueiro, e cun gran peso na franxa cantábrica, con Avilés e A Coruña", destaca o club, que pide que os mariñáns se manteñan "unidos" e pidan "que as institucións competentes na materia tomen cartas no asunto para abrir unha vía de diálogo que permita manter os centos de postos de traballo de Alcoa que agora mesmo están en serio perigo nas cidades herculina e asturiana, así como que garanta a viabilidade da planta cervense". "A Familia Laranxa está con vós!!!", di o club, que se une así a outras entidades deportivas que xa amosaron con claridade o seu rexeitamento ás medidas anunciadas por Alcoa. |
NOS_10596 | Na presentación da candidatura Ana Pontón asegurou que o proxecto nacionalista ten "solvencia demostrada". | Esta segunda feira (8 de agosto) o BNG presentou a súa candidatura ás eleccións do 25 de setembro pola circunscrición de Pontevedra e fíxoo na propia cidade do Lérez onde goberna desde 1999. Na súa intervención a candidata á Xunta de Galiza, Ana Pontón, acompañada por Luís Bará, cabeza de lista nesta circunscrición, e demais integrantes da candidatura, asegurou que a organización frontista posúe un "proxecto de país" e unha "candidatura de futuro". O BNG, subliñou, constitúe unha "alternativa de presente e de futuro" con "solvencia demostrada" e "capacidade transformadora" para "construír a Galiza que queremos". Pola súa banda, o candidato pola circunscrición de Pontevedra, Luís Bará, puxo en valor a "experiencia, honradez e capacidade de traballo" das persoas que integran a lista electoral. "Non é tempo nin de improvisacións nin experimentos" senón dun proxecto "serio, solvente, sólido e coa experiencia demostrada polo BNG en gobernos municipais como o de Pontevedra", defendeu Bará. |
NOS_25300 | Román Rodríguez non fixo referencia ao feches de centros nin á mingua de profesorado que xa está a motivar as primeiras convocatorias de protesta. | O vindeiro 8 de setembro comeza o curso escolar en todos os niveis educativos salvo no universitario. A poucos días da apertura das aulas, o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, salientou que será o primeiro no que desaparezan a maior parte das restricións Covid e advertiu que estará marcado pola "caótica" aplicación da nova lei de educación (Lomloe). Así será a nova Educación Primaria Segundo avanzou, a Lomloe, que este ano comeza a implantarse nos cursos impares, xerará problemas por unha xestión "improvisada". "Xa dixemos en diferentes ocasións que a aplicación é caótica e absolutamente descoidada por parte da Administración do Estado. Nótase en moitos aspectos: novos libros, cambios metodolóxicos, novos criterios de avaliación... e todo moi precipitado", apuntou o titular de Educación. Estamos ante a implantación dunha lei desproporcionada e sen sentido. A este respecto, defendeu que todas os territorios, independentemente do partido político que os goberne, amosaron "sentidiño" ante a implantación dunha lei "desproporcionada e sen sentido". Aulas sen restricións para "educar" Por outra parte referiuse á desaparición "practicamente maioritaria das restricións Covid", co que será "o primeiro curso pospandémico real que vai posibilitar que o profesorado faga o que ten que facer: educar aos nenos". 272 euros, o custo medio da 'volta ao cole' Román Rodríguez incidiu, por último, no peso do incremento dos custos vinculados á inflación, que se van notar coincidindo co inicio do curso. Menos docentes Na dixo da perda de escolas e profesorado que algúns centros comezan a denunciar e á que o BNG puxo cifras o pasado 18 de agosto. O portavoz parlamentario de Educación, Manuel Lourenzo, denunciou un recorte de entre 700 e 800 docentes para o próximo curso na Galiza, polo que lle pediu á Xunta que "rectifique" e convoque oposicións de reposición este mesmo ano. Estamos loitando porque no nos quiten o que xa temos Neste sentido a Consellaría acusou o partido da oposición de "inventar" os números e negou que se vai empezar o curso con mil profesores e profesoras menos. Se ben algúns centros e asociacións de pais e nais xa están a denunciar recortes. Recortes no IES Mendiño de Redondela É o caso da comunidade do IES Mendiño de Redondela, que o ano que vén contará con catro docentes menos. Os Gobernos do PP fecharon o 13% dos centros da rede de ensino pública O Goberno local de Redondela vén de anunciar a convocatoria dunha concentración que terá lugar a vindeira sexta feira ás 20 horas na Praza do Concello, secundada pola Federación de ANPAS de Redondela, en contra dos recortes do ensino público. "Estamos loitando porque no nos quiten o que xa temos". |
NOS_18782 | A XXIII edición deste encontro decorrerá os días 27 de decembro e 2 de xaneiro. | "Un ano máis e, este non ía ser menos, segundo se achega o Nadal, tamén nos aproximamos ao momento propicio para escoitar os cantos improvisados en verso dos e das regueifeiras que este ano esconxurarán o coronavirus". Con estas verbas, o organizador do XXIII Certame Internacional de Regueifas de Valadares (Vigo), Carlos Alonso, convida os amantes da improvisación a asistir ao centro sociocultural da localidade para presenciar o encontro os días 27 de decembro e 2 de xaneiro. O evento principiará ás 18.30 horas, conducido polo filólogo, investigador e mestre da palabra improvisada en verso Kike Estévez. Veni da Rocha, porriñés, e Palmira Vicente, aprendiz do propio Estévez, serán os primeiros en verse as caras e cruzar palabra no escenario. A continuación subirá Óscar 'O Arrieiro', "galo de Bergantiños", que improvisará en base a unhas imaxes proxectadas e mais das verbas que recolla do público. Representando a outra beira do Miño subirán ao estrado João Pedro Viana e Jorge Salgueiro xunto co concertinista Luis Filipe Vitoriao. Os tres forman parte desta agrupación do norte luso e senlleira no seu traballo a prol da cultura miñota. A continuación, o "máis granado do canto improvisado" terá que enfrontarse a distintas probas. Entre outros, estarán presentes Lupe Blanco, Luís 'O Caruncho', Bieito Lobariñas ou Josinho da Teixeira. Na segunda xornada terán lugar distintas actividades arredor das manifestacións artísticas nas que están presentes a oralidade, a improvisación, a retranca e o verso clásico. A partir das 18.30 horas, unha serie de artistas por definir amosarán as súas habilidades ao público. |
NOS_48442 | A Subdelegación do goberno español está a remitir multas a mariñeiros e armadores da frota do cerco que tomaron parte na manifestación do 6 de marzo en Vigo. | Até 150 euros de multa por unha falta catalogada como "grave". Esas son as sancións que está a impor a Subdelegación do goberno español aos mariñeiros e armadores do cerco que participaron na manifestación do 6 de marzo en Vigo. Segundo a Subdelegación os feitos denunciados pola policía española e que son obxecto da sanción, consisten en "desordes leves" mais a falta que se lles atribúe aos cerqueiros son calificadas como "graves". Os feitos aos que se refire o organismo son berros pronunciados pol@s manifestantes ás portas do edificio da Xunta na cidade olívica. Berros como "para dentro, por riba da policía" ou "lume". Desde a páxina que a frota abriu na rede social Facebook durante a súa intensa loita por un reparto xusto das cotas pesqueiras de xarda e xurelo, os mariñeiros animan a remitir á Asociación de armadores do cerco de Galiza (Acerga). Aliás, denuncian que as notificacións das sancións están a chegar ás confrarías. O cerco desenvolveu unha forte mobilización durante o mes de marzo en defensa dun outro reparto das cotas pesqueiras deseñadas por Bruxelas e que deixaban a Galiza cunha porcentaxe de xarda e xurelo moi inferior á capacidade da súa frota. Após as negociacións coa Xunta de Galiza e o compromiso desta de mellorar os repartos para 2015, os cerqueiros desconvocaron as manifestacións. A máis emblemática, a que tivo lugar ás portas do Parlamento galego que rematou cunha forte carga policial polas rúas do Ensanche de Compostela. |
NOS_39839 | O candidato á Xunta pola coalición de Galicia en Común, Antón Gómez-Reino, segurou que "o Goberno progresista no Estado dá un exemplo do tipo de medidas fundamentais que temos nun futuro Executivo de cambio no país". | "Esta coalición atende a unha demanda cidadá que esixía continuar co relato de construción de 2012, no que a diversidade é valorada socialmente", arrancou esta mañá Martiño Noriega nun bar de Compostela ante a prensa, "e tamén a valentía para mover os marcos das políticas públicas". Noriega foi o primeiro en falar na presentación da candidatura de confluencia conformada por Galicia en Común, Anova e as mareas municipalistas. No acto estiveron presentes o candidato á presidencia da Galiza e secretario de Podemos no país, Antón Gómez-Reino, xunto con Eva Solla, líder de Esquerda Unida, e mais o propio Noriega. O concelleiro de Compostela Aberta definiu a confluencia como un "espazo aberto e plural". "Hoxe é un día importante para facer eco do traballo realizado a prol da sanidade pública nas últimas dúas lexislaturas, como o grupo con máis iniciativas neste ámbito", continuou Solla, quen tamén valorou a defensa dos sectores produtivos do país "que centrou unha parte importante" das actuacións do grupo parlamentario, e as encamiñadas a acadar unha maior "igualdade" na sociedade. Por iso o programa electoral de cara ao 5-A, asegurou Solla, "beberá de todo o traballo realizado". No noso país existe unha vontade social de cambio clarísima, remarcou Gómez-Reino "Esta mesa é unha boa nova", seguiu Gómez-Reino, quen ligou á formación da coalición a "unha das peores novas para Núñez Feixoo nos últimos tempos". "No noso país existe unha vontade social de cambio clarísima", remarcou, "penso que se veu nos dous últimos procesos de eleccións xerais". Gómez-Reino situou a aposta de Galicia en Común como a vía para que esa "maioría social polo cambio se active no proceso electoral". O candidato á Xunta recoñeceu o exemplo dado polas traballadoras sanitarias ou pola veciñanza de Verín. Ademais, fixo referencia o labor do seu partido no ámbito estatal. "É evidente que o Goberno progresista no Estado dá un exemplo do tipo de medidas fundamentais que temos que facer nun futuro Executivo de cambio no país", dixo Gómez-Reino, facendo fincapé na modificación da normativa laboral aprobada polo Ministerio de Traballo dirixido por Yolanda Díaz. As representantes de Galicia en Común fiaron o aprazamento da cita electoral á decisión das autoridades sanitarias. "O fundamental non é disputa electoral, senón garantir a saúde do conxunto da cidadanía galega", apunto Gómez Reino, remarcando que a candidatura que encabeza está "en contacto permanente" co Goberno do Estado. |
NOS_57924 | As loitadoras galegas disputan o preolímpico en Sofía (Bulgaria). | A loita galega apura as súas últimas opcións para contar con representación nos Xogos Olímpicos de Tóquio 2021 da man de Lydia Pérez e José Cuba no torneo preolímpico mundial, a proba decisiva para conseguir un boleto para a gran cita xaponesa. Sofía (Bulgaria) acollerá desde o día de mañá un certame que se prolongará até o vindeiro domingo, nove de maio, e no cal só obterán o pasaporte olímpico en cada categoría aqueles e aquelas deportistas de loita libre olímpica, loita libre feminina e loita grecorromana que alcancen a final en cada un dos seus respectivos pesos. É dicir, tan só estarán en xogo 36 pasaportes olímpicos, e para facerse cun deles unicamente vale volver de Bulgaria cunha medalla de ouro ou unha de prata colgada do pescozo. As dúas representantes do país no decisivo torneo serán Lydia Pérez Touriño e José Cuba Vázquez. A primeira, que compite con licenza do Club de Loita Pontevedra, participará na modalidade de -62 quilogramos, e agarda prolongar a súa traxectoria ascendente durante este 2021 para facerse cunha das dúas prazas, para o que terá que superar outras 21 competidoras. Polas súa banda, o chairego José Cuba (Club Loitas Olímpicas de Vilalba), que en 11 días celebrará o seu 40 aniversario, pretende demostrar tanto que a veteranía pode chegar a ser un grao como o exitoso da súa preparación a medida co sparring ucraíno Sergey Priadum. Ademais, ambas as deportistas contarán co apoio do técnico Marcos Miragaya (Vilalba, 1986), que dirixe os adestramentos do grupo de Rendemento do Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra. |
NOS_25496 | Segue a última hora con toda a información actualizada sobre a guerra en Ucraína, minuto a minuto. | Actualizar 🔴 [EN DIRECTO] 17.52 | ONGs advirten do risco de "fame e trata" das mulleres e nenos ucraínos As ONG integradas no Comité de Emerxencia de Ucraína advertiron esta quinta feira do risco de padeceren "fame" e "tráfico de persoas" as mulleres e nenos do país. "O desprazamento, a caída repentina na pobreza extrema, a viuvez, a perda ou a separación dos membros da familia e moitas outras características deste conflito, están a crear un número incontábel de mulleres vulnerábeis cada hora", advertiu Eleanor Monbiot, xefa rexional da Oficina de World Vision para Oriente Próximo e Europa do Leste. 14.04 | O secretario xeral da OTAN prorroga un ano máis o seu mandato O secretario xeral da Organización sobre o Tratado do Atlántico Norte (OTAN), Jens Stoltenberg, decidiu porrogar o seu mandato á fronte do organismo internacional durante un ano máis, co apoio unánime dos Estados membros. Stoltenberg, que ocupa desde o 4 de febreiro o cargo de presidente do Banco Central de Noruega, remataba o seu período á fronte da OTAN en setembro, mais compaxinará ambos cargos durante, cando menos, un ano máis. 11.59 | Zelenski: "A paz importa, Ucraína importa!" O presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski, enviou nesta quinta feira unhas declaracións á poboación do seu país, cando a ofensiva militar rusa en solo ucraíno chega ao mes de duración. Na súa intervención, o dirixente chama á resistencia fronte á "invasión de Rusia". Ademais, volveu pedir a intervención da comunidade internacional para axudar ás forzas e mlicias ucraínas: "A paz importa, Ucraína importa!". 10.53 | Polonia bloquea as contas bancarias da Embaixada rusa O Goberno polaco tomou a decisión nesta quinta feira de bloquear as contas da Embaixada rusa no país, segundo denunciou o embaixador Serguei Andreyev. O executivo xustifica a medida en que os recursos desas contas bancarias estaban a ser empregadas para financiar "actividades terroristas". 9.25 | O Consello de Seguridade da ONU rexeita o proxecto ruso de resolución humanitaria sobre Ucraína O Consello de Seguridade de Nacións Unidas (ONU) rexeitou nesta cuarta feira aprobar o proxecto presentado por Moscova de resolución humanitaria sobre Ucraína. Segundo explica o medio dixital Russia Today (RT), o proxecto, que ademais de Rusia como autor principal contaba coa coautoría de Belarús, Corea do Norte e Siria, recibiu únicamente os votos a favor de Rusia e China, mentres que o resto de integrantes do Consello de Seguridade optaron por absterse. O representante ruso na ONU, Vasili Nebenzia, acusou estes países de considerar máis importante " a politización do expediente humanitario" que a "asistencia da ONU na prestación de axuda humanitaria aos ucraínos necesitados". Pola súa parte, os Estados membros que se abstiveron criticaron que o proxecto ruso pretendía "tapar a agresión" militar de Moscova a Ucraína. 8.47 | Reactívase de forma parcial a cotización da Bolsa de Moscú Nesta quinta feira reactívase de forma parcial a cotización de accións da Bolsa de Moscú. En concreto, 33 empresas retoman a súa actividade bursátil cun caída de 0,6%, após estar un mes inactiva a Bolsa para evitar un impacto maior das sancións que a comunidade internacional impuxo aos mercados e principais empresarios rusos. Estas son as novas sancións a Rusia: "O mundo libre únese para loitar contra Putin", di Biden 8.05 | Cúmprese un mes desde o comezo da guerra en Ucraína O 24 de febreiro, o presidente de Rusia, Vladimir Putin, declarou o inicio dunha "operación militar especial" para "desmilitarizar e desnazificar" Ucraína. Pese a que o Goberno ruso asegurou que só despregaría as súas tropas no territorio das Repúblicas Populares de Donetsk e Luhansk, nas últimas semanas as autoridades ucraínas denunciaron bombardeos en instalacións militares e obxectivos civís de cidades próximas ás fronteiras de Romanía, Polonia e a República de Moldova. Neste mes, Nacións Unidas (ONU) estima que máis de 3,5 millóns de persoas saíron de Ucraína, e que outros 6,5 millóns atópanse en situación de éxodo interior. Vladimir Putin anuncia unha "operación militar especial" na Ucraína e comezan os bombardeos |
NOS_15651 | Máis alá do que cada persoa opine sobre a presenza de Ence na ría, todas estaredes de acordo en que estamos a asistir a unha ofensiva mediática da empresa sen precedentes. | Máis alá do que cada persoa opine sobre a presenza de Ence na ría, todas estaredes de acordo en que estamos a asistir a unha ofensiva mediática da empresa sen precedentes. Isto fálanos do poder das empresas do IBEX 35. Estes días saiu publicado o libro do ex director do diario El Mundo no que denuncia as inxerencias dos políticos e das empresas do IBEX 35 na información que nos ofrecen os medios. Especialmente grave é o papel das empresas do IBEX 35, que tiñan un clube montado a través do cal tocaban todos os resortes do poder. Pois ben, asistimos a unha loita desigual, unha loita entre un David, que é a sociedade pontevedresa, maioritariamente contraria á continuidade da pasteira, como demostra a composición do pleno municipal, e un Goliat, que é Ence, unha empresa do IBEX 35. E prodúcese este bombardeo de representantes da Xunta, presidente, vicepresidente e conselleiros, doutros membros do PP a nivel local e estatal, da patronal, dos empresarios forestais, dos empresarios auxiliares, dos empresarios xóvenes, dos transportistas, dos traballadores, do Porto de Marín, dos empresarios da conserva... das confrarías de pescadores!. Isto non é casual. Son chamados ao toque de corneta pola empresa do IBEX 35 e van desfilando un a un. Este último caso, o das confrarías, é máis que sorprendente. É inaudito. Dá moita vergonza allea. Semella que se lle foi a man a Ence. Quixeron apretar tanto que se pasaron de rosca, de tal maneira que conseguiron o efecto contrario do que perseguían: poñer de manifesto ata que grao de corrupción e falta de ética levaron a algúns sectores e persoas da sociedade pontevedresa, coa compra de vontades, cando ata os representantes das confrarías de pescadores saen pedindo que non se vaian da ría, que sería unha gran perda para o sector marisqueiro. "Poderoso caballero es don dinero". O mundo ao revés!. Calquera persoa con dous dedos de frente sabe que, obxectivamente, a marcha de Ence sería boa para a Ría de Pontevedra e para o sector marisqueiro. Pódense ter en conta outros argumentos para defender a súa permanencia, pero en ningún caso que non contamine a ría ou que non afecte negativamente á actividade marisqueira. Que isto saia de boca dos representantes da Xunta non sorprendería, pero que saia da dos patróns das confrarías é verdadeiramente sangrante. Deixando de lado que Ence foi condeada por delito ecolóxico continuado en 2002 e que os datos de emisións á ría sexan cuestionados por diferentes organismos, e aceptando que os datos que ofrece a empresa e que a Xunta dá por bos, se axusten á realidade, o certo é que oficialmente as industrias pasteiras emiten 25 contaminantes á atmósfera e 21 contaminantes á auga e que se collemos un dos 21 que se emiten á ría, o mercurio, por exemplo, que é un dos máis perigosos, no período entre 2006 e 2015, a empresa declarou o verquido de 27,49 kg. En conclusión: o verquido á ría de Ence pode estar dentro dos parámetros máximos permitidos, pero isto non quere dicir que sexa inocuo. Ou dito doutra maneira, Ence contamina, aínda que sexa dentro do que lle permite a Xunta. Por outro lado, o marisco extraído de Lourizán e do fondo da ría perde valor. O molusco extraído vai a unha depuradora e despois véndese ocultando na medida do posible a zona de extracción. E mentras Ence permaneza en Lourizán será así. Ou dito doutra maneira: Se che ofrecen ameixa de Carril e ameixa de Lourizán, cal collerías? Non hai máis preguntas, señoría!. Por estes dous motivos non son aceptables as declaracións dos patróns da confrarías e pasarán á historia como un dos exemplos máis lamentables de traizón ao sector que representan. Unha cousa é que Ence compre o seu silenzo ou que os use para facer propaganda do seu "plan social" e outra cousa é que os faga saír a reivindicar a súa oposición a que a fábrica se poida ir do Dominio Público Marítimo Terrestre e a defender a continuidade da empresa na ría como a panacea para o sector marisqueiro. En calquera caso, o problema non está en que Ence compre vontades. O problema está nas persoas que representan a un colectivo e que se venden de maneira indecente ao poder empresarial en contra dos intereses do colectivo que representan. Estes días, a xente, polo menos a de Lourizán, está escandalizada e perplexa e non se fala doutra cousa. Sentou moi mal comprobar que a Confraría de Lourizán está entre os firmantes do comunicado. Unha cousa é que o cartel de Ence estea na porta de entrada da confraría e que acepten os cartos da empresa e outra cousa é "vender" a túa parroquia. No caso da patroa de Lourizán, non é só que estea traizoando a memoria dos patróns que houbo antes ca ela e que se partiron a cara por defender os intereses da confraría que representaban e a de todas as mariscadoras das xeracións anteriores que loitaron por defender a ribeira. É que na memoria colectiva recordarase durante xeracións como unha das maiores traizóns da historia da nosa parroquia. Esta si que é unha felonía. Precisamente nestes tempos nos que a Confraría de Lourizán está a ser investigada xudicialmente por un presunto fraude millonario e por unha presunta trama de compra de votos, o máis recomendable sería manterse nunha posición discreta e non poñerse baixo o foco. Pero Ence non dá os cartos a cambio de nada. Apelamos á honradez e dignidade das mariscadoras de Lourizán. Comprobaremos nas próximas semanas se se impoñen o groso de mariscadoras honradas, esixíndolle á patroa a dimisión inmediata ou se, pola contra, esa presunta trama de compra de votos existe e segue a controlar a confraría. De confirmarse que a presunta trama segue activa, estariamos ante unha pirámide corrupta de compra de vontades que desde o IBEX 35 vai baixando ata chegar ao último escalón: as mariscadoras de a pé. Por último, non deixa de chamar a atención que o PP, que leva anos dicindo que as leis e as sentenzas xudiciais están para cumprirse e que hai que respectar a acción da xustiza, neste caso, cun procedemento xudicial aberto no que se ten que decidir se a prórroga de Ence foi axustada a dereito, se dedique a patalear e a mobilizar ás forzas vivas para que se posicionen á beira da Xunta e de Ence e para que presionen a través dos medios de comunicación. Parece que desta vez se olvidaron do tan recurrido: "Hai que esperar a lo que decida la justicia". A pregunta é: non confían en que a prórroga que deu o goberno en funcións de Rajoy foi axustada a dereito ou non confían en que a xustiza vaia a actuar con imparcialidade e bo criterio?. Diferentes actores anuncian que presentarán ducias de recursos ata as máis altas instancias europeas. Que o fagan. Están no seu dereito. E que deixen actuar á xustiza. Pero mentres non haxa unha sentenza definitiva, que deixen de bombardear con propaganda e de chantaxear á sociedade galega. Está a ser un espectáculo moi triste. A xente é máis intelixente do que cren e todos temos a nosa opinión sobre este tema, formada a través dos anos, ben sexa a favor ou ben sexa en contra. O único que conseguen é poñerse en evidencia. E poñer en evidencia ao sistema. Ensinar as súas costuras, por non dicir "as cloacas" que están tan de moda ultimamente. Poñer de manifesto o "vendidos" que están algúns políticos aos intereses das grandes empresas. E poñer de manifesto o "compradas" que están algunhas entidades que reciben os cartos de Ence. |
NOS_41049 | Sen obxectivos ligueiros á vista, o Celta acusou o esforzo do choque europeu co Genk e cedeu os tres pontos en Balaídos a un Betis que si se xogaba algo máis, pór terra de por medio sobre os postos do descenso. | Difícil competir con tensión cando non hai nada en xogo. Iso foi o que lle aconteceu ao Celta este domingo co Betis. A equipa de Berizzo ten agora a Europe League -o tremendo duelo co Manchester United nas semifinais no horizonte- así que tampouco é como para censurarlle que na liga se desen un pequeno descanso. O encontro resolveuse na primeira parte, dominado posicionalmente por un Betis que afrontou o choque con maior ambición. No segundo acto, o Celta mellorou un chisco coa entrada na cancha de Beauvue, Wass e Jonny, mas, paradoxalmente, foi nese período cando o Betiz cazou o gol (obra de Brasanac, minuto 54) que fechou o partido. Con esta derrota, o Celta totaliza 44 pontos e continúa en terra de ninguén, a 9 pontos dos postos que dan á clasificación europea e a nada máis e nada menos que 21 da zona de descenso. Celta: Sergio, Lemos, Roncaglia, Sergi Gómez, Planas (Jonny, min.63), Marcelo Díaz, Radoja, Pape (Wass, min.71), Jozabed, Bongonda, Guidetti (Beauvue, min.59). Betis: Adán, Rafa Navarro, Mandi, Bruno, Tosca, Durmisi, Brasanac (Cejudo, min.88), Rubén Pardo (Petros, min.86), Ceballos, Joaquín (Rubén Castro, min.82), Alegría. Gol: Brasanac, min. 54: 0-1. Árbitro: De Burgos Bengoetxea, do comité vasco. Amonestou Planas, Wass, Marcelo Díaz (Celta); Durmisi, Bruno, Navarro, Ceballos, Cejudo (Betis). Campo: Balaídos, 15.851 espectadores. |
NOS_7654 | A loxa fica aberta desde o 26 de abril e nela distribuímos non só produtos propios, senón tamén outros como literatura galega e lusófona | Sermos Galiza abriu o 26 de abril unha loxa dixital desde a que distribúe produtos propios e outros que non o son. A esta loxa dixital incorporáronse todos os números do semanario, até agora distribuído só en papel. Os números correspondentes ao ano 2012 poden descargarse sen custo, mentres que os de 2013 se poden baixar a 1,99 € por exemplar durante o mes de maio. A partir do 1 de xuño o custo será de 2,25 €. O número 45, sexta feira 3 de maio, será o primeiro que se poderá comprar no quiosco virtual ao mesmo tempo que é distribuído nos quioscos en papel. Nos vindeiros meses continuaremos mellorando a loxa e introducindo novos produtos. |
PRAZA_310 | Os conservadores vetan a proposta do BNG que, apoiada por toda a oposición, pretendía que a Xunta garantise o subministro de luz e gas ás persoas sen recursos para sufragalo. O PP impide a tramitación da norma pero manifesta a súa "solidariedade" con quen sofre "esta lacra". | Galicia seguirá sen unha lei contra a pobreza enerxética. Máis dun ano despois de negarse tanto no Congreso dos Deputados como no Parlamento de Galicia a impulsar un marco legal que protexa, como noutros estados europeos, as persoas sen recursos dabondo para facer fronte ás facturas de subministro enerxético, o PPdeG fixo valer de novo este martes a súa maioría absoluta para vetar de novo unha lei ao respecto. Desta volta a iniciativa proviña do BNG e procuraba, esencialmente, unha actuación directa da Xunta para impedir por lei que ninguén quedase sen luz ou gas por non poder pagalo. A proposición, que se concretaba nunha reforma da lei de protección das persoas consumidoras, aglutinou o apoio de toda a oposición, pero o veto popular impediu a súa toma en consideración. A intención da proposta do Bloque era introducir por primeira vez no ordenamento xurídico galego unha definición de pobreza enerxética -unha unidade de convivencia que teña que "destinar máis do 10% dos seus ingresos a satisfacer as súas necesidades enerxéticas"- e, a partir dela, un paquete de catro medidas para freala. Trataríase, segundo o texto da proposición, de que "ao recibir un aviso de interrupción do subministro de electricidade ou gas" a persoa afectada acreditase a súa situación mediante un informe de servizos sociais. Acto seguido, activaríase o mecanismo para proporcionar unha tarifa social ou, en caso de imposibilidade absoluta de pagamento, a Xunta faríase cargo da factura mentres se mantivese a situación. Trataríase de "garantir que non haxa cortes de subministro a persoas que non poidan pagalo" e non de seguir a apostar por "fórmulas máxicas de facer máis con menos", di a deputada Carme Adán, para quen se revelou como claramente insuficiente o tícket enerxético anunciado pola Xunta o pasado ano. A cantidade das axudas é "ridícula" e ademais, salienta, para tramitalo cómpre utilizar o DNI electrónico e realizar xestións a través de internet, algo imposible sen electricidade, evidencia. De aprobarse esta lei, subliña, a Administración "tería a obriga de evitar os cortes de luz", algo aínda máis necesario "nun país rico en produción de electricidade, que a exporta a esgalla". A proposta do BNG fixaba por lei a "obriga" de que a Xunta "evitase os cortes de luz" Neste contexto, todos os grupos agás o PP adheríronse á proposta. "É hora de que o PP se comprometa", manifestou a socialista Carmen Gallego. "Para gobernar é necesario ter un mínimo de empatía", "xa está ben de repartir esmolas", enfatizou Juan Fajardo, de AGE. Pero, para os populares, os gobernos galego e español xa seguen a liña correcta cun "bono social xusto e solidario" e un "tícket eléctrico que complementa o déficit que poidan ter as familias", di o deputado Hipólito Fariñas. Ese subsidio, admite, vén supoñer "15 ou 20 euros no recibo" que "poden parecerlles pouco" pero "é moi ben apreciado polas familias". O PP veta a lei pero manifesta o seu "compromiso inquebrantable para resolver esta tremenda lacra" A xuízo de Fariñas o que cómpre salientar é que este "non é un mal novo", senón un problema que, afirma, ten a súa orixe no déficit tarifario orixinado en tempos de Zapatero. "Onde estaban as voces de reclamación cando en 2006 se lle cortaba a luz a 600.000 persoas?", pregúntase, mentres censura que o PSOE, no Estado, e PSdeG e BNG, en Galicia, "non tomasen medidas". Neste contexto, e mentres discute a definición de pobreza enerxética formulada polo BNG, Fariñas ratificaba o veto á tramitación da lei. Non obstante, mantén, cómpre "manifestar" a "solidariedade do PP cos afectados pola vulnerabilidade enerxética" e o seu "compromiso inquebrantable por resolver esta tremenda lacra". "O tícket social foi publicidade do señor Feijóo", repuxo Adán, que di non ser quen de discernir "por que motivos" os populares evitaron votar a favor de comezar o trámite desta lei. Nos últimos anos, salienta, "aumentaron un 34% os fogares con dificultades para pagar o recibo da luz" e ante esta situación, acusa, o PP revélase como "cómplice das eléctricas". "Van adoptar algunha medida real para acabar cos cortes de subministro?", pregúntase retoricamente a nacionalista. "Alá vostedes coa súa conciencia", conclúe. |
PRAZA_5618 | As sete grandes cidades do país minguaron o seu endebedamento entre 2012 e 2013 e A Coruña e Santiago mantéñense como as que máis deben. Lugo recunca como a Deputación con menos cartos por pagar. | Os concellos ocupan un lugar destacado nas proclamas a prol da "austeridade" procedentes do Goberno central. Nesta liña, a reforma local impulsada polo gabinete de Mariano Rajoy retíralles competencias ás administracións locais e, apoiándose na consabida sostibilidade económica, fai perigar servizos en eidos tan sensibles como o social. Así as cousas, os municipios son situados tacitamente como parte esencial da crise económica. Non obstante, as cifras non só amosan que iso non é así en termos globais, senón que nun dos indicadores máis ollados nestes tempos, o da débeda, o seu comportamento é notablemente mellor que o doutras administracións. Así, por exemplo, entre 2012 e 2013 os concellos galegos minguaron o seu endebedamento en case un 7,5%. Segundo os últimos datos do Ministerio de Facenda os 315 concellos do país -o departamento de Cristóbal Montoro non ten en conta para estes cálculos a publicitadísima fusión de Oza dos Ríos e Cesuras- acumulaban no remate do pasado ano 715,5 millóns de euros de débeda, case 58 millóns menos que un ano antes. Con contadas excepcións a maior parte dos consistorios lograron minguar o seu endebedamento e a nómina de Concellos que non deben nada medrou de 58 a 74. Non obstante e contra o criterio de todos os partidos representados na Fegamp, a tesoira terá que poñerse a funcionar. A Coruña é o concello urbano máis endebedado do país e Pontevedra, a cidade que menos debe No que atinxe ás grandes cidades as sete lograran reducir a súa débeda a 31 de decembro de 2013 en relación a doce meses antes. Como se pode observar no gráfico que acompaña esta información a caída máis significativa é a de Vigo, que pasou de deber máis de 55 millóns de euros a ter pendentes algo máis de 39. Malia á redución o rexistro segue encabezado pola Coruña, que tras facer medrar a débeda entre 2011 e 2012 desta volta rebaixouna levemente ata os 78,4 millóns. A continuación segue estando o Concello de Santiago con 57,5 millóns, seis menos que un ano antes. A redución experimentada polo consistorio vigués sitúa a Ourense en terceira posición e na banda baixa quedan Ferrol, Lugo e Pontevedra. Tamén as deputacións seguiron a reducir o seu endebedamento no último ano, o que supón a segunda baixada global consecutiva. Desta volta o único repunte é o da Deputación de Lugo, que pasa de 29 a 31 millóns de euros aínda que se mantén como o ente provincial con menos débeda dos catro galegos. A seguinte que máis debe é a Deputación da Coruña, con máis de 43 millóns, e a continuación sitúase Ourense, cunha débeda que supera os 45. Malia á redución dos últimos anos Pontevedra segue a destacar por riba das outras tres deputacións neste ámbito, xa que ten pendentes de pagar máis de 67 millóns de euros. |
NOS_20332 | Mocidade pola Independência realizou a oitava edición da marcha xuvenil sobernaista do 24 de xullo e Ceivar levou a cabo a décimo terceira Cadeia Humana pola liberdade das presas independentistas. | Da Alameda de Compostela partiu este 24 de xullo, contra ás 20.30 horas da tarde, a manifestación xuvenil pola soberanía da Galiza, convocada da man da rede Mocidade pola Independência (MPI). "Combatemos a precariedade construíndo Galiza", foi o lema co que decorreu a oitava edición desta mobilización. No manifesto da convocatoria, a mocidade reflexionaba sobre a situación de pandemia actual, após "tres meses de confinamento en que a violación de dereitos e os excesos policiais foron habituais", denunciaron. Nese sentido, desde MPI sinalaron que, baixo o pretexto da Covid-19, o Goberno estatal do PSOE e Unidas Podemos negouse "por españolismo" a confinar Madrid e"despregou o exército español nas rúas do noso país, recentralizou competencias autonómicas e implementou políticas económicas en beneficio da burguesía, afondando na precarización que padece a mocidade e o pobo traballador". "A nosa nación e o noso pobo atópanse nunha situación de emerxencia, atendamos ao que atendamos: á realidade lingüística, á cultural, á demográfica ou á económica. Precisamos da independencia para reverter as políticas do Estado español que buscan amortallar o pobo galego, rematando coa nosa identidade nacional", di o manifesto.MPI realizou ademais un chamamento "urxente á mocidade nacionalista para que abrace a única vía que garante a nosa supervivencia como pobo: a independencia". XIII Cadeia Humana Este 24 de xullo e por décimo terceiro ano consecutivo, decorreu desde a Praza da Galiza, en Compostela, a Cadeia Humana pola Liberdade das Presas Independentistas, organizada por Ceivar. A mobilización lembrou os presos independentistas Roberto Fialhega 'Teto', Antom Garcia, Eduardo Vigo, Miguel Garcia e a presa Asunción Losada. |
NOS_20177 | O 42% do patrimonio que acumulan as cen persoas máis ricas do Estado está en mans de oito galegos, unha porcentaxe moi superior á que representan madrileños e cataláns. As contas do grupo Inditex son as que desequilibran a balanza a prol do selecto club de potentados galegos. Escribimos sobre eles no Sermos Galiza 240. Eis un extracto da reportaxe. | A última actualización da Lista Forbes –de novembro do ano pasado- outórgalle a Galiza o cuarto lugar na listaxe de grandes fortunas das comunidades autónomas. Só Catalunya -27-, Madrid -24-e Comunitat Valenciana –unha decena- teñen máis persoas ricas, se ben o patrimonio que acumulan as oito persoas galegas máis adiñeiradas é moito máis elevado que o que o son os dos outros territorios. Por exemplo, mentres as 27 grandes fortunas de orixe catalá suman arredor de 32.475 millóns e as madrileñas, perto de 40 mil, as galegas,con oito presenzas nunha listaxe de cen, posúen 83.600 millóns. Os dez destacados multimillonarios valencianos suman 15.300 millóns; os cinco baleares 6.650 e os oito vascos 4.875. O conxunto destes dados fai de Galiza o territorio do Estado que concentra o 42% do total do patrimonio analizado na lista: 198.425 en total. Nesa desproporción entre o número e o volume de grandes fortunas xoga un papel crucial Amancio Ortega, cuxo patrimonio, segundo a cuestionada revista –esta mesma semana, un dos protagonistas, Manuel Añón, dubidaba da fiabilidade deses dados–, supera xa os 71 mil millóns. A súa filla, Sandra Ortega, ten xa 7.600. [Podes ler a reportaxe íntegra no Sermos Galiza 240, á venda na loxa e nos quiosques e puntos de venda habituais] |
PRAZA_1442 | ENTREVISTA Felipe Trillo, profesor de Didáctica da USC, critica a "cultura dos resultados" que se atopa trala aplicación deste tipo de probas estandarizadas, que poden mellorar a "rendibilidade" pero non favorecen os procesos de ensino e aprendizaxe. | A LOMCE estableceu a realización de probas finais de avaliación -reválidas- en 3º e 6º de Primaria, e ao remate da ESO e do Bacharelato, uns exames que crearon unha notable controversia entre a comunidade educativa, no profesorado, nos sindicatos e forzas políticas e tamén en expertos en Educación e Pedagoxía. Neste curso xa se levou a cabo a proba para os nenos e nenas de 3º de Primaria, o que espertou críticas e un movemento que exerceu un significativo boicot. O vindeiro ano, segundo o calendario previsto, realizaríase o primeiro exame dos alumnos e alumnas de sexto de Primaria, e no curso 2016-17 chegarían as probas en 4º da ESO e 2º de Bacharelato, estas dúas últimas en formato de tipo test, o que tamén foi moi cuestionado. Felipe Trillo é profesor de Didáctica na USC, e foi decano da Facultade de Ciencias da Educación nesta universidade, e tamén presidente da Conferencia de Decanos e Directores de Maxisterio e Educación das universidades de España. Xa hai meses, nun interesante artigo publicado en El Correo Gallego, criticaba a "cultura performativa" e a obsesión polos resultados cuantificables e cuestionaba a aplicación destas probas en Primaria, sinalando por exemplo que, se o que se procura é a mellora da calidade, "tal vez sería mellor investir menos na avaliación (de efecto diferido e dilatado no tempo) e investir máis na mellora das condicións de desenvolvemento (de efecto directo e inmediato)". "A proposta de probas estandarizadas é netamente administrativa, non é unha proposta pedagóxica. Non ten por obxecto mellorar os procesos de ensino e aprendizaxe, senón que busca mellorar a conta de resultados" Como valoras dende un punto de vista pedagóxico as probas de avaliación estandarizada propostas para 3º e 6º de Primaria, ESO e Bacharelato? A proposta de probas estandarizadas é netamente administrativa, non é unha proposta pedagóxica. Non ten por obxecto mellorar os procesos de ensino e aprendizaxe, senón que busca mellorar a conta de resultados, acadar as cifras que -segundo as verdades estatísticas- sitúen o conxunto do sistema educativo nun lugar máis favorable nos rankings nacionais e internacionais. En calquera caso, eu fago unha distinción por niveis educativos. A que está prevista para a ESO podería cumprir esa función diagnóstica e de orientación, para ter un elemento de xuízo que oriente un rapaz pola vía máis académica ou pola vía do coñecemento práctico; sen empregar eufemismos: polo Bacharelato ou pola formación profesional. E, ao remate do Bacharelato, este tipo de probas tamén poden cumprir unha función clasificatoria ou selectiva. O Bacharelato non é un ensino obrigatorio, e un mozo ou moza desa idade pode asumir unha proba deste tipo e o seu resultado, que o poña fronte a un espello. Porén, no ensino primario este tipo de probas son indecentes. Juan Manuel Escudero Muñoz di que "sen a imprescindible reflexión ética é posible, tal vez, conseguir unha formación máis eficaz, rendible e excelente, pero posiblemente tamén máis inhumana, inxusta e antidemocrática". E, efectivamente, pode que por este camiño atopemos o que estabamos buscando; outra cousa é se isto é o que tiñamos que buscar. É dicir, podemos conseguir rendibilidade ou excelencia, pero o resultado será inxusto. A ideoloxía liberal do señor Wert vai por este camiño: ese 'tanto rendes, tanto vales' pode parecer aceptable nun programa de doutoramento ou nun grao universitario, pero resulta completamente indecente no ensino primario. Esquecen que a esas idades os factores externos condicionan moito e así o principio de equidade desaparece, e iso é eticamente reprobable. "Resulta completamente indecente no ensino primario. Esquecen que a esas idades os factores externos condicionan moito e así o principio de equidade desaparece, e iso é eticamente reprobable" As probas finais de ESO e Bacharelato serán 'tipo test'. Que efectos sobre a aprendizaxe ten este tipo de exames? Pode favorecer un coñecemento máis fragmentado ou memorístico? Eu estou radicalmente en contra destas probas. Aínda que é certo que este tipo de probas obxectivas melloraron moito: desta maneira pódese construír unha proba obxectiva que teña na secuencia das súas preguntas unha estrutura narrativa na que o avaliador sexa quen de recoñecer o proceso de reconstrución do coñecemento dende a primeira pregunta á última. Isto non é doado de facer e poucos o conseguen, e non sei se as previstas para o remate do Bacharelato se configuraron deste xeito. O habitual é que unha proba obxectiva implique unha fragmentación de coñecementos que pode facilitar estratexias de preparación de exames baseadas no recoñecemento da pregunta. "As dúbidas veñen sobre todo polo uso que a administración fai ou pode facer desa información, polo uso perverso que se pode facer deses resultados" O profesor Sánchez Salorio dicía que tal como están indo as cousas pronto os estudantes universitarios non saberán escribir e só saberán marcar cun 'X'. Escribir é a mellor maneira de organizar o pensamento, de ser capaz de reconstruír un discurso dun xeito persoal, cunha estrutura narrativa. As probas tipo test facilitan evidentemente a corrección e tamén o realizar unha medición estandarizada. Pero eu non falaría de avaliación estandarizada, porque medir e avaliar son dúas cousas distintas. As medicións estandarizadas poden ter a súa razón de ser para as macrocifras, e para a administración pode ser interesante, para saber como están indo as cousas, para ter unha foto fixa. Pero non son particularmente pedagóxicas, porque o pedagóxico constrúese dende a individualización, sobre o recoñecemento da individualidade. As dúbidas veñen sobre todo polo uso que a administración fai ou pode facer desa información, polo uso perverso que se pode facer deses resultados. Hai unha obsesión polos resultados cuantificables que determina todas as políticas? Hai un concepto para iso, que se chama performatividade, que é como o definiu Stephen Ball, que fala da obsesión polos resultados medibles e cuantificables, e que vén explicar como este plantexamento se apropia da alma da xente, que inmediatamente se empeña en acadar uns resultados que estean dentro duns indicadores aos que se lles outorga valor. É unha cultura simplificadora, que se move nas macrocifras. Trátase de quedar nunha boa posición nos rankings internacionais e a maior parte da xente está entrando polo aro, o que ten efectos no funcionamento dos centros, que comezan a competir entre eles coma se fosen empresas privadas. Pode ser rendible, eficaz e excelente, como dicíamos antes, pero dende logo tamén é inhumano e antidemocrático. Responde ao recoñecemento, relativamente recente, de que a formación é rendible para o desenvolvemento económico; hai que asegurar determinados niveis de desenvolvemento e para iso necesítase ter persoas cualificadas, que desenvolven unhas determinadas capacidades. Iso está viciándoo todo. "Este plantexamento aprópiase da alma da xente, que inmediatamente se empeña en acadar uns resultados que estean dentro duns indicadores aos que se lles outorga valor" Tamén se critica que certas clasificacións, coma as do Informe PISA, ou nas propias reválidas de Primaria, se prima unicamente a aptitude en lingua e matemáticas, relegando todas os demais coñecementos. Que efectos ten iso? Implica retroceder no recoñecemento de que existen diferentes ámbitos de competencia, e de que todos poden ser valiosos; pode haber diferenzas de valor, pero iso non quere dicir que algúns carezan del. Nós vimos dunha cultura na que había por unha banda materias importantes, serias, e pola outra había marías. Progresivamente puidemos avanzar algo na dirección de incrementar a importancia da educación física, da plástica, da música. Nunca competiron con matemáticas ou lingua, pero o que pasa é que agora esta diferenciación se sacraliza. "O que importa é saber disto, e todo o demais non importa, ou importa decididamente menos", parece dicirse. "Hai que poñerse de acordo nun común denominador, nun programa de mínimos que non entre a regular polo miúdo os detalles dunha política curricular que tenta controlalo todo e que despois ao final non o consegue" É evidente que hai problemas no ensino. Como se avanza na súa solución? Debemos chegar a un consenso sobre as políticas educativas, un acordo que implique a todos os actores da comunidade educativa, expertos, forzas políticas...? Calquera con dous dedos de fronte clama por un pacto pola educación, para evitar o actual carnaval de leis. Non é doado, pero sería desexable, e creo que a cidadanía debería ser quen de trasladarlles aos políticos a demanda de que en certos asuntos de interese xeral hai que chegar a acordos. Hai que poñerse de acordo nun común denominador, nun programa de mínimos que non entre a regular polo miúdo os detalles dunha política curricular que tenta controlalo todo e que despois ao final non o consegue. Isto é moi difícil facelo cando un entra a redactalo con visións sectarias do tipo 'isto é imprescindible que estea aquí' ou 'isto é inaceptable que estea'. Así é imposible poñernos de acordo. Sería necesaria unha certa ecuanimidade á hora de seleccionar contidos. E do mesmo xeito en canto ás metodoloxías didácticas: pode haber unhas recomendacións, pero non se lles pode dicir aos profesores como deben traballar nas súas aulas. "Os profesores son a pedra angular do sistema educativo. E este sistema das probas estandarizadas vén expresar unha desconfianza sobre os mestres do sistema educativo público" Cal é o papel que debe cumprir o profesorado? Hai unha frase que di que 'os profesores marcan a diferenza'. Os profesores son a pedra angular do sistema educativo, son insubstituíbles, coma os médicos son a pedra angular do sistema sanitario, por moi sofisticado que sexa o aparello que acabamos de mercar. E este sistema das probas estandarizadas vén expresar unha desconfianza sobre os mestres do sistema educativo público. Seguramente hai algún mestre do que podemos desconfiar, pero baixo ningún concepto pode estar en cuestión o conxunto da clase docente. Como se mellora a acción do profesorado? Pois promovendo unha cultura de colaboración dentro dos centros, que reforce o sentido de pertenza e o compromiso nun proxecto compartido coa comunidade educativa, e nisto non se está traballando. E cunha serie de funcións que podería cumprir a inspección educativa e que non están cumprindo, como é a supervisión. |
NOS_34973 | Rexeitan unanimemente as políticas neoliberais e o desmantelamento do modelo do benestar e afirman que hai "razóns abondo" para secundar a xornada de paro. | A Alianza Social Galega,constituída por case sesenta organizacións sindicais e sociais, aprobou por unanimidade unha declaración de apoio á folga xeral do vindeiro 14 de novembro. Consideran que as políticas neoliberais que están a aplicar os gobernos galego e español desmantelan o modelo do benestar e levan a cidadanía a un "empobrecemento masivo" e, polo tanto, a unha sociedade "máis inxusta e menos igualitaria". Na declaración, a ASG manifesta que se súma á Folga Xeral do vindeiro 14 de novembro por partillar os seus obxectivos, entre os que cabe sinalar "o rexeitamento á reforma laboral, o repagamento farmacéutico, os recortes nas pensións e prestacións sociais, a deterioración e privatización dos servizos públicos, a suba do ive, a amnistía fiscal a quen defrauda ou o desmantelamento dos nosos sectores produtivos básicos". As organizacións que conforman a Alianza Social Galega afirman que hai "razóns de abondo" para secundar a xornada de paro do 14 de novembro, e fan un chamamento á cidadanía a participar activamente na mesma. |
PRAZA_4076 | A situación actual de pandemia require de medidas sanitarias extraordinarias que atinxen ás nosas liberdades | A situación actual de pandemia require de medidas sanitarias extraordinarias que atinxen ás nosas liberdades. Mais, por grave que for a situación, a Europa democrática non pode-non debe-resolver esta caste de cuestións ao xeito de réximes autoritarios como as Repúblicas Islámica de Irán ou Popular Chinesa. Non, a Europa democrática ha resolver o binomio liberdade-saúde pública dende o seu acervo xurídico común: os dereitos humanos e liberdades fundamentais da Convención Europea de 1950, que interpreta o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH) de Strasbourg.O TEDH leva construíndo moitos anos (nomeadamente dende 1998 que é un Tribunal permanente) unha doutrina positiva e comunitaria dos dereitos humanos, fronte á doutrina negativa e individualista dos USA. Para o TEDH non han ser protexidos nin os abusos de dereito nin os actos contrarios á convivencia cidadá, entendida ésta como a casa común construída sobre os valores dos dereitos humanos e liberdades fundamentais-. Esta mesma doutrina está na Constitución do Estado e no Estatuto de Galicia. Un Exercicio de liberdade individual para vivir en democracia comunitaria, un exercicio de civismo democrático para mantermos as liberdades.Por outra banda, a respecto das posíbeis intervencións das Autoridades sanitarias (adoito apoiadas nas Policías administrativas e de seguranza) cómpre construir un conxunto de limitacións xerais non casuísticas. Porque a marxe de para proba de cargo en calquera procedemento penal ou administrativo sancionado para proba de cargo en calquera procedemento penal ou administrativo sancionado(que data de 1986!!) é excesiva e invade substancialmente os dereitos á intimidade corporal, á integridade física e á liberdade de movementos. Cómpre unha reforma legal urxente que garanta o control xudicial contencioso-administrativo ( a medio do réxime de autorizacións que hoxe se usa para a entrada non autorizada nos domicilios das persoas físicas e xurídicas), a audiencia ao afectado sempre que for posíbel e os principios de proporcionalidade, non discriminación, alicerzamento científico e análise do risco ( Salamero Teixidò, 2016).Este alicerzamento comunitario-democrático, estes principios xerais de control da acción sanitaria e este control xudicial haberían tamén rexer a incorporación masiva das ferramentas da telemedicina e dos big data para monitorizar a poboación por razóns de saúde pública. Cedermos os nosos dados vai ser fulcral para poder combater a COVID-19. Mais o noso sistema xurídico demoliberal ha construír con moito coidado esta cesión, para que non permita máis finalidades públicas que a sanitariaComo xa sucede cos dados cedidos ás Axencias Estatísticas Públicas dende hai máis de 30 anos, os datos acadados polo efecto desta caste de políticas sanitarias non han poder ser usados para proba de cargo en calquera procedemento penal ou administrativo sancionador. Nin para ningunha outra fin, por benéfica que for. |
NOS_25452 | Quer coñecer o custo dunha exhibición que cualifica de "provocadora e innecesaria". | O equipo de acrobacias aéreas do exército español pintou no ceo unha bandeira española sobre os asistentes á manifestación do Día da Patria Galega, xerando os apupos e asubíos de miles de participantes na mobilización. Os avións pasaron até en dúas ocasións por riba da mobilización do BNG, debuxando no ar as cores da bandeira de España. "Independencia", "Que queiran que non, Galiza é unha nación" ou o cántico de "Galegas somos, galegas, seremos, por españolas nunca pasaremos" foi a resposta das manifestantes a esa 'pasada' dos avións. Rexistraremos unha iniciativa para que o Goberno explique canto custou (cos nosos impostos) esta exhibición provocadora e descenesaria e aínda, canto contaminou os ceos de Compostela. https://t.co/cKKIG2Mjid— Néstor Rego (@NestorRego) July 25, 2021 Unha exhibición que o BNG xa anunciou que vai levar ao Congreso. O deputado nacionalista na Cámara española, Néstor Rego, anunciou na súa conta de twitter que "rexistraremos unha iniciativa para que o Goberno español explique canto custou (cos nosos impostos) esta exhibición provocadora e innecesaria e aínda, canto contaminou os ceos de Compostela". O anuncio no seu día de que o exército español ía facer esta acción non pasou desapercibido nas redes sociais: "De quen sería esa idea? No día de reafirmación da identidade da Galiza, onde millares de persoas se deslocan a Compostela para se manifestar e exixir respecto, o Exército español fará iso? Máis unha provocación a listar que só contribúe ao sentimento de independencia", sinala un usuario. O fume vaise. O orgullo de sermos permanece. ✊#GalizaSenLimites pic.twitter.com/mHnN4y1y7C— BNG (@obloque) July 25, 2021 |
NOS_50433 | Susana Díaz quer impor un voto homoxéneo de todo o grupo parlamentar do PSOE na nova sesión de investidura de Rajoy. O novo aparato socialista quer unha abstención que viabilice a continuidade do líder conservador na Moncloa. Mais ten un problema: o PSC. | Susana Díaz abandeira neste momento a posición de o Comité Federal acordar a abstención en pleno de todo o grupo parlamentar do PSOE na investidura de Rajoy, embora aínda non o teña verbalizado explicicitamente. Distánciase así da coñecida nas últimas horas como a vía Page, a formulada polo presidente de Castela A Mancha, favorábel a entregar a Rajoy apenas 11 abstencións técnicas. Ese recurso permitiría que a grande maioría dos deputados socialistas formulasen un non ao líder do PP e, sobre todo, evitaría que se visualizase a temíbel imaxe do fraccionamento territorial do grupo. Ese e non outro é o principal problema que ten neste momento o novo aparato ao mando do PSOE: a imposíbel síntese entre os desexos da organización andaluza e os do PSC. O Partit dels Socialistes de Catalunya realiza este mesmo sábado eleccións primarias para elexer o seu novo líder e quer Miquel Iceta, que compite pola reelección, quer Núria Parlon, do sector máis pro-soberanista, teñen enfatizado que os parlamentares do PSC votarán non a Rajoy decidir o que decidir o Comité Federal. O Partit dels Socialistes de Catalunya realiza este mesmo sábado eleccións primarias para elexer o seu novo líder "Se o PSC participa na toma da decisión, terá que acatar o resultado. Non é momento para ningún tipo de aproveitamento. Son tempos para tomar unha decisión seria, responsábel, honesta, con respeito ao partido, ás súas normas e aos seus órgaos", dixo esta sexta feira Mario Jiménez, portavoz da xestora e voz do partido socialista andaluz, obviamente moi próxima a Susana Díaz. O asunto no que intencionadamente non repara Jiménez é que o PSC non é unha federación do PSOE, senón un partido distinto, unha entidade xurídica independente. Fundado en 1978, e con grupo parlamentar propio até o golpe de Estado do 23F de 1981, o PSC pode perfeitamente alegar a súa soberanía á hora de determinar o sentido de voto dos seus parlamentares en Madrid. Este cisma entre Andalucía e Catalunya é un gravísimo problema para o PSOE, alén do episodio concreto desta investidura. Sen a síntese deses dous territorios halle de ser ao partido socialista materialmente imposíbel remontar a súa crise e voltar a se situar como forza eleitoral en condicións de competir co Partido Popular. |
NOS_9289 | O alcalde da Coruña e líder da Marea Atlántica, Xulio Ferreiro, relativiza a importancia da escolla do candidato ou candidata á Presidencia da Xunta por parte da marea. | Nunha entrevista concedida á Radio Galega, Xulio Ferreiro amosouse partidario de construír "desde abaixo" a candidatura coa que a marea concorra ás eleccións galegos. "As candidaturas terán que saír dun proceso democrático aberto. Haberá que ver que persoas están dispostas, cales reúnen as condicións e que persoas hai de consenso para que todos e todas se poidan sentir representadas", apuntou. Admitiu que "todos temos nomes na cabeza", mais relativizou a escolla do candidato ou candidata "nun proceso coma o noso". Así, puxo como exemplo o seu caso: "apresenteime a unhas eleccións sen que ninguén me coñecese". Afirmou que se é hoxe alcalde é grazas ao "proceso que había detrás". "Na Marea Atlántica hai un ano non me coñecía ninguén. Era unha persoa relativamente descoñecida que puido ser alcalde desta cidade porque había un proceso colectivo potente detrás", salientou. Neste sentido, advertiu de que o importante é que "o proceso se visualice como colectivo, de voces corais". "Hai moita xente preparada para asumir responsabilidades e para levar a cabo unha política diferente e honesta... As persoas concretas son o de menos", engadiu. |
PRAZA_16734 | O xulgado ve "contraria a dereito" a sanción imposta pola Subdelegación do Goberno na Coruña, baseada na acusación policial dunha suposta desobediencia e negativa a identificarse nunha sentada ante o antigo colexio Peleteiro durante as mobilizacións contra o desaloxo do centro social ocupado 'Escárnio e maldizer' HEMEROTECA | Galicia rexistra máis de 2.000 denuncias por "falta de respecto" á Policía ao abeiro da 'lei mordaza' | HEMEROTECA | Galicia rexistra máis de 2.000 denuncias por "falta de respecto" á Policía ao abeiro da 'lei mordaza' Unha "resolución contraria a dereito". É a consideración que o xulgado do contencioso administrativo número dous da Coruña outorga á multa de 800 euros imposta ao abeiro da lei mordaza a unha muller que, en xuño de 2017, participou nunha das manifestacións contra o desaloxo do 'Centro Social Ocupado Escárnio e Maldizer', en Santiago. Foi, concretamente, na mobilización do día 10 daquel mes, cando unha marcha de protesta acabou derivando nun intento de ocupación simbólica do antigo colexio Peleteiro, no Ensanche da cidade, e nunha sentada reivindicativa ante este edificio. A multa tivo a súa orixe nesa sentada e agora foi anulada. Segundo a sentenza -contra a que só cabe recurso de casación-, que vén de ser notificada e a cuxo contido tivo acceso Praza.gal, o 1 de setembro do pasado ano a Subdelegación do Goberno na Coruña formalizou a proposta de sanción contra a manifestante baseándose na información transmitida pola Policía, que naquela xornada realizou un amplo despregamento de unidades antidisturbios na capital galega. A acusación policial fundamentábase nunha suposta negativa a atender a orde de identificarse, así como a desaloxar a rúa, o que encaixaría no artigo 36.6 da devandita lei. O xuíz conclúe que non se produciu desobediencia e negativa nin identificarse na sentada ante o vello colexio Peleteiro, como afirmou a Policía, e anula a multa por considerala contraria a dereito No entanto, o xuíz considera que tras examinar "os feitos relatados" e mais a documentación relativa ao sucedido, "a orde non foi individualizada en modo ningún", senón xenérica, e aínda así "foi cumprida no que atinxe ao abandono da vía". Non houbo, daquela, desobediencia nin negativa a identificarse, resalta. Efectivamente, ratifica a sentenza, "produciuse a ocupación dun ben privado, o edificio do antigo colexio Peleteiro", pero "esa acción, no seu caso, poderá ser susceptible dunha tipificación distinta", así como "os restantes feitos" que a Policía "describe", tales como "berros e insultos ás forzas de seguridade" ou "material atopado" polos axentes. Esas circunstancias poden ser avaliadas noutro procedemento no que, salienta a sentenza, "deberían ponderarse" ademais elementos como a "preferencia do exercicio de dereitos e liberdades fronte a un concepto amplo e expansivo da orde pública". Pero, en calquera caso, "ningún destes feitos é, dende logo, punible en sede administrativa" ao abeiro do artigo 36 da lei de seguridade cidadá, a lei mordaza, que é o invocado neste proceso. Deste xeito, e dado que o xulgado non pode mudar "a cualificación e tipificación dos feitos" nos que se baseou a sanción, o xuíz coida que o recurso interposto polo avogado Pablo No no nome da muller sancionada debe ser estimado de maneira "íntegra", toda vez que a resolución na que se apoiou a multa foi "contraria a dereito". Por todo isto a multa é anulada e a Subdelegación do Goberno na Coruña, condenada a asumir as costas do proceso por un importe de ata 400 euros, o equivalente ao pagamento efectivo da sanción por pronto pagamento. |
PRAZA_18115 | Todo semella indicar que se finalmente o PSOE vota "si", a lei aprobada será máis semellante ao segundo texto enviado polo Parlamento, sen referencia ao hipotético rescate da concesión que inclúe o texto. De culminarse, sería o primeiro traspaso de competencias á Xunta en dez anos | O Goberno de España levantou o pasado xullo o veto a que o Congreso dos Deputados debatese a lei enviada dende o Parlamento de Galicia co apoio de todos os grupos para traspasar á Xunta as competencias sobre a autoestrada AP-9. A Cámara galega tivo a pasada semana coñecemento formal dun trámite co que o Executivo que preside Pedro Sánchez daba vía libre de vez ao texto remitido dende o Pazo do Hórreo na primavera de 2016 e que o Goberno de Mariano Rajoy comezou a boicotear cando estaba en funcións, en outubro daquel mesmo ano. O gabinete do PP aínda imporía dous vetos máis: a outra lei remitida dende o Parlamento galego e a unha proposta no mesmo sentido formulada por En Marea no propio Congreso. Dous anos e innumerables acontecementos políticos e parlamentarios despois -entre eles, un duro informe dos letrados do Congreso que desmontaba o procedemento utilizado para este e outros vetos- o bloqueo á lei xa non existe e a esixencia de présa en que sexa tramitada segue a chegar dende formacións como En Marea e o BNG, pero tamén pola banda do PP. Dez anos despois das, ata agora, últimas transferencias de competencias do Goberno central ao galego, os conservadores galegos instan o Executivo do PSOE a activar xa os "mecanismos" que "permiten que o Estado e a Xunta comecen a facer negociacións" que "despois poidan ter reflexo nas emendas que os grupos parlamentarios no Congreso presenten á proposición de lei remitida polo Parlamento galego", acelerando así o proceso. O texto desbloqueado é o primeiro que remitiu o Parlamento galego, que incluía unha referencia a un eventual rescate da autoestrada O procedemento neste caso é clave. Tanto como despexar a incógnita sobre se os socialistas darán ou non o seu voto afirmativo á lei do traspaso no Congreso. A lei desbloqueada polo departamento que agora dirixe a vicepresidenta Carmen Calvo é a primeira remitida polo Parlamento galego, non a segunda. É dicir, a consensuada por todos os grupos a partir dunha proposta inicialmente formulada polo BNG. Aquel texto incluía unha disposición adicional cunha referencia a un hipotético rescate da concesión da autoestrada: se, eventualmente, a Xunta decidise retirarlle a AP-9 a Audasa, sería o Estado o que pagaría a compensación que correspondese porque foi o Estado o que no seu momento aprobou a concesión, viña dicir a lei. Primeiro veto do Goberno de Rajoy á lei galega, formulado en outubro de 2016 con cálculos económicos erróneos / Praza Pública Todo semella indicar que se finalmente o PSOE vota "si", a lei aprobada será máis semellante ao segundo texto enviado polo Parlamento, sen referencia ao hipotético rescate da concesión Esa disposición sobre un hipotético rescate foi unha das escusas empregadas polo Goberno de Rajoy para vetar a lei. Ese rescate, alegaba, custaría máis de 4.000 millóns de euros que o Estado non podía asumir cos orzamentos do ano en curso -daquela, 2016-. Como informou este diario, eses 4.000 millóns eran froito dun cálculo económico erróneo que inchaba o valor real da autoestrada, incluído nun informe oficial que daba por feito nese mesmo ano un rescate que, segundo o texto da lei, podería producirse ou non -dependería dunha decisión política da Xunta negociada co propio Estado-. Neste contexto, todo semella indicar que se finalmente o PSOE dá o seu "si" á lei galega no Congreso -segundo avanzou a axencia Europa Press, ese debate podería producirse nas Cortes o vindeiro novembro- o proceso de emendas fará que a primeira versión da lei acabe sendo máis ben parecida á segunda, na que os grupos galegos decidiron, orientados polos servizos xurídicos do Parlamento galego, eliminar a referencia á hipótese do rescate para así evitar receos pola banda do Goberno de España. De chegar a ese punto, unha vez aprobada a lei da transferencia o asunto pasaría á comisión mixta Galicia-Estado, onde ambas Administracións terían que acordar os termos exactos do traspaso, o calendario e os seus custos. De producirse sería a primeira transferencia de competencias ao Goberno galego dende o ano 2008. Documento que confirma o desbloqueo da lei galega por parte do Goberno de Sánchez / Praza Pública |
PRAZA_14035 | Xoán Bascuas afirma que as portas "están e estarán abertas" para chegar a acordos con outras organizacións. O sábado Compromiso celebrará o seu Consello Político Nacional, que determinará o procedemento das primarias e a fórmula para presentarse ás eleccións. | Compromiso por Galicia celebrará eleccións primarias para escoller o seu candidato ou candidata aos comicios do 21 de outubro. A pesar do axustado dos prazos, a formación mantén a súa idea inicial e o Consello Político Nacional que se reunirá o sábado determinará o procedemento das primarias (en urna, electrónico, en asemblea...) convocaranse as agrupacións comarcais e decidirá a fórmula para presentarse ás eleccións. O adianto electoral obriga a todas as formacións a acelerar a súa toma de decisións O adianto electoral obriga a todas as formacións a acelerar a súa toma de decisións e engade dificultades, sobre todo, para os partidos que xurdiron nos últimos meses. O prazo para a presentación de candidaturas pecharase o dia 17 de setembro, polo que calquera decisión se ten que adoptar moito antes, sobre todo para o caso das coalicións, con prazos aínda máis axustados, pois o límite é o 7 de setembro. Xoán Bascuas afirma que as portas "están e estarán abertas" para chegar a acordos con outras organizacións "mentres esteamos dentro dos prazos legais". Bascuas restou importancia á barreira do 5%: "as regras son as que son e non podemos queixarnos" e salientou que a maior fragmentación coa que se presenta a esquerda e o galeguismo, lonxe de ser negativa pode axudar a acabar coa maioria absolta do PP: "a hipótese máis verificable é que co aumento da oferta política pódese frear o dominio dos partidos maioritarios", dixo. En calquera caso Bascuas desmentiu categoricamente a información que este martes publica La Voz de Galicia, na que se afirma que Compromiso lle tería ofrecido a Xosé Manuel Beiras a candidatura á presidencia da Xunta. "O noso compromiso coas primarias é irrenunciable", sinala Bascuas. Bascuas desmentiu categoricamente a información que este martes publica La Voz de Galicia, na que se afirma que Compromiso lle tería ofrecido a Xosé Manuel Beiras a candidatura á presidencia Compromiso por Galicia asegurou que está "en perfecto estado operativo e preparada" para as eleccións e que pretende "cambiar a forma de facer política" en Galicia. Afirma tamén que afronta con "expectativas, entusiasmo e ilusión" un proceso electoral que vaticinou que orixinará un "cambio político". |
NOS_44524 | As autoridades sanitarias informaron de que a falecida, cuxo óbito decorreu a pasada sexta feira na área sanitaria de Ferrol, tampouco requerira sen ingresada nun centro sanitario. | A Consellaría de Sanidade informou esta segunda feira dunha nova vítima do coronavirus, pero con diferencias respecto das outras persoas que faleceron nos últimos meses pola enfermidade. Segundo as autoridades sanitarias, o óbito que se deu a coñecer esta segunda feira foi o dunha muller de 58 anos. A particularidade é que a enferma non tiña patoloxías previas que complicaran aínda máis a súa evolución para superar con éxito a Covid-19, Alías, non fora ingresada, senón que ficaba no seu domicilio malia a infección. Malia coñecerse hoxe, o deceso decorreu a pasada sexta feira 12 de novembro na área sanitaria de Ferrol. Por outra parte, Sanidade tamén comunicou que morreu outra muller, neste caso de 85 anos. O óbito deuse no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, onde era atendida dos síntomas do coronavirus. No entanto, esta vítima si contaba con outras doenzas anteriores que complicaban a súa situación. Con estas dúas últimas mortes, desde que comezou a pandemia na Galiza perderon a vida 2.658 persoas. |
PRAZA_12861 | A esquerda e o nacionalismo galego están nun momento reconstituínte. Xentes de diversas procedencias están abrindo novos camiños. Perspectivas distintas, intencións distintas, culturas distintas, intereses diverxentes. É posible que o minifundio mental nos impida apreciar a relevancia do momento, a súa transcendencia histórica, que os cálculos do curto prazo, o balance de expectativas dos pequenos grupos impida xurdir o grandioso que hai neste movemento. | A esquerda e o nacionalismo galego están nun momento reconstituínte. Xentes de diversas procedencias están abrindo novos camiños. Perspectivas distintas, intencións distintas, culturas distintas, intereses diverxentes. Hai moita incredulidade por parte da xente que o ve desde fóra. Remexido, cenáculos irreconciliables, ausencia de elementos aglutinadores, dispersión. As pautas coñecidas agoiran imposible a confluencia, sospeitan que primar as racionalidades de cada grupo impidan que emerxa a racionalidade global da alternativa común. É posible que o minifundio mental nos impida apreciar a relevancia do momento, a súa transcendencia histórica, que os cálculos do curto prazo, o balance de expectativas dos pequenos grupos impida xurdir o grandioso que hai neste movemento. Estamos nun momento importante para o futuro desta boa nación. Un tempo no que moita xente está abrindo as súas mentes para construír un proxecto político Porque eu penso que estamos nun momento importante para o futuro desta boa nación. Un tempo no que moita xente está abrindo as súas mentes para construír un proxecto político. A intrahistoria galeguista mostra como encontros ou xantares de "devanceiros" foron decisivos na vindicación política de Galiza, claro que si!, non debemos confundir a historia do galeguismo coa do país, pero é evidente que a realidade política e social á que chamamos Galiza non existiría sen o pensar/facer dos galeguistas. Estamos hoxe ante un movemento de centos de persoas do nacionalismo, algunhas das cales albergan o maior capital simbólico e político desta tradición. A consciencia reflexiva debería facernos pensar que o noso labor vai asociado ao futuro da nación. Desde a sociedade realmente existente abrir un horizonte de esperanza A posmodernidade fainos apreciar como ridícula calquera aspiración transcendente; aplicado no noso país, a retranca implacable non deixa ir os fumes moi lonxe. Calquera personaxe de Cunqueiro sitúa no mundo do mundano a quen se cre máis elevado. E boa cousa é estar no mundo, pero xustamente no mundo é onde os humanos poden facer cousas divinas. A nación galega precisa ese espírito que lle insufle vida autónoma. Non falo do máis alá, falo das ideas, as persoas, os movementos, as estruturas que podan facer de Galiza un suxeito político de seres humanos libres e autónomos. Desde a sociedade realmente existente abrir un horizonte de esperanza. Un movemento de emancipación cidadá individual e colectiva que opere como un factor de modernidade avanzada a nivel político e social Ao meu entender, isto está en relación coa capacidade que teñamos para construír unha iniciativa política en clave propia, á altura dos tempos, con vontade maioritaria, un movemento de emancipación cidadá individual e colectiva que opere como un factor de modernidade avanzada a nivel político e social. Suxeitos políticos que facemos valer a nosa dignidade. Momento constituínte, todo é posible O constituínte é fundacional, establece as regras de xogo, condiciona o que virá despois e inaugura un tempo novo. Sobre todo abre campo, enuncia o posible. Cousas que non eran permitidas, supostamente incompatibles coa natureza humana, poden ser. A xenerosidade e a ilusión están marcando os primeiros pasos deste proceso. O esforzo require da nosa mellor vontade, pero tamén das mellores formas para facelo de xeito radicalmente democrático e que poda servirlle á sociedade. O inferno está cheo de boas intencións. Supoño que cada quen ten os seus ritmos, que algunha xente precisa aclarar a cabeza e posicionarse, pero o certo é que o proceso require pasos firmes cara a confluencia Supoño que cada quen ten os seus ritmos, que algunha xente precisa aclarar a cabeza e posicionarse, pero o certo é que o proceso require pasos firmes cara a confluencia. Deberiamos abandonar o sumatorio de siglas, os mecanismos de reforzo das partes reproducen lóxicas non cooperativas; os apoios e as enerxías multiplícanse no facer en común e compartir o proceso. As árbores non nos deixan ver o ecosistema. Deberiamos acadar un equilibrio difícil: construír un proxecto de longo prazo, que aspire a ser hexemónico na sociedade galega e, ao mesmo tempo, conseguir unha proposta sólida de cara as eleccións que permita obter unha representación significativa Deberiamos acadar un equilibrio difícil: construír un proxecto de longo prazo, que aspire a ser hexemónico na sociedade galega e, ao mesmo tempo, conseguir unha proposta sólida de cara as eleccións que permita obter unha representación significativa. Temos moita ambición para o noso pobo e para humanidade, os pasos han de ser firmes. Pero na política hai utopías e eleccións, os proxectos deben transcender a realidade presente, aspirar a outro mundo posible, e han de verificar tamén o seu valor no apoio do electorado. Non só pola representatividade e influencia política, mais porque a sociedade vai tomar medida da dimensión da proposta. O desgaste das forzas da oposición, encabezadas por opcións continuístas no PSOE e no BNG, impide reilusionar ao electorado contrario á dereita, isto abre unha fiestra de oportunidade e fai necesaria a nova forza Debemos presentarnos ás eleccións galegas por factores subxectivos: a ilusión da xente, a novidade e a esperanza do que emerxe, e porque moitas compañeiras/os potenciais de viaxe tomarán as elección como test para apoiar a nova iniciativa. E por outra parte, factores obxectivos: existe unha posibilidade firme de vencer democraticamente a Feijóo, pero só se o electorado contrario ás políticas populares se mobiliza de maneira plena, se acada os 900.000 votos que xa votaron opcións progresistas e lle darían a maioría. O desgaste das forzas da oposición, encabezadas por opcións continuístas no PSOE e no BNG, impide reilusionar ao electorado contrario á dereita, isto abre unha fiestra de oportunidade e fai necesaria a nova forza. As eleccións galegas son as máis favorables para a nova iniciativa, está nunha boa posición para mobilizar ao electorado desafecto coas forzas tradicionais, non só nin maioritariamente o do BNG, e facer crible unha alternativa conxunta As eleccións galegas son as máis favorables para a nova iniciativa, está nunha boa posición para mobilizar ao electorado desafecto coas forzas tradicionais, non só nin maioritariamente o do BNG, e facer crible unha alternativa conxunta. A demanda política non é algo estático nin explícito, o voto emítese en función das propostas existentes e das relacións entre as mesmas. É certo que o electorado tende a funcionar con bastante inercia, pero cada vez é maior a mobilidade do voto, nun contexto de crise e despois do 15M, as posibilidades están abertas para quen saiba comprender o novo escenario. Andar e pensar ao mesmo tempo A sociedade debe percibir esta alternativa como unha, que dispón de iniciativa política e referentes sociais. Ao meu xuízo o seu proceso de constitución debería desenvolverse en dous momentos (que poden ser en parte simultáneos): confluencia interna dos activos da esquerda e do nacionalismo con interese en botar a andar a iniciativa, e converxencia externa para convertela nunha auténtica proposta de base cidadá. A primeira fase debería implicar (1) a transferencia do capital xerado ata o momento polos diferentes grupos; (2) dispoñer dunha proposta inicial conxunta para o debate no plano organizativo e programático; (3) abrir un proceso participativo común, a nivel territorial e sectorial, de xeito que as bases se apropien dos destinos da iniciativa; e (4) realizar unha asemblea constitutiva dunha organización común en poucos meses. Este debería ser un punto de inflexión que abra o seguinte paso, un diálogo aberto á cidadanía no que a proposta política se vaia conformando nesa colaboración coa sociedade, mesmo asumindo os compromisos da nova forza, como por exemplo as primarias abertas. As organizacións de esquerda apelan aos momentos constituíntes como os instantes de afirmación revolucionaria no que o pobo asume o poder, e se exerce de xeito efectivo a soberanía popular As organizacións de esquerda apelan aos momentos constituíntes como os instantes de afirmación revolucionaria no que o pobo asume o poder, e se exerce de xeito efectivo a soberanía popular (ás veces coincidente coa nacional). Eu sempre fun bastante cauteloso coas versións metonímicas do pobo (ou da nación), no que unha parte se concibe como o todo. O pobo non é só o pobo mobilizado, pero é certo que o exercicio da dignidade e a soberanía, das virtudes cidadás, é o que permitiu avanzar ás sociedades cara a democracia e a emancipación humana. A nosa iniciativa non é o 3º Estado constituíndose en nación francesa, pero tampouco a conformación dunha simple oferta política para a concorrencia electoral. A mitoloxía revolucionaria tende a comprender como óptimo un estado de mobilización permanente, converter en crónico o momento constituínte. Non podemos estar nun estado de mobilización continua pero si de implicación constante da base social que nos sustenta, e da cidadanía en xeral. A política 2.0 trátase diso, estender a participación e a deliberación ao funcionamento cotidiano das institucións e as organizacións políticas. Organización aberta, radicalidade democrática A política 2.0 trátase diso, estender a participación e a deliberación ao funcionamento cotidiano das institucións e as organizacións políticas A proposta emerxente debe conxugar capacidade de iniciativa e resposta política, no ámbito das institucións e no social. Os procesos de transformación desenvólvense en parte desde as institucións públicas, as normas, as políticas, os servizos importan, e tamén como procesos sociais autónomos. Debemos capacitar a iniciativa para actuar en todos os campos, reforzar o público como espazo de democracia e o Estado do benestar, e impulsar procesos sociais de emancipación humana. En canto organización política hai que reinventar a relación coa sociedade, establecendo unha comunicación de dobre sentido, sabe empatizar coas demandas cidadás. Non vamos a predicar a boa nova, nin a captar adeptos, vamos a falar e a escoitar, e a facer en común coa cidadanía. O 15M aprendeunos que a clave non está en admitir nominalmente os postulados da rexeneración, son varias as organizacións que o fan e tampouco son fiables para a maioría social. O crucial é internalizar esas formas de facer e comprender a política, e conseguir ademais que iso sexa crible para unha cidadanía que recea das forzas políticas. Temos que ter vontade de apertura, relacionarnos coa cidadanía en condición de igualdade, pero vai ser moi difícil que se nos vexa como algo distinto ata que nos vexan funcionar. O 15M aprendeunos que a clave non está en admitir nominalmente os postulados da rexeneración, son varias as organizacións que o fan e tampouco son fiables para a maioría social Debe xuntar a dimensión de organización política coa de movemento cidadá. Precisa unha estrutura que garanta o funcionamento democrático e capacidade operativa, ao tempo se comprende como unha organización aberta, transparente, coa permeabilidade necesaria para implicar o que se move ao seu redor. Unha organización intelixente que saiba establecer relacións horizontais cara a fora e cara a dentro, e capaz de aprender. A democracia non se contrapón á eficacia. É máis, na sociedade do coñecemento a dinámica colaborativa debe impregnar a organización para xestionar a complexidade. A democracia atende as relacións de poder e construción en común, pero tamén o saber e capacidade de relación co mundo. Aplicar á forza política o que predicamos para as institucións e a sociedade. Abaixo-arriba, empodera e implica; fóra-dentro, participada e empática; arriba-abaixo, decide e actúa; dentro-fora, inflúe e transforma; horizontal, coopera e actúa en rede. Podemos ser o que queiramos ser. Nacionalismo, esquerda, democracia Aplicar á forza política o que predicamos para as institucións e a sociedade. Abaixo-arriba, empodera e implica; fóra-dentro, participada e empática; arriba-abaixo, decide e actúa; dentro-fora, inflúe e transforma; horizontal, coopera e actúa en rede Está habendo debate sobre cal debe ser o posicionamento ideolóxico da nova forza, e por veces ponse en relación coa suposta demanda electoral. Eu estou convencido de que hai espazo para unha forza galeguista de carácter centrista, do estilo do que foi Coalición Galega, pero tamén estou convencido de que nós non podemos (nin queremos) ser esa forza. O máis importante para o éxito da nova iniciativa é a credibilidade, o noso maior activo é a honestidade política. A inmensa maior parte de xente que conformamos o proxecto somos de esquerdas e nacionalistas, debemos tender os brazos á xente que se ve como de centro-progresista ou galeguista, pero non debemos pretender ser o que non somos. Cousa distinta é como concibimos a esquerda e o nacionalismo. Para min o obxectivo non é abrir campo cara o centro-dereita ou deixar de ser nacionalistas, a cuestión é que se perciba como unha alternativa accesible, razoable, na que xente moi diversa poda sentirse cómoda e que comparte unhas bases de acción política aceptables para a maioría da sociedade. Podería darse un paradoxo habitual: adoptar unha fórmula descafeinada pensada para o mercado electoral, e que esta aproximación a un suposto nicho central do electorado producise peores resultados electorais. A inmensa maior parte de xente que conformamos o proxecto somos de esquerdas e nacionalistas, debemos tender os brazos á xente que se ve como de centro-progresista ou galeguista, pero non debemos pretender ser o que non somos Se aspiramos a ser maioritarios claro que nos ten que apoiar e votar xente moderada, galeguistas non nacionalistas e de centro, pero a oferta política que podemos (e queremos) facer con credibilidade é de esquerda e nacionalista, nunha formulación aceptable para a maioría social. De feito, deberiamos marcar distancia das propostas como as de CiU, que hoxe son percibidas polos nosos avais sociais como abandeiradas das políticas conservadoras. Que as propostas sexan accesibles e cribles é un reto que debemos poñer en relación coa capacidade de implicación cidadá. Se realmente conseguimos facer participe do proxecto á sociedade máis viva e consciente, non só ao circulo próximo dos convencidos, os focos de interese, as propostas, a linguaxe, terán maior sintonía coa maioría social. Deberiamos marcar distancia das propostas como as de CiU, que hoxe son percibidas polos nosos avais sociais como abandeiradas das políticas conservadoras Compre iniciativa política, referentes, comunicación e diálogo coa sociedade, e de inmediato precisamos documentos, espazos para participar e facer en común, rostros que fagan recoñecible o que compartimos, e unha folla de ruta. Dicía Castelao que había sitio para todos na obra en canto non se rematase, habería que engadir: facede sitio que hai moita xente con ganas de traballar, e non poñen chata, son parte da solución. En réxime de procomún. |
NOS_7726 | O Consello da Cultura Galega analiza o estado da arte esquemática | Desde hai máis dunha década, está aberta unha importante liña de investigación arredor da arte rupestre no sur oriental da Galiza. Dous achados casuais confirmaron en 2017 o potencial da zona. O primeiro foi a Cova dos Mouros da Fontaneira (Baleira) e posteriormente apareceron as do Penedo Gordo (Vilardevós). Xa máis recentemente, descubriuse un importante conxunto de pinturas en Casaio (Valdeorras) e, novamente na comarca de Monterrei, no conxunto arqueolóxico do Castelo das Laxes das Chás/Lobarzán. Moitos deses sitios sitúanse no ámbito xeográfico dos vales de ríos importantes, que serviron como corredores de circulación, polo que axudan a coñecer fenómenos como a mobilidade das poboacións e a circulación de ideas. Boa parte destes descubrimentos foron posíbeis grazas á "axuda de afeccionados", conta Beatriz Comendador, do grupo de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo e unha das organizadoras do monográfico que ten lugar hoxe ás 16 horas no Consello da Cultura Galega: Paisaxes Tatuadas: a arte esquemática pintada no norte peninsular. A principal motivación a respecto deste evento de divulgación é espertar o interese e a curiosidade da cidadanía polo tema, ademais de permitir a posta en común as investigacións desenvolvidas nos últimos anos. Tesouros ocultos A dificultade para visitar estes complexos responde a diferentes problemáticas. Por unha banda, son "pinturas moi leves e fráxiles, que non é fácil contemplar a simple vista", explica Comendador. Por iso, moitas veces os procesos de musealización e divulgación dependen de tecnoloxía de realidade virtual ou fotografía multiespectral. Ademais, a investigadora fai fincapé na imprescindíbel contextualización para que "a xente os vexa e os entenda", sen a cal corren no risco de seren "banalizados" e sufriren agresións do vandalismo, como aconteceu en Peña Piñera (O Bierzo). Son "pinturas moi leves e fráxiles, que non é fácil contemplar a simple vista", explica Comendador. Por outra banda, o difícil acceso aos lugares nos que se sitúan algunhas destas pinturas, como Casaio ou Lobarzán, contribúe a condicionar o seu coñecemento. Así mesmo, moitas veces os chans nos que se atopan teñen ocupacións asociadas e non permiten tampouco a visita masiva, pois podería pór en perigo a información que se agocha no subsolo. Sen fronteiras administrativas As convidadas ás xornadas do Consello da Cultura Galega resaltan a vertente transfronteiriza do obxecto de estudo, que debería contemplarse "desde unha achega que non teña en conta as fronteiras administrativas", salienta Comendador, con máis de 50 manifestacións no noroeste peninsular. Nesa liña apuntan especialmente os traballos de Lara Bacelar, investigadora da Universidade de Coimbra, e de Andrea Martins, da Universidade de Lisboa. "Empregamos o termo de arte de tradición esquemática", comenta Comendador, "para referirnos a figuras esquemáticas, desculpando a redundancia, reducidas á mínima expresión" Os achados inclúen diversos tipos de composicións, de momentos temporais tamén distintos, mais que se sitúan nun período posglacial, posterior ao Paleolítico. "Empregamos o termo de arte de tradición esquemática", comenta Comendador, "para referirnos a figuras esquemáticas, desculpando a redundancia, reducidas á mínima expresión", por exemplo, de representacións humanas e zoomorfas. Tamén se teñen detectado motivos soliformes (con forma de sol), cuxo significado non está claro. Ademais, preséntanse os denominados na tradición arqueolóxica como ídolos, que Comendador prefire chamar ideomorfos, por exemplo, con forma ocular que se poden observar en Casaio, seguindo a estela do sur da Península. Aínda que pouco frecuente, no Bierzo aparecen algunhas esferas. As pinturas son observadas como resultado dun impulso por marcar a paisaxe, elaborando "figuras moi codificadas", cuxos significados son descoñecidos na actualidade. Esas son as tatuaxes que alude o título das xornadas, nas diferentes formas de deixar pegadas no territorio, "fosilizadas, metidas na terra", rastros do que algún día tamén fomos. |
NOS_47920 | Dentro da cobertura especial das eleccións galegas do vindeiro 21-O, Sermos Galiza vén de entrevistar os candidatos con que BNG, PP, PSOE, AGE e CxG concorren aos comicios deste domingo. | Eis as entrevistas: Francisco Jorquera: "Empregaremos todas as ferramentas fronte ás políticas que vaian contra Galiza e o pobo" Alberto Núñez Feijóo: "A única enquisa válida é a das urnas o 21 de outubro" Pachi Vázquez: "Con Feijóo os pensionistas víronse convertidos en culpables da crise" Xosé Manuel Beiras: "Hai que inverter os procesos que están a levar a Galiza á ruína" Xoán Bascuas: "Temos que devolverlle a economía ás persoas" |
NOS_18588 | A croata impúxose con moita claridade á xogadora escocesa Anna Brogan nunha final pouco representativa do que foi o campionato | Vigo foi durante a última semana a capital galega do tenis. Algunhas das mellores tenistas do mundo déronse cita na cidade olívica nun torneo que foi altamente entretido e que finalizou na fin de semana coa victoria da xogadora natural de Croacia, Antonia Ružić. A croata impúxose con moita claridade á xogadora escocesa Anna Brogan nunha final pouco representativa do que foi o campionato. Desde o primeiro momento, Ružić dominou en todas as facetas do xogo vencendo en dous sets Brogan cun resultado final de 6-1 / 6-1. Sobre o papel esperábase un partido máis igualado, sendo que Brogan fixera un gran torneo durante toda a semana vencendo algunhas xogadoras de moi alto nivel como Nefisa Berberovic, natural de Bosnia e Hercegovina ou a galega Jéssica Bouzas. Bouzas, derrotada en cuartos A que era a única representante galega no torneo (após a derota en primeira ronda da viguesa Uxía Martínez), Jéssica Bouzas, caeu derrotada en cuartos de final, como xa se mencionou, contra a eventual finalista Anna Brogan. Martín de la Puente, tenista: "Teño que dar un pasiño adiante mentalmente para ser o número un" O partido en que, Jéssica Bouzas foi derrotada, foi un dos máis entretidos de todo o torneo. O partido comezou moi igualado, impoñéndose finalmente a xogadora escocesa por 6-4 após unha desafortunada rotura do saque da arousá. Con todo, iso non foi impedimento para que a galega sacase o seu mellor xogo e gañase o segundo set (6-2) dunha maneira realmente convincente, dominando en practicamente todas as facetas do xogo. Co partido completamente aberto para ambas as xogadoras, deu comezo o terceiro e decisivo set. A arousá tivo un tropezo nos primeiros compases do set cedendo unha rotura do seu saque ante a natural de Glasgow o que condicionou os xogos restantes do set. Despois dun amago de remontada, Bouzas caeu finalmente derrotada no último set por 6-3 acabando así con todas as esperanzas dunha vitoria na galega no Vigo Women Tennis Tour. 12 edicións do campionato Este torneo, que fixo este ano 12 edicións desde que a Federación Galega de Tenis o pasase a organizar por primeirra vez en 2002 (houbo unha parada de 2012 a 2020) chegou este ano con máis forza do que nunca. A croata Antonia Ružić escribiu o seu nome nos libros de historia ao unirse a outras históricas gañadoras do torneo como Frederica Piedade, Georgie Stoop ou Olivia Gadecki. |
NOS_43106 | Convidado polas mocidades de Anova, ofrecerá unha conferencia esta sexta feira en Compostela ao redor da súa obra 'O mito da guerra boa', sobre o papel dos EUA na II Guerra Mundial. Será ás 20h na libraría Couceiro. O libro está dispoñíbel en castelán na editorial Hiru Argitaletxe, fincada en Euskal Herria | "Vendéronnos!", berraba un vello no filme de Wolgang Becker Good Bye Lenin, a realidade paralela que un fillo inventa para que a súa nai, recén espertada dun estado de coma, pense que segue a vivir na vella RDA e non saiba da invasión capitalista que derrubou o Muro de Berlín en novembro de 1989. Por que contamos isto? Porque sobre a II Guerra Mundial e as responsabilidades que nela tiveron os EUA deita luz o politólogo e historiador canadense Jacques R. Pauwels na súa obra The Myth of the Good War. En galego, O mito da guerra boa. Neste libro, Pauwels conta cousas como que o sector socialista era o menos poboado e o máis feble economicamente: "a división da Alemaña proporcionaba aos 'aliados' as zonas máis prósperas do país. Os grandes portos do norte, as zonas industrializadas do Rhur e do Saar, as avanzadas Rhineland e Baviera, a Texas alemaña. Isto ben compensaba permitir que a URSS controlara o territorio da futura RDA". Mais, que ten a ver a II GM coa actualidade? Pauwels sostén que ten moito a ver, pois considera que non se pode entender a situación económica e social actual sen tomar en conta o impacto deste conflito. Ampárase na investigación crítica que desenvolveu na obra antes citada, O mito da guerra boa, onde confirma que o capitalismo é unha realidade presente e pasada porque se asenta sobre a explotación; que dentro desa realidade si que se producen cambios, mais non se cuestiona a súa continuidade; que os EUA apoiaron o nazismo antes e durante a guerra con empresas como IBM, ITT, Coca Cola, Ford ou Opel e que impuxeron gobernos conservadores e reaccionarios. Por que falamos hoxe deste politólogo e desta obra? Porque Pauwels dará unha conferencia en Compostela esta sexta feira. Intitulada 'Fascismo e gran capital' e organizada polas mocidades de Anova, será ás 20h na libraría Couceiro, onde xa teñen á venda O mito da guerra boa. Polo de agora só está dispoñíbel en castelán, lingua á que José Sastre fixo a tradución para a editorial independente Hiru Argitaletxe, fincada en Euskal Herria. |
PRAZA_11945 | O Tribunal Supremo condenou este xoves a Baltasar Garzón a 11 anos de inhabilitación polas escoitas xudiciais aos cabecillas da trama Gürtel. A sentenza está a provocar numerosas reaccións de indignación, coma a de Manuel Rivas, que afirma que "será moi celebrada por corruptos, narcos e todo tipo de alta delincuencia" | O Tribunal Supremo condenou este xoves o xuíz Baltasar Garzón a 11 anos de inhabilitación polas escoitas en prisión aos cabecillas da trama Gürtel, o que significa a súa expulsión da carreira xudicial. A condena, durísima, engade o pagamento dunha multa e as costas do proceso e sinala que o maxistrado da Audiencia Nacional vulnerou de forma "drástica e inxustificada" o dereito de defensa de Francisco Correa, Pablo Crespo e Antoine Sánchez, o que lle suporá a "perda definitiva" do cargo. O tribunal di que non se podía gravar "sen dispor de ningún dato que puidese indicar minimamente, nunha valoración razoable, que a condición de letrado e o exercicio do dereito de defensa estaban a utilizarse como coartada para facilitar a comisión de novos delitos". Hai dúas semanas o ex presidente da Comunidade Valenciá, Francisco Camps, foi absolto por un xurado popular dun delito continuado de suborno por aceptar agasallos da trama Gürtel. Rivas: "A sentenza ten un efecto de intimidación e traslada a interiorización do medo" Para Manuel Rivas, que manifestou publicamente o seu apoio a Garzón en numerosas ocasións, afirmou para Praza que a sentenza "será moi celebrada por corruptos, narcos e todo tipo de alta delincuencia". Ao fío da frase de Albert Camus, quen dixo que a vitoria do franquismo escenificara "a derrota da humanidade", o escritor galego afirmou que "todo isto que está pasando con Garzón encarna a derrota da humanidade no noso tempo". Rivas conclúe que a sentenza "ten un efecto de intimidación e traslada a interiorización do medo. Despois desta sentenza en España hai moita menos democracia, non se corresponde coa imaxe que este país se autooutorga". Pola súa banda, Manuel Dios, un dos voceiros da Plataforma Galicia con Garzón, cre que o proceso "é a crónica dunha infamia anunciada dende hai tempo; querían darlle un escarmento a el e a todos o xuíces que se atrevan a investigar a corrupción". Para o presidente do SGEP, "triunfaron as teses daqueles non toleraron que Garzón investigase de maneira obxectiva e independente os casos de corrupción". Hoxe ás oito da tarde estaba xa convocada unha xuntanza na Coruña da plataforma galega de apoio ao xuíz. Reaccións A sentenza xa foi valorada por Esperanza Aguirre, que a cualificou de "triunfo do Estado de Dereito, porque demostra que o fin, por moi loable que sexa, non xustifica os medios". Pola contra, Jiménez Villarejo, ex fiscal anticorrupción, definiu esta tarde o Tribunal Supremo como "caste de burócratas ao servizo da vinganza institucional". O New York Times publicou o pasado domingo un editorial que afirmaba que "procesar a Garzón é unha ofensa á xustiza e á historia". Onte mesmo quedou visto para sentenza o segundo xuízo celebrado contra el no Tribunal Supremo, por un presunto delito de prevaricación cometido ao investigar os asasinatos masivos realizados pola ditadura franquista, despois dunha denuncia do sindicato ultradereitista Manos Limpias. |
NOS_27969 | As candidaturas críticas nas primarias de En Marea aspiran a un reparto proporcional puro dos postos na conformación da Coordenadora Nacional (Executiva) da confluencia. | Quer Somos Quen quer Queremos Participar interpretan que a atribución de postos na Coordenadora Nacional debe realizarse de acordo cun reparto proporcional puro en relación aos resultados obtidos polas distintas candidaturas: 6 prazas para a candidatura encabezada por Luís Villares, 3 para a liderada por Davide Rodríguez e 2 pola que levaba a ex parlamentar Consuelo Martínez como número 1. Non é seguro que o reparto vaia ser finalmente ese, segundo puido saber Sermos de fontes do Comité Eleitoral que rexeu o proceso de primarias. O que di o regulamento taxativamente (artigo 5, ponto 5) é: "A Coordenadora Nacional será elixida polo Consello da Mareas tendo en conta a proporcionalidade dos resultados das candidaturas apresentadas ao Consello das Mareas, atendendo a criterios de paridade, eficacia e non remuneración". O matiz estaría na expresión "tendo en conta", que, ao non ser absolutamente prescritiva, abre certa marxe de discrecionalidade. A vontade política da candidatura oficial é, segundo soubo Sermos, que a dirección si que ten que reflectir "con certa proporcionalidade" as distintas sensibilidades da confluencia A vontade política da candidatura oficial é, segundo soubo Sermos, que a dirección si que ten que reflectir "con certa proporcionalidade" as distintas sensibilidades da confluencia. O asunto estaría, pois, en determinar até onde chega esa "certa proporcionalidade". A aplicación dunha norma de proporcionalidade pura xa levantou certa polémica no seo da organización á hora de realizar a atribución de postos no Consello das Mareas. Os resultados provisorios (21 para Máis Alá, 9 para Somos Quen, 5 para Queremos Participar) foron impugnados pola candidatura nucleada por Cerna por considerar que se producira un "erro aritmético" ao non aplicar a proporcionalidade estrita. O Comité Eleitoral desestimou o recurso -que demandaba un posto máis para QP en detrimento de MA- e elevou a definitivos os resultados provisorios co argumento de que só unha entre catro fórmulas eleitorais coñecidas (a Hare) daba a razón a Queremos Participar, en tanto que as tres restantes (Imperiali, Droop e Hagenbach Bischoff) confirmaban os resultados provisorios. A escolla da Coordenadora Nacional é unha tarefa que ten pendente o Consello das Mareas, órgao que realizou a súa reunión constitutiva o pasado sábado. O Consello -máximo órgao da confluencia entre asembleas- voltará a se reunir este próximo domingo, embora non é seguro que vaia ser nesa xunta na que se adopte un acordo definitivo sobre a estrutura da executiva. |
NOS_15614 | A produtora Vou Films estrea en Rianxo unha curtametraxe que trae á actualidade a lenda medieval do Castelo da Lúa. Desde o local e coa colaboración como bandeira, este pequeno colectivo desenvolve a súa actividade audiovisual arredor da divulgación histórica para todos os públicos. | A produtora Vou Films estrea o seu último traballo este sábado 25 de xaneiro ás 20 horas no auditorio de Rianxo. O Castelo da Lúa trae aos nosos días unha coñecida lenda medieval que arrodea a construción rianxeira que dá título á peza. Trátase dunha historia de amor "estilo Romeo e Xulieta, pero adaptada ao noso contexto", explica o director, Lois Basallo, a respecto do mito. Contan que un guerreiro caeu en mans do señor feudal do castelo e namorou da súa filla. Mais cando as amantes se fugaban xuntas, unha frecha alcanzou o guerreiro e a súa namorada, desfeita, botouse ao mar e afogou. "Collemos esa lenda e trouxémola aos problemas actuais", di Basallo. Así, introducen a familia conserveira dos Salorio como protagonista. "Collemos esa lenda e trouxémola aos problemas actuais", di Basallo A peza, de 27 minutos, chega aínda quente do forno. A rodaxe rematou en decembro do pasado ano e a edición foi contrarreloxo, con máis de 200 horas de traballo. O proceso de produción estivo cheo de malabarismos, pois Vou Films é unha desas pequenas produtoras que traballan maioritariamente a través de colaboracións, co pulo da paixón polo audiovisual como motor. "O elenco e a equipa facemos todo de maneira altruísta, sen cobrar ningún", asegura Basallo. Sergio Pazos, Miguel Pernas, Brais Abad, Xelo Cagiao, Claudia Basallo e Gemma Do Carmo son as principais intérpretes. Ademais do Concello de Rianxo, o tecido social é un dos apoios fundamentais que fixo posíbel a realización do proxecto. Á parte desta curtametraxe, en Vou Films están a crear unha triloxía (As lavandeiras, As costureiras e As peixeiras) artellada sobre o eixo das mulleres da época de posguerra, con elementos fantásticos propios da cultura galega, como pode ser a Santa Compaña. Un traballo que medra devagar co obxectivo de se converter en webserie cando cheguen ao número de pezas suficiente. Dar a coñecer a historia "Gostamos moito da nosa cultura e tradición", reivindica Basallo, o que se manifesta quer nos traballos anteriores quer na nova peza. En Vou Films entenden a ficción como "unha vía para divulgar a nosa historia", explica Adriana Rego, a produtora. "Eu ademais son historiadora e Lois é xeógrafo, polo que temos un interese especial nestas temáticas", confesa. De feito, tras a proxección do sábado, como adoitan facer cos seus outros audiovisuais, ofrecerán "unha mesa-debate cun arqueólogo [Mario César Vila] para explicar o contexto". Así conseguen completar aquela máxima de ensinar case sen que as espectadoras se dean conta de que están a aprender. En Vou Films entenden a ficción como "unha vía para divulgar a nosa historia", explica Adriana Rego "Gostamos do que facemos, mais non temos todos os medios que nos agradaría", di Basallo. O panorama do audiovisual veno complicado, mais cren en optar polo pequeno, procurando a "repercusión" que lles dea a "oportunidade de facer algo maior". Por proxectos non será, pois teñen xa "varios entre dentes", di Basallo, mais agora a prioridade é "que saia todo ben nesta estrea". E logo, a seguir remando. |
NOS_12377 | O líder dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, demandou na segunda feira que a Xunta poña en marcha un plan de vacinación "solvente". | O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, demandou á Xunta da Galiza a posta en marcha dun plan de vacinación "sólido e solvente" e asegurou que "non é lóxico que as vacinas estean gardadas" no Servizo Galego de Saúde (Sergas) cando "poden ser usadas". "Non podemos ter no sistema de saúde as vacinas esperando cando estamos ante a maior crise, con moitos gromos e cando a poboación en situación máis vulnerábel segue asumindo grandes riscos", manifestou o máximo responsábel dos socialistas galegos, no marco dunha rolda de prensa realizada no Parlamento da Galiza. "Que ningún galego teña que estar a esperar a que se lle poida pór a vacina se esa vacina está dispoñíbel nos sistemas de conxelado do Sergas", reclamou Caballero, quen apostou por "aproveitar a posibilidade que dá a ciencia e a seguridade das vacinas fronte aos virus". Neste sentido, emprazou o Goberno galego a desenvolver un plan que permita facer chegar as doses á poboación coa "maior celeridade". A proposta do dirixente socialista chega após informar a pasada semana a Administración galega que xa fornecera gran parte das doses recibidas pero reservaba un terzo do stock para garantir a segunda dose no caso de que se producise algunha incidencia na subministración. "O máis solvente" é "usar as vacinas" e "non telas gardadas porque van seguir chegando", expuxo Caballero, quen subliñou que "a garantía de pór as vacinas desde o primeiro momento é superior á de calquera outro tipo de escenario". "Ese é o camiño que temos que percorrer", lembrou o secretario xeral dos socialistas galegos, quen demandou ás autoridades galegas seguir as recomendacións sanitarias trasladadas pola Unión Europea e o Goberno do Estado. Neste sentido, o domingo 10, o portavoz socialista en materia sanitaria, Julio Torrado, instou Feixoo a que "non se escude en roturas de stock cando sabe que as vacinas están aí porque a Xunta forma parte do Consello Interterritorial". |
NOS_32737 | Os socialistas da Galiza, na voz do seu líder Gonzalo Caballero, quixeron poñer de manifesto de cara á cuarta lexislatura de Feixoo que cómpre adoptar as competencia propia en toda a súa capacidade para apoiar a industria e protexer as persoas maiores. | O líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, afirmou tras a toma de posesión de Feixoo como presidente da Xunta, que agora é "momento de por xa toda a capacidade das competencias e do autogoberno da Galiza ao servizo da cidadanía ". Caballero sinalou que lle desexa ao próximo goberno "todos os acertos ", e quixo lembrarlle que hai "un autogoberno galego definido no Estatuto que lle dá á Xunta moitas competencias en moitos ámbitos decisivos". Galiza, dixo o socialista, plenitude para "acompañar a industria, os maiores, os que teñen máis dificultades". Segundo recalcou o portavoz da terceira forza do Parlamento, esta "ten que ser a lexislatura da protección das persoas diante da crise económica, social e sanitaria" e, engadiu, é o momento de usar as competencias propias para "o inicio do curso escolar, para por todos os mecanismos de protección da política social nas residencias de maiores, para tomar todas as medidas de precaución fronte a os gromos", reclamou. O líder dos socialistas manifestou que agarda que "se tomen todas as decisións para que ninguén quede atrás" na saída da crise e reiterou que o PSdeG vai facer unha oposición centrada na defensa da sanidade e dos servizos públicos. |
PRAZA_7825 | Twitter publica o anuncio da inminente posta en marcha do servizo na nosa lingua e horas despois suprime a anotación e substitúea pola nova de que comezará o proceso para contar cunha versión en latín. Os promotores da iniciativa lembran que só a participación dos usuarios e usuarias pode acelerar o proceso. | Ninguén dixo que fose ser doado. Podermos contar cunha versión de twitter en galego é un obxectivo polo que dende hai meses vén traballando a comunidade tuiteira galega, que demanda que o galego se sitúe ao mesmo nivel que outras linguas coma o catalán e o vasco. O proceso segue adiante, vai avanzando. Hai uns meses o galego foi incluído no Centro de Traducións e comezou o traballo de incorporación de termos na nosa lingua. Aínda que este labor está lísto, os promotores de Twitter en Galego levan semanas lembrando que agora o importante é que participen moitas persoas na votación das traducións propostas para cada termo. Este martes pola tarde chegou a publicarse no blog do servizo de tradución que o romanés e o galego foran incorporados. Porén, horas máis tarde a anotación era suprimida e o blog anunciaba que comezaba o traballo de tradución de Twitter ao latín Dende comezos deste mes comezou un ruxe-ruxe que sinalaba que nalgún momento de febreiro Twitter podía dar o seu visto bo á versión galega. E de feito este martes pola tarde chegou a publicarse no blog do servizo de tradución que o romanés e o galego foran incorporados grazas á colaboración de toda a comunidade de tradutores. Porén, horas máis tarde a anotación era suprimida e o blog anunciaba que comezaba o traballo de tradución de Twitter ao latín. Non se sabe até que punto esta nova implica un adiamento na incorporacion do galego ou se a decisión ten que ver co proceso que o Vaticano vai iniciar para a escolla dun novo Papa, pero o certo é que nos últimos días sumáronse novos obstáculos nunha carreira na que non se lle están poñendo as cousas doadas ao galego. Primeiro foi a detección dun intruso que durante semanas introduciu á mantenta traducións incorrectas. Esta persoa non tiña coñecementos da lingua galega, e o que facía era copiar outras traducións correctas e logo engadirlles signos ortográficos para distinguir a súa da do resto. Ademais, contaba con varias contas de usuario coas que votaba os seus propios termos e eliminaba as demais traducións correctas para que perdurase a súa. Finalmente, este martes o Centro de Traducións de Twitter sancionou este boicotador e suprimiu as súas achegas ainda que polo camiño tamén se perderon as opcións que el votara negativamente. Este episodio fai máis urxente ca nunca algo que os promotores de twitter en galego levan semanas lembrando: que se necesitan máis usuarios que validen e contrasten, isto é: que voten, as traducións ao galego propostas. Neste caso, ademais, hai que reparar os danos causados por esta persoa. O Twitter en galego chegará, aínda que polo camiño se cruce o Vaticano ou un boicotador. Pode que sexa cousa de semanas, de días ou mesmo de horas. Pero parece que o único que se pode facer para acelerar o proceso é colaborar no proceso de votación das traducións ao galego. |
NOS_34897 | O PSdeG perde 11 puntos no concello das Pontes, pero logra manterse como a forza máis votada. | A crise industrial na que está inmersa Galiza pasou factura ao PSdeG nos comicios electorais deste 10 de novembro. O partido de Pedro Sánchez acusou a decisión de Endesa de fechar a central das Pontes e perdeu máis de 800 votantes, segundo os datos provisionais do Ministerio do Interior. A formación foi ademais a que experimentou unha maior baixada porcentual con respecto aos comicios de abril, ao pasar de contar con 41,08% dos apoios a ter 30,14%, once puntos dos que se aproveitaron o PP, que subiu oito (de 16,68% a 24,72%), e BNG, que logra seis puntos máis (de 10% en abril a 16,76%). O PP, primeira forza en Cervo Noutro dos epicentros da crise industrial, o Concello de Cervo, onde se asenta a multinacional Alcoa, o PSdeG tamén notou as consecuencias de non ter aprobado en tempo e forma un estatuto específico para as industrias electrointensivas. Porén, o descenso non foi tan acusado como no caso das Pontes. O PSdeG perdeu un punto porcentual ao pasar de 32,54% dos sufraxios en abril a 31,16% este novembro. O problema está en que, a consecuencia desta perda, o PP situouse no concello como a primeira forza tras escalar tres chanzos, de 30,05% a 33,22%. Podemos resiste como terceira forza e o BNG crece con intensidade e pasa de 6,51% a 10,01%. |
NOS_56456 | Dirixentes do PSdeG consideran que a presidenta da xestora "desacreditou" Abel Caballero e emprázana a rectificar. | Nova fronte aberta no seo do PSdeG, en plena campaña de primarias e con dúas citas electorais á vista, xerais e galegas. As declaracións de Pilar Cancela nunha entrevista da Cadena Ser defendendo a posibilidade duha alianza con En Marea após os comicios autonómicos caeron como unha bomba en certos sectores do socialismo galego, nomeadamente aqueles próximos a Abel Caballero e/ou os críticos coa actual xestora do PSdeG. Os reproches choveron sobre Cancela desde diferentes responsábeis, recollen medios como o Faro de Vigo, como o PSOE provincial de Pontevedra e de Ourense ou o local de cidades como Vigo, A Coruña e Ferrol. Consideran que as declaracións de Pilar cancela "desacreditan" o alcalde de Vigo pois este criticara recentemente os gobernos destas candidaturas. A presidenta da xestora manifestou, preguntada na entrevista na Ser Galicia por esas declaracións, que o PSdeG debía "saír do localismo" e ter "unha visión máis ampla", apontando que o futuro de Galiza pasa "por gobernos alternativos ao PP que desde o PSdeG pretendemos encabezar". Non gostou a resposta aos sectores socialistas antes mencionados, que cargaron con dureza contra a súa compañeira. Pídenllle que retire o dito, que cualifican de "moi grave" e lémbranlle que unha xestora provisional non é quen de marcar a política de alianzas do PSdeG. Os máis duros mesmo a acusan de "defender as marés contra Caballero". A xestión de Pilar Cancela á fronte da xestora ten sido cuestionada en varias ocasións. Nestas primarias, e embora ela defender a súa neutralidade, é vista por certos sectores como unha valedora da candidatura de Fernández Leiceaga. |
NOS_48301 | Como David fronte a Goliat. Esa é a situación do comercio galego fronte ao titán neoliberal e centralista co que se enfronta. Entrevistamos a Ana Rúa Souto, ex directora xeral de Comercio e coordinadora do A Fondo desta semana. | -Cal é a oportunidade de sacar neste momento este A Fondo sobre o comercio galego? -En primeiro lugar, eu penso que este tema é propicio para calquera momento. Primeiro, pola importancia que ten, social e non só estrictamente comercial. En segundo lugar, están saíndo unha batería de normas, constantemente, pinga a pinga, que invaden as competencias de Galiza nesta materia. O colofón último (que non o derradeiro) foi o decretazo Omnibus que veñen de publicar estes días e que reforma unha cantidade inxente de normas, e supón unha nova volta de porca en materia de liberalización de horarios, que eu coido nefasta para o comercio galego pois dirixe a compra aos grandes grupos de distribución e prexudica os pequenos comerciantes. -Cales son as vantaxes do pequeño comercio? -Abondosas: crea traballo estábel no país e constitúe o sustento de numerosas unidades familiares; tributa aquí e non corre o risco da deslocalización … En fin, o pequeno comercio é moi positivo para as nosas economías locais, e polo tanto, para a economía galega. Ademais, contribúe a crear cidades e vilas cohesionadas, compactas, convivenciais e máis seguras … e saudábeis, do punto de vista ambiental e persoal. Por certo, en contra da propaganda ao uso dos centros comerciais, hai que dicir que as grandes áreas non xeran máis que traballo precario, e nun tris deslocalízanse, amén de non tributar en Galiza. -Que contidos poderemos encontrar neste A Fondo? -Ademais de cuestións meramente técnicas, considerei que era importante abordar a importancia da política, e das cuestións normativas, sobre o sector. Faise política a golpe de BOE, mesmo vía decretazos, que implican non pasar as normas polos diferentes parlamentos, o que lles resta calidade democrática. O que significa que cada día Galiza conte con menos competencias para decidir e abonda nun feito: a sociedade galega ten que facerse consciente de que necesitamos máis cotas de soberanía. O decretazo "Omnibus" supón unha nova volta de porca en materia de liberalización de horarios, que eu coido nefasta para o comercio galego -Mais tamén están neste A Fondo dous grandes temas pasto da polémica: as grandes superficies e a liberalización dos horarios. -Quería que neste A Fondo se dese unha visión dos grandes temas que ocupan a axenda político-mediática en materia de comercio: horarios e grandes superficies. Abordamos, ademais, a influencia que ten a localización dos grandes centros comerciais na ordenación do territorio. Incluímos, así mesmo , a visión dos comerciantes a través da entrevista que lle fixemos a Xosé Bangueses, presidente do Foro Galego de Comercio. Tamén me pareceu de interese introducir a perspectiva do comercio dende un punto de vista máis paliativo, é dicir, das medidas que se poden adoptar para a súa mellora na situación actual. -Neste A Fondo analízase polo miúdo o efecto das políticas centralizadoras sobre a realidade específica e diferencial do comercio galego… -E que Galiza non é Castilla. Non o é, por exemplo respecto do asentamento da poboación. Galiza ten ao redor de 35.000 núcleos de poboación, característica propia e específica do noso país; un sinal máis dos múltiples que configuran a nación galega como un todo. A implantación dunha gran superficie nunha vila castelá non ten a repercusión supramunicipal que pode ter en Galiza. O 30% da poboación galega supera os 65 anos. Como garantir unha igualdade á hora de abastecer a toda a poboación cando ti fas unha política que deriva o comercio ás áreas periurbanas? A cidadá ou o cidadán de 65 con problemas de mobilidade, se non ten auto para desprazarse, como accede a ese centro? Outro feito diferencial, e que debera terse en conta á hora de estabelecer os períodos de rebaixa, é o clima; mais é algo que debe acordar todo o comercio… Cada país necesita dunha lexislación acaída á súa realidade. -Que medidas coidas que sería máis importante adoptar con respecto ao comercio galego? -Imos ver; o máis grave problema actual do comercio galego é que non vende. Estamos perante problemas económicos xerais que sinalamos ao longo dos artigos deste A Fondo. A maiores, e de forma específica, requírese dunha política comercial que pense por e para Galiza; que dentro dos cada vez máis estreitos marcos establecidos por unha UE teimuda co mantra da "unidade do mercado", no labor de adecuación das correspondente normativa interna, actúe conforme a unha realidade propia, específica e acaída. Se o goberno do Estado realiza unha interpretación inflexíbel da normativa europea e o goberno galego practica ese seguidismo que o caracteriza … pois non hai nada que facer. E digo isto, con independencia de que, xa de principio, o modelo europeo é nefasto para o pequeno comercio. A partir de aí, tamén está claro que o propio sector debería adoptar unha actitude participativa e reivindicativa masiva, mais por razóns que xa explicamos, isto aínda non se produciu. E a liberación vainos machucar. Quería que neste A Fondo se dese unha visión dos grandes temas que ocupan a axenda político-mediática en materia de comercio: horarios e grandes superficies. -Da túa etapa como directora xeral de Comercio no bipartito, que lembras de maneira máis positiva e cales son os recordos máis agres? -Ben, esa foi unha etapa que xa pasou; mais lembro moitas medidas que custou moito traballo introducir (primeira Lei de Horarios Comerciais de Galiza; o proxecto de Comercio Rural Galego; o primeiro paso do Selo Galego de Comercio; moitas actuacións formativas, informativas e divulgativas …) que se implantaron de maneira moi efectiva, estruturais e máis conxunturais, moi satisfactorias. Como o foi, tamén o trato coa base do sector, co funcionariado e con moitas compañeiras e compañeiros que puxeron traballo e entusiasmo nas tarefas de goberno e que me acompañaron eses anos. O que si me resultou, bastante "agre", como di vostede, foi que despois do traballo e esforzo realizados para que a nova lei de comercio fora adiante, finalmente quedara conxelada ás portas do Consello da Xunta. Foron 3 longos anos con ela elaborada que, finalmente, non deron o seu froito. Mais o actual goberno puido retomala e non o fixo e a Lei que, ao fin, impuxeron é fielmente coherente co ideario que defende: neoliberal e obediente ao mandado estatal. -Houbo proxectos que quedaron paralizados coa chegada do goberno de Feijóo… - Quedou paralizado o proxecto de comercio rural, o selo galego de comercio, a web de comercio electrónico, que estaba tendo moito éxito e estaba pendente dunha campaña para posicionala. Adiantábase ao que despois veu con Amazon ou con webs das grandes marcas, estas si convenientemente publicitadas polos xornais convencionais, como a de Zara. Por outra banda, as axudas diminuíron. E o que para min é máis importante: o goberno galego é absolutamente obediente ás directrices estatais, e non pelexa para defender as propias competencias, que son escasas, pero existen. Andalucía, Asturias, … recorren normativas estatais. En Galiza só hai silencio e subordinación. E así nos vai … -En quen farías recaer as responsabilidades da actual liberalización e uniformización? - Nunha Unión Europea servil aos grandes grupos de distribución e ás transnacionais. E aquí ao PP, que as aplica ao pé da letra; e ao PSOE. Ambos partidos están a favor da unidade de mercado para a Unión Europea, tal e como puden e podo constatar día tras día. - Por que "floreceron" durante estes anos as grandes superficies en Galiza? Mire, o que o sector do pequeno comercio e a sociedade no seu conxunto debe saber é que os grandes grupos de distribución deseñan as súas estratexias de expansión con anos de antelación e que en tempos da chamada "burbulla inmobiliaria", moitas operadoras comerciais decidiron expandir os seus negocios especulativos, ao tempo que forzaban unha normativa acaída ás súas pretensións, Unión Europea mediante. De aí saíu a famosa Directiva Bolkestein, de liberalización do comercio e servizos, aprobada en 2006. -E Galiza, por que normas se rexía? -En Galiza non había apenas lexislación comercial, que databa de 1988, mentres que a partir do ano 2000, xa moitas CCAA do Estado, usaran as súas competencias regulatorias. Pois ben, en Galiza, só había un decreto do ano 96 sobre esta materia que foi rebaixado no 2003, xustamente para facilitar as implantacións que se aveciñaban e que xa estaban negociadas coas diferentes administracións galegas, sobre todo vía concellos. Cando o BNG entrou no goberno a situación era tremenda: unha "explosión" de solicitudes para implantar grandes establecementos individuais integrados nos macro-centros xa negociados cos concellos e sobre os que a Xunta de Galiza non tiña competencias ningunhas. Como parar isto? A través dunha Lei de Ordenación do Comercio Interior de Galiza. E Así se fixo. En 2006 o anteproxecto estaba elaborado, mais non foi a termo. As razóns? Coido que están máis ou menos explicitadas no meu artigo deste "A Fondo". Permítame non afondar máis … |
NOS_33751 | Todos os grupos da Cámara --agás o Partido Popular-- amosaron o seu apoio @s traballador@s da sanidade pública, en folga contra os recortes e privatizacións impulsados pola dereita, mentres o goberno galego defende as súas medidas. | Mentres o goberno galego fai ouvidos xordos ás denuncias dos traballadores e traballadoras da sanidade pública, os grupos da oposición amosaron esta segunda feira o seu apoio á dobre xornada de loita convocada polas centrais sindicais contra a privatización do sistema de saúde. Segundo o vice-presidente da Xunta, Alfonso Rueda, non hai "motivos obxectivos" para encetar esta greve que visa demandar o mantemento da sanidade como servizo público face as políticas de privatización e recortes impulsados polos gobernos español e galego. Para a man dereita de Feijóo as medidas aprobadas --entre elas a recente Lei de garantías das prestacións sanitarias-- están "directamente guiadas polo interese público". Porén, desde a oposición desmontan os argumentos do PP e aseguran que as súas políticas "buscan aniquilar a sanidade pública" en favor das "empresas e aseguradoras privadas". Unha "estratexia premeditada" Tanto o BNG, AGE como o PSdeG adheríronse nesta primeira xornada de folga ás denuncias do persoal sanitario e criticaron as declaracións feitas pola conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, quen calificou de "ideolóxico" o paro para desprestixiar a convocatoria. "O ideolóxico son os recortes, os copagos e as privatizacións" que está a aplicar o PP nun servizo público básico, asegurou a parlamentar do PSdeG-PSOE, Carmen Acuña, que para o voceiro nacional do BNG constitúe un "proceso de degradación" da sanidade "premeditado". BNG, AGE e PSdeG secundarán as mobilizacións convocadas polas centrais sindicais para esta terza feira O líder nacionalista, que se reuniu esta mañá con delegad@s sindicais do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), o Partido Popular está a empregar "desculpa do aforro" para que a sanidade se torne "máis cara e de peor calidade". Unha estratexia, advirten desde Alternativa Galega de Esquerda que visa "a privatización pola porta de atrás da sanidade pública en beneficio coma sempre das empresas privadas e a costa da cidadanía", acrecentou a deputada Eva Solla. As políticas privatizadorasAs forzas da oposición denuncian que as políticas aprobadas polo PP responden a unha "estratexia premeditada" para favorecer a "empresas amigas e os lobbies" que "o financian en moitas comunidades autónomas, como Galiza", sentenciou Xavier Vence. Neste senso, para o portavoz nacional da organización frontista "ecórtase en sanidade pública para fortalecer a sanidade privada e iso é un mal negocio para o país". Así, Vence asegurou que "os recortes" impulsados polo executivo galego se complementan con "medidas lexislativas cara unha progresiva privatización da sanidade pública, como o Decreto do 24 de xullo de 2013 sobre uso de medicamentos, a recente Lei de Garantías Sanitarias, ou o protocolo da Fundación 061" medidas "que favorecen a privatización incluíndo o desvío de doentes a clínicas privadas cando hai seguros que cobren os gastos". Xestión clínicaMedidas ás que se lle engade "a posta en marcha de áreas de xestión, non como ferramenta de mellora na xestión clínica a favor dos pacientes senón como novo mecanismo de privatización coa pretensión do PP de dotar a esas áreas de xestión de personalidade xurídica propia", explicou o voceiro da organización frontista. Desde as forzas da oposición súmanse ás mobilizacións comarcais convocadas polas centrais sindicais para esta terza feira. |
NOS_22395 | Ambas as artistas galegas loitan por seguir os pasos das Tanxugueiras e triunfar no Festival de Benidorm. | Após ficaren as Tanxugueiras ás portas de gañar o Festival de Benidorm e lograr o billete a Eurovisión o pasado xaneiro, a música galega terá unha nova oportunidade —dúas, máis ben— no certame que decorrerá en 2023. A coruñesa Hydn entrou no 'top 12' da segunda sondaxe popular do festival coa canción Drowning Fire, na que mestura galego e inglés no que ela mesma denomina como 'galenglish'. O seu obxectivo, alén de expresarse nos idiomas que sente máis de perto, é "chegar a xente que non sabe nin da existencia do galego". "Non sei nin como cheguei a estar entre as 100 persoas seleccionadas, nin moito menos como rematei no 'top 12' desta rolda. Sinceramente, estábame a buscar na lista de persoas eliminadas. Comecei a subir, non me atopaba e pregunteime se se esquecerían de min", dixo, após coñecer os resultados. Nesa listaxe que abrangue un cento de artistas tamén se sitúan artistas como C. Tangana, Nathy Peluso, Rosalía, Lola Índigo... e outra galega, a redondelá Sheila Patricia, que participa desta votación popular co tema A Moura. "En tempos nos que a música de raizame galega atopou o seu público a través do filtro electrónico, Sheila Patricia chega para reclamar o posto de pioneira que lle pertence", sinalaron desde a súa axencia. Así, a autora promete "dar guerra" na loita por unha praza en Eurovisión co obxectivo final de "dotar de renovadas falanxes e tendóns rítmicos o seu fondo canto astral de tradición galaica". A terceira rolda de votacións ficou aberta na tarde desta cuarta feira e fechará ao remate desta quinta. Nas próximas semanas saberase se, finalmente, a Galiza conta con dúas representantes no Festival de Benidorm. |
NOS_51410 | A Semente Trasancos vén de presentar o CD "Músicas para a Semente" de cancións tradicionais logo dun ano de ensaios e gravacións. | "Músicas para a Semente" é un disco gravado por cinco cantareiras da comarca, con Alberte Maceiras na dirección musical e outros catro músicos. Unha das cantareiras e pandeireteiras, Iria García, conta que "traballamos moito as raíces das cancións tradicionais de Galiza e Portugal, é un agasallo para todas as crianzas deste país mais é un CD para todas as idades. Tamén disfrutamos moito ao facelo e agradecemos o gran esforzo de diferentes persoas da comarca que puxeron o seu coñecemento para que fose unha realidade". 'Músicas para A Semente' vén en formato libro e dentro poden atoparse as letras dos temas. Este é outro proxecto máis para acadar o financiamento deste novo proxecto de escola con ensino 100% en galego. Pode mercarse, ademais de na propia Semente Trasancos, na Fundaçom Artábria de Ferrol, no Muiño do Fabal de Narón, na libraría Carpe Diem de Ares, na Semente de Vigo ou na Numax de Compostela, entre outros puntos de venda. |
PRAZA_6867 | O Consello de Contas ratifica a opacidade dos cursos supostamente impartidos por entidades ligadas a Gerardo Crespo e esténdeas a outras organizacións empresariais e sindicais. A Xunta non comprobou se unha das entidades investigadas na Operación Zeta realizou ou non cursos para os que recibiu máis de 200.000 euros de subvención. | Máis madeira para o lume do escándalo da trama Zeta. A combinación da axenda parlamentaria e do feito de que, hai case dous anos, se incluíse no plan de traballo do Consello de Contas a análise dos programas de formación para o emprego sufragados pola Xunta no ano 2010, provocou este luns que o ente fiscalizador sacase á luz novas dúbidas sobre os cursos de formación que subsidia a Consellería de Traballo en xeral e, en particular, sobre os outorgados a entidades da rede presuntamente corrupta dirixida polo empresario coruñés Gerardo Crespo. O organismo fiscalizador entregou no Parlamento un informe no que, como a Unidade de Delincuencia Económica e Financeira (UDEF) da Policía, certifica supostas irregularidades e un manto de opacidade en torno a estas accións formativas amparado, en boa medida, pola falta de ontrol da Administración. O organismo que dirixe en funcións o ex conselleiro Xesús Palmou comeza o seu informe advertindo de que a análise destes cursos, impartidos por múltiples organizacións sociais, sindicais, empresariais e pola propia Xunta, está "limitada pola ausencia de instrumentos de planificación con obxectivos e indicadores válidos que permitan valorar o seu cumprimento". Partindo da base da imposibilidade de "realizar unha valoración global da actividade de formación" e mesmo da dificultade de "determinar con precisión o gasto" do Goberno galego neste ámbito, Contas salienta prácticas reiteradas nas diversas organizacións, tanto nos cursos para persoas desempregadas como nos destinados a ocupadas, como reiteradas subcontratacións con entidades afíns ou o pagamento de gastos ordinarios de funcionamento con cartos destinados aos cursos. Contas ratifica as dúbidas sobre as entidades de Crespo e esténdeas a outras organizacións empresariais e sindicais Así, no que atinxe ás subcontratacións, Contas sinala que "de forma destacada, en torno a algúns beneficiarios dáse un elevado elenco de entidades vinculadas que absorben a totalidade das súas contratacións externas", unhas subcontratas que, ao seu xuízo, están fóra da norma. Deste xeito, subliña que "na contorna de Gecreri", unha das empresas de Crespo, "aparecen outras seis entidades: Fundefo, Gecan, Propuestas Empresariales, Mavilga, Edicións Transfontao e Acada Innovación", moitas delas investigadas no marco da trama Zeta. Do mesmo xeito, por exemplo Fundefo e Gecreri mércanlle o material didático a Propuestas Empresariales e, asemade, Fundefo aluga locais de Gecreri. Alén da suposta trama corrupta Contas tamén detecta este tipo de prácticas "en torno ao grupo Academia Postal" e "na Fundación Paideia", no que atinxe ás subcontratas e nos sindicatos IGT e CIG, nos alugueiros de locais. Para o Consello de Contas a subcontratación "con centros de formación a impartición de parte dos cursos" non só infrinxe a norma autonómica -a estatal é máis laxa neste ámbito-, senón que tamén implica que entidades que non "imparten propiamente as accións formativas" poidan "facturar e percibir gastos indirectos de xestión" que "encarecen o custo das accións formativas sen achegar valor engadido". A este factor engádese o feito de que "en numerosos expedientes existen gastos que, por responder aos ordinarios de funcionamento das entidades ou non ter ningún compoñente que poida relacionarse co desenvolvemento do proceso de formación ou non corresponder ao período de impartición das accións formativas, non deberían considerarse financiables". Sen comprobacións da Consellería Unha das críticas máis recorrentes do Consello de Contas é a ausencia de comprobacións por parte da Consellería de Traballo a respecto da correcta realización dos cursos. Así, as máis das veces abonda coa memoria que presentan as entidades -as da suposta trama e as demais- para xustificar diversos aspectos da suposta impartición. Deste xeito non constan, por exemplo, partes de asistencia que teñan que ser asinados polo alumnado, unha documentación que, "independentemente de que a súa ausencia non comporte incumprimento normativo", "parece unha esixencia mínima", di o Consello. Nesta liña, o informe de Contas achega exemplos de como, por exemplo, nun curso impartido por Gecreri en Viana do Bolo "non consta a realización de visitas de comprobación" por parte da Xunta, o mesmo que aconteceu noutro curso da mesma entidade en Arteixo. Mentres, nunha acción formativa de Fundefo na Cañiza o Consello de Contas detecta que "a contratación realízase con empresa vinculada", Gecam Formación, que "ten o mesmo administrados que Gecreri", empresa que á súa vez é "administradora de Acada Innovación", entidade cuxo domicilio "coincide co de Gerardo Crespo". A Xunta non comprobou se FEAGA realizou cursos que subvencionou por máis de 200.000 euros Tampouco houbo control da Xunta nas accións formativas organizadas por outra das entidades presuntamente integrada na trama Zeta, a Federación de Autónomos de Galicia (FEAGA), que no caso analizado recibiu fondos por importe de máis de 200.000 euros. Para a realización de cursos como Intelixencia emocional, Photoshop ou Coaching and mentoring, FEAGA contratou a "realización da totalidade das accións formativas" con FEMXA formación, que facturou "o 100% do custo de cada acción formativa". A subcontratación "realízase en termos tan amplos" que "é dificilmente xustificable", "o número de alumnos que participan superan os autorizados" e, ademais, non existen "xustificantes de gasto" que "permitan o control". En calquera caso, non houbo control de asistencia de alumnado nin "comprobación in situ" por parte da Xunta "da realización do curso". Fiscalización dos programas de formación para o emprego, volume I Fiscalización dos programas de formación para o emprego, volume II |
NOS_35156 | O 'Galaicopanel' de Electomanía sitúa o BNG como terceira forza, duplicando cadeiras (11). PP obtería 36 deputados e precisaría as 4 que este traballo outorga a Vox para ter a maioría absoluta. | Feixoo dependería para manter a maioría absoluta na Galiza de Vox. Este é un dos titulares que eixa a estimación de Electomanía de cara ás eleccións galegas deste ano. Outro titular sería a suba do BNG, que pasaría ser terceira forza e superaría tanto Grupo Común da Esquerda como En Marea. Os de Villares ficarían sen representación. O traballo de Electomanía elabórase, informa o portal, mediante promedio de enquisas, dados propios e histórico de resultados electorais previos. En base a isto, PP obtería 39,9% dos votos e 36 representantes no Parlamento da Galiza, cinco menos que agora (ten 41) e 2 por baixo da maioría absoluta (38 escanos). Lo prometido es deuda... Feijoo 🐬 dependería de los 4 escaños de Vox 🥦 para gobernar. Ciudadanos 🍊, sin representación. Subidón del BNG 🧀 que alcanza el 15% y los 11 escaños, duplicando a GeC 🍆.https://t.co/EqNRLwPZK9 pic.twitter.com/3ppS48g0CA— electomania (@electo_mania) December 31, 2019 Mais a irrupción de Vox, á que Electomanía concede 4 representantes, permitiría Feixoo sumar para manter o goberno, de atinxir o apoio da extrema dereita. BNG subiría con forza e atinxiría case 15% dos votos, pasando así ser terceira forza. Das 6 deputadas e deputados actuais aumentaría a 11. Tamén subiría o PSdeG, ao que o traballo outorga 19 escanos e pon como segunda forza, posto que perdera en 2016 fronte En Marea. O espazos da denominada 'esquerda rupturista' sae penalizado nas urnas, de atendermos a esta proxección de Electomanía: Grupo Común da Esquerda ficaría con 5 representantes e En Marea (0,6% dos votos) non lograría representación. |
NOS_10133 | A socialista, rexedora desde 2015, comunicou aos seus compañeiros e compañeiras do PSdeG por escrito a súa renuncia por "motivos de saúde". Abal manterá a súa acta de concelleira. | A alcaldesa de Cambados, Fátima Abal, renunciará ao cargo que ocupa desde xuño de 2015 por motivos de saúde. Anunciarao oficialmente este sábado, malia que xa llo comunicou a través dun escrito aos seus compañeiros e compañeiras do Partido Socialista. No escrito, Abal explica que abandona o cargo para recuperarse dalgúns problemas de saúde. "Desde hai tempo necesito descansar tanto mental como fisicamente", explica, "o que non é compatible con exercer a Alcaldía de maneira responsable". A alcaldesa afirma marchar "moi orgullosa" de todo o conseguido e "coa satisfacción de deixar un Cambados moito mellor" que o que atopou. "Foron anos moi difíciles pero tamén moi felices", asegura. Samuel Lago, novo alcalde de Cambados O novo alcalde será, con toda probabilidade, o concelleiro do PSdeG Samuel Lago. Unha persoa á que Fátima Abal define na súa carta de despedida como "un home serio, honesto, intelixente, traballador e moi próximo". A elección do novo rexedor deberá realizarse nun pleno que se convocará unha vez que a alcaldesa presente oficialmente a súa dimisión. Para iso deberá contar co apoio dos dous concelleiros de Somos Cambados, cos que actualmente forma o grupo de goberno e, polo menos, coa abstención de único edil do BNG. Aínda que renuncia á Alcaldía, Fátima Abal manterá a súa acta de concelleira e seguirá como membro da Corporación, mantendo as competencias nas áreas que lle corresponden. "Defendendo os nosos principios e valores, nos que creo firmemente e sobre os que sempre encamiñei a miña vida e as miñas accións como política e como persoa", conclúe na súa despedida. |
PRAZA_6425 | O modelo que o PP prevé implantar mudaría o actual sistema proporcional por un maioritario, no que a forza máis votada sería primada outorgándolle a maioría absoluta. Esta proposta está afastada dos sistemas de elección directa, nos que a cidadanía vota especificamente por cada membro da corporación municipal. Infografía no interior | "Elección directa de alcaldes". Nos argumentarios do PP prolifera dende hai meses esta expresión para darlle nome á reforma electoral que Mariano Rajoy di estar disposto a impulsar en solitario e que o PP galego, especialmente o presidente da Xunta, reclama con entusiasmo. Malia á incerteza existente en torno a esta posible modificación legal, da que pouco máis se sabe que o suposto ánimo dos populares para sacala adiante aínda que ninguén os apoie, os datos que foron transcendendo indican que o novo sistema estaría lonxe dunha elección directa e moito máis próximo á conversión do actual sistema proporcional noutro maioritario, no que a forza máis votada é primada coa maioría absoluta se supera o limiar do 40% dos votos. Se ben na actualidade xa é posible facerse con máis da metade da corporación municipal sen lograr máis da metade dos votos -na Coruña, Ferrol e Santiago, por exemplo, o PP goberna con maioría absoluta tendo algo menos do 44% dos votos- este cambio legal institucionalizaría o coñecido como bonus para a lista máis votada, cuxo cabeza de lista dominaría o pleno municipal co 40% dos votos sempre que a segunda forza quedase a 5 ou máis puntos. Segundo algunhas fontes, no caso de non darse esta circunstancia habería lugar a unha segunda votación á que só poderían concorrer as dúas forzas máis votadas. O plan de Rajoy non achegaría máis decisión directa da cidadanía sobre o Concello pero si ilegalizaría os gobernos de coalición Este sistema é moi semellante ao que se aplica nos concellos franceses ou gregos e está notablemente afastado das lexislacións electorais nas que a Alcaldía ou os edís dos municipios si son elixidos directamente, xa sexa nunha única votación ou cun voto específico para a persoa que opta ao bastón de mando. Así as cousas, o plan de Rajoy non faría que a cidadanía gañase en poder de decisión directa sobre os concellos: as forzas políticas seguirían designando as listas e decidindo quen as encabeza e, ademais, as opcións que non fosen as máis votadas terían un papel meramente testemuñal na política local aínda que sumasen a maioría do pleno. No entanto, o que si lograría sería deixar fóra da lei a conformación de maiorías de coalición despois das eleccións. Para saber máis: A elección directa dos alcaldes, en Politikon |
NOS_53466 | Xunto as 18 representantes do PSdeG no Congreso e no Senado, Gonzalo Caballero anunciou desde Madrid un medre en votos para a súa formación nas eleccións municipais e unha nova caída do PP. | A sesión constitutiva das Cortes Xerais contou en Madrid coa presenza de Gonzalo Caballero, secretario xeral do PSdeG, nunha xornada que cualificou de "histórica" por tratarse da lexislatura en que o seu partido contará co maior número de deputadas e deputados electos por Galiza, cun total de 18 representantes no Congreso e no Senado. De feito, o PSOE resultou ser a primeira forza nas eleccións xerais do 28 de abril, tanto na Galiza como no Estado. Nese sentido, Caballero afirmou que as 18 persoas do PSdeG electas nas urnas galegas estarán en ambas cámaras "defendendo a cidadanía galega e apostando por unha etapa de progreso dirixida por Pedro Sánchez". "O PP sufrirá unha debacle absoluta" prognosticou Caballero desde Madrid Nunha xuntanza mantida coas deputadas e deputados galegos da formación que lidera Caballero, este reivindicou o PSdeG como o partido europeísta e progresista "que sabe gobernar e que fixo os maiores avances pola Europa da cidadanía e do benestar". Acto seguido pediu o apoio das galegas e galegos para Josep Borrell como cabeza de lista do PSOE ás eleccións europeas sob o pretexto de facer fronte da maneira máis útil á ameaza do pacto da dereita coa ultradereita. "O PP sufrirá unha debacle absoluta" prognosticou Caballero desde Madrid, e engadiu que non será capaz de gobernar en ningunha das sete cidades galegas xa que anunciou un retroceso de apoios na formación de dereitas e unha mellora dos resultados para as candidaturas do PSdeG, así como a obtención "de maiorías máis amplas" para as súas actuais alcaldesas e alcaldes. "O PSOE será a forza que creza en número de votos e concelleiros nas cidades", anunciou Caballero Afirmou tamén que Feixoo recollerá un novo suspenso nas municipais, após a forte perda experimentada nos pasados comicios xerais de abril. Nesa liña, puxo en valor as candidaturas do PSdeG como as mellores para gobernar nos concellos da Galiza. "O PSOE será a forza que creza en número de votos e concelleiros nas cidades", anunciou. |
NOS_44291 | A Galicia de Maeloc é o primeiro disco de Milladoiro. Combinábanse por vez primeira nun álbum, falamos de 1980, gaita galega e irlandesa, zanfona, arpa, frauta... Mais lonxe de ser o nome dun disco ou dunha sidra, Mailoc, ou Maeloc, foi o bispo do pobo bretón que se asentou no século V na Galiza. Cóntannos máis os historiadores Anselmo López Carreira e André Pena Graña. | As bretoas e os bretóns arribaron a Galiza no século V, após abandonaren Britania, o que hoxe coñecemos como Gran Bretaña, a consecuencia da súa invasión por parte de pobos xermánicos, "o Imperio Romano retira as tropas para levalas a outras zonas da fronteira, de maneira que Britania queda desgornecida de efectivos e a defensa desa provincia queda en mans dos propios bretóns. É entón o momento da inxente cantidade de anglosaxóns que cruzan o Canal da Mancha e gran parte da poboación bretoa decide abandonar a terra, marcha", explica Anselmo López Carreira, voz autorizada na historia da Galiza da Idade Media. É este o contexto en que se sitúa o mitificado rei Arturo, "un bretón resistente fronte ás vagas de pobos xermánicos". O pobo bretón abandonou Britania e dirixiuse a través da Canle da Mancha á Armórica [hoxe Bretaña Francesa], e outros chegan até a costa norte da Gallaecia, á zona do bispado de Mondoñedo-Ferrol, a través de rutas ancestrais. "Fálase de que o contacto coas Illas Británicas podería remontarse ao Paleolítico, e a relación mantívose ao longo da época castrexa e da romana", sinala López Carreira. O historiador André Pena Graña remóntase á Idade de Bronce, "a primeira inscrición celta que se conserva no mundo apareceu no que hoxe é o Algarve, e pertencía a un galego". Lembra que o libro Os Celtas da Europa Atlántica. Actas do 1º Congreso Galego sobre a Cultura Celta alude á aparición, a principios do século XX no fondo da ría de Huelva, de máis de 200 armas que procedían do norte da península, "había moito tráfico comercial e a navegación era directa". A relación foi alén, "mesmo a Igrexa acabou conectada, carteándose". [Podes ler a reportaxe íntegra no Sermos Galiza 247, á venda nos quiosques e puntos de venda habituais] |
QUEPASA_728 | O cableado segue no punto de mira | Non se esperan efectos ambientais significativos tralo remate da tramitación ambiental do Plan especial do casco histórico de Corcubión, polo que non é necesario sometelo a avaliación ambiental estratéxica. Así o sinala a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, que lembra que si haberá que incluír algunhas consideracións feitas pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural sobre a necesidade de contar cun "exhaustivo traballo de campo que permita dispoñer dunha información completa e precisa sobre todos os bens dentro do ámbito do plan especial, indicando a lexislación vixente que lle afecta ou os niveis de protección". Cómpre recordar que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda reservou un total de 100.000 euros, o 100% dos orzamento necesario, para acometer a revisión do Plan especial de protección e ordenación do casco histórico (Pepoch) de Corcubión, que en 1991 foi o primeiro concello galego en dotarse dun instrumento deste tipo. O cableado Unha importante conclusión é que o Plan deberá incluír un estudo sobre os tendidos de cable dentro do casco histórico e procurará dar solucións para reducir ao máximo o seu impacto, así como un estudo de paisaxe. Precisamente, a semana pasada, o grupo de Sempre Corcubión criticaba "a falta de previsión á hora de levar a cabo as obras de acondicionamento da Rúa Pepe Miñones, ao non ter aproveitado a mesma para soterrar o cableado correspondentes ás liñas telefónicas e de alumeado". "É inaudito que en pleno casco histórico, despois de realizarse obras de mellora e acondicionamento, continúen véndose como as liñas de cableado seguen ancoradas nas casas e trazando unha antiestética rede que desfigura desta maneira o entorno. O máis razoable sería aproveitar a realización destes traballos de acondicionamento para soterrar as liñas de telefonía, alumeado e deixar, así mesmo outras tubaxes baleiras provisionais de cara facilitar a instalación futura de fibra ou redes de comunicación similares·, sinalan. |
NOS_10219 | Cultura do País celebra o sábado 5 de maio unha xornada de homenaxe ao cantautor portugués. Actuou en Lugo o 9 de maio de 1972, un día antes de que cantara o 'Grândola, Vila Morena' por primeira vez na Galiza. | Os actos comezarán cunha serie de actividades académicas que terán lugar no IES Nosa Señora dos Ollos Grandes ás 16:30 horas cunha sesión que leva por título 'Escandinávia Bar', nome tirado dunha letra do Zeca Afonso. A idea é convocar ás persoas que acudiron a ese concerto ou que viviron en Lugo nesa época a que compartan as súas lembranzas, traian imaxes da época e axuden a coñecer o contexto e a forma na que se vivíu ese acontecemento na cidade por aquel entón.Continuará a xornada ás 17:30 horas cunha palestra de Paulo Esperança, membro da AJA, que leva como título 'O Triângulo Mágico do Zeca: África, Portugal, Galiza'. Seguidamente, ás 19:30 horas terá lugar un concerto-espectáculo do grupo de de Canto de Intervenção do Núcleo Norte da AJA. Todas estas actividades son de acceso libre e gratuítas. Contra a noite, ás 23:00 horas, no Clube Clavicémbalo (Rúa dos Paxariños, 23) contarán coa presenza de João Afonso e Fred Martins que ofrecerán un concerto de peche da homenaxe. O prezo da entrada é de 15 euros, con custo reducido para persoas asociadas a Cultura do País, a 10 euros. |
PRAZA_15728 | O presidente do tribunal leu a sentenza declarando a Deus culpable e condenándoo a morrer, á saída do sol, ante o pelotón de fusilamento bolchevique, disparando ao ceo. Vai para un século e o mundo segue sen decatarse desta defunción. | Cando Lenin e os seus seguidores deciden instaurar a ditadura do proletariado, en 1917, nun inmenso país, o máis pobre de Europa, o sistema ruso era o Antigo Réxime de grandes propietarios da terra e o campesiñado traballándoa con métodos primitivos e mentalidade servil. A falta de proletariado leva, necesariamente, ao teimudo Lenin á necesidade de socializar o campesiñado. Rosa Luxemburgo vaticina o que vai suceder, que a distribución dos latifundios entre a sociedade agraria, reforzaría o poder da propiedade privada no campo, e deste modo impediría a socialización da agricultura Foi un grande erro, percibido lucidamente por Rosa Luxemburgo que comentou: A consigna de ocupación e reparto das terras entre os campesiños, lanzada polos bolcheviques…, non soamente non é unha medida socialista, senón que é o seu oposto, e crea dificultades insuperables para o obxectivo de transformar as relacións agrarias nun sentido socialista. Rosa Luxemburgo vaticina o que vai suceder, que a distribución dos latifundios entre a sociedade agraria, reforzaría o poder da propiedade privada no campo, e deste modo impediría a socialización da agricultura. Temos o exemplo en Galiza. Os propietarios da terra, con ideas retrógradas, defenden con uñas e dentes a súa propiedade e impoñen o seu criterio político e contra calquera intromisión pública, xa sexa de índole agraria, distributiva, ecolóxica, arquitectónica... Nunha sociedade propia do Antigo Réxime, a Igrexa tiña un enorme poder en Rusia. Superior ao coñecido por nós. Probado, penso eu, polo feito de ser toda a pintura relixiosa, até épocas recentes. Antes do s.XVIII, só encontramos iconas e máis iconas. Dada a composición do pobo ruso, atrasado e relixioso, os bolcheviques non tiñan outra opción que caer nunha contradición e traizoar os fundamentos máis valiosos da política socialista, da democracia e incluso do respecto da vida humana. Da necesidade do poder, sexa como for, saíu a Checa, as Purgas dos camaradas díscolos, ou a morte do inimigo. Dada a composición do pobo ruso, atrasado e relixioso, os bolcheviques non tiñan outra opción que caer nunha contradición e traizoar os fundamentos máis valiosos da política socialista, da democracia e incluso do respecto da vida humana Chegamos ao tema. Un inimigo fundamental era Deus. Decidiron condenalo a morte, mediante un xuízo sumarísimo. Configuraron un tribunal. Sendo Deus algo intanxible, substituíron o reo que sentaría na cadeira de acusado, por un libro: a Biblia. Presidindo a vista, en nome de Lenin, foi nomeado unha persoa da súa confianza: Anatoli Lunacharski. Un fiscal, un avogado defensor e un tribunal popular, completaron o escenario. Divulgáronse na sala todos as crueldades padecidas pola Humanidade, os xenocidios, as pragas, as pestes, os duros traballos, toda a ruindade con que Deus asolou a pobre xente, non sendo menor a alienación que confundía as mentes máis ignorantes. Un opio xa sinalado polo marxismo. O presidente do tribunal leu a sentenza declarando a Deus culpable e condenándoo a morrer, á saída do sol, ante o pelotón de fusilamento bolchevique, disparando ao ceo. Así foi, o 17 de xaneiro de 1918. A continuación declarárono oficialmente morto. Vai para un século e o mundo segue sen decatarse desta defunción. Na propia Rusia, tiven ocasión de constatalo, a relixión segue moi viva e nas igrexas e catedrais abonda a xente devota que acende velas. No que chamamos Occidente, aínda queda unha considerable poboación relixiosa, pero onde deus, Alá, ten absoluto poder é nas poboacións orientais onde Alá incita á guerra contra os infieis e o desprezo ás mulleres: as propias, seres inferiores que deben cubrir un corpo que escandaliza; as infieis que como corpos pecadores deben ser abusadas e violadas. No que chamamos Occidente, aínda queda unha considerable poboación relixiosa, pero onde deus, Alá, ten absoluto poder é nas poboacións orientais onde Alá incita á guerra contra os infieis e o desprezo ás mulleres Canto vai durar esta crenza nociva nas mentes humanas? Será verdade que existe o xene divino? Algúns, non me atrevo a chamarlle científicos, falan dunha predisposición xenética para as crenzas ou o esoterismo, tendo en conta a permanencia de "fes" aínda nesta altura da civilización. Non todo é xenético na mente. O cultural tamén inflúe. Non pretendo teorizar aquí nun momentiño, pero creo que ter unha fe proporciona unha seguridade e unha comodidade para persoas pouco dadas ao esforzo, a termar da súa vida e a considerar a responsabilidade a súa conciencia. A maioría de comunidade científica non quere nin oír falar de deus. |
NOS_25082 | O creador Alberto Vázquez regresa a Galiza cos dous Goya aos que aspiraba na edición de 2017: a mellor longametraxe de animación e a mellor director de curta de animación. | O director coruñés Alberto Vázquez trunfou na gala dos Premios Goya 2017 ao se facer cos dous galardóns aos que aspiraba. O seu filme Psiconautas levou o premio á mellor película animada, mentres que Decorado, que xa fora premiada no mellor festival de animación a nivel internacional, o de Annecy, obtivo o recoñecemento á mellor curta de animación. A outra galega que aspiraba ao Goya era Nelly Reguera, candidata a mellor directora novel por María (y los demás), filme galego-catalán. Obtivo este galardón Raúl Arévalo, con Tarde para la ira. María (y los demás) tamén estaba presente na categoría de mellor actriz pola interpretación de Bárbara Lennie. O filme Cien años de perdón, coproducido pola produtora coruñesa Vaca Films e coprotagonizado por Luís Tosar, optaba tamén a dúas estatuíñas: actor revelación para Rodrigo de la Serna e mellor guión orixinal para Jorge Guerricaecheverría. Aliás, Zeltia Montes aspiraba ao aspiraba ao Goya á mellor canción orixinal por Muerte, un tema interpretado por Uxía para Frágil equilibrio. O filme en que participaron as galegas non recibiu o premio á mellor canción orixinal, pero si recolleu o premio a mellor documentario. A presenza galega completábase co ferrolán Javier Gutiérrez, quen fora nomeado como mellor actor de reparto por El Olivo. |
NOS_55063 | Un grupo de mariñeiros galegos asistirán ao debate sobre o acordo pesqueiro con Mauritania que terá lugar este luns no Parlamento Europeo.O secretario de CIG-Mar, Xabier Aboi, entrevistarase con diversos eurodiputados para defender os dereitos dos mariñeiros que faenaban no caladoiro mauritanio. | O luns debaterase na Comisión de Pesca do Parlamento Europeo a ratificación do acordo pesqueiro entre a UE e o país africano e con ese motivo o responsábel de CIG-Mar irá a Bruxelas canda unha representación de mariñeiros que faenaban en Mauritania co fin de manter xuntanzas con diversos eurodiputados. Mália a relevancia do debate, ningún representante da Xunta ten previsto desprazarse a Bruxelas e serán os propios mariñeiros xunto co responsábel da CIG-Mar a única delegación galega que, convidada pola deputada nacionalista Ana Miranda, esté presente no Parlamento Europeo. Xabier Aboi ten previsto transmitir aos eurodiputados as consecuencias que para a flota galega tería a expulsión do caladoiro no caso de que o acordo fora ratificado. A delegación viaxa a Bruxelas convidada pola eurofiputada do BNG, Ana Miranda que coñeceu directamente a situación dos mariñeiros nunha xuntanza que mantivo con eles no recente peche que protagonizaron no Concello de Marín."Até onde nós sabemos" nin o Estado español nin a Xunta de Galiza enviarán representacións a Bruxelas " denunciou Xabier Aboi, ao tempo que detacou a relevancia da decisión que se tome no Parlamento Europeo para centos de familias que viven do mar.Os mariñeiros reclaman renegociar o acordo que expulsa á flota galega. Segundo denuncian, o acordo supón un maior desembolso para a UE que o anterior mália marxinar aos barcos galegos que faenaban en Mauritania.O pasado 31 de xullo os 24 barcos conxeladores arrastreiros que faenaban en augas mauritanas -20 deles galegos, con tripulacións maioritariamente do Morrazo e Vigo- tiveron que abandonar o caladoiro do país magrebí despois de que rematase o anterior acordo entre a Unión Europea e Mauritania. Bruxelas asinou no verán un protocolo de acordo pesqueiro con Mauritania polo que destina uns 67 millóns de euros a este país como contraprestación a cambio de poder pescar nos caladoiros deste país. Nos últimos anos, a frota galega que faenaba en augas saharianas foise reducindo até a situación actual, pasando de 250 barcos aos 24 que quedaban a 31 de xullo. |
NOS_39660 | Aconteceu na Coruña ao rematar a manifestación da plataforma galega contra a LOMCE. Terán que pagar polo que a policía española entende como "unha falta de respecto aos axentes e provocación para o resto de manifestantes secundaren os insultos". Porén, o protesto fora xa disolvido cando se produciron os feitos. | "Vergoña me daría ser policía". Foi a opinión que manifestaron E.G. e outras catro compañeiras ao veren un grupo de axentes da policía española diante da delegación do Goberno español na Galiza, ubicada na Coruña. Dixeron iso e continuaron o camiño de volta da manifestación contra a LOMCE que se realizou na cidade. Porén, cando xa pasara por volta de meia hora desde que a mobilización se disolvera e cando as mozas andaran xa varios metros --uns 10 minutos--, catro policías achegáronse a elas --conversaban sentadas nun banco-- e, "cunha actitude moi intimidatoria" preguntáronlles: "a ver, a quien le daría vergüenza ser policía? A ti y a ti? Vamos! A comisaría!" Solicitaron as súas identificacións e, sen mediar máis palabras, conduciron E.G. e L.T., dúas das catro amigas, até a comisaría, onde fixeron ir as súas familias ao teren elas 15 e 17 anos. "Á miña nai dixéronlle que eu os insultara e, de feito, é iso o que pon na denuncia", pola que lle reclaman 400 euros a cada unha. "Estabamos a exercer o noso dereito a expresar unha opinión", di E.G. en conversa con Sermos Galiza. Con todo, a policía española entende iso como "unha falta de respecto aos axentes e provocación para o resto de manifestantes secundaren os insultos", malia que, como explica a moza, o protesto xa fora disolto había tempo. E.G. revólvese. Quere saber se acontecería o mesmo se os policías que a levaron detida se presentasen nunha panadaría para dicir, falando entre eles, que lles dá vergoña seren panadeiros. "Mandaron catro axentes para levar á comisaría duas rapazas de 15 e 17 anos. Ían dous de diante e dous detrás, coma se fosemos delincuentes. A xente alucinaba. Unha señora até dixo que o panorama merecía ser gravado", continua E.G. "Dixéronlles aos nosos pais que non nos vai constar como antecedente, que só é un aviso". Un "aviso" que custará 400 euros a cada familia destas dúas mozas e para o cal elas teñen outra explicación: "é unha falta de respecto á nosa liberdade de expresión" porque elas, remarcan, "só estabamos a expoñer a nosa opinión. Que lles senta mal? Bon... é o noso dereito". |
NOS_38833 | O pasado domingo ex dirixentes da formación acusaron Santiago Abascal de "autoritarismo" e sinalaron que "autorizou" a entrada de neonazis en Vox. "Os golpes de peito e demostracións de forza non valen", di Ricardo Morado. | Ricardo Morado, candidato de Vox ás eleccións galegas en 2020, quen tamén liderou o partido na circunscrición da Coruña, vén de solicitar a súa baixa como afiliado, segundo informou a través das redes sociais, nun comunicado no que explica os motivos dunha decisión "meditada". Morado, que non obtivo representación naqueles comicios, trasladou a súa "tristura" pola decisión, mais asegurou que non sorprenderá "a aqueles que saben que é o que pasou nos dous últimos anos na Galiza". Así, apuntou que os "golpes de peito e demostracións de forza" non valen porque "aos acólitos xa non hai que convencelos, e aos que non están convencidos iso non lles serve de moito". Á dirección da formación de ultradereita reprochoulle que o proxecto de Vox "non avance de maneira igual" en todos os territorios do Estado nos que "se move con actividades, reunións de afiliados, actividade na rúa...". "Busquen algo así na miña provincia", dixo. No seu comunicado, rexeitou que se lle poida cualificar de "traidor" e engadiu que é o que se fai no partido ante a "crítica construtiva". En particular, denunciou que en Vox confundíronse os termos de "lealdade" e "submisión". "Lealdade é dicirlle ao teu xefe o que está a facer mal e lealdade do teu xefe é que non te castigue por iso, e todo o demais é submisión. E ese non son eu", incidiu. Acusacións de "autoritarismo" e de "autorizar os neonazis" A renuncia de Morado chega logo de que o domingo o programa 'Salvados', de La Sexta, recollese os testemuños de ex dirixentes da formación que acusaban Santiago Abascal de autorizar a entrada de neonazis. Ex dirixentes de Vox aseguran que Santiago Abascal autorizou a entrada de neonazis na formación de extrema dereita Os catro entrevistados —Juan Jara, Luis Miguel Núñez, Nuria Almagro e Fernando Moya— coincidiron en sinalar o réxime autoritario implantado por Abascal e o seu persoal de confianza á hora de tomar decisións sobre os pasos políticos do partido. Con todo, non era a primeira vez que se facía referencia aos vínculos de Vox con formacións e elementos neonazis e fascistas. O ex secretario xeral do partido de extrema dereita, Javier Ortega Smith, mantén vínculos desde a década dos oitenta coa Falanxe española, fundada por José Antonio Primo de Rivera, do que Ortega Smith pronunciou loanzas en numerosas ocasións. |
NOS_17316 | SGAE considera que as condicións fan case imposíbel que se contrate persoal especializado | A Sociedade Galega de Educación Ambiental (SGEA), entidade que afirma representar gran parte dos educadores ambientais de Galiza, presentou alegacións á Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio polo concurso de licitación para a contratación do servizo para o deseño e execución das campañas de divulgación e promoción do turismo de natureza sustentable e de educación ambiental nos Parques Naturais e nas Aulas de Natureza. Queren que se elabore unha nova convocatoria contando co sector da Educación Ambiental para a súa redacción. O colectivo pide a retirada e a reformulación das condicións, pois consideran que as actuais "fan difícil ou imposible que se contrate persoal especializado en Educación Ambiental en condicións dignas". Indican que o orzamento é baixo e a formación rquerida que se pide "deixa fóra a máis da metade dos educadores e educadoras ambientais de Galiza". Engaden, ademais, que o orzamento e requisitos apontan a unhas condicións salariais "por debaixo do salario mínimo interprofesional, e por tanto ilegalmente, cando a titulación mínima esixida é de titulado ou licenciado". O SGEA sostén que en base aos criterios do cincursio, a empresa adxudicataria tería que facerse cargo de outras funcións que van mais alá do servixos de antención de visitantes aos espazos protexidos: "elaboración do plan de uso turístico do espazo natural (que entendemos que deberían ser redactados por expertos do sector), os custes de limpeza (servizo regulado por convenio propio), realizar charlas e outras actividades nos centros educativos de toda Galiza que así o soliciten sen limitación (lembrar que en Galicia temos arredor de 1.400 centros escolares), etc,.." |
NOS_15884 | A inflación concéntrase en produtos de primeira necesidade. | A fenda entre a inflación e os salarios alárgase cada día máis na Galiza. Se ben o primeiro semestre de ano deixaba un bo dato salarial na Galiza, cunha revalorización salarial que se situou en 5,7%, 3,2 puntos máis que no Estado español; a inflación axiña derramou unha xerra de auga fría: 11,5% en xullo, porcentaxe tamén superior á media no Estado, 10,4%, un punto menos. Así o aumento dos prezos no que vai de ano prodúcese a un ritmo moi superior (máis de 200%) ao dos salarios, unha situación que non presenta visos de variar nos seguintes meses, tal e como advirten analistas e expertos. A propia Organización para a cooperación e o desenvolvemento económicos (OCDE) prevé que o español sexa o Estado, após Grecia, onde máis poder adquisitivo vaian perder os traballadores e traballadoras, perto de 5%. A inflación segue por riba dos dous díxitos O economista Manuel González sinala a Nós Diario que a suba dos prezos en produtos básicos e de primeira necesidade —cesto da compra, enerxía...— vai deixar pegada "máis aló do curto prazo", pois estase a producir unha desvalorización salarial que "non vai ser doada de corrixir". Incrementos sen produtores O aumento do cesto da compra no que vai de ano na Galiza deixa subas máis que considerábeis en produtos como os ovos (25,4%), patacas (23%), leite (15%), pan (10%), froita fresca (10%) ou legumes e hortalizas (6%). Mais isto non debe levar a pensar en que hai unha translación automática dese incremento ao peto dos produtores e produtoras. "A xente que non pense que con isto nos estamos a facer ricos!", afirma a este medio Xosé Rial, rañeiro —mariscador desde embarcación— na ría de Arousa. Segundo os propios datos de Índices de Prezos ao Consumo (IPC) do Instituto Nacional de Estatística (INE), entre xaneiro e xullo —último mes computado nas estatísticas oficiais—crustáceos e moluscos subiron o seu prezo en case 10%. Vivir na Galiza sae caro: a suba dos prezos encadea case un ano e medio superando a do conxunto do Estado "Eu, desde logo, non gaño 10% máis que antes", afirma o mariscador. Recoñece que o seu produto na lonxa (ameixa e berberecho) págase mellor que en 2021, "un pouco mellor, non tanto", mais que son outros elos da cadea "os que fican con máis cartos" no marcom da tendencia alcista. E, engade Rial, "o que podía estar gañando de máis non me dá nin para cubrir o que perdo pola suba do combustíbel, que nos está a afogar xa desde finais do ano pasado". Cereais e pastas incrementaron o seu prezo na Galiza por riba de 14% no primeiro caso e de 20% no segundo. Os produtos lácteos (manteiga, iogur...) subiron en sete meses máis de 12% e até o café e as infusións implicaban en xullo pagar 9% máis por metelas no cesto da compra que en xaneiro. "En decembro seremos máis pobres que agora" "Somos máis pobres agora que en xaneiro e todo apunta a que o seremos máis en decembro que agora", considera Manuel González. Neste sentido, as centrais sindicais (CIG, CCOO e UXT) xa advertiron dun outono de mobilizacións perante as consecuencias da crise para a clase traballadora. Díaz e Garzón piden ás distribuidoras limitar os prezos A vicepresidenta do Goberno español e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, e o ministro de Consumo, Alberto Garzón, expuxeron onte ás grandes distribuidoras que "teñen marxe" para limitar os prezos do cesto da compra até despois de Nadal e "protexer" así as familias do impacto da inflación. Así o explicaron ambos os dous na rolda de prensa posterior ao encontro cos directivos de Carrefour -que tamén onte anunciou que os seus clientes poderán ter unha cesta con 30 produtos a un prezo fixo de 30 euros-. Sen carne, peixe e leite pero con zumes e chocolate branco: Así é a primeira 'cesta da compra' a "prezos limitados" "A formulación que fixemos é a necesidade de que as grandes distribuidoras cheguen a un acordo para ser capaces entre elas de contribuír a través das súas marxes, que teñen capacidade para iso, a facilitar unha compra alcanzábel e de calidade para as familias", explicou Díaz. |
NOS_6222 | O presidente da Federación Galega de Fútbol e antigo barón do PP, Rafael Louzán, ocupou esta sexta feira o banco dos acusados xunto coa actual delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, e outras seis persoas, acusadas das supostas irregularidades nas obras do campo de fútbol de herba artificial do Buelo, en Moraña | Os feitos remóntanse ao ano 2011, cando o primeiro era o presidente da Deputación de Pontevedra e a segunda, alcaldesa daquela localidade polo PP. Malia que, durante a vista, que tivo lugar no xulgado do penal número 3 de Pontevedra, Louzán non declarou, ao renunciar a súa defensa a formular preguntas, e Piñeiro unicamente respondeu as preguntas do seu avogado, ambos os dous rexeitaron, antes do xuízo, a comisión de delito ningún. A Fiscalía, por contra, cúlpao a el dun delito de prevaricación e outro de fraude, que pode custarlle até tres anos de prisión e nove de inhabilitación; ela sería cooperadora necesaria da fraude, nunha trama que foi investigada dentro da chamada 'Operación Patos', que chegou salpicar, sen consecuencias, unha vintena de cargos públicos. En decembro de 2011, a Deputación de Pontevedra aprobou un convenio co Concello de Moraña para remodelar o campo de fútbol do Buelo mediante unha subvención discrecional do presidente. A obra foi adxudicada á construtora Eiriña. Segundo sinala o escrito de acusación, a actuación tivo un sobrecusto de 86.000 euros relativo a unhas obras non contratadas, malia que a lei "impedía pasar o importe da adxudicación". O Ministerio Fiscal sostén que as persoas acusadas "idearon un sistema artificioso, en fraude de lei, tendente a aboar a Eiriña o importe que reclamaba sobre o orzamento aprobado". "Non hai ningún prexuízo para a Administración", recalcou hoxe Louzán, antes do inicio da vista oral, defendendo que a causa responde "unicamente a unha cuestión administrativa". "Non é unha cuestión que me toque a min nin á ex alcaldesa de Moraña", asegurou. Xunto con eles, a Fiscalía sinala outras seis persoas: o administrador de Eiriña Construcións, adxudicataria das obras, o director xeral desta empresa o entón director de Infraestruturas da Deputación, dous empresarios de Pontevedra e do Salnés e un arquitecto. Antes de comezar o xuízo, as defensas solicitaron a nulidade das actuacións, con base nunhas escoitas policiais e en cuestións competenciais. No caso de Piñeiro, a súa defensa pediu a retirada da acusación por entender que a causa está prescrita. |
NOS_26162 | A Xunta estudará esta semana abrir as escolas infantís. | As residencias de maiores e de persoas con discapacidade da Galiza non permitirán visitas xa esta segunda feira, ao contrario do que anunciara Núñez Feixoo a pasada sexta feira, posto que o Boletín Oficial do Estado (BOE) recolle expresamente que isto só é posíbel a partir da fase 2 do desconfinamento. Con todo, o presidente da Xunta anunciou este domingo que exporá ao Ministerio de Sanidade que estes centros poidan abrir "a mediados desta semana". No caso de que o Goberno estatal non o permita, a apertura posporíase ata que Galiza entre en Fase 2, o que non ocorrerá até, como mínimo, o 25 de maio. Feixoo tachou de "improvisación" que este sábado o BOE recollese a reapertura das visitas en residencias "soamente" para a fase 2 do desconfinamento, na que entrarán este luns as illas da Gomera, El Hierro e La Graciosa, en Canarias; e Formentera, en Baleares. "Antes non estaba regulado e agora, a partir da fase 2, si está regulado", criticou o presidente galego, despois de que o seu Goberno xa tivese previsto comezar o desconfinamento esta segunda feira de máis do 80% dos centros --aqueles que levan 15 días sen casos de COVID-19 e están en municipios con baixo índice de contaxios--, con visitas de familiares unha vez por semana e con cita previa. Escolas infantís Preguntado acerca de cando reabrirán as escolas infantís de cero a tres anos, apuntou a que "non hai unanimidade" entre a Sociedade Española de Pediatría, aínda que os profesionais do comité da Consellería de Sanidade están "a favor" se "os pais queren levar os seus nenos" aos centros. Así, indicou que a Xunta "asumirá a súa responsabilidade" e valorará ao longo desta semana abrir as gardarías tras consultar tanto á Pediatría galega como á española. |
NOS_49129 | Residencias de maiores públicas, semipúblicas e privadas prevén confinar dúas semanas no seu interior o persoal coas persoas residentes. | Advertiuno onte CIG-Ourense e confirmouno, no que respecta aos centros integrados de Baños de Molgas e Porta do Camiño, o Goberno galego, ao sinalar que o persoal contratado para atender as persoas residentes "terá o contacto mínimo co exterior" para "reducir o risco de contaxios". Estas dúas residencias foron habilitadas para atender pacientes maiores que viven en centros para a terceira idade e que teñan diagnóstico positivo de coronavirus, como mecanismo para tratar de conter o espallamento da enfermidade nas residencias de maiores, onde xa se contabilizan 117 casos, 25 deles de persoal traballador. A Xunta indica que ambos os dous centros seguirán "controis estritos de desinfección frecuentemente". Segundo matiza, o persoal das instalacións habilitadas en Baños de Molgas "hospedarase nun estabelecemento contiguo á residencia". A CIG estende esta práctica aos centros da Fundación Valdegodos, con residencias na Rúa, Vilamartín, Viana e Ramirás, e denuncia que "se está presionando o persoal para que leve ao centro as súas pertenzas e se confine durante dúas semanas" e mesmo se realizou xa un pedido de colchóns, se ben aínda barallan –indica– a posibilidade dalgún estabelecemento hoteleiro próximo. No caso de Baños de Molgas, o sindicato alerta de que se están convocando traballadoras tanto do sector privado como do público do Consorcio Galego, e estudantes do último curso de enfermaría. "Están citadas por Whatsapp e telefonicamente para comezar o confinamento hoxe mesmo, aloxadas nas instalacións hoteleiras anexas, agora en desuso", alerta. "Estáselles privando do uso de máscaras, roupa de illamento, gafas, calzas e calquera medida de seguridade e prevención, e encérranos con maiores, en moitos casos xa contaxiados pola COVID-19. Militarizan os traballadores mentres os militares pasean polas rúas de Ourense", denuncia a CIG, que reclama "seguridade para o persoal e o colectivo de residentes" xunto con "máis medios reais e efectivos". "Menos aplausos e máis compromiso", reclama o seu secretario comarcal de Ourense, Anxo Pérez. |
PRAZA_7108 | A veciñanza e os comuneiros de montes de Santa Cruz de Parga (Guitiriz) opóñense firmemente ao peche con concertinas instalado polo Exército e piden coñecer o uso que se lles vai dar a estas instalacións militares | Nas últimas semanas o Exército instalou arame con concertinas no perímetro do campamento militar de Parga (Guitiriz). A medida, tanto polo perigo que poden supor as coitelas deste arame, como pola relación que este novo peche establece co espazo que o rodea, espertou dende o primeiro momento as críticas da veciñanza e tamén dos comuneiros que xestionan os montes veciñais neste lugar. Ademais, pídese información sobre o obxectivo desta medida e sobre os novos usos e funcións que se lle van dar a estas instalacións militares. De feito, xa o pasado venres o BNG presentou no Parlamento Galego unha iniciativa para coñecer "as causas da instalación de concertinas" nunha actuación "que nós entendemos que resulta desproporcionada, desafortunada e que non responde a criterios obxectivos de seguridade", sinalaban. O deputado Cosme Pombo afirmou que "ata o de agora os veciños de Santa Cruz viñan tendo unha relación de convivencia co propio campamento en tanto que o cerramento perimetral do mesmo consistía nun ribazo de terra e pedra, sen nin tan sequera un valado que impedira o paso e sen que houbera problemas maiores". "O vecindario está alarmado e reclama a inmediata retirada polo perigo que representa para animais e persoas; reclama ademáis que se rebaixe a potencia do tiro que están a empregar os militares por canto que resulta moi prexudicial para a saúde das persoas, para as súas propiedades e para os animais das granxas da zona", engadiu Pombo. De igual xeito, Antón Tenreiro, veciño do lugar, denuncia "a actitude prepotente, mesmo chulesca, do mando militar de Santa Cruz de Parga", que se ve "alimentada polo pasotismo dunha institución municipal de Guitiriz que debera recorrer esa alambrada pola xustiza ordinaria para preservar os dereitos e a seguridade dos seus veciños e mesmo negociar a reversión dunha cesión gratuita que tería hoxe mellor uso como monte público e uso civil". O campamento foi creado no ano 1944 en terreos cedidos pola comunidade de montes de maneira gratuíta e forzosa Tenreiro lembra a orixe da función militar deste campamento, "creado no ano 1944 en terreos cedidos pola comunidade de montes de maneira gratuíta e forzosa (era o franquismo), aínda que figuran como mercados. Foron 100 hectáreas cedidas e 25 mercadas a posteriori". Tenreiro subliña que "comezou con soldados hospedados en casas de veciños e posteriormente foi evolucionando até contar con arredor de 4000 soldados no seu período máis puxante", o que "repercutíu positivamente na economía das parroquias colindantes". Tenreiro destaca que "na cesión dos terreos aos militares non se negociou a reversión dos mesmos aos seus propietarios naturais" e propón que o Ministerio de Defensa ceda "todo ese monte de 125 hectáreas para o uso público orixinario", con moita máis razón "en tempos de abolición do servizo militar forzoso" cando "hai moitas instalacións militares que pechan e pasan a ter un uso social e civil, a ser aproveitadas polos cidadáns con usos pacíficos e aproveitamentos culturáis e mesmo económicos públicos". Porén, semella que o camiño escollido en Parga é moi outro. Antón Tenreiro: "O exército debe explicar que vai facer alí e os veciños teñen dereito a saber que vai pasar a carón das súas casas e a non ter unha instalación clandestina e militarizada" Sinala a este respecto que "as concertinas de guerra" non son "un antollo do mando de turno, responden a unha decisión do Ministerio para un novo destino dese destacamento que todos descoñecemos". "Eses arames con coitelas agochan algo máis que soldados e illan a parroquia ademáis do negativo e violento impacto visual", engade. "O exército debe explicar que vai facer alí e os veciños teñen dereito a saber que vai pasar a carón das súas casas e a non ter unha instalación clandestina e militarizada. Os veciños deben ter dereito á libre circulación en tempos de paz e á devolución dos terreos que lles foron usurpados para o seu uso civil e social e que a explotación económica do monte compense esa expropiación franquista", conclúe. Cosme Pombo: "Existen sospeitas de que o Ministerio de Defensa ten previsto un cambio de uso para o recinto militar e este pode ser o primeiro paso" Unhas sospeitas que xa eran apuntadas por Cosme Pombo o pasado venres, cando afirmou que "existen sospeitas de que o Ministerio de Defensa ten previsto un cambio de uso para o recinto militar e este pode ser o primeiro paso". Pombo anunciou que o BNG presentará iniciativas no Congreso dos Deputados para saber cales son as verdadeiras intencións do Ministério e se existe pretensión de utilizar o campamento militar para outros fins diferentes aos actuais. |
PRAZA_1533 | O presidente da Xunta empregou este 2015 a entrega das Medallas Castelao para atacar os alcaldes das mareas. Noutras edicións, a figura do político e intelectural foi empregada polo presidente para loubar a Monarquía ou xustificar a liña política do seu Goberno. | Castelao como base para case todo. O presidente da Xunta presidiu este domingo, como cada 28 de xuño, o acto de imposición das Medallas Castelao. E, como case cada ano, Alberto Núñez Feijóo aproveitou o evento para flexibilizar a figura do histórico político, artista e intelectual ata adaptala á axenda política do Goberno e do partido que o sustenta. Nesta ocasión o xefe do Executivo apoiouse en Castelao para atacar os alcaldes das mareas. Con independencia de que dous deles, os da Coruña e Ferrol, estivesen presentes no acto, Feijóo cargou contra a súa aposta por non participar oficialmente en actos relixiosos invocando á "humildade" de Castelao a respecto das "tradicións". Os novos rexedores ocuparon no discurso presidencial un lugar que noutros anos estivo reservado, por exemplo, para inzar de eloxios a figura do rei ou a xustificar a viraxe da Xunta en materia lingüística ou identitaria. No ano 2009, na primeira cerimonia das Medallas que lle correspondeu presidir a Feijóo, o evento cadrou en plena controversia polos plans do PP para recortar a presenza do galego no ensino, como finalmente sucedeu. Naquel acto o presidente identificou a Castelao, e os galeguistas históricos en xeral, con quen "desbotan a tentación de convertérense en dirixentes de cativos cenáculos gobernados por dogmas inflexibles". Entre mencións a personaxes como Nelson Mandela ou Barack Obama apelou a "superar a tentación de facer do galeguismo un reduto selectivo", ou "unha distinción que algúns reparten con avaricia". "Os problemas identitarios -proclamaba- existen e se agudizan nos pobos privados de liberdade", pero "non naqueles que disfrutan dunha democracia". Isto, subliñaba, convertía en obriga "revisar presupostos nados en tempos en que o país non tiña voz". Nas súas primeiras Medallas Castelao Feijóo asegurou que os "problemas identitarios" só existen nos "pobos privados de liberdade" Tras a edición de 2010, nas que o discurso presidencial tivo mencións ao Xacobeo que se celebraba aquel ano, no electoral 2011 Feijóo chegou a ligar a Castelao con Gerardo Fernández Albor, ex presidente da Xunta por Alianza Popular. Fíxoo explicando que, mentres Castelao asinara a finais dos 40 un artigo -Feijóo falou de "manifesto"- titulado Perante a Unión Europea, Albor presidiu como eurodeputado "a comisión encargada de impulsar o achegamento das dúas alemañas. Un ano despois, en 2012, Feijóo chamou dende San Domingos de Bonaval a non buscar "inimigos fóra" e deu por seguro que os primeiros pasos da autonomía galega, nos anos 80, supuxeron que "o soño de Castelao empezaba a cumprirse". Feijóo adoita aproveitar este acto para apelar a conceptos como "galeguismo harmónico", "galeguismo de pensamento" ou "galeguismo integrador" Neste contexto, un dos discursos de Feijóo sobre Castelao que resultou máis controvertido foi o do pasado 2014, cando a entrega das Medallas se produciu poucos días despois da coroación de Filipe de Borbón como novo rei de España. Dende o Panteón de Galegos Ilustres o titular da Xunta colmou de eloxios a Monarquía: a Coroa, explicou, abeirou "o establecemento do autogoberno, o incremento do benestar, o asentamento da nosa identidade e o florecemento da nosa cultura". Tamén a "superación dos traumas do pasado" tras un tempo no que os "caprichos da historia", en referencia ao golpe franquista e a Guerra Civil, impediron que os "ideais" de Castelao" se puidesen "cumprir na desafortunada República". Ademais de adaptar a figura de Castelao ao argumentario político do momento, este acto solemne adoita ser o marco no que Feijóo adxectiva dun ou doutro xeito o concepto do "galeguismo". Así, por exemplo, en 2009 o presidente apelou ao "galeguismo cordial" e "harmónico", condicións que naqueles días adoitaba atribuírlle ao bilingüismo. En 2011 distinguiu entre "galeguismo de pensamento", "galeguismo de acción" e galeguismo "que divide", e en 2012 falou do "galeguismo integrador". Na edición de 2013 sinalou que o galeguismo ten que ser "universal" e non "coñecer fronteiras", mentres que en 2014 glosou un "galeguismo aberto" nunha "España unida". |
NOS_42095 | Na quinta feira, día 25, practicamente todos os conflitos laborais e sociais que afectan á comarca de Ferrolterra chegaron ao Concello. O pleno suspendeuse e reanudábase o 29. Os protestos repetíronse, obrigando a adiar a xuntanza case tres horas | Eles estaban preparados. Após a decena de colectivos que na quinta feira transladaron a súa indignación ao pleno até llelo rebentar, o Goberno local de Ferrol (José Manuel Rey Varela, do PP, con maioría absoluta) fixera pública a súa estratexia a modo de advertenza: identificaría calquera cidadá ou cidadán que quixera acceder á sesión prevista para esta segunda feira ás 8.30 da mañá. E identificaría@s non unha, senón dúas veces, unha na porta do Concello a través dun "arco de seguridade" (privada) e outra na porta de acceso á sala de plenos. Noutra volta foron @s operari@s de Navantia reclamar carga de traballo e o dique flotante; a plataforma Stop-Despexos insistíu na adxudicación das vivendas sociais do barrio de Recimil, por volta de cen pisos baleiros que outras tantas familias teñen adxudicados desde hai catro anos e que o Concello tapiou con tixolos; estaban @s traballador@s de Maderas del Noroeste, de Tecnymo e de Poligal; a Marcha Mundial das Mulleres; ensino; sanidade; e, por suposto, @s estafad@s coa comercialización de participacións preferentes exixindo unha solución para as vítimas das Rías Altas. PP, PSOE e Independientes fuxiron da cidadanía Aquela sesión tivo que ser suspendida e @s manifestantes remataron o seu protesto entoando o Grândola, ao cadrar co 25 de Abril o día das súas reivindicacións. O alcalde programou para a segunda feira o mesmo pleno. E a avalancha de cidadá(n)s, aínda que menos numerosa (el@s propias recoñecen que a quinta feira eran até vinte veces máis), voltou ao Concello. As 13 edís do PP, @s 7 do PSOE e o único de Independientes por Ferrol saíron axiña da sala para o primeiro receso. Namentres, a policía cumpría coa orde de identificar todas esas persoas. BNG e Esquerda Unida non quixeron saber nada do que máis tarde a formación frontista cualificou de "medida inapropiada ao non existir ningunha situación de excepcionalidade que a xustifique". Erguéronse dos seus asentos e marcharon, deixando plantado ao alcalde, que reanudou o pleno dúas horas e media máis tarde coa presenza de PP, PSOE e Independientes. Rey Varela emitiu xa un comunicado en que "censuramos" que "por segunda vez" a cidadanía de Ferrol quixera achegarse a unha sesión plenaria que debe ter libre acceso e transladar alí, onde se decide a política municipal, o seu descontento xustamente con como o consistorio está a facer as cousas. Tal actitude foi tildada polo PP de "ruptura das normas de convivencia democrática". O PSOE, pola súa banda, quixo aclarar que non están de acordo co veto imposto desde a alcaldía e que queren "un pleno de portas abertas"; porén, non marcharon canda BNG e EU "por respecto á institución local". |
PRAZA_8885 | Os colectivos promotores instan o Goberno municipal a deixar debater e votar a iniciativa plenaria. Demándase que o Concello deixe de subvencionar as corridas de touros, ás que achegaron 90.000 euros o pasado ano. En Sarria vén de nacer a Plataforma Sarria Libre de Touradas. | En apenas 22 días os colectivos promotores da iniciativa contra as touradas na Coruña, liderados pola plataforma Galicia, Mellor Sen Touradas e tamén a Asociación Animalista Libera, Fondation Franz Weber, Moz@s pola Abolición, CAS-International e a Mesa de Participación Cidadá, xa lograron reunir máis de 18.300 apoios cidadáns para presentar a denominada #MociónPopular, un texto de resolución contra o subsidio dos festexos taurinos na cidade da Coruña. Os abolicionistas estiman que o actual contrato de organización da feira taurina supón un custo para as arcas municipais do redor dos 90.000 euros anuais A iniciativa tamén procura o apoio de todas as forzas da oposición (BNG, Esquerda Unida-Os Verdes, e PSdeG-PSOE) para continuar a seguir reivindicando que o Concello non achegue nin medios nin fondos para patrocinar ou impulsar touradas no municipio. Os abolicionistas estiman que o actual contrato de organización da feira taurina supón un custo para as arcas municipais do redor dos 90.000 euros anuais a través da cesión e adaptación gratuita do Coliseum e outros servizos como as actuacións da Banda Municipal de Música durante os tres días. Durante as últimas semanas a plataforma Galicia, Mellor Sen Touradas denunciou xunto cos grupos municipais a opacidade nas xestións que mantén o goberno coa empresa concesionaria, o que supón "unha auténtica tomadura de pelo á cidadanía e implica ocultar deliberadamente datos e información sobre o custo, a implicación do consistorio e a realidade das touradas na Coruña: un fiasco rexeitado polo 73,2% dos coruñeses e coruñesas". Neste senso Rubén Pérez, voceiro de Galicia, Mellor Sen Touradas, subliña que "máis de 18.000 persoas xa fixeron un exercicio de impugnación moral dos festexos taurinos na Coruña. Estamos a falar dun gasto indigno que supera os 90.000€ anuais, mentras unha de cada catro familias do municipio está en risco de exclusión social. É moi grave que dediquen cartos a maltratar animais, pero máis grave que prefiran esta política de pan e circo para contentar os lobbies taurinos no lugar de apoiar a cidadanía". "É moi grave que dediquen cartos a maltratar animais, pero máis grave que prefiran esta política de pan e circo para contentar os lobbies taurinos no lugar de apoiar a cidadanía" "Diferentes organizacións confluimos na necesidade de que unha moción sexa debatida no pleno e que, por primeira vez dende 1991, os grupos da corporación falen do asunto. Non podemos seguir agardando e permitindo a opacidade coa barbarie e a violencia como espectáculo", conclúe Pérez. |
NOS_20203 | A principal industria en volume de recollida de leite na Galiza, Lactalis-Puleva, oferta ás explotacións galegas contratos anuais blindados fronte aos aumentos no prezo. | A multinacional francesa Lactalis-Puleva empregou outro ano máis na súa estratexia de ofertar contratos anuais blindados diante das subas ás explotacións gandeiras galegas e agora cun prezo base 29,5 céntimos. As organizacións agrarias critican esta medida. Federación Rural Galega (Fruga) e SLG apostan por constituír unha mesa de negociación que teña competencias. Desde Unións Agrarias (UUAA) deféndese a negociación a través Organizacións de Produtores de Leite (OPL) como a Unión Leiteira Galega (Ulega) que conta con 400 explotacións que traballan con Lactalis. A información íntegra pode consultala na edición en papel de Nós Diario ou na súa lectura na nube. |
NOS_43570 | Convócase para esta quinta feira, 4 de maio, unha concentración de rexeitamento na Praza 8 de Marzo | O autobús transfóbico de Hazte Oír está en Santiago de Compostela, a onde chegou esta cuarta feira. O portavoz de HazteOir.org, Pablo Santana, declarou que as crianzas son "adoutrinadas" nas aulas galegas. "Galiza probou en 2014 a Lei pola Igualdade de Trato e non discriminación de lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e inte4rsexuais que inclúe un capítulo obrigatorio", lamentou Santana. O portavoz sinalou a intención de reunirse con representantes do Parlamento de Galiza para denunciar o que consideran que é un adoutrinamento de escolares. Desde diversos colectivos convocaron unha concentración para esta quinta feira, ás 20:00 horas, na Praza 8 de Marzo da capital de Galiza para rexeitar esta 'visita' baixo a palabra de orde 'Fóra a LGTBfobia da Galiza'. Xa durante a mañá, e en réxime de autoconvcocatoria a través das redes sociais, ducias de persoas se concentraron contra a presenza do bus de Hazte Oír. Tamén hai unha concentración convocada co mesmo obxectivo esta sexta feira, ás 12:00 horas, na Praza do Obradoiro. |
PRAZA_17018 | As razóns últimas da derrota de ETA son políticas. Durante moito tempo mantivo certa afección entre un sector da poboación vasca, afección que desaparecería moito antes de non ser polos crimes do GAL. Mais dende a morte de Miguel Angel Blanco a esquerda abertzale vasca comezou rexeitar ser dirixida pola organización terrorista e situouse, progresiva mais rapidamente, fronte á violencia. | ETA naceu no 1959 dun conflito político, como escisión do mesmo PNV que constituíra a columna vertebral da resistencia do Goberno vasco presidido polo lehendakari Agirre á invasión do exército rebelde dos xenerais Franco e Mola (1936-37). Trátase dun grupo político que decide a loita armada contra un réxime de facto que oprimía Euskadi, como facía con Galicia (onde loitaron as guerrillas do maquis até 1964), Catalunya e o resto do Estado español. As mortes do policía represor Melitón Manzanas (1968) ou de Carrero Blanco (1973) hai que velas nese contexto. Mais moi axiña ETA converteuse nunha máquina de matar illada de toda consideración política. E non certamente cando o terríbel atentado do Hipercor ou o asasinato de Miguel Angel Blanco, senón antes, moito antes. En setembro de 1974, ETA matou trece persoas e feriu ducias nunha cafetaría da madrileña rúa do Correo, optando de vez polo terrorismo. Dende entón a súa foi a lóxica do sangue e do terror. Até sumar 857 vítimas. Non é certo, como se ten dito pola maioría dos opinadores do Madrid mediático, que ETA colgase as armas no 2011 e acordase a súa disolución agora exclusivamente por razóns de derrota policial e xudicial. Pola contra, as razóns últimas da derrota de ETA son políticas. Durante moito tempo mantivo certa afección entre un sector da poboación vasca, afección que desaparecería moito antes de non ser polos crimes do GAL. Mais dende a morte de Miguel Angel Blanco a esquerda abertzale vasca comezou rexeitar ser dirixida pola organización terrorista e situouse, progresiva mais rapidamente, fronte á violencia. A tregua de 1998-99 hai que vela neste contexto. E a súa ruptura constituíu o principal fito no proceso de independendización da esquerda abertzale a respecto da organización terrorista. O Estado tamén actuou ás veces fronte a ETA con armas ilegais, tortura e guerra suxa. O GAL, nado no mesmo cerne do Goberno socialista de Felipe González, causou 26 mortes en 40 accións e antes os gobernos franquistas usaron do Batallón Vasco Español ou de ATE. Por outra banda, dende a ruptura da tregua, no 1999, o Estado estendeu a loita contra sectores abertzales que non eran responsábeis de accións terroristas, como na operación contra o xornal Egunkaria. Eran aqueles tempos do "todo es ETA" que dicía o xuíz Garzón. Ven de dicir Eulalia Lluch, a filla do socialista asasinado por ETA Ernest Lluch, que "vítimas son todas, as de ETA as do GAL e os torturados". Agora é o intre da paz e da política. De pasar páxina. Logo, iso si, de lela antes. Publicidade |
NOS_19700 | Castrillo presentará alegacións ao ver a proposta "inxusta" e a Xunta evita valorar o que cualifica de "proceso administrativo" | O xinecólogo do Hospital de Verín Javier Castrillo, unha das caras máis visíbeis durante o conflito do paritorio, foi notificado cunha proposta de sanción de dous días de suspensión de funcións. Castrillo recibiu a notificación e ten 10 días para presentar alegacións, algo que asegura que fará porque ve "inxusto" tanto que se lle castigue con dous días como con dous anos, período ao que podería chegar a proposta da Xunta. Pola súa banda, fontes da Consellería de Sanidade consultadas por Europa Press evitan valorar o que cualifican de "proceso administrativo". "Non fixen nada para que se me cualifique cunha falta grave", denuncia pola súa banda o médico, quen, en declaracións a Europa Press, considera que se a Administración autonómica segue adiante co expediente, que se lle notificou en novembro, é porque "non quere recoñecer que foi unha vinganza". Neste escenario, agradece que as mostras de apoio que está a recibir dos seus compañeiros son "todas", e iso "animicamente" sérvelle. En calquera caso, e aínda que dous días non lle supón "nada", subliña que alegará porque segue "pensado que é inxusto" e que se se lle abriu expediente foi para que "non siga protestando". |
NOS_558 | Xosé Paleo é presidente, desde decembro de 2015, do comité de Alcoa San Cibrao, onde tamén é delegado da CIG. Afirma que a factoría da Mariña, un dos motores laborais da comarca, que representa 1200 empregos de maneira directa e centos de postos indirectos, está agora no momento máis delicado da súa historia. O alto custo da enerxía foi o argumento da dirección da multinacional para anunciar que paraba 32 cubas na planta de San Cibrao. O comité de empresa teme que San Cibrao siga polo camiño das factorías da Coruña e Avilés. | Alcoa vai camiño de fechar 2019 como o fixo en 2018, centrando as preocupacións de centos de traballadores e traballadoras e mantendo en vilo un sector da economía galega, o electrointensivo, que acumula varios anos na corda bamba. Antes foi a planta da Coruña e agora é a de San Cibrao. A falla de solución ao problema xerado polo alto custo da enerxía –solución que si se deu noutros Estados da Unión Europea– é o argumento da dirección da multinacional con sede en Pittsburgh, Pensilvania (Estados Unidos), para xustificar a redución da produción. O comité de empresa teme que se estean a dar os primeiros pasos dun camiño xa coñecido no sector, o feche, polo que urxe empresa e administracións a implicarse na procura dunha solución. Pode fechar Alcoa en San Cibrao? E tanto que pode fechar. Non hai máis que ver o que pasou coas outras dúas factorías que tiña Alcoa no Estado español, as da Coruña e Avilés. E os problemas viñeron polo mesmo motivo que agora, o alto custo da enerxía eléctrica para unha industria coma esta, á que este concepto lle supón o 40% do total do prezo da tonelada de aluminio. Non falamos pois dunha cousa menor. E, ademais, non hai outra maneira de producir aluminio que non sexa a través dun proceso electrolítico, que precisa dese consumo de enerxía. Non a hai. Entón, falamos dunha materia prima que polo seu alto custo Alcoa xa fechou dúas factorías no Estado. Se ben a situación desas dúas plantas se solucionou coa adquisición por parte do fondo suízo Parter, lembremos tamén que ese acordo é por dous anos. Non está resolto de forma definitiva, hai unha data de caducidade. O problema principal está no mesmo punto, non se acabou de solucionar a cuestión verdadeiramente determinante: o alto custo da enerxía eléctrica. Un custo que nos xera aquí en San Cibrao unha situación na que non podemos competir con outros Estados europeos. Logo, se nos miramos no espello da Coruña e Avilés, que fecharon, e que a nós nos abocan polo mesmo camiño, pois preocupámonos, claro. Elas eran unhas factorías máis antigas, non tiñan a mesma tecnoloxía ca nós, non eran tan efectivas. Mais esa efectividade non é tan determinante como o é o custo da enerxía. Por iso hai que solucionar o tema da enerxía, porque se non estamos perante un risco real. Un risco real de…? O feche é o risco máis grande ao que se enfronta esta factoría desde que botou a andar. Houbera unha crise, a do "Casón" (1987), mais aquilo foi un conflito diferente. O prezo da enerxía non era un problema daquela, non estaba privatizada. Daquela as cubas paralizáranse, mais a xente sabía que volverían arrancar. Agora non hai esa certeza [o pasado mes de agosto a empresa anunciou a parada de 32 das 512 cubas electrolíticas de San Cibrao pola baixada da produción]. Como conxurar ese risco? Que entenden desde o comité de empresa que se debe de facer para evitar despedimentos ou un feche? Debe de chegarse á constitución dun marco enerxético que permita que este tipo de industrias poida competir en igualdade de condicións coas que operan noutros países da Unión Europea, como Alemaña ou Francia, xa non dicimos como Noruega. Neses Estados teñen unha regulación do marco enerxético que lles permite ter o prezo do KW moito máis barato ca nós. Iso demostra que é posíbel chegar a ese marco, que non é unha cuestión imposíbel. Nesta cuestión inciden moito que teñen algo a dicir os gobernos galego e español… Teñen responsabilidades, claro. E deben asumilas. Se ben no marco enerxético quen ten máis competencias, e polo tanto tamén máis posibilidades, é o Executivo español, o galego tamén as ten, pois ten competencias en industria. E, como Goberno da Galiza, debe preocuparse por procurar solucións. Vemos como noutros territorios os seus gobernos si o fan. En Euskadi conseguiron unha tarifa eléctrica que favorece a súa industria. Conseguiron así abaratarlle os custos de produción ligados á enerxía á súa industria. Ou sexa, que iso é posíbel. Mais aquí a Xunta non quixo nin sequera intentar ter algo semellante, e iso a pesar de que Galiza é unha gran produtora de enerxía. Exportamos enerxía. Hai que dar pasos nesa dirección e o Goberno galego non o fai. O certo é que a cuestión da enerxía e o seu prezo leva moito tempo riba da mesa e non se lle deu unha solución. E agora estamos a ver as consecuencias. [Podes ler a entrevista íntegra no número 365 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques] |
PRAZA_3248 | Un ano despois da gran manifestación, SOS Sanidade Pública convoca outra marcha este domingo, á que volve chamar toda a oposición, "contra a deterioración, o desmantelamento e a precariedade" no Sergas. | Un ano despois e o problema sanitario en Galicia non acouga. Naquel 10 de febreiro de 2019, milleiros de persoas ateigaron as rúas de Santiago e a praza da Quintana nun clamor pola sanidade pública mentres Feijóo secundaba a manifestación de PP, Ciudadanos e Vox na madrileña praza de Colón. No vindeiro domingo 9, outra gran marcha prevese en Compostela ante unha situación, doce meses despois, que pouco mudou. As queixas que daquela chegaban pola precarización do persoal, a deterioración asistencial na Atención Primaria, a carencia de profesionais e medios, o colapso nas Urxencias ou a escaseza de pediatras por todo o país non só continúan, senón que se viron reforzadas por cadanseus conflitos. Un ano despois da masiva manifestación pola sanidade pública, os conflitos e as demandas sanitarias non só non se reduciron senón que aumentaronAs protestas e denuncias da enfermería eventual sobre a súa eterna precariedade no Sergas, as eivas na atención pediátrica que se espallan por todas as comarcas galegas, o peche --e posterior reapertura-- do paridoiro de Verín, os colapsos nas Urxencias con denuncias pola morte de pacientes agardando a ser atendidos, as mobilizacións pola deterioración da asistencia no rural ou a tardanza na chegada de ambulancias por falta de recursos... Conflitos que, tal e como denuncian profesionais, sindicatos, entidades sociais e oposición, non fan máis que ratificar os problemas derivados da política sanitaria da Xunta. A maiores, a polémica circular coa que o Sergas veta as mensaxes críticas en centros de saúde e hospitais. E todo ás portas dunhas eleccións autonómicas. Ante esta situación, SOS Sanidade Pública convoca á marcha desde a Alameda de Santiago ás 12 do mediodía, nunha mobilización á que chama toda a oposición, ademais de sindicatos e entidades sociais. "Contra a deterioración da Atención Primaria e o desmantelamento e peche de servizos nos hospitais públicos, contra as listas de espera inaceptables e a precariedade do persoal, contra a privatización da sanidade pública galega", resume a plataforma.A entidade, ao igual que profesionais e forzas sindicais, coinciden na diagnose: as restricións orzamentarias, os recortes e a célebre "austeridade" dos anos de crise estoupan agora. O orzamento sanitario da Xunta alcanzou o ano pasado, unha década despois, os niveis de 2009, último ano do bipartito e ano do inicio da recesión. Polo camiño, chegou a perder ata máis de 600 millóns anuais desde aquela, como en 2015, data desde a que a achega económica foi medrando aos poucos. SOS Sanidade Pública convoca unha manifestación este domingo á que chama toda a oposición: "Chegou o momento de concentrar esforzos""Chegou o momento de concentrar esforzos de toda a cidadanía, colectivos sociais e profesionais, por riba das lóxicas e lexítimas diferenzas", di SOS Sanidade Pública, que agarda unha "resposta masiva" que "free e faga retroceder a política de desmantelamento e privatización do sistema sanitario público galego aplicados pola Xunta". Tanto a plataforma como colectivos como a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP) insisten na necesidade dunha "grande alianza social e sanitaria" como a "uníca esperanza" para o sistema. Segundo SOS Sanidade Pública, a política sanitaria do Goberno de Feijóo "está levando a sanidade pública a un punto de difícil retorno se non a paramos entre todos e todas". Denuncia o "desmantelamento" dos hospitais, con especial relevancia nos comarcais, a vulneración de dereitos das persoas con problemas de saúde mental, a falta de recursos a nivel asistencial, recortes no desenvolvemento do plan de atención integral á saúde da muller, a ocultación e manipulación das listas de espera, a precarización e explotación do persoal, a privatización ou o abandono da Atención Primaria. O "inmobilismo" do Sergas na Atención PrimariaNeste último aspecto, tanto a Asemblea de Áreas Sanitarias (AAS) como o resto de profesionais e colectivos que loitan por un cambio de modelo na Atención Primaria continúan á espera dunha Xunta que acumula xa tres plans pero que aínda non deu solución ningunha ás principais eivas. "Máis de 40 pacientes atendín hoxe na miña xornada laboral", conta un dos médicos de cabeceira implicados nas protestas. Malia que a creación do Consello Técnico e as diferentes comisións (cunhas 200 persoas traballando co Sergas) supuxeran a desconvocatoria dunha folga --e tamén a división dos colectivos en defensa e a desaparición da Coordinadora de Atención Primaria--, os resultados non chegan. Fontes desas conversas advirten do "inmobilismo" da Xunta e do "fastío" dos profesionais que non ven avance nin proposta seria ningunha, o que tamén provoca a convicción da necesidade da mobilización continua. As conclusións do Sergas ás negociacións abertas nese Consello Técnico non satisfan aos profesionais, que non ven concreción nin solución ningunha nun ámbito, o de Primaria, que todos ven fundamental para a mellora do sistema sanitario. Mantéñense varias demandas "irrenunciables" entre as que está tamén o incremento progresivo do orzamento ata que se dedique o 25% para Atención Primaria. As restricións orzamentarias, os recortes e a célebre "austeridade" dos anos de crise estoupan agora con moreas de conflitos na sanidade públicaO conselleiro Vázquez Almuiña di que do total do orzamento sanitario deste 2020, o 32%, uns 1.300 millóns, serán para a Atención Primaria. Son, concretamente, 1.294,75 millóns de euros, un aumento do 3,7% con respecto ao dedicado no orzamento de 2019, pero aínda un 10% máis baixo que o dos niveis previos á crise, en 2009, último presuposto do goberno bipartito. O Sergas presume de dedicar máis do 30% do orzamento á Atención Primaria, o que suporía cumprir con creces a demanda histórica de superar o 25%. Desde a AGDSP reducen esa porcentaxe a "unicamente o 13,2%" e "contrariamente ao 32,2% que afirma o conselleiro". Os motivos? Segundo advirten, a Consellería inclúe no cómputo global do dedicado á Atención Primaria o gasto farmacéutico extrahospitalario, "imputándolle á Primaria un diñeiro do que non se lucra", como explica Manuel Martín, voceiro da asociación. Entre o resto de peticións para a Atención Primaria están tamén a recuperación das estruturas de xestión deste nivel asistencial, a derivación e a consulta telemática con outros servizos, así como a "igualdade de acceso" a probas diagnósticas. Tamén que sexan convocadas en oferta pública de emprego todas as vacantes actuais e previstas no servizo e que se teña en conta a calidade asistencial para redimensionar as cotas e os persoais. Ademais, apoian as peticións dos PAC e reclaman un cambio no contrato eventual de continuidade que lle dea estabilidade e non "fomente a precariedade" entre os profesionais. |